Archives

Este domingo celébrase a Mostra do Aceite de Quiroga

A vila luguesa de Quiroga celebra este domingo, 21 de abril, a Mostra do Aceite, para exaltar e poder degustar e mercar un aceite de oliva 100% galego, producido nunha das poucas comarcas nas que conservou o cultivo da oliveira en Galicia. A mostra, como xa é tradicional, celebrarase nun muiño de aceite da parroquia de Santa María de Bendilló. O programa desta mostra, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, é o seguinte: -A partir das 11:30 horas porase en funcionamento o muiño de aceite de Bendilló e dará comezo a demostración de elaboración artesanal do aceite de oliva de Quiroga. Á mesma hora tamén se procederá á apertura dos postos de venda de aceite e de produtos típicos, todos eles de produtores da zona. -Ás 12.00 horas terá lugar na capela das Farrapas a degustación comentada dos aceites de Quiroga  e a actuación do Grupo de Gaitas O Recanto . -Ás 13.00 horas comezará outra degustación comentada de aceites de Quiroga e o grupo de música tradicional Merenzao ofrecerá unha actuación. No recinto da mostra haberá exposición e venda de productos típicos da zona, ademáis de polbo e churrasco.

Apróbase un grupo operativo de investigación para potenciar a produción de oliva en Galicia

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimenarias (AGACA) integra, xunto co Centro Tecnolóxico da Carne (CETECA) e a cooperativa Proligal, o Grupo Operativo del Olivar en Galicia OLIGALICIA, co obxectivo de mellorar a produción dos oliveirais galegos. Para iso, elaborarase un mapa coas variantes de oliveira (autóctona e foránea) cultivadas en Galicia co fin de de caracterizar as súas particularidades produtivas e os seus custos de produción e, segundo a zona e o clima, elaborar plans de emenda e fertilización e identificar os sistemas de rega, de mantemento de solo e de control de pragas máis axeitados. O proceso de traballo, que prevé finalizar en 2026, incluirá a toma de mostras de solo, oliveiras e auga, por parte de Proligal, que se analizarán nos laboratorios do CETECA. Os datos servirán para facilitar a redacción dos cadernos de campo das diversas variedades e para optimizar as tarefas agronómicas de fertilidade do solo e manexo das árbores que conduzan a una mellor produción. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria colaborará na identificación das variedades máis aptas para seren implantadas nos campos experimentais. AGACA lidera o Grupo e ofrecerá o asesoramento técnico necesario. O orzamento de OLIGALICIA é de 179.955€ e conta con axuda para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), financiada co Fondo Europeo Agrícola para o Desenvolvemento Rural (FEADER), o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta de Galicia.

Aceites Abril espera recoller este ano uns 35.000 quilos de olivas para elaborar un aceite 100% galego

A empresa galega Aceites Abril prevé alcanzar este ano unha produción de 35.000 quilogramos de oliva para a elaboración de "Colleita Propia", o seu aceite de oliva 100% galego que se traducirá nunha edición limitada de 7.000 botellas de medio litro. Na actualidade, a empresa familiar ourensá da man dun cento de produtores conta cunhas 140 hectáreas repartidas nas comarcas de Verín, Valdeorras, Quiroga, Terras de Lemos, O Ribeiro, Ourense, O Baixo Miño, O Salnés, Caldas de Reis, Deza e Carballiño. Esta cifra, que se confirmará unha vez termine a campaña de recolección a mediados de novembro, supón un incremento aproximado do 15% con respecto á colleita da campaña anterior, na que se alcanzaron o 30.000 kg, debido á seca e inclemencias meteorolóxicas. Durante a visita á plantación de San Pedro de Moreiras, Alberto Fernández, responsable de Agro indicaba que "a pesar de que no resto de España, a seca minguou a produción, en Galicia non afectou tanto a escaseza de auga como as intensas choivas caídas cando a oliveira se atopaba en floración". Porén, o responsable de agro da firma ourensá cre que as expectativas son boas e confía en recoller até un 15% máis que na campaña anterior. A pesar das condicións meteorolóxicas, desde a área de Agro da empresa ourensá apuntan que "a calidade da oliva é moi boa, podemos dicir que excelente, que está a chegar en moi bo estado, realmente cunha aparencia formidable". En canto ao rendemento "esta campaña o rendemento por hectárea difire moito dunha parcela a outra en función da súa localización ou da posibilidade de rega. Estes condicionantes farán que o rendemento das leiras poida oscilar entre os 1.000 e 3.000 quilos de oliva recollida por hectárea. Este ano as mellores colleitas chegarán de agricultores da zona de Monterrei, algunha leira do Ribeiro e Baixo Miño", apunta Alberto Fernández Míguez, responsable da área de Agro da compañía ourensá. En todo caso, esperan retornar aos números de anteriores campañas (concretamente á de 2021 con 45.000 kg.) para a colleita do 2024 e desta forma continuar potenciando o proxecto "Colleita Propia". A nivel de consumo, apuntan desde Aceites Abril que este aceite 100% galego está consolidado, de feito, continúanse esgotando as existencias en fábrica desde fai dúas edicións. Haberá que esperar a decembro a que a nova colleita deste produto estea de novo dispoñible en tendas de alimentación especializada e na propia tenda on-line de Aceites Abril. Cando abrimos unha botella de "Colleita Propia" atopamos un aceite moi frutal, cun forte compoñente aromático, en boca un gusto a plátano e améndoa.

"Colleita Propia"

Este proxecto, iniciado por Aceites Abril fai máis dunha década, ofrece aos pequenos produtores, ademais do compromiso de compra da produción a un prezo superior á media nacional, o estudo de viabilidade das súas parcelas (informe de campo, recollida de mostras, análises do chan e tratamento de datos climáticos), así como asesoramento técnico e formativo. Neste sentido, Alberto Fernández, responsable de Agro da firma, engadiu "Colleita Propia é o resultado da nosa firme aposta e compromiso de recuperación das oliveiras de Galicia xunto a máis dun cento de produtores locais". Todo o traballo que hai detrás deste proxecto, foi recoñecido polo Cluster de Comunicación de Galicia, como a Mellor Práctica na Comunicación da Responsabilidade Social Empresarial nos Premios Paraugas na súa penúltima edición.

O concello lucense da Pobra do Brollón albergará un campo de ensaio de oliveiras

A Xunta impulsará a creación dun campo de ensaio de colección de ecotipos de oliveiras, fomentará a caracterización agronómica deste cultivo en Galicia e promoverá estudos comparativos sobre a súa produtividade. Farao dentro do proxecto “Impulso da oliveira en Galicia” que promove a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Precisamente, o director desta Axencia, José Luis Cabarcos, asistiu onte na localidade luguesa da Pobra do Brollón á presentación desta iniciativa, dentro dunha xornada sectorial na que participaron artesáns, industrias, cooperativas e asociacións relacionadas co aceite na nosa comunidade. A presentación do proxecto sobre a oliveira correu a cargo do seu investigador principal, Manuel Riveiro, experto do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). O obxectivo principal desta iniciativa é potenciar estas producións e avaliar a súa vantaxe competitiva. Para iso, trabállase nun campo de ensaio con ata 25 variedades de oliveira, entre elas 17 autóctonas, nas que salientan a mansa e a brava galegas. Trátase de avaliar as oportunidades que ofrece este produto, tanto dende o punto de vista da súa condición de elemento de calidade clave na alimentación como pola súa capacidade de xerar riqueza no territorio. Así mesmo, búscase obter datos de produción media, precocidade, sensibilidade de pragas e enfermidades, entre outros, ademais de estudar os rendementos na produción de aceite, a caracterización de ácidos graxos e a valoración organoléptica dos aceites obtidos. Nesta xornada participaron tamén varios artesáns do aceite que contan coa correspondente certificación en Artesanía Alimentaria que xestiona a Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Esta entidade, adscrita a Medio Rural, xa aprobou a norma técnica do aceite e certificou varios elaboradores deste produto. A iniciativa presentada hoxe pola Xunta desenvólvese en paralelo a outra moito máis avanzada: A que realizan a Misión Biolóxica de Galicia, centro do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), e a Fundación Juana de Vega (FJDV), que levan seis anos traballando na recuperación, descrición e recolección de variedades autóctonas de oliveiras galegas.

Libro sobre a historia do produto

A evolución histórica deste produto e o seu impacto no territorio é o obxecto do libro “Da oliveira á mesa” editado pola Xunta e que tamén foi presentado neste foro. Esta obra repasa a historia da produción de aceite en Galicia dende a época romana ata a actualidade, pasando polo esplendor da Idade Media ata o declive deste cultivo e a súa posterior recuperación en tempos máis recentes. A autoría do libro corresponde ás expertas Mercedes Vázquez Bartomeu e Pilar Rodríguez Suárez. O traballo está ilustrado con multitude de fotografías, así como de mapas e gráficos centrados neste cultivo, a súa distribución pola xeografía galega e a súa evolución histórica.

Constitúese a primeira cooperativa galega para a produción oliveira

O Consello Reitor de PROLIGAL, a recentemente constituída cooperativa olivareira de Galicia, culminou este xoves, coa rúbrica notarial, o proceso da súa conformación como entidade de carácter galego para a promoción, estudo, conservación e dinamización da olivicultura galega e con presenza activa, xa neste momento constituínte, nas catro provincias galegas. Xoán Couto, María José Salgado, José Antonio García, María del Mar Pantín, Rebeca González, Carmen Lage e José Pérez son as persoas que artellan o corpo reitor desta coopoerativa que inicia a súa andaina ao abeiro da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA).

PROLIGAL, Produtores de Olivas de Galicia

PROLIGAL nace coa vocación de servir para dinamizar un cultivo que nos últimos corenta constatou unha presenza crecente en Galicia. Neste sentido, esta breve traxectoria leva implícita a necesidade de solucionar dúbidas relativas a todo o proceso vinculado coa oliva, desde a adecuación dos solos ata o procesado para a elaboración de aceite. Neste sentido, a finalidade de PROLIGAL reside en facilitar a todas as súas persoas asociadas un marco común, colaborativo e aberto, de intercambio de coñecementos, procesos e produtos que favorezan a potencial consolidación dun cultivo con implicacións positivas en máis sectores produtivos de Galicia. Desde a manufactura de ferramentas e maquinaria, consultoría e asesoramento, traballo agrícola, manufactura da materia prima ou a posterior comercialización, esta nova iniciativa de dinamización quere contribuír ao desenvolvemento en moitos outros dos sectores socioeconómicos.

Obradoiro en Boqueixón de cata de aceite de oliva virxe extra

O Centro de formación e experimentación agroforestal de Sergude, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar unha acción de formación profesional e adquisición de competencias na cata de aceite de oliva virxe extra. O obradoiro darase entre os días 18 e 22 de xullo en horario de tarde, dende as 16:00 ás 21:00 horas. O programa deste curso trata unha serie de aspectos sobre a cata de aceite de oliva, comezando polas nocións básicas e continuando con leccións prácticas. Así, farase unha determinación práctica dun defecto do aceite e unha cata de tres intensidades diferentes dese defecto. Tamén se lles ensinará aos asistentes a diferenciar diferentes variedades de aceite de oliva. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende neste caso que o alumnado adquira as nocións para poder empregar a cata de aceite coma mecanismo de detección da súa calidade organoléptica e así saber diferenciar entre aceite “Virxe”, “Virxe Extra” e “Lampante”. Así mesmo, o curso tamén pretende ofrecer unha oportunidade laboral á xuventude do medio rural galego, así como a aquelas persoas pertencentes (ou con expectativa de incorporación) aos sectores produtivos relacionados coa agricultura e a industria agroalimentaria. Para participar pódese descargar a solicitude nesta ligazón https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881 86 73 31, ou enviarse un correo a cursos.agacal.sergude@xunta.gal

Últimos avances na recuperación das oliveiras propias de Galicia

O grupo de Viticultura, Oliveira e Rosa (Vior), pertencente ao Csic, e financiado pola Fundación Juana de Vega continúa desenvolvendo o proxecto sobre a caracterización das 20 castes autóctonas descubertas. Actualmente, 11 delas atópanse en rexistro, “e tardarán en torno a dous anos en pasar o proceso para a súa posterior comercialización”, amplía Carmen Martínez, xefa do grupo de investigación. En paralelo, Vior puxo en marcha dúas parcelas experimentais, en campo e unha colección en macetas en invernadoiro, cunha dobre finalidade: “Temos exemplares de cada unha das castes en macetas illadas e cubertas cunha malla, para conservalas e evitar a súa afección por virus, outras enfermidades, ou pragas, e tamén en diversas parcelas de campo de diferentes zonas para ver nos próximos anos o seu comportamento agronómico e a súa evolución en diferentes escenarios”, avanza Martínez. Polo tanto, os obxectivos inmediatos que procuran para cada caste desde o grupo de investigación son “saber como medran, como é o seu desenvolvemento, rexistrar a época óptima de maduración do froito, etc.”, destaca a xefa do grupo. Paralelamente, “procederase con pequenas elaboracións de poucos kg de aceituna para sacar mostras de aceite dos cultivos, mediante un equipo ‘olimaker’; unha vez se teña unha maior produción faranse elaboracións de maior cantidade en almazara. En ambos casos, os aceites resultantes someteranse en distintas catas organolépticas”, explica.

Variedades e algunhas características

Ata o momento, ‘Brava Galega ’ e ‘Mansa Galega’ son as únicas dúas recoñecidas oficialmente. A pesar disto, “existen aínda dificultades para afrontar a multiplicación, e non damos atendido a todas as peticións que nos chegan”, polo que “se solicitou recentemente un proxecto na última convocatoria de Grupos Operativos da Xunta, para poder poñer a punto o sistema de multiplicación a gran escala, mellorar o sistema clásico de estaquillado e implementar outros novos métodos como a multiplicación in vitro”, especifica Carmen Martínez. O clima galego e o tipo de chan no que se cultivan as diferentes variedades representan factores diferenciadores para a produción de aceites con froito autóctono, en comparación con outros producidos noutras zonas de España. Polo momento, ao respecto, o grupo de investigación realizou estudos preliminares con ‘Brava Galega’ e ‘Mansa Galega’, onde identificaron un rendemento graxo lixeiramente superior nas olivas da variedade ‘Brava’ -un 17%- que na ‘Mansa’ -un 15,80%-. En canto á composición en ácidos graxos, os resultados extraídos neste estudo inicial co método Abencor presentan cifras nos rangos esperados para aceites de oliva virxe extra, coa excepción do ácido graxo monoinsaturado margaroleico do aceite monovarietal de ‘Brava Galega’, que superou lixeiramente o límite especificado para esta tipoloxía. Pola súa banda, as características organolépticas diferenciadas ata o momento para estas dúas castes, aparecen definidas no artigo publicado na Revista Almazaras, ‘Bases científicas para a creación dunha DOP ou IXP Aceites de Galicia’, como “aceites equilibrados, cun afroitado acentuado con moitas notas verdes a herba e cuns niveis medios de picante e amargo”. Así mesmo, tamén están traballando na denominación de cada variedade. A xefa do grupo de investigación afirma que “un dos problemas é que non hai rexistro algún de nomes, como no caso das vides no viño, polo que temos que ‘bautizalas’ en torno a diferentes criterios, pero sempre intentando que calquera persoa de fora que escoite o nome, lle sone a Galicia”. Hai que ter en conta que “quen pon o nome son os autores da descrición da variedade, pero tamén que está suxeito a unhas normas: non se poden poñer nomes de lugares, ou nomes que xa estean rexistrados para outras especies o incluso outros produtos. Non é fácil, aínda que neste caso, cada nome que puxemos ten unha historia detrás”, comenta Martínez. Deste xeito, utilizaron resgos propios da zona onde se atoparon para denominar algunhas delas, como ‘Brétema’, ‘Carapucho’, ‘Amoreira’, ‘Folgueira’, ou ‘Hedreira’. Noutros casos, recorreron a criterios de vellos botánicos do S. XIX para darlles nomes galeguizados dalgúns dos investigadores e colaboradores do proxecto, como ‘Santiagueira’, ‘Carmeliña’, ‘Maruxiña’, ‘Susiña’ ou ‘Xoana’ pola Fundación Juana de Vega. Actualmente, destas últimas variedades existe un artigo de investigación sobre un estudo con caracterizacións a nivel molecular e botánico, onde tamén se fai referencia a ‘Brava’ e ‘Mansa’. Neles amósase medicións en torno a varias partes, como a folla ou diferentes partes do froito. Algunha das conclusións que destaca o estudo é que a pesar das diferencias de tamaño entre ambas partes, a súa forma mantense constante. Esta imaxe sacada dun estudo do grupo de investigación representa as similitudes en forma do froito: 

Localización das variedades

Aínda que todas estas castes de oliveira se atopan dentro de Galicia, existen algunhas delas con predominancia en certas zonas concretas, mentres que outras aparecen en toda Galicia. Nun primeiro momento, o grupo de investigación liderado por Carmen Martínez actuou sobre partes do territorio que se adecuaban a estes cultivos, ou das cales existían referencias do cultivo olivareiro. A zona limítrofe con Portugal, Ourense, ou as partes sur e norte das provincias de A Coruña ou Pontevedra sitúanse entre as que existía unha maior presencia. Imaxe das diferentes zonas de estudo En municipios como Sergude, Lestedo ou Boqueixón -sur de A Coruña-, ou Campo Lameiro e Cotobade -provincia de Pontevedra-, a maioría de exemplares centenarios localizados pertencen á variedade ‘Brétema’, mentres que na comarca de Vigo, por exemplo, se corresponde máis coa caste ‘Mansa Galega’. Sen embargo, no sur da provincia de Lugo -en municipios como Quiroga ou Ribas de Sil- predomina ‘Brava Galega’, ‘Folgueira’ e ‘Carmeliña’. Do mesmo xeito, a variedade ‘Xoana’, de novo xunto a ‘Brava’ ocupan especialmente o noroeste da provincia de Ourense.

A recuperación de oliveiras autóctonas achega novas posibilidades ao sector agrario galego

O grupo de Viticultura, Oliveira e Rosa (Vior), pertencente ao Csic, finaliza a primeira fase da liña de investigación sobre a recuperación, descrición e recoñecemento de antigas variedades autóctonas de oliveiras de Galicia. A Fundación Juana de Vega financiou a totalidade do proxecto, ata o momento. Os resultados materializáronse na identificación de 20 variedades autóctonas únicas no mundo. O Consello Superior de Investigacións Científicas iniciou o proceso de rexistro de 11 delas, de gran interese comercial, e proseguirán coa certificación de varios clons de cada unha.

Resultados e potencial futuro

A diversidade natural galega amplía horizontes a partir dos resultados obtidos polo grupo Vior, abrindo un novo campo de traballo con futuro. O presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, afirmou que “hoxe comezouse a recuperar algo que co tempo se foi perdendo: unha gama de variedades autóctonas de oliveira que agora cómpre poñer en valor”. A xefa do grupo de investigación, María del Carmen Martínez, anunciou que “a diferenciación destas variedades, descoñecidas ata o momento, contribúe a ampliar a diversidade do patrimonio agrario común”. Deste xeito, “Galicia pasa a ser, xunto con Portugal, unha das zonas olivareiras máis occidentais do continente europeo”, expuxo. “Trátase de variedades únicas e diferentes que producen aceites de diferentes calidades, que ata agora estaban desaparecidas”, informa a xefa do grupo de investigación. “A partir dunha subida de impostos do Conde Duque de Olivares, en Galicia cortáronse moitos pés, pero quedaron repartidos por todo o territorio exemplares destas variedades”, detalla Martínez. Con este proxecto de investigación o grupo Vior percorreu todo Galicia, “atopando oliveiras centenarias mesturadas en montes de castaños e en espazos moi plurais”, relata a xefa do grupo. Estas oliveiras non tiñan nome, estaban sen rexistrar, “só se conservaban por tradición oral os nomes de ‘brava galega’ e ‘mansa galega’", aínda que en ambas denominacións albergábanse variedades diferentes pola folla, o froito ou o perfil de ADN, entre outras”, amplía. Isto levou á necesidade de “darlles un nome, unha descrición e rexistralas; requisitos indispensables se se quere proceder á súa plantación nun futuro”, explica Martínez. Paralelamente, para achegar estes resultados á sociedade e aos produtores, o que fixeron desde o grupo investigador foi “multiplicar planta dalgunhas destas variedades para transferirlla a cinco viveiros, a partir da colaboración da Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e da Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia (Apaag)”, avanza Martínez. A pesar de que estas oliveiras estaban repartidas por todo o territorio, existen zonas de maior protagonismo como “Quiroga, a zona do Ulla, Ourense, Verín, Tui, e incluso a zona do Ribeiro”, especifica a investigadora. O xeito de abordar este traballo foi “ir recollendo mostras por todo Galicia, facendo descricións botánicas, e establecendo unha serie de códigos rexistrados”, comenta a xefa do grupo. Os retos máis próximos que se achegan a esta liña de traballo pasan pola multiplicación a gran escala das variedades descritas ou á súa adaptación a diferentes zonas de Galicia. Ademais, isto pode supoñer o xermolo dunha Denominación de Orixe de aceite galego debido a que “temos todos os ingredientes para conseguila”, comenta Martínez. Pola súa parte, o delegado do Csic en Galicia, Javier Rei, destaca “a súa convicción de que os aceites galegos teñen un futuro inmellorable e que, ademais de promover o consumo de kilómetro cero, teñen unha altísima calidade”. A este respecto, a investigadora fai fincapé de novo na “diversidade, e nos toques aromáticos propios de Galicia” que puido identificar nun par de probas realizadas.

Inicios e próximas colaboracións

 Este proxecto parte do 2012. Inicialmente o grupo de investigación do Csic estaba enfocado ao aceite de semente de uva ata que, unha colaboración coa empresa desaparecida Invatia Research cambiou o foco de investigación á oliveira. Este cambio deu lugar a apertura dunha nova liña de traballo centrada na recuperación de variedades autóctonas. No 2017, a colaboración da Fundación Juana de Vega consolidou o proxecto de ‘Apoio á consolidación no mercado de aceites galegos de calidade, mediante o uso de variedades de oliveira autóctonas’. O interese do proxecto motivou recentemente a apertura de conversacións coa Xunta de Galicia para o establecemento de campos de ensaio que permitan unha caracterización agronómica das diferentes variedades, así como a multiplicación da planta de cara a trasladala ao sector produtivo.

Aceites Abril pon en funcionamento unha segunda liña de refinado para seguir medrando

Alberto Núñez Feijóo e José González este martes nas instalacións de Aceites Abril A empresa ourensá Aceites Abril acaba de inaugurar unha segunda liña de refinado na súa planta de San Cibrao das Viñas. Dita instalación, que complementa a xa existente desde 2015, a primeira deste tipo posta en marcha en Galicia, garantirá a súa capacidade de produción para continuar a súa expansión nacional e internacional. A familia Pérez Canal, propietaria da compañía, acompañou este luns a todos os asistentes durante a visita institucional encabezada polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen estivo acompañado do conselleiro de Medio Rural, José González. O conselleiro delegado de Aceites Abril, Luís Pérez Canal, foi o encargado de guiar á comitiva oficial tanto pola nova liña de refinado como pola planta de envasado. No acto oficial Luís Pérez Canal fixo un repaso pola historia desta empresa familiar fundada no tradicional barrio da Ponte, en Ourense, e que despois de 60 anos continúa incrementando as súas cifras de negocio e exportación, como unha empresa referente a nivel galego.
Cunha facturación de 300 millóns de euros, Aceites Abril conta actualmente cun cadro de persoal de 146 traballadores
No seu discurso, o conselleiro-delegado destacou que “o investimento total do proxecto de ampliación alcanzou a cifra de oito millóns e medio de euros”. Estas instalacións permiten a Aceites Abril ampliar a súa capacidade de refinado, proceso mediante o cal “se eliminan o exceso de acidez e de cor do aceite procesándoo para convertelo en apto para o consumo”.
Aceites Abril alcanzou unha cifra de 199 millóns de litros de aceite comercializados durante o último exercicio, con exportacións a 60 países
Estas plantas, sumadas ás do porto de Vilagarcía de Arousa (uns tanques de almacenamento con capacidade para trece mil toneladas) son o resultado do proceso de modernización e ampliación que afronta a empresa desde 2015 e que lle permitiu ter presenza en máis de sesenta mercados, con exportacións tan afastadas como Paquistán, Bangladesh, Nepal, Libia ou Corea do Sur. O incremento das vendas en tendas e supermercados dos produtos de Aceites Abril non supliu, sen embargo, a caída na canle HORECA, arrastrada polos peches intermitentes da hostalería debido á pandemia.

Aceites Abril incrementa un 15% a súa recollida de oliva galega

A campaña 2021 preséntase con boas perspectivas para a empresa galega Aceites Abril, que prevé alcanzar unha produción de 45.000 quilogramos de oliva para a elaboración de 'Colleita Propia', o seu aceite de oliva 100% galego. Nesta campaña agardan acadar as 10.000 botellas de medio litro desta edición limitada. A cifra, que se confirmará unha vez termine a campaña de recolección a principios de decembro, supón un incremento de practicamente un 15% con respecto á colleita da campaña anterior, na que case se alcanzaron o 40.000 quilos. O incremento da produción deste ano debeuse a que gran parte dos oliveirais incluídos neste proxecto atópanse en plena produción. Agardan que esta tendencia se siga consolidando nas próximas campañas de recollida de froitos. A nivel de consumo tamén notaron un incremento da demanda do seu aceite galego. "A pandemia motivou un cambio de tendencia nos consumidores, cun incremento na colaboración e púxose encima da mesa a importancia dun consumo responsable, das economías locais e da calidade", reivindica Elena Pérez Canal, responsable de márketing e exportacións da firma. Así, en outubro esgotaron as existencias da colleita anterior do seu aceite galego.  A súa Colleita Propia póñena á venda a partir de decembro e comercialízana tanto en tendas de alimentación especializada como na súa propia tenda on-line.

Máis de 200.000 oliveiras

Durante a visita aos oliveirais, Elena Pérez Canal destacou a firme aposta e compromiso da empresa ourensá por este proxecto, a través do cal vertebran a súa aposta pola recuperación das oliveiras de Galicia xunto a máis dun centenar de produtores locais. Levan máis dunha década con este proxecto que xurdiu do compromiso da firma coa contorna. "Colleita Propia é o compromiso co medio rural, co coidado dos montes, coa creación dunha barreira natural contra o lume, con favorecer a fixación de poboación no rural, cos produtos locais e a economía de proximidade. En definitiva, ligar a nosa actividade produtiva ao compromiso coa nosa contorna. E a través do proxecto Colleita Propia pretendemos dar visibilidade ás prácticas sustentables ao redor do sector agroalimentario", reivindican dende a empresa familiar.
No marco do proxecto Colleita Propia platáronse unhas 140 hectáreas de oliveiras en concellos e comorcas como Verín, Valdeorras, Quiroga, Ourense, Caldas de Reis, Deza ou O Salnés 
Baixo o proxecto Colleita Propia, ao longo de máis dunha década, plantáronse máis de 200.000 plantas en comarcas de Verín, Valdeorras, Quiroga, Terras de Lemos, O Ribeiro, Ourense, Ou Baixo Miño, O Salnés, Caldas de Reis, Deza e Carballiño, que conformarían unha superficie aproximada de 140 hectáreas de oliveiras. Aceite Colleita Propia elaborado só con olivas galegas. No marco desta iniciativa, dende a empresa teñen o compromiso de compra da produción a un prezo superior á media nacional por parte de Aceites Abril. Ademais, ofrécenlle aos pequenos produtores o estudo de viabilidade das súas parcelas (informe de campo, recollida de mostras, análises do chan e tratamento de datos climáticos), así como asesoramento técnico e formativo. Todo o traballo que hai detrás deste proxecto acaba de ser recoñecido polo Cluster de Comunicación de Galicia, que o nomeou finalista á Mellor Práctica na Comunicación da Responsabilidade Social Empresarial na VI edición dos Premios Paraugas, que se celebrarán este venres, 12 de novembro, en Expourense.

Selo de garantía

Co proxecto Colleita Propia tamén están a promover o uso da primeira e única certificación de carácter oficial que garante a produción do aceite oliva virxe extra con olivas procedentes exclusivamente de Galicia. "É un dos primeiros pasos de cara á consolidación do sector olivarero galego e alicerce fundamental sobre o que construír un marco normativo que garanta a produción de aceites de oliva virxe extra procedentes de oliveiras do noso territorio, o que vén ser os primeiros pasos para a constitución dunha Indicación Xeográfica Protexida", indican dende Aceites Abril.  

Curso sobre cultivo da oliveira en ecolóxico en Galicia

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza esta fin de semana no concello ourensán de Vilamarín un curso de olivicultura ecolóxica. Previsto dende o sábado 2 de outubro ao domingo 3 no Pazo do Rego, o departamento de Protección da Calidade Diferenciada da Agacal será o encargado de impartilo en horario de mañá e tarde, cun total de 20 horas lectivas.

O obxectivo da iniciativa é dotar de recursos aos olivicultores que queiran desenvolver a súa actividade na agricultura ecolóxica. Así, os contidos arrancarán cunha introdución sobre este modo de produción para seguir tratando as pragas e enfermidades que afectan as oliveiras, así como os métodos ecolóxicos para combatelas. Seguidamente falarase da nutrición ecolóxica a base de compost, fertilizante en verde e de fertilizantes ecolóxicos radiculares e foliares. Por último, abordarase o control ecolóxico de malas herbas.

Canto aos participantes, a acción están dirixida en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Forestal 1 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101886&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

Para inscribirse pódese descargar a solicitude nesta ligazón e remitila cuberta ao enderezo electrónico ramon.jesus.lamelo.otero@xunta.gal. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 981540282.

Curso en Monforte de cata de aceite de oliva extra

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso de cata de aceite de oliva virxe extra no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos. Esta iniciativa consta de 20 horas de formación e desenvolverase entre o vindeiro luns 13 de setembro e o venres 17 en horario de tarde, de 16:00 a 20:00 horas. Cómpre apuntar que está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector. Así, o curso establece como principais obxectivos aprender e coñecer as propiedades destes aceites de oliva. Nesa liña, valoraranse os atributos positivos que definen un AOVE de alta gama segundo a súa valoración organoléptica. Así, o programa contén conceptos básicos para a cata de aceites, contemplando a fase olfativa, gustativa e táctil e características sensoriais como o sabor, o aroma, a textura e a cor, ademais de sesións de cata propiamente ditas para valorar a calidade de distintas mostras de produto. Tamén inclúe o proceso de elaboración do AOVE e os factores agronómicos e industriais que inflúen na calidade dos aceites; así como o seu etiquetado, entre outras cuestións. Para asitir é preciso descargar e cubrir a solicitude, disponible neste enlace, e remitila cuberta ao enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 881 997 279.

Sobe o prezo do leite de vaca en novembro en España e cae a produción

Continúa a suba de prezos do leite de vaca en España nun outono marcado pola caída da produción. Se en outubro xa houbo unha suba media de case un céntimo, a tendencia á alza continuou no mes de novembro, segundo os datos do Fondo Español de Garantía Agraria que veñen de ser publicados. En concreto, o prezo medio do leite en orixe en España situouse nos 0,341 euros o litro, fronte aos 0,337 euros de outubro. Sen embargo, en Galicia a suba do prezo foi a metade que en España: 0,329 euros o litro, polos 0,327 de outubro. Esta lixeira suba estacional atribúese á mellora dos sólidos do leite, unhas calidades medias que en novembro foron do 3,84 de graxa e do 3,40 de proteína. En Galicia, a porcentaxe media de graxa foi do 3,91 e a de proteína do 3,39. En canto aos volumes de entregas, en novembro foron á baixa: na media española a produción foi un 0,14% inferior ó mesmo mes do ano pasado,. Porén, Galicia continúa sendo a excepción, destacando polo seu contínuo aumento de produción, que chegou ao 3,53% en relación a novembro do 2019. Se se descontara Galicia, a produción de leite en España tería caído un 2,49% en novembro.

Aceites Abril presenta a nova colleita do seu Aceite de Oliva Virxe Extra 100% galego

Aceites Abril presentou esta mañá a nova colleita da súa "Colleita Propia". A empresa ourensá apóiase no carácter galego para a diferenciar a personalidade única do Aceite de Oliva Virxe Extra (AOVE) de Galicia e así llo trasladou ás persoas participantes nesta actividade. Para iso, Aceites Abril convidou a seis recoñecidos profesionais do sector da cultura, o turismo e a gastronomía a unha completa experiencia na que descubriron, de primeira man, o proceso de elaboración e as características diferenciadoras do AOVE Colleita Propia. Estes son os actores galegos Luís Zahera e Federico Pérez Rey; Alberto Ribas (creador de Alvientooo, recoñecido blog de viaxes, gastronomía, fotografía, escapadas e estilo de vida); Jorge Guitián Castromil (historiador, divulgador gastronómico, investigador e colaborador habitual da revista Traveler e El Comidista); María José Basanta (creadora do blog gastronómico Laurel y Canela), e Gerson Iglesias (chef e colaborador no programa Come a Comarca da TVG). O grupo iniciou a súa xornada en Toén, onde tiveron a oportunidade de experimentar o proceso de vareo polo cal se colleitan a prezada materia prima da que sairá o AOVE Colleita Propia. Unhas vivencias que han ir trasladando aos seus seguidores en redes sociais e que valoraron moi positivamente.

Unha década recuperando o oliveiral galego

No percorrido polos oliveirais, estiveron acompañados pola Directora de Mercadotecnia de Aceites Abril, Elena Pérez Canal, e polo responsable do Departamento de Agro de Aceites Abril, Rubén Gutiérrez García-Tembleque. Pérez Canal destacou a "firme aposta" da empresa ourensá por pór en valor "o propio, os produtos da nosa terra, creando o noso AOVE Colleita Propia, que é un fiel reflexo da contorna no que se cultiva a materia prima e distínguese de todos os aceites da súa clase pola súa personalidade única". A Directora de Mercadotecnia de Aceites Abril lembrou, neste sentido, que "o proxecto de recuperación do oliveiral galego xa leva unha década en marcha. Actualmente, contamos con 165 hectáreas con máis de 180.000 oliveiras plantadas en distintos puntos da comunidade autónoma, xestionados por preto de 200 produtores", concretou. Pola súa banda, Rubén Gutiérrez explicou algúns detalles sobre a presente campaña: "A colleita foi algo menos cuantiosa a nivel xeral que en 2019. En maio, cando normalmente abren as flores da oliveira, algunhas zonas de Galicia pasaron por momentos de humidades relativas superiores ao 80%, o que impediu o bo calle dos froitos". Porén, a entrada en produción do oliveiral de nova plantación, que ten entre 4 e 8 anos, permitiu que a cifra de produción se equipare á da campaña anterior. A continuación, o seis participantes nesta xornada trasladáronse ao Restaurante Miguel González, en Pereiro de Aguiar, onde descubriron o sabor e carácter diferenciador do AOVE 100% galego. Alí, o responsable do Departamento de Agro da empresa ourensá dirixiu unha cata comentada do AOVE Colleita Propia de dúas colleitas distintas: a de 2019 e a deste 2020. Trátase dun coupage de distintas variedades de oliva, que presenta uns aromas e matices verdes diferenciadores. Con respecto ao de 2020, destacou que "en nariz mostra un frutado verde intenso con aromas principais a herba recentemente cortada, fiúncho e plátano verde, con notas de hortelá e mazá verde. En boca, ten un lixeiro toque de amargor con retrogusto de alloza (améndoa verde amarga)". Xa na fase gustativa, "nótase unha leve sensación picante na parte posterior da lingua, que demostra o seu alto contido en polifenois". Pola súa banda, o AOVE Colleita Propia destaca por "presentar unha cor dourada e un carácter inigualable, influenciado polo clima atlántico. Xunto a un frutado intenso e fragante pódense apreciar os toques de pera, améndoa e plátano". Como colofón a esta completa experiencia, o chef Miguel González, do grupo Cociña Ourense, elaborou distintos pratos con este produto como ingrediente fundamental. Así, demostrouse, unha vez máis, o seu carácter diferenciador.

Produción 2020 do AOVE Colleita Propia

A empresa ourensá estima que a produción se aproxime aos 40.000 quilogramos. Esta cantidade permitirá producir ao redor de 5.000 litros do aceite Colleita Propia, que se traducirá nunhas 11.000 botellas numeradas deste AOVE. Poderanse adquirir en establecementos seleccionados de grandes superficies, en tendas especializadas e a través da web de Aceites Abril. Ademais, a singularidade e características diferenciadoras deste AOVE 100% galego levou a un incremento da demanda por parte da restauración de calidade. Elena Pérez Canal destacou que a produción poderá estar lista para a súa venda "en Nadal. Adquirimos unha almazara máis grande, o que nos permitiría finalizar nun máximo de 15 días", asegurou. Pola súa banda, Rubén Gutiérrez engadiu que, ademais de reducir tempos de produción, esta renovada maquinaria tamén posibilita "a elaboración dun aceite cun menor índice de madurez, o que fai que teñamos aromas máis verdes e unha conservación de propiedades saudables máis duradeiras. Ao estar en envero, as calidades organolépticas da oliva atópanse na súa plenitude, o que permite elaborar un AOVE da máxima calidade", concluíu.