Archives

Xornadas de voluntariado no Barbanza para eliminar acacias e plantar frondosas

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza convoca a primeira xornada de voluntariado nos montes da comarca para eliminar especies exóticas e invasoras, caso da acacia, e para promover a plantación de frondosas autóctonas. A actividade marca o inicio dunhas xornadas de voluntariado que se celebrarán nos montes barbanzáns organizadas pola Fundación Montescola, entidade a cargo das actividades de prospectiva comunitaria,voluntariado e educación medioambiental do Laboratorio, que teñen como obxectivo implicar a cidadanía na recuperación da biodiversidade e fortalecer as redes colaborativas da comunidade. Esta primeira acción terá lugar na mañá do domingo 14 de abril en Froxán (Lousame), e centrarase na eliminación de acacias e a plantación de pradairos. Aberta a todos os públicos e idades, a actividade supón unha oportunidade para aprender a descascar acacia e participar na plantación de medio cento de pradairos nunha zona na que Montescola ven traballando nos últimos anos para eliminar especies invasoras e recuperar a biodiversidade. As persoas interesadas poderanse inscribir na actividade enviando un email a info@montescola.org antes do venres 12. Ao rematar os traballos ofrecerase o tradicional xantar de albaroque. Apoio O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio parala Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.

A Xunta elimina 33 hectáreas de acacia invasora para impulsar o polígono de Barzamedelle

O combate contra especies invasoras e a recuperación de chan produtivo para a agricultura, move á Xunta de Galicia á recuperación de terreos abandonados e dos que se descoñece a propiedade. Una destas accións é a realizada no polígono de Barzamedelle, no concello ourensán de Leiro. O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo tenente de alcalde de Leiro, Ramón Álvarez, supervisou hoxe os labores de posta en marcha do polígono agroforestal de Barzamedelle. O conselleiro puxo en valor, de maneira especial, os traballos de roza das acacias, que polo de agora abranguen unha superficie de 33 hectáreas, das 59,2 que se estima ocupa esta planta dentro do perímetro do polígono, é dicir, case o 56% do total. Neste mesmo sentido, José González subliñou ademais que con esta actuación, pioneira no seu enfoque e dimensións, refórzase a protección da bisbarra do Ribeiro fronte os incendios forestais, ao tratarse dunha especie invasora e ademais pirofítica, polo que representa un risco dende o punto de vista da prevención do lume. Sinalou tamén que son traballos precisos para o recoñecemento das parcelas existentes e da investigación dos seus titulares. Limpeza de camiños A maiores, o titular de Medio Rural trasladou que tamén se actuou na limpeza e recuperación en case seis quilómetros e medio de camiños, para mellorar as comunicacións dentro dun polígono que se enmarca na aplicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e que suporá mobilizar un total de 145,6 hectáreas. Polo de agora identificáronse xa, mediante a investigación da propiedade, un total de 183 parcelas de 113 propietarios, o que representa que está identificada a titularidade de 63 das 145,6 hectáreas que conforman o polígono, é dicir, un 43% do total. Segundo explicou o conselleiro, o obxectivo é poñer en valor terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable. Búscase así, engadiu, crear actividade agrogandeira, fixar poboación e anticiparse aos incendios forestais. Neste caso concreto, González trasladou que a orientación principal do polígono será o viñedo (cultivos leñosos), dada a súa situación estratéxica, o que permitirá aumentar a produción da denominación de orixe Ribeiro. Mobilización de 35.000 hectáreas Nesta liña, o conselleiro salientou que con estas ferramentas da Lei de recuperación -os polígonos agroforestais, as aldeas modelo ou as permutas-, máis o labor desenvolvido mediante as concentracións parcelarias, a Xunta puxo en valor xa arredor de 35.000 hectáreas en toda Galicia. No que atinxe en particular aos polígonos agroforestais, xa existen na nosa comunidade un total de 24 en distintas fases de execución, que supoñen a mobilización de algo máis de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 29.000 parcelas propiedade de máis de 7.900 veciños. Un total de 17 destes polígonos atópanse na provincia de Ourense, remarcou González, quen tamén se referiu a outra das figuras da devandita Lei, como son as aldeas modelo. Neste sentido, lembrou que xa hai 21 aprobadas na nosa comunidade e que 14 delas se sitúan en territorio ourensá. Neste contexto, o titular de Medio Rural puxo en valor que todas estas actuacións contan sempre co consentimento dos veciños interesados. De feito, subliñou, poden ser promovidas pola Administración ou por particulares, pero requiren o acordo de propietarios (ou de representantes dos dereitos de uso) de cando menos o 70% da superficie do perímetro do proxecto. Neste mesmo sentido, o conselleiro afirmou que o obxectivo de todo este labor é o de dinamizar o territorio e xerar actividade económica para que sexa posible “vivir no e do rural”. Ademais, procúrase tamén acadar unha anticipación aos lumes e diminuír os danos que estes poidan causar.

A biomasa que ninguén quería atopa destino

A optimización do aproveitamento da biomasa forestal residual en Galicia é un dos horizontes principais do grupo de innovación ‘Biofore Plus'. Os seus obxectivos céntranse en mellorar a recollida da biomasa residual en monte e en buscarlle usos axeitados, como a elaboración de abonos, de biochar (carbón vexetal) para gandería ou a valorización enerxética. Un dos casos particulares que abordaron é o da acacia, unha especie invasora que carecía en Galicia de usos industriais e á que lle ven un gran potencial. A acacia e a optimización da súa xestión Galicia é un territorio no que se fai un control puntual coa acacia, pero como explica Erika Martínez, coordinadora do grupo de innovación de ‘Biofore Plus’, “non se está facendo unha xestión da biomasa da acacia nin unha valorización posterior da mesma”. A pesar disto, ‘Biofore Plus’ está vendo que as potencialidades de cara a valorización da acacia son moi prometedoras. Neste sentido, a coordinadora do grupo de innovación sinala que “a posta en valor enerxética está centrada na biomasa de eucalipto e de piñeiro, pero a acacia presenta mellores cifras en canto a poder calorífico que o eucalipto, aínda que inferiores ó piñeiro”. Martínez explica que “non vimos nada ata o momento que puidera limitar o seu uso, nin na valorización enerxética, nin na súa valorización como compoñente para biochar”. A porcentaxe de impurezas que xera é outro dos puntos a favor da biomasa de acacia. Erika Martínez pon en valor que “a porcentaxe de impurezas é inferior que a do eucalipto e o piñeiro”. Unha vez finalizada a súa combustión o nivel de residuos que deixa é menor, polo que “se estima que o traballo posterior de mantemento das caldeiras tamén sería mellor”. Recollida de biomasa en monte. / Arquivo. A vantaxe diferencial que pode aportar a biomasa de acacia non depende tanto do produto final como do proceso de xestión e empacado en orixe. Para chegar a un bo resultado é necesario evitar mesturar a biomasa con impropios do chan. “Se ti vas a un monte, cortas a biomasa e a deixas no chan, logo ao recollela para un camión vai levar unha gran cantidade de terra e pedras, deixando unha porcentaxe de restos no produto ao que se destine” explica a coordinadora de ‘Biofore Plus’. Para evitar isto e optimizar a xestión da biomasa, tanto de acacia como residual, a biomasa non debe tocar o chan.
“A vantaxe que conseguimos xestionando a biomasa forestal sen que apoie no chan e un número moito menor de impurezas” (Erika Martínez)
Outros aproveitamentos Ademais da investigación na mellora de xestión da acacia, ‘Biofore Plus’ realizou probas prácticas intentando dar solución a outros dous escenarios reais latentes nos montes galegos: masas forestais queimadas a masas con reducidos crecementos por mor de pragas. Para o aproveitamento da madeira queimada, nun primeiro momento experimentouse coa súa aplicación directamente sobre foxas de xurro, pois considerábase un método de interese para mellorar a retención de gases contaminantes. O resultado non foi de todo positivo, segundo afirma Martínez, xa que “a materia prima compostou co xurro, sen apenas absorcións de amoníaco ou nitróxeno”. Este factor levou ao grupo a abordar a elaboración de biochar (carbón vexetal) para aplicar nas fosas de xurro, a partir “da finalización do proceso de combustión, por así dicilo, da madeira queimada”. Outros usos viables para a biomasa, ben queimada, residual ou de acacias, é a súa compostaxe, para aplicar como emenda orgánica no agro ou no monte. Dificultades na xestión de biomasa residual Os obstáculos aos que enfrontarse con este tipo de materiais forestais están directamente relacionados coa súa xestión “tanto porque en zonas de monte que están ben traballadas e correctamente xestionadas é complicado que se desenvolvan especies invasoras e que cheguen a ser un problema, como porque en zonas onde si hai acacias, o terreo é moi pendente ou con moita pedregosidade”, detalla a coordinadora Erika Martínez. Ademais é necesario engadir que ao ser un tipo de masa forestal non utilizada habitualmente para biomasa, non hai moitos cabezais adecuados para a maquinaria forestal. Desde ‘Biofore Plus’ fixeron ensaios pioneiros a nivel mundial e de cara ó futuro, a terceira fase do proxecto busca dar con directrices máis concretas que permitan definir as mellores solucións técnicas. Os novos horizontes son “afinar e ir materializando partes do proxecto ata facer algunhas presentacións, que calculamos datalas para o último trimestre de 2023”.