Archives

Curso en Ourense sobre xenética e crianza selectiva de abellas

A Agrupación Apícola de Galicia organiza un curso sobre xenética e crianza selectiva de abellas melíferas. A formación, de carácter teórico e práctico, terá lugar os días 15 e 16 de abril na Valenzá, no concello ourensán de Barbadás. O curso será impartido por Ernesto Guzmán Novoa, entomólogo, veterinario e Director do Centro de Investigacións en Abellas da Universidade de Guelph, en Canadá. Para asistir ao curso é imprescindible anotarse, a través do número de watsapp 646788215. O custo é de 20 euros para socios e de 70 euros para para persoas non socias da Agrupación Apícola de Galicia.

Curso no Barbanza de iniciación á apicultura

A Asociación Galega de Apicultura organiza un curso de iniciación á apicultura. Este curso celebrarase na Pobra do Caramiñal o día 10 de febreiro de 10:00 da mañá até as 19:30 horas da tarde. Para participar no curso hai que anotarse, pois o número de prazas é limitado, no enderezo dagabarbanza@elmuelle.es. A matrícula para entrar será de 5€ para socios da Asociación Galega de Apicultura (AGA), para non socios o prezo é de 15€.

Convocadas axudas para o sector apícola

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se convocan preto de 1,5 millóns destinados ao sector apícola co obxecto de mellorar a súa competitividade a través da modernización e a optimización de equipamentos, así como para loitar contra a perda de poboación de abellas e outros insectos polinizadores como consecuencia da expansión de patoloxías; o incremento das especies inimigas, como a vespa asiática, ou o cambio climático. A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, xestionará estas axudas cun orzamento total de 1.487.810 euros para actividades realizadas entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024, ambos inclusive, período de duración dunha campaña apícola. Esta axuda está cofinanciada polo Feaga da UE ata un 50 %, o Ministerio de Agricultura ata un 25 % e a porcentaxe restante a Xunta de Galicia . Poderán optar a estas axudas aquelas persoas físicas ou xurídicas, ou entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións apícolas e que desenvolvan a súa actividade con anterioridade ao 1 de xaneiro, así como agrupacións de apicultores. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a partir de mañá, día seguinte da publicación da orde no DOG. Entre os gastos subvencionables desta orde de axudas están os servizos de asesoramento e asistencia técnica; os tratamentos contra a varroase; a adquisición de produtos para incrementar a vitalidade das colmeas en estados de risco para a supervivencia da colonia; a renovación e acondicionamento de ceras; a adquisición de material necesario para a captura, eliminación, disuasión e control da Vespa velutina ou de outras especies exóticas invasoras; ou os investimentos en equipamentos que permitan a adaptación a fenómenos climáticos adversos das explotacións apícolas, para a cría e adquisición de raíñas ou para a mellora de maquinaria. Ademais, tamén se inclúen aquelas accións destinadas a mellorar a orientación ao mercado e aumentar a competitividade, facendo maior fincapé na investigación, a tecnoloxía e a dixitalización; e sobre a posición dos apicultores na cadea de valor.

Finalización do proxecto Apixen, centrado na innovación apícola no Xurés

O proxecto APIXEN, enfocado en promover a innovación e sustentabilidade na apicultura, chega á súa finalización tras 3 anos de intenso traballo colaborativo. O proxecto foi executado por ASEFOGA co apoio da Universidade de Vigo e a Asociación Agrogandeira Apícola e Forestal de Bande, no marco da convocatoria 2021 das axudas cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) - Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Os principais obxectivos foron innovar a nivel de tecnoloxías no traballo nas colmeas, a implementación de prácticas respectuosas co medio ambiente e a divulgación de coñecementos a través de talleres formativos. O proxecto contou coa participación activa da Asociación Apícola de Bande e da Universidade de Vigo. Así, realizáronse técnicas de cría e selección de raíñas autóctonas, contribuíndo á preservación da diversidade xenética das abellas para adaptarse ás condicións locais. Os resultados servirán como referente para futuros proxectos e espérase que contribúan ao desenvolvemento e crecemento do sector a nivel rexional e nacional.

Mazás e abellas en Boborás, unha combinación en beneficio mutuo

Unha plantación de maceiras con dous colmeares nun monte comunal de Ventosa (Boborás, Ourense) centrada na produción ecolóxica de mel e mazás. Así é a colaboración que xurdiu da man de Ouro de Feás (Manuel Lastres e Sergio Rey) e Mel da Alborada (Daniel Caiña), que nos explican como naceu esta iniciativa e os puntos clave do seu traballo. No ano 2019, Manuel Lastres e Sergio Rey, veciños de Meaño e Vilanova de Arousa respectivamente, comezaron coa súa empresa “Ouro de Feas”, plantando mazá para sidra e mesa en ecolóxico nunha finca de 22 hectáreas situada a 600 metros de altura en Ventosa. Cando estaban acondicionando a finca, contactou con eles Daniel Caiña, bombeiro, apicultor e veciño de Boborás, establecéndose unha relación de amizade. Desta amizade xurdiu a idea de copiar un modelo que xa viran en varias plantacións, abellas e maceiras coexistindo nas mesmas fincas. O resultado desta colaboración é un beneficio mutuo, mazás e mel dunha calidade e características organolépticas óptimas e un 15-20% máis de produción. Os inicios do proxecto “Estabamos buscando terreos grandes e Patricia Torres, alcaldesa de Boborás, púxonos en contacto coa comunidade de veciños de Ventosa, a aldea na que se sitúa a plantación, chegando ao acordo dun arrendamento por 30 anos no seu monte comunal. Era monte que estaba moi abandoado e ao que non lle sacaban proveito, pois ademais tiveran incendios”, conta Manuel. A execución da plantación levou consigo un importante traballo:”Houbo que subsolar o chan cun bulldozer, executamos un peche perimetral… Pedimos algunhas axudas para peches, pistas, cortalumes,pero non recibimos ningunha axuda económica. En Galicia, hai axudas para outro tipo de plantacións pero non para as plantacións de maceiras. Tamén fixemos analíticas do terreo, para saber como estaba a nivel de nutrientes. Como a terra tiña un exceso de acidez decidimos contrarrestalo con cal para que as raices creceran mellor. ”, di Manuel. Sobre o estado do monte, Daniel aclara que “era unha zona de matorrais, había moita silva, moito toxo, estaba bastante boscosa. O que houbo que facer foi un acondicionamento previo, desbrozar todo, remover a terra, e unha vez que a terra estaba osixenada, plantouse de forma sectorizada. Tamén se fixo un gran traballo perimetrando e cerrando a finca con postes e con telas para protexela de animais como o corzo ou o xabarín, que poderían entrar a comer os froitos”. “Ademais, creamos pistas, sempre respectando a orografía do terreo. En definitiva, o que buscamos é colaborar co medio ambiente e coa agricultura, poñer en valor as aldeas e montes abandonados… Limpar, facer cortalumes, traballar de forma totalmente natural”, sinala Daniel. As maceiras están nos primeiros anos de produción. Ouro de Feás: Mazás á carta Os impulsores da plantación de maceiras, Manuel e Sergio, decidiron plantar 11 das variedades de mazá máis demandadas no mercado nacional, que son: Madiedo y Amariega (amargas), Raxao, Regona y Durona de tresali (ácidas), De la Riega, Carrió y Collaos (semiácida), Verdialona y Paragües (dulce), y Florida y Carrió (mixtas). Fixérono de forma sectorizada, para poder ter un control total e poder servir as variedades específicas que busque cada cliente. O manexo límitase a abono orgánico ecolóxico, desbrozado e poda. A plantación está inscrita no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega. O proxecto está aínda nas súas primeiras fases, pero en canto ao mercado da mazá, Manuel asegura que, polo que escoita no sector, o prezo ao que se paga o kilo de mazás en Galicia “a penas cubre gastos de produción”. “Resulta moi complexo facer unha estimación da produción, pois ata dentro de 2-3 anos non teremos suficiente produción como para poder comercializar a mazá, pero cada maceira pode dar entre 200 e 60 kg, dependendo de varios factores, como a vecería, que é a tendencia a dar unha produción máis pobre nos anos pares. É moi complexo de contrarrestar, pero pódese facer algo con certos sistemas de poda e abonado que pretendemos implantar aquí”, aclara Manuel. Outra mellora chegará das colmeas colocadas por Daniel no monte, que contribuirán a unha mellor polinización: “As mazás acadan un maior tamaño, pel máis crocante, cor máis intensa, conservan o seu punto de acidez mellor e teñen alto índice de azúcar, podendo aumentar a produción entre un 5 e 15%”. “Todo isto débese tanto ao beneficio que lles aporta a polinización das abellas como ás características da finca, orientada ao sur e co norte tapado, protexida de temporais e totalmente exposta ao sol, a 600 metros de altura e con notables oscilacións térmicas. A polinización das abellas e as características da finca outórganlle ás mazás unha calidade excepcional”, destaca Daniel. Mel da Alborada: mel de calidade e variedade de productos Respecto ao mel e ás abellas, o que se consegue na plantación de maceiras é un crecemento temperá dos enxamios e a posibilidade de obter un mel monofloral, que o propio apicultor recoñece que será dificil, pois trátase dunha finca rodeada dunha gran variedade de fontes de mel, como a silva, castiñeiro, carballo, carrasco… Trátase dunha “paraxe virxe” que facilita a produción dun mel de calidade. De cara ó futuro, valoran crear un selo relacionado coa zona de Boborás e tamén incorporarse á IXP Mel de Galicia, cunha liña de produción ecolóxica e outra convencional. En canto ás variedades de mel que traballan, a idea é dirixirse cara o mel de sabor máis forte, que sería o mel de castiñeiro e o de carrasco, ben en meles monoflorais ou multiflorais. Nas últimas análises que fixeron do mel, o resultado foi un 78% de castiñeiro, excepto un colmear que teñen apartado a modo experimental, que saiu un 70% de carrasco. Ademais do mel, tamén comercializan outros produtos primarios das colmeas como a tintura de propóleo, os propios panais de cera, o pole seco, así como licores e botes nos que combinan o mel con froitos secos da zona: noces, améndoas e castañas. Daniel pensa que colocar o mel a nivel nacional resulta máis complexo que a nivel autonómico ou internacional. Asegura que en Francia, Suiza ou Alemaña, por exemplo, valórase moito o mel galego e o prezo pode triplicar o que se paga en España. Na súa opinión, deberíase estandarizar un mínimo de 10 euros polo bote de kilo de mel, menos diso pensa que non compensa para o apicultor. Daniel explica que “o noso obxectivo é ir medrando pouco a pouco e chegar a ter unha produción de miles de kilos.A idea é expandir os nosos produtos a nivel internacional. Para isto, interesaríanos crear un selo de garantía da nosa zona (Boborás), ademáis de levar a etiqueta da IXP Mel de Galicia. Coas mazás a filosofía é a mesma”. Loita biolóxica con aves Nesta zona xa había aves,pero colocando caixas, os produtores favorecen o seu aniñamento na finca. Esta idea sacárona dalgunhas plantacións profesionais que visitaron e nas que viron que facían isto para combater certas plagas. “Contra o pulgón e o verme o único control é o biolóxico, as mariquiñas, os paxaros… Realmente ainda non tivemos ningunha plaga significativa, só pequenos casos illados, pero o que está claro é que nos interesa que se autorregule o medio e intervir o menos posible” recalca Manuel. A velutina é outro dos graves problemas ós que se enfrontan de cara ó futuro. Caixa niño nunha árbore. Plan de traballo “O traballo de campo na colmea queremos seguir facéndoo igual, como se fixo toda a vida, con afumador, con pinzas… traballar sempre de xeito natural coas colmeas. Despois, no proceso de extracción si que valoramos mecanizar porque é moito máis rapido desopercular a máquina que a man. Ese sería o único proceso que poderíamos chegar a mecaniza” conclúe Daniel. Pola súa banda, Manuel declara que “actualmente as maceiras son moi pequenas e podemos facer todos os procesos nós mesmos coas nosas propias mans, planta por planta, tanto abonado como poda. Co tempo, cando as maceiras medren, será inevitable mecanizar estes procesos e outros”. Ademais, tamén teremos que contratar a xente para que nos axude no mantemento da finca, e iso nos pon frente a outro dos grandes problemas no rural actualmente: a falta de man de obra. Tamén será necesario instalar unha estación meteorolóxica para poder rexistrar os datos de forma seria e un sistema de rego automático centralizado. Son grandes investimentos, pero necesarios”.

Arzúa acolle esta fin de semana a Mostra Galega de Apicultura

Este sábado día 3 de xuño celebrarase en Arzúa a 38ª Mostra Galega de Apicultura. A actividade terá lugar no local da sede de AGA en Arzúa (xestión administrativa e recollida de material do Plan apícola) e no local da Polbeira de Santa María (conferencias e asemblea). Nos arredores do Centro de Divulgación do Queixo e do Mel estarán os postos dos comerciantes e provedores de material e produtos apícolas. As persoas asistentes poden aproveitar este día para recoller a parte do material do Plan Apícola que teñan solicitado. A asociación lembra que este material (alimento, cera, fondos…) debe estar retirado antes do día 1 de xullo, por seguimento de AGA e operatividade das casas comerciais provedoras. Esta Mostra xira arredor de dous temas de actualidade para os apicultores e as apicultoras, tal como é o papel do cambio climático na apicultura actual e as derivas do mel no mercado galego, español, europeo e mundial, tanto na súa comercialización por xunto coma polo miúdo. Desde o punto de vista técnico, abordaranse innovacións para protexer as colonias de abellas da vespa velutina. E desde a profesión abelleira explicaranse as axudas da PAC 2023 para a apicultura. Dado que na pasada convocatoria do Día do Apicultor que se realizou o 4 de febreiro non se puido realizar a asemblea xeral anual deste ano 2023, por causa de non haber quórum suficiente para o seu desenvolvemento conforme os Estatutos de AGA (artigo 29), como esta é unha data propicia para poder convocar as socias e os socios da Asociación Galega de Apicultura, convócase a Asemblea Xeral ordinaria para este sábado día 3 de xuño.   PROGRAMA DA 38ª MOSTRA GALEGA DE APICULTURA 10.00 h: Conferencia: O cambio climático e a práctica da apicultura, por Etienne Bruneau, do CARI-Centro Apícola de Investigación e Información, Bélxica. 11.30 h: Asemblea xeral de AGA. 14.00 h: Xantar abelleiro na polbeira de Santa María. 16.00 h: Mesa redonda sobre O proxecto da nova directiva europea e as medidas que se deben tomar para limitar a adulteración do mel, coordinado por Etienne Bruneau, presidente do Grupo de Traballo «Mel» do Copa e Coxeca. 17.30 h: Presentación: O módulo protector de canalización con aleiróns eléctricos, por José María Serpa, inventor e investigador, xerente da empresa SERPA. 18.00 h: Axudas da PAC 2023, por unha entidade de asesoramento colaboradora de AGA.

Aprobados máis de 1,3 millóns de euros en axudas para a produción e comercialización de produtos apícolas

O Consello da Xunta aprobou este xoves as axudas destinadas á mellora das condicións xerais para a produción e comercialización de produtos apícolas. As axudas enmárcanse dentro do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC) e buscan protexer a biodiversidade, mellorar a posición dos produtores e modernizar o sector. Os apoios convocaranse proximamente a través do Diario Oficial de Galicia. O total das axudas é de 1.323.229,98€ coa previsión dunha ampliación orzamentaria de 100.000€ con base na repartición sectorial entre todas as comunidades autónomas que se vén de aprobar. Haberá cinco liñas de intervención. A primeira será para servizos, asesoramento, mellora de prácticas, colaboración entre apicultores, contratación de persoal técnico e administrativo. Tamén se poden destinar a organizar cursos, xornadas e publicacións sobre o sector. A segunda liña está destinada á loita contra enfermidades, invasores como a avespa velutina e a varroose. Tamén se cobren danos por adversidades climáticas, fomento de novas prácticas de xestión e repoboación de colmeas e racionalizar a transhumancia. A terceira liña quere prestar axuda a laboratorios de análise para produtos apícolas, o estudo sobre perda de abellas e caídas na produtividade. Poderán financiarse contratacións de máis servizos de análise, mercar material de laboratorio e outras matrices de colmeas para a detección de praguicidas. Dentro da cuarta liña, inclúense aquelas accións de promoción, comunicación e comercialización dos produtos. Ademais, poderanse contratar estudos de viabilidade e de mercado así como creación de proxectos piloto innovadores e presentar novas formas de consumo para o mel. A quinta liña recolle actuacións de cara a mellora da calidade dos produtos mediante promoción, creación e mantemento. Incluiranse, se é necesario, os gastos de certificación e seguimento da cadea de calidade, entre outros puntos. As persoas beneficiarias poderán ser titulares de explotacións apícolas, mesmo titularidade compartida e agrupación de apicultores. Para o acceso ás achegas, os solicitantes deberán ter realizado actividades apícolas con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano de presentación de solicitude e ter titularidade individual de 15 colmeas ou 50 colmeas en caso de facer transhumancia. As agrupacións de apicultores deberán ter mínimo 1.500 colmeas. Estas axudas súmanse ás publicadas recentemente para o período estendido do Programa nacional apícola 2020-2022, é dicir, desde o 1 de agosto ao 31 de decembro do ano 2022, que contaron cunha dotación orzamentaria de 80.000 euros. Importancia do sector Desde a Xunta lembran que a apicultura xoga un papel fundamental na conservación da biodiversidade dos hábitats e na sustentabilidade da economía, polo seu labor de polinización dos cultivos. A Comisión Europea considera que as abellas contribúen anualmente con 22.000 millóns de euros á agricultura europea. Desde o goberno autonómico foise aumentando a contía das axudas até chegar o pasado a máis de 2.000 explotacións beneficiarias con case 190.000 colmeas, o dobre que o acadado sete anos antes. Galicia conta coa indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia. Segundo os datos de 2021, na nosa comunidade comercializáronse case 230 toneladas de produto amparado por este selo cun valor estimado de case 2 millóns de euros.

Curso de iniciación á apicultura en San Sadurniño

A área de Desenvolvemento local de San Sadurniño subscribe todos os anos un convenio de colaboración coa Casa do Mel de Goente que contempla o mantemento do colmear didáctico da Cortiña e a impartición de cursos sectoriais, como o que se vai desenvolver os días 7, 12, 13 e 14 de maio. A acción formativa centrarase na iniciación á apicultura e tocarao practicamente todo, desde o coidado e mantemento das colonias de abella até a colleita do mel e doutros produtos da colmea. Para participar neste curso farán falla un mínimo de 10 inscricións e como tope fixouse a cifra de 25 participantes. O último día para apuntarse é o 26 de abril mandándolle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamando ao 616 332 919 en horario de mañá de luns a venres. O curso é totalmente gratuíto para a veciñanza empadroada en San Sadurniño e para as persoas asociadas á Casa do Mel, mentres que o resto de participantes deberán pagar o primeiro día unha matrícula de 45€. As sesións están programadas para o domingo 7 de maio entre as 9:00 e as 14:00h, o venres 12 de 16:30 a 21:30h e o sábado 13 e domingo 14 de maio de 9:00h a 14:00h. As tres primeiras clases desenvolveranse na Casa da Cultura, mentres que a do último día trasladarase á Casa do Mel de Goente. O curso está orientado a persoas que queiran empezar a pastorear abellas ou que teñan certo interese no mundo apícola, aínda que tamén será moi interesante para quen teña xa certa experiencia e queira seguir aprendendo. Neste sentido, os contidos irán desde unha introdución xenérica sobre a bioloxía dos enxames, a figura da persoa apicultora e o funcionamento das colmeas, ata cuestións máis técnicas que se irán abordando paso a paso, combinando a teoría e a práctica no espazo didáctico da Cortiña. Algúns dos temas tratados serán a instalación do apiario, a flora máis axeitada para a produción de mel -as diferenzas de cor e sabor segundo o tipo de alimentación- e as prácticas de reprodución dos enxames. Tamén se facilitará información sobre a saúde das abellas e, principalmente, sobre como protexelas da avespa asiática e de fungos e parasitos que poden decimar a súa poboación. O último día, o domingo 14, a formación trasladarase ás instalacións da Casa do Mel, en Goente, onde se poderán ver os produtos principais e subprodutos que se extraen da colmea, como por exemplo o mel, o pole, a própole, a xelea ou a cera. O persoal deste centro dedicado integramente á difusión da cultura apícola explicará, ademais, os procesos de colleita, de envasado e de comercialización de cada produto.
Tamén se facilitará información sobre a saúde das abellas e sobre como protexelas da avespa asiática e de fungos e parasitos que poden decimar a súa poboación
O curso de iniciación á apicultura encádrase no convenio que veñen asinando nos últimos anos o Concello e a Casa do Mel, coa finalidade de mellorar a capacitación de todas aquelas persoas interesadas no mundo das abellas e continuar promovendo a cultura apícola, que ademais de ser fundamental para o ambiente tamén ofrece interesantes oportunidades económicas e de emprego. Ofértanse un máximo de 25 prazas, que serán gratuítas para veciñanza empadroada en San Sadurniño e persoas socias da Casa do Mel (o resto de participantes, 45€). Para que a actividade vaia adiante farán falla un mínimo de 10 inscricións. Hai que anotarse no 616 332 919 chamando en horario de mañá ou enviar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal indicando no corpo do asunto "Inscrición curso de apicultura" e achegando os datos persoais e de contacto. O último día é o mércores 26 de abril. Venres 5 de maio, 19:00h: Métodos de loita contra a avespa asiática Cómpre recordar que o programa Apostando polo sector primario tamén abordará, unha vez máis, o problema da vespa velutina nigrithorax. A praga xa está asentada no territorio e, á espera dun método de loita baseado en feromonas, nestes momentos o único método efectivo para conter o seu avance son os trampeos na primavera e a comezos do inverno, así como a localización e destrución de niños primarios. A estratexia de combate debe combinarse con medidas de protección das colmeas, entre as que se encontran as arpas eléctricas, as trampas con atraentes ou a busca, cada vez máis difícil, de lugares para instalar as alvarizas que teñan unha baixa incidencia da praga. Estas serán algunhas das cuestións que se tratarán na Casa da Xuventude o venres 5 de maio ás 19:00h, nunha charla gratuíta e con entrada libre ofrecida tamén pola Asociación Casa do Mel.

Cría de raíñas, a experiencia do recoñecido apicultor francés Gilles Fert

O apicultor galo Gilles Fert é un destacado criador de raíñas e aínda que se adica tamén á produción de mel e outros produtos da colmea, como o própole, boa parte dos seus apiarios e do manexo que fai están orientados á produción de raíñas. Así é que das 400 colmeas que ten, dedica a metade a ter núcleos para esta fin. Comercializan tanto raíñas virxes como fecundadas. “É unha actividade para a que non se precisa moito material e que abre novos mercados, polo interese que suscita a mellora da colmea coas raíñas, gañando tempo”, apunta. Durante a súa participación na II Feira Internacional de Apicultura de Lalín nun encontro con apicultores, Fert foi debullando algunhas das claves para a cría de raíñas de abella, unha actividade que leva desenvolvendo durante os últimos 40 anos e na que tamén está involucrado o seu fillo. Ó longo deste tempo tamén estivo en contacto con outros criadores de distintas zonas e participou en proxectos para a recuperación e conservación de abellas locais. “Nestes anos puiden observar que a cría de raíñas pouco varía entre países. Poucas diferenzas hai entre os métodos empregados en Francia, España, Canadá ou Nova Zelandia, entre outros”, explica.
Fert leva 40 anos adicándose á cría de raíñas e escolleu apiarios resgardados do vento para favorecer a fecundación
Un dos primeiros aspectos a ter en conta á hora de proceder á cría de raíñas é a localización do apiario. Pese a que é natural de Normandía, Fert decidiu instalar os seus apiarios no sur de Francia para contar cunhas mellores condicións. As súas colmeas están situadas apenas a unha altitude de 150 metros sobre o nivel do mar e en zonas sen moito vento, para favorecer a fecundación da raíña.

A importancia da abella local

Fert é un defensor da conservación da abella local. Nos seus apiarios traballa coa abella negra, especie con maior presenza en Francia. “Dise que en Francia hai moita abella bufa, pero a maioritaria segue sendo a abella negra, seguida da abella caucásica”, apunta o apicultor facendo referencia a un estudo do 2015.
“A abella negra vólvese agresiva cando está cruzada con outras razas, senón é unha abella mansa”
Para o apicultor, a raza de abellas negras ten calidades destacadas, como a súa rusticidade, a resistencia a enfermidades que amosa, o ben que inverna ou o ben que sabe aproveitar as meladas tardías e o melato. Entre os puntos menos vantaxosos desta especie está a tendencia a enxamear, o agresiva que pode volverse e a lingua curta que ten en comparación con outras razas. “A abella negra vólvese agresiva cando hai contaminación xenética, é dicir, cando está cruzada con outras razas, senón é unha abella mansa”, explica o abelleiro, que entre outros traballos, está a participar nun estudo para manter a abella negra local en Canarias.

Criterios de selección

Os principais criterios que Gilles Fert segue á hora da selección de colmeas é a produción de mel, o consumo que fan no inverno das reservas e a resistencia a enfermidades. “A estes criterios súmase o traballo que van facendo os clientes e que tamén contribúe a establecer outros obxectivos para a selección”, explica. Con todo, Fert recoñece que é difícil satisfacer todas as necesidades solicitadas polos apicultores, que buscan colmeas que cumpran cada vez con máis requisitos.
“É difícil obter unha abella ideal, xa que nos insectos resulta máis complexo transmitir estes criterios á seguinte xeración”
Ademais, a diferenza do que ocorre con outros animais, a selección e mellora xenética resulta máis complexa que noutras especies. “É difícil obter unha abella ideal. Ás veces aínda que se atope unha colmea ideal, nos insectos resulta máis complexo transmitir estes criterios á seguinte xeración”, recoñece. Á hora de seleccionar colmeas, a mansedume é o criterio máis fácil de lograr transmitir, tal e como asegura o criador. Ademais, Fert incide en rachar coa idea de que a mansedume da colmea está relacionada coa súa produción. “Unha colmea mansa pode ter igualmente unha moi boa produción”, reivindica. De feito, recomenda eliminar a raíña naquelas colmeas máis agresivas para que críen unha nova, dando lugar a que poida ser máis mansa. O enxambrazón é o segundo criterio máis doado de transmitir, xa que é un trazo xenético. De feito en zonas de América onde a apicultura foi introducida e practicada a base de reprodución e cría de raíñas sen recoller os enxamios salvaxes, non se transmitiu este carácter. Así, o experto recomenda substituír a raíña daqueles enxamios que se recollen, para evitar que siga a transmitirse ese trazo e volvan producirse novas divisións da colmea.
Fert recomenda prestar atención tanto ó comportamento da colmea como á cría
Para a selección dunha colmea, Fert recomenda prestar atención tanto ó comportamento da colmea como á cría. Aconsella observar o funcionamento e traballo da colmea fóra da campaña de produción de mel, xa que nesta época o seu comportamento pode variar. Fert considera a cría un dos mellores indicadores sobre a calidade da raíña, a saúde e a viabilidade da colmea. O experto recomenda seleccionar aquelas colmeas con reservas de alimento preto da cría. “Hai unha relación entre a disposición das celas e a supervivencia no inverno. Unha colmea onde as reservas de alimento estean afastadas da cría terá maiores dificultades para pasalo inverno”, explica. Ademais, cómpre seleccionar aquelas que teñan unha cría compacta, é dicir, que teñen menos dun 20% de fallos na zona da cría. Para comprobar a saúde e a resposta da colmea ante enfermidades, adoita empregarse o coñecido como Test de Limpeza, unha metodoloxía utilizada pola maioría dos apicultores antes de seleccionar unha colmea. Esta técnica consiste na rotura dunha parte da cría, que introduce no conxelador durante 24 horas e que volve a colocar na colmea para así observar o tempo de resposta das abellas, xa que ese labor de limpeza é fundamental para reducir o risco de enfermidades. Se nun prazo de 24 horas ten o 90% desa cría morta limpa é unha colmea axeitada para seleccionar para a reprodución, xa que ten un grao de comportamento hixiénico axeitado. Gilles Fert tamén incide na importancia de coidar aquelas raíñas con boas aptitudes e tentar prolongar a súa vida o máximo posible. “Cando tes unha raíña de moi boa calidade é un erro mantela en calquera colmea. O ideal é empregar esta raíña de alto valor cunha colmea especial de maneira que se poida frear a posta e prolongar así a vida da colmea, podendo manter viva e produtiva esta raíña mesmo 5 anos”, indica.

Curso sobre nutrición e alimentación apícola

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá, dependente da Consellería do Medio Rural, organiza un curso sobre o coidado da nutrición e da alimentación das abellas. O obradoiro impartirase este sábado día 3 de setembro na Casa do Mel de Goente, no concello coruñés das Pontes, en horario de 16:00 a 22:00 horas. O curso aborda tanto nocións teóricas coma prácticas sobre a eficiencia dos recursos da alimentación e nutrición apícolas. Esta iniciativa está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición en liña localizando o curso no catálogo do Plan de accións formativas da Consellería de Medio Rural. O coordinador do curso poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamar ao teléfono 982 828 370 ou enviar un correo a mercedes.fra.perez@xunta.gal.

Ábrese o prazo de solicitudes das axudas de apicultura

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas á apicultura de 2022, cun orzamento superior aos 1,3 millóns de euros. Os apoios oriéntanse tanto para mellorar a produción como a comercialización dos produtos derivados deste sector.

A orde vai destinada tanto a particulares titulares de explotacións apícolas como a cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. Dispón de seis liñas de subvención diferentes: para a asistencia técnica, para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, para a racionalización da transhumancia, para apoiar aos laboratorios de análise de produtos apícolas co obxectivo de axudar ás persoas apicultoras a comercializar e a valorizar os seus produtos, para potenciar a repoboación da cabana apícola e para facer seguimento de mercado.

No primeiro caso, será subvencionable a contratación de persoal técnico e de especialistas para prestar información e asistencia a persoas apicultoras, así como de persoal de administración. Nesa primeira liña de achegas tamén se poderá financiar tanto a organización de cursos e xornadas como a edición de folletos e publicacións como sistema de divulgación. No relativo á loita contra as enfermidades, inclúense a adquisición de tratamentos quimioterápicos e outros compatibles coa apicultura ecolóxica contra a varroase, a alimentación das abellas co fin de mellorar a vitalidade da colmea e de renovar ou purificar a cera e a adquisición de métodos para a captura, eliminación e control da avespa velutina. Neste caso, sufragarase tanto a compra de trampas e atraentes como de fondos sanitarios, reixas excluíntes, sistemas de protección mediante redes, etc.

Na liña da transhumancia, a axuda deberá ir destinada á adquisición, conservación e mellora dos medios de transporte, para sistemas de protección ou vixilancia antirroubo, para a mellora e acondicionamento de asentamentos, camiños e sendas, e para a subscrición de seguros de responsabilidade civil das colmeas. Canto ás medidas de apoio aos laboratorios, contémplase a contratación de servizos de análise do mel e dos produtos apícolas. No que respecta ás medidas de apoio á repoboación están enfocadas, fundamentalmente, á cría e adquisición de raíñas. Por último, a liña de seguimento de mercado está pensada para a realización de estudos de mercado ou elaboración de proxectos piloto sobre novos produtos apícolas ou sobre novas formas para presentalos.

A convocatoria destas axudas faise en réxime de concorrencia competitiva. Así, darase prioridade a aspectos como a dimensión das explotacións ou a pertenza á indicación xeográfica (IXP) Mel de Galicia. Tamén se valorará que as explotacións solicitantes ostenten titularidade compartida ou a cargo de persoas mozas, que as colmeas estean en zonas desfavorecidas ou rexistradas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras cuestións.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde mañá, día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Curso sobre mecanismos de reprodución de colmeas e mellora xenética de raíñas

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería de Medio Rural, organiza un curso sobre a reprodución apícola e mellora xenética. A formación busca facilitar aos apicultores coñecementos sobre mecanismos de reprodución das súas colmeas e dotalos de recursos técnicos suficientes que lles permitan aumentar os seus apiarios e mellorar as colleitas. Tamén se pretende dar unha formación para realizar unha mellora xenética das raíñas, co fin de dar continuidade aos seus enxames e, mellorar así, a rendibilidade das explotacións apícolas. Por último, daranse pautas de manexo para un correcto inicio da campaña de posterior recollida de mel, tras a floración da primavera. A formación, que ten unha duración de 20 horas, celebrarase todos os sábados no lugar de Quián, en Boqueixón, dende o 14 de maio ao 2 de xullo, ambos incluídos. Será o persoal do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude o que imparta esta formación, que terá lugar en horario de mañá, de 10.00 horas a 14.00 horas. En concreto, realizarase os sábados 14 e 21 de maio, o 4 e 18 de xuño e o 2 de xullo. O curso está dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 881 867 331. A solicitude para inscribirse no curso poderá obterse aquí e deberá remitirse cuberta ao enderezo electrónico cursos.agacal.sergude@xunta.gal. O curso inclúese dentro do Plan de formación continua 2022 da Consellería de Medio Rural, que pode consultarse aquí.

As gandeiras galegas Marta Álvarez e Ana Corredoira galardoadas nos premios TalentA

Federación de Asociacións de Mulleres Rurais en España (Fademur) e a compañía agrícola Corteva Agriscience  presentaron este luns ás gañadoras de 2022 do Programa TalentA, nun evento virtual enmarcado no Día internacional das Mulleres. Estes premios buscan recoñecer proxectos innovadores de emprendemento rural e empoderar ás mulleres rurais.  Nesta edición, as gandeiras galegas Marta Álvarez e Ana María Corredoira resultaron finalistas, co seu proxecto As Vacas da Ulloa SCG, que a través da cooperativa de dúas ganderías tradicionais unidas pola marca “Sen Máis”, encárgase do envasado, transformación e comercialización de leite e derivados ecolóxicos. Creada por dúas familias gandeiras, con case 20 anos de dedicación á agricultura e gandería ecolóxicas, Marta e Ana María queren darlle valor engadido ao seu proxecto de produción primaria a través da innovación e o desenvolvemento, pero tendo moi presentes a tradición e cultura rural. Nesta terceira edición do Programa TalentA, o primeiro premio foi para Judith Iturbe polo seu proxecto La Balluca, unha microcervexeira 100% artesanal, na que non intervén maquinaria en ningunha fase do proceso de elaboración e para a que se utilizan tan só 4 ingredientes: auga, malta, lúpulo e fermento. Cunha produción anual de 3.000 litros, é unha das cervexeiras artesás máis pequenas de España, situada en Milmarcos (ao norte da provincia de Guadalaxara), que ten como misión a de ser unha produción de cervexas sostible e contribuír á agricultura da zona, de quen obtén os ingredientes necesarios para a súa elaboración. Doutra banda, Natalia Díaz recibiu un dos premios finalistas por La abejera de EcoAlpispa, un proxecto que fabrica ecoenvoltorios feitos coa cera das máis de 200 colmeas das que dispón a través da apicultura ecolóxica no municipio de Icod de los Vinos (Tenerife). Recentemente, Natalia traballou por desenvolver unha nova forma de contribuír á contorna, onde poder levar a cabo actividades de educación ambiental e de ecoagroturismo, e transmitir o amor polas abellas e formación sobre o labor que realizan. Os tres proxectos finalistas contarán con acceso á lanzadeira de emprendedoras rurais Ruraltivity, de Fademur, que inclúe programas de formación sobre diferentes áreas de negocio (comercio electrónico, uso de redes sociais, plan de negocio, técnicas comerciais, etc.) e asesoramento empresarial continuo durante todo o ano, así como unha campaña de difusión e visibilidade entre asociadas, institucións, medios de comunicación e redes sociais. Ademais, Judith Iturbe como gañadora, recibirá unha dotación económica por valor de 8.000 euros para impulsar o seu proxecto, La Balluca.

Xurado e asistentes

O xurado, formado por representantes expertos de ámbalas dúas entidades, valorou diferentes criterios que van desde a innovación, a loita contra o despoboamento, o impacto e a sustentabilidade, o empoderamento económico ata a posibilidade de réplica do negocio, para atopar os proxectos merecedores de converterse en finalistas este ano. O acto foi inaugurado por Isabel Bombal, directora xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, quen entregou os premios. Ademais, contou coa participación de Teresa López, presidenta de Fademur, e Manuel Melgarejo, presidente de Corteva para España e Portugal. O programa TalentA, que naceu en 2019, busca poñer de relevo o papel clave que as mulleres rurais desempeñan no sector e apoialas no desenvolvemento dos seus proxectos a través de formación, visibilidade e financiamento. Desde a súa creación recibiron máis de 215 candidaturas de emprendedoras de toda España, con proxectos que van desde a produción sostible de queixos, o deshidratado solar de froitas e verduras ata a promoción do benestar animal e a alimentación saudable do gando, entre outros.  

O manexo das masas vexetais como vía para mellorar a apicultura

A importancia para as abellas do manexo de masas vexetais e a necesidade de recuperación de cultivos autóctonos foi un dos eixes temáticos dunha xornada online sobre o mel organizada por Frouma, en colaboración coa Asociación Galega de Apicultura e o Sindicato Labrego. Algúns dos retos que enfronta o sector son o aumento da superficie de eucaliptais en Galicia, que se cortan antes de estar en idades de floración, a perda de especies froiteiras autóctonas ou a mingua do nabo e as coles nas hortas galegas. O manexo de masas vexetais En Galicia hai máis de 300.000 hectáreas de eucaliptos. Trátase dunha especie que podería ser interesante para a apicultura, pero polo momento iso só é demostrable na variante ‘globulus’, en masas adultas. O problema é que se precisan masas en floración, “moi difíciles de alcanzar no noso territorio debido a falta de estacións de cultivo propicias, ás quendas de corta moi curtas e á expansión do eucalipto ‘nitens’, cortado en turnos que imposibilitan o seu aproveitamento floral”, explica Diego Sánchez, do Sindicato Labrego. A procura dun mellor ecosistema para a apicultura, segundo os ponentes, está vencellado ao desenvolvemento de espazos como as fragas, as formacións de ribeira, os soutos ou as superficies herbáceas. Sánchez considera que “son necesarios incentivos fiscais que procuren unha re-aposta por unha 'industria' comarcal de matogueiras e uces, e no caso dos soutos é primordial a súa recuperación, tanto para froito como para a flora que se da neste entorno, moi beneficiosa a nivel apícola”.
“En Galicia a apicultura depende do monte, polo que debemos apostar pola súa mellora nos espazos propicios para a apicultura” (Diego Sánchez)
Os pisos herbáceos son outro expoñente para as abellas moi extenso no territorio. A riqueza floral dentro dos campos permite unha recollida de pole máis rica e con mellores resultados. Hoxe en día, un dos problemas ao que se enfrontan estas superficies son “a carencia dunha produción diversa de especies nos pastos, que se está relegando pouco máis que ao ‘ray grass’”, afirma Diego Sánchez. Ademais, entre as problemáticas tamén están “as cortas, que ao ser en rotación apenas existe floración, ou o uso de pesticidas, que cómpre diminuír”, critica o membro do SLG e de AGA. A desaparición de árbores froiteiras autóctonas é outro fito a ter en conta. “A mingua destes tipos froiteiros veu dado, en parte, nos procesos de concentración parcelaria, polo que se necesita a recuperación e rescate de variedades locais”, reclama Sánchez. Neste mesmo sentido, outro fenómeno que marca a produción apícola é a menor presenza de nabos e coles na horticultura galego. Segundo Diego Sánchez “son especies moi visitadas polas abellas que, tras o cambio de dieta do gando, están quedando relegadas a un segundo plano”.
“É necesaria unha recuperación de especies froiteiras autóctonas, así como de cultivos de nabos ou coles, moi frecuentadas polas abellas” (Diego Sánchez)
A relación entre abellas e plantas Abellas e cultivos benefícianse ademais mutuamente. No proceso de obtención do mel, “as abellas teñen un importante rol na polinización, o que as vincula co resto de biodiversidade e a produción de alimentos”, afirma Suso Asorey, membro de AGA e poñente na xornada. En Galicia, unha gran parte do territorio é monte, e en palabras de Asorey, “un sitio ideal para a produción dos nosos meles”. En paralelo á diversidade medioambiental galega, está a pluralidade de cores e sabores do mel, desde brancos a negros, pasando por diferentes tipos de marrón. “Esta variedade débese ao tipo de pole que se utiliza para a súa fabricación. Ao haber un 70% de pequenos produtores de tantas zonas diferentes leva a existencia de moitos meles”, especifica Xesús Asorey. En función do tipo de árbore, a proporción de pole ten que ser unha ou outra para que se poida atribuír o tipo de mel á planta. “O eucalipto ‘globulus’ de máis de 30 anos é interesante e o mel poderíase etiquetar se ten unha proporción de pole igual ou maior a un 70%”, comenta Asorey. Igualmente, este membro de AGA fai referencia ás dificultades que supón o cambio climático na produción de pole das árbores, e mesmo ás consecuencias da importación de meles, pois “é un produto que non aporta polinización local”.
“O mel podemos importalo, pero a polinización e os seu efectos positivos na biodiversidade non” (Xesús Asorey)

Pesticidas de alta perigosidade

A bióloga Rebeca Vázquez, pola súa banda, incidiu nos pesticidas de alta perigosidade. Son , por norma xeral, os que persisten durante moito tempo no espazo aplicado e nas zonas que o rodean. Isto ten consecuencias sobre as abellas “aportándolles cambios fisiolóxicos e sociais, como o síndrome do colapso das colonias”, detalla Vázquez. Parte dos pesticidas con maior impacto nas abellas xa se prohibiron e apareceron outros máis ecolóxicos, pero o problema non desapareceu. Desde o sector, recoméndase que os profesionais do agro atendan á etiquetaxe dos pesticidas, para escoller aqueles con menor impacto. Como pode axudar a PAC?. A política agraria pode ofrecer unha “condicionalidade mellorada”, segundo denominou Vázquez, baixo a finalidade de “protexer aos polinizadores e diminuír o uso de pesticidas”, reclama a bióloga. Algúns exemplos de melloras pode ser “o establecemento dunha guía de boas prácticas, evitar o uso preventivo dos fitosanitarios, ou crear hoteis para abellas para que así non sufran as consecuencias dos sulfatos”, aconsellou Rebeca Vázquez.