Archives

Nace a Asociación de Criadores de Apis Mellifera Iberiensis de Galicia

A finais de novembro de 2023 tivo lugar en Outeiro de Rei (Lugo) a constitución da Asociación de Criadores de Apis Mellifera Iberiensis de Galicia, co obxectivo de agrupar as principais asociacións de apicultoras e apicultores galegas, cooperar con elas en cadanseu Programa de selección da abella negra galega (Panega) e máis axuntar as e os criadores de abellas nais de Galicia, así como de defender e promocionar a abella negra galega, co propósito de conservar e mellorar a nosa abella local. Os seus fins, especificados nos seus Estatutos, son os seguintes: a) A defensa global e a conservación da subespecie de abella Apis mellifera iberiensis. b) Fomentar programas de cría, conservación e selección da abella negra galega. c) Participar na caracterización da raza Apis mellifera iberiensis e na implantación e no funcionamento do seu libro xenealóxico e programa de mellora. d) Cooperar coas asociacións de apicultores de Galicia na promoción e difusión da abella negra galega. e) Colaborar con centros de investigación, universidades e outras entidades implicadas no desenvolvemento de programas de mellora apícola e dar a coñecer os avances obtidos. f) Agrupar os criadores galegos da Apis mellifera iberiensis para asesoralos tecnicamente e defender os seus dereitos e intereses comúns.» A composición da primeira Xunta Directiva de Amiga é a seguinte: Presidente: Marcos Varela Lorenzo Secretario: Xosé Manuel Durán Orús Tesoureiro: Alberto Vidal Gándara Vogal 1: Benito Martínez Viéitez Vogal 2: Benigno Basteiro Rodríguez. A constitución desta asociación foi necesaria para podermos representar Galicia e integrarnos na Confederación española de criadores de Apis mellifera iberiensis (na que hai xa unhas sete federacións autonómicas), co fin de elaborar un programa de cría uniforme en toda España e chegar a xestionar perante o Ministerio con competencias na materia e a Administración estatal o necesario recoñecemento oficial como raza e xestionar o libro xenealóxico desta. Como sinalan os seus fins, esta asociación Amiga ponse á disposición dos criadores e das criadoras de Galicia e das entidades apícolas para colaborar en posibles actividades relacionadas con este tema da selección da abella negra galega, na que AGA está involucrada. O contacto con Amiga para coñecer esta entidade, demandar información sobre os seus dereitos e intereses comúns a respecto da cría de raíñas galegas, solicitar a ficha de inscrición ou asociarse a ela é o seguinte: criadoresamiga@gmail.com. Polo de agora, a cota anual asociativa aínda está pendente de establecer por parte da asemblea xeral. Con esta ocasión, tamén se vos comunica que o Grupo Operativo Panega de AGA, no que hai inscritas 28 persoas para a testaxe de raíñas, se poñerá en marcha neste mes de decembro, das que haberá que seleccionar 10 abelleiros/abelleiras titulares e 5-10 suplentes repartidos pola xeografía galega. Ademais da xente con experiencia demostrada, estamos a ver de agrupar algunhas persoas testadoras por veciñanza comarcal para poderen compartir apiarios de selección e teren máis opcións de resultar seleccionadas.

Curso de selección e mellora xenética da abella negra autóctona galega

A Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria- organiza un curso de mellora xenética e selección da abella negra autóctona galega. A acción realizarase a vindeira semana, os días 9 e 10 de maio, no Centro de formación e experimentación agroforestal de Becerreá (Lugo), en horario de 9:00 a 14:00 horas. A iniciativa constará de 10 horas lectivas, a metade teóricas e a outra metade prácticas. Deste xeito, para abordar a selección de exemplares, nas sesións tratarase a poboación de abellas, a cría, o comportamento de defensa, a tendencia á enxamia e a produción de mel. Tamén a mortandade natural por varroase, o nivel de infestación da varroa e como acometer tests de hixiene, co establecemento dunha colonia de ensaio a partir dun núcleo. Seguidamente, instruirase sobre a preparación da nova colmea, a súa forza e saúde, a selección de cadros de abellas, a transferencia de cadros na nova colmea e a comprobación do volume de abellas en comparación co alimento necesario. Por último, de cara á fase de reprodución, formarase sobre a cría de raíñas, a fecundación natural e a fecundación artificial. Máis aló do obxectivo concreto do curso, a acción persegue fomentar a competitividade e a eficiencia dos recursos apícolas contribuíndo á sustentabilidade da economía rural, así como impulsar o desenvolvemento de pequenas explotacións que poidan ser viables economicamente, facilitando a entrada no sector de apicultores adecuadamente formados. Nesa liña, quérese fomentar tamén a transferencia de coñecementos e innovación aos produtores para alcanzar os obxectivos da Estratexia Europa 2020 dun crecemento intelixente, sustentable e integrador. Ao tempo, perséguese apoiar a prevención e a xestión de riscos nas explotacións apícolas e restaurar, preservar e mellorar os ecosistemas relacionados coa apicultura. Esta iniciativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector. As persoas interesadas en participar neste curso poderán atopar aquí máis información e as solicitudes de preinscrición correspondentes que deberán remitir cubertas ao enderezo electrónico mercedes.fra.perez@xunta.gal. Os interesados tamén poden obter información adicional no teléfono 982 828 370.

A Casa do Mel de Goente logra financiamento para continuar co programa de selección xenética da abella negra local

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente da Asociación Apicultores Casa do Mel, Manuel Ferreira, acompañados da concelleira de Turismo do Concello das Pontes, Elena López, asinaron este luns o convenio polo que a institución provincial financia o programa para a selección, reprodución e mellora xenética da abella negra local que está a desenvolver a Casa do Mel situada en Goente. A achega provincial, que ascende aos 18.499,44 euros, permitirá executar o plan de recuperación e mellora xenética da abella local que se elaborou co asesoramento da Oficina de Transferencia da Investigación da Universidade de Murcia e da doutora experta na materia, Pilar de la Rúa Tarín. Segundo argumentan desde a Casa do Mel, a recuperación da abella negra local presenta unha dobre vertente positiva, xa que non só repercute na biodiversidade da especie, na conservación e protección dos ecosistemas e da paisaxe do territorio nos que se recupera e fixa a poboación, senón que tamén permite lograr unha maior produción co consumo de menos recursos, debido á mellor adaptación desta abella ao medio e a súa resistencia ás enfermidades máis comúns.

Os piares para recuperar a abella local

Os obxectivos específicos do proxecto que se propón englóbanse en tres puntos principais. Por unha banda búscase recuperar e conservar a abella local, logo de anos de introdución de liñas de abella italiana con cruzamentos e hibridación coa autóctona. Tamén procuran a mellora xenética da abella local para manter a súa adaptación ao medio e mellorar algunha das características produtivas, sanitarias e de mansedume. O proxecto pretende ademais conseguir a expansión da abella local entre os apicultores do territorio para que poidan obter unha maior produtividade, reducir as perdas, ampliar a supervivencia dos enxames e, en definitiva, ter unha mellora no rendemento das explotacións. Manuel Ferreira explicou que a importancia do programa radica en que “a abella negra sufriu unha forte erosión xenética nos últimos tempos debida á merma das colonias e a importación de razas foráneas, que tivo como consecuencia a aparición e rápida difusión de colonias híbridas, poñendo en perigo a subsistencia da abella local que queremos manter”. Pola súa banda, durante a sinatura do convenio,Valentín González Formoso destacou o traballo que se fai desde a Casa do Mel que viu incrementada a súa actividade exponencialmente nos últimos anos debido á incorporación de novos socios. Ademais, subliñou que realiza un labor moi importante que repercute na economía local, comercializando no pequeno comercio o excedente de mel que produce, contribuíndo á promoción dun produto típico e local como o mel, e ademais proporciona información, formación e especialización aos apicultores para que estes acaden unha maior produtividade, un incremento na calidade dos seus produtos e, polo tanto, unha maior penetración e diferenciación no mercado.

Curso de reciclaxe da cera de abella en Boqueixón

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón, acolle este sábado, día 20, un curso sobre a reciclaxe da cera de abella. A xornada será en horario partido, de 10.00 a 1400 horas e de 15.30 a 19.30 horas. O obxectivo desta xornada é fomentar a competitividade e a eficiencia dos recursos apícolas. O curso versará sobre os tipos e calidades de cera, a preparación e o fundido. Tamén se abordarán os distintos tipos de laminación e estampación, así como os residuos que poida ter este produto natural. A acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector. As persoas interesadas no curso poden obter información adicional no teléfono 881 867 331. Para formalizar a inscrición na xornada deberá descargarse o formulario e remitilo cuberto ó enderezo electrónico cursos.agacal.sergude@xunta.gal. O curso inclúese na oferta formativa que a Consellería do Medio Rural está a levar a cabo a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

Impulsan un centro de selección xenética da abella autóctona no Xurés

Están a darse xa os primeiros pasos para a creación dun centro de selección xenética da abella autóctona nos montes do Xurés (Ourense). Trátase dun proxecto piloto co que mellorar os recursos apícolas do parque natural a través da selección das mellores colmeas e a cría posterior de raíñas procedentes delas. No proxecto, que conta con financiamento europeo, participan a Asociación Apícola de Bande, xunto coa Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga) e a Universidade de Vigo. Serán os propios apicultores do Xurés os que se encarguen de xestionar o centro co apoio e asesoramento tanto da Universidade como de Asefoga. O centro de selección xenética xurde como a ferramenta para lograr localizar e preservar a abella autóctona, mellor adaptada ó ecosistema do parque. Ademais, neste proceso de selección tamén buscan lograr colmeas cunha maior produción e máis resistentes a enfermidades como a varroa, principal ameaza dos apiarios. Nesta fase inicial, os apicultores están a localizar aquelas colmeas que poidan ter abellas autóctonas. “Estamos contactando cos apicultores máis veteranos que non mercasen raíñas e achegándonos a aqueles pobos máis remotos para procurar colmeas autóctonas”, explica Xurxo Domínguez, presidente da Asociación Apícola de Bande, un dos socios do proxecto.

Apiario experimental

Unha vez localizadas e adquiridas estas colmeas, será a Universidade de Vigo a que se encargue da análise morfolóxica e xenética para identificar aquelas abellas locais con mellores características. Das colmeas seleccionadas obteranse raíñas coas que crear un apiario experimental xa nesta vindeira primavera. Precisamente, unha das fases máis complexas é a cría das novas colmeas de abellas autóctonas, posto que se trata dunha fecundación controlada só coas abellas seleccionadas. “Estamos a buscar espazos illados onde colocar estas colmeas e que nos sirvan para reproducir as colmeas e obter raíñas con tódalas garantías”, apunta Domínguez.
Contarán cunha aplicación móbil e con colmeas con sensores para facilitar a monitorización das abellas
No apiario experimental, os propios apicultores encargaranse do seguimento e recollida de datos das abellas. “Medirase a infección de varroa e ó final da campaña a produción de mel”, detalla o apicultor. Nesta fase do proxecto contarán co apoio de Asefoga, que se encarga do deseño dunha aplicación móbil e de colmeas con sensores para facilitar a monitorización das abellas. Ademais das colmeas monitorizadas no apiario experimental, repartiranse outras colmeas con estes sistemas de seguimento entre algúns dos apicultores que participan no proxecto. “Deste xeito obteremos datos máis variados e non só dunha zona determinada”, concreta o abelleiro. Ó remate da campaña 2022 agardan ter xa realizada unha selección das mellores colmeas, aquelas abellas autóctonas con maior resistencia e produción, polo que no segundo ano do proxecto o obxectivo é reproducir masivamente estas colmeas para repartilas entre os apicultores voluntarios da comarca.