Archives

Véndense xovencas A2A2 próximas ao parto

Nave de recría de SAT O Palomar SAT O Palomar, unha gandería de leite con 320 vacas en produción, ubicada no concello de Láncara, ten neste momento excedente de recría e pon á venda un lote de xovencas próximas ao parto.  Os animais teñen neste momento 23 meses de idade e parirán no mes de agosto. Son todas xatas A2A2 preñadas con seme sexado e contan cun alto nivel xenético, pois son fillas de touros como Doc, Luster e Doctor. Posúen ademais todas un pedigrí con dúas xeracións BB ou MB.  A explotación da que proceden forma parte dunha ADSG, o que garante uns protocolos sanitarios axeitados do gando en todo o proceso de recría, polo que se trata dunha boa oportunidade de adquirir animais que contribúan á mellora xenética do rabaño da gandería que as reciba.  As persoas interesadas poden contactar con Odón no teléfono 629066778.

Un momento no que é difícil conseguir xovencas

Os bos prezos que están a acadar neste momento as vacas de desvelle e o encarecemento dos custos de produción para a alimentación do gando están a facer que moitas ganderías de leite estean a dar saída dos establos ás vacas máis vellas reemprazándoas con recría.  Isto está a facer que a oferta de xovencas no mercado sexa escasa e os prezos se teñan incrementado notablemente. Do mesmo xeito, países que tradicionalmente exportaban animais de primeiro parto, como é o caso de Francia e Holanda, reduciron moito a súa cabana, polo que non está a ser doado neste momento conseguir recría. Esta situación está a supoñer un problema naquelas ganderías que optan por non criar e basean a súa estratexia en mercar os animais para o reemprazo. 

Unha empresa biotecnolóxica de Lugo, Amslab, lanza un servizo para certificar os lácteos A2

A firma biotech galega Amslab, ubicada en Lugo, incorporou a súa oferta un servizo de análise para a identificación das proteínas A1 e A2 nos produtos lácteos. Esta nova liña de Ambslab, empresa socia do Clúster Tecnolóxico das Ciencias da Vida (Bioga), responde ás necesidades do mercado, segundo asegura a compañía. “Hai unha tendencia de mercado que cada vez máis busca ofrecerlle ós consumidores leite do tipo A2, máis dixerible e que evita as molestias estomacais que teñen algunhas persoas consumindo leite”, explica Amslab. A diferenza do leite A2 está no xeito en que as proteínas actúan no sistema dixestivo. Cando se inxire a proteína A1, libérase un péptido, chamado BCM7, que pode provocar efectos adversos relacionados co malestar estomacal ou problemas autoinmunes. Eses síntomas, que ás veces se relacionan erroneamente con intolerancia á lactosa -un azucre do leite-, desaparecen co leite A2. “É por este motivo que tanto consumidores como gandeiros e industrias lácteas buscan cada vez máis leite do tipo A2. O obxectivo do noso servizo consiste en certificar que os leites que se comercialicen como A2 conteñan só este proteína”, asegura en nota de prensa Manuel Lolo, CEO de Amslab. Betacaseínas A2 e A1 Os lácteos conteñen distintos tipos de proteínas. Entre elas figuran as betacaseínas, que representan arredor do 30% das proteínas do leite. As dúas variantes de betacaseínas son a A1 e a A2. En función do xenotipo, as vacas producirán leite só A1 (no caso das vacas A1A1), con mestura de betacaseínas (as vacas A1A2) ou só A2, o procedente das vacas A2A2. En España, é pioneira a marca galega Deleite na comercialización do leite A2A2 a gran escala, se ben espérase que novas industrias lancen as súas propias gamas de A2 nos próximos meses. Trátase dunha tendencia en auxe a nivel internacional, con boas perspectivas de consumo e con prezos premium, o que beneficia tanto ás granxas como ás industrias e supermercados.

Plan de reactivación da Granxa Mouriscade: primeiras medidas e resultados

Hai pouco máis dun ano, na Finca Mouriscade, dependente da Deputación e situada en Lalín (Pontevedra), poñíase en marcha un Plan de Reactivación da gandería, unha estratexia para volver situar a Mouriscade como referente en mellora xenética de vacún de leite, non só a nivel autonómico senón estatal. As primeiras medidas impulsadas nestes meses, así como os resultados que están a lograr foron algúns dos temas que abordou o xefe de sección de gandería da Finca e veterinario, Héctor Martínez Sanz, durante a súa presentación do proxecto nos XVI Encontros Gandeiros da ADS Xundeva, celebrados na capital do Deza. A mellora xenética por transferencia de embrións volve ser a aposta para a Granxa de Mouriscade, un camiño no que agora botan tamén man doutras ferramentas como a xenómica, coa que acurtar prazos e afianzar resultados. O traballo con embrións de alto valor xenético foi a vía coa que o centro conseguira no 2010 e 2011 situarse como número un no índice ICO en España e co Plan de Reactivación buscan recuperar esas posicións para proporcionar material xenético de calidade ás granxas galegas.
“Imos seguir coa compra de material xenético co que producir embrións nunha cantidade suficiente para atender a demanda das ganderías da provincia”
“A xenética segue a ser a vía para mellorar a eficiencia das ganderías de vacún de leite, non debemos escapar dela. Dende Mouriscade imos seguir cun plan de mellora xenética, coa compra de material xenético co que producir embrións nunha cantidade suficiente para atender a demanda das ganderías da provincia”, explica Héctor Martínez. Hector Martínez durante a presentación do programa de reactivación da granxa nos Encontros de Xundeva.

Selección do material xenético

Nesta nova etapa Mouriscade segue cos embrións, ó considerar que é o camiño para avanzar na mellora xenética nas ganderías, xa que a diferenza da adquisición de animais, con este método redúcese o risco de infeccións, custos de transporte e de compra. Ademais, evítanse as corentenas e lógrase unha maior selección e adaptación dos animais. A xenómica, a análise do ADN para coñecer as aptitudes do animal, é a outra gran aposta do centro. Martínez destaca que este método permite detectar non só os animais máis valiosos da granxa senón tamén os peores para poder eliminalos, así como os xenes indesexables. Ademais, esta análise permite coñecer o potencial xenético nas xatas e os seus puntos febles para poder corrixilos nos cruzamentos. “A xenómica permítenos mellorar a taxa de ganancia xenética e reduce o intervalo xeracional”, destaca.
Na selección de material xenético prestaron atención ós índices xenómicos nacional, americano e canadense para lograr os mellores animais
Na procura de animais cunha destacada xenética, Mouriscade fixouse tanto no mercado nacional como internacional á hora de comprar material xenético. “A nosa premisa é conseguir os mellores embrións e para iso estamos mirando índices xenómicos nacionais (GICO), pero tamén outros destacados a nivel mundial, como o americano (GTPI) e o canadiense (GLPI)”, detalla. Martínez apuntou que decidiron ter en conta non só os índices nacionais senón outros referentes mundiais polas diferenzas que comezan a observarse entre uns e outros. “Sendo índices moi semellantes (porque ambos buscan conformación, saúde e produción) hai criterios moi diferentes e non podemos obviar o que están a facer americanos e canadenses”, apunta.
O índice americano pasou a puntuar negativamente o carácter leiteiro dunha vaca, que antes era un valor apreciado. Agora considérase que son vacas menos lonxevas
Así, os americanos están a valorar cada vez menos a produción de leite e priorizan a obtención dos sólidos (graxa e proteína), ambos ó mesmo nivel. No índice americano (TPI) están a incluírse valores novos como a eficiencia alimenticia, significativa para a rendibilidade económica da granxa, ou a docilidade dos animais, o que facilita o manexo na granxa. No índice americano mesmo hai características que puntúan negativamente, como o carácter leiteiro, que ata hai uns anos era un valor moi apreciado. “O carácter leiteiro está xa a valorarse como negativo, ó considerar que son vacas menos lonxevas. Este cambio dá conta de como evoluciona a percepción no sector”, comenta o veterinario, ó tempo que incide sobre a importancia de ter presente estes cambios. Ademais, no índice americano a fertilidade está a ser un dos aspectos máis destacados.
Na selección xenética están a incluír as caseínas pola importancia que están a ter no mercado
A selección do material xenético tamén está ligada ás caseínas, dada a importancia que están a ter estas proteínas de alto valor biolóxico no mercado lácteo. “Tanto as beta caseínas A2A2 como a Kappa caseínas BB están a marcar diferencia no prezo que pagan algunhas industrias, polo que poden ser tamén de interese para as ganderías”, concreta Martínez.

Primeiros resultados

Nestes primeiros meses dedicouse unha partida de 45.000 euros á adquisición de material xenético co que lograron 30 xestacións de alto valor xenético. A nivel internacional adquirírono a través da firma Boviteq, filial de Semex en Canadá, que conta cun destacado programa de cría de touros e tenreiras de alto valor engadido. En concreto adquiriron un total de 42 embrións e lograron unha alta taxa de preñez, case do 60%. No ámbito nacional apostaron por incorporar material xenético de destacados animais como Channel, unha vaca nacida no 2019, cun gran valor xenético e que proporcionou xa 4 touros que están repartidos en centros especializados, como o de Xenética Fontao, que adquiriu 3 deles. Ademais, conta cunha alta puntuación en valores como a lonxevidade. Nestes últimos meses do ano están xa a nacer as primeiras crías deste novo ‘rabaño de elite’ a disposición do sector.

Outras liñas de traballo

Parellas a estas medidas, no marco do Plan de Reactivación tamén se levaron a cabo outros cambios na xestión da granxa. Un dos máis significativos foi a redución considerable da produción e venda de leite dende esta gandería. “Estase producindo só o mínimo posible de leite en base ás necesidades para poder levar a cabo o plan de mellora xenética”, apunta Martínez. A produción de leite dende a granxa foi unha das cuestións máis criticadas nos últimos anos por gandeiros e entidades do sector, ó reprochar que a granxa, simbolicamente, exercía competencia directa cos produtores da provincia.
“En Mouriscade imos ter só aqueles animais que sexan de gran utilidade para o sector”
Para reducir a cantidade de leite estase realizando unha selección estrita de animais e véndense mediante poxas aqueles que non cumpren cos criterios fixados. “En Mouriscade imos ter só aqueles animais que sexan de gran utilidade para o sector”, apunta o veterinario. Ademais da xenética, outra das vías sobre a que están a traballar na Granxa Mouriscade é a eficiencia alimentaria, para lograr producir o mesmo leite ou mesmo incrementar a produción cun menor consumo de materia seca. “Pénsase que a eficiencia alimentaria non tardará en incorporarse nas probas xenómicas en España, polo que nós xa estamos traballando tendo presente a importancia que ten para as ganderías”, comenta Martínez.
En colaboración con Conafe están a realizar un estudo sobre a eficiencia alimentaria no vacún de leite
Na Granxa Mouriscade están a realizar ensaios neste campo en colaboración con Conafe. Os traballos céntranse no seguimento da inxesta que fan os animais, co control da cantidade de comida que inxiren e o número de veces que van ó comedeiro e as variacións que se producen no fluxo de leite. “Buscamos ser útiles para o sector e redundar na mellora das ganderías”, conclúe o responsable da Granxa. No Plan de Reactivación da Granxa tamén se inclúe a adquisición dun laboratorio móbil, que como recoñeceu Martínez, está a demorarse pola crise mundial de abastecemento de microchips derivada da pandemia. Outra das liñas de traballo nas que buscan incidir é na elaboración dunha base de datos da granxa e a construción dunha páxina web para ofrecer maior transparencia ó sector sobre os proxectos e resultados que se logran na granxa.
Contemplan realizar visitas didácticas ás instalacións e abren a posibilidade a colaborar co sector do vacún de carne
Tamén están a continuar coa colaboración con casas comerciais para a realización de campos de ensaio sobre forraxes coma o millo ou as pradeiras. Manteñen ademais aberta a colaboración en estudos coa Universidade galega sobre a xestión dos xurros, así como para acoller estudantes en formación. Neste sentido, o Plan aposta por unha apertura das instalacións a visitas tanto de profesionais vinculados ó sector como da cidadanía. Aínda que polo momento están centrados só no vacún de leite, nesta nova etapa tamén se abre a posibilidade de que Mouriscade colaborar co sector da carne para o estudo de razas galegas como a Rubia Galega ou outras que poidan resultar de interese para os gandeiros.

Como o leite A2 está emerxendo en todo o mundo?

O leite de vacas A2, caracterizado por aportar unha dixestión máis confortable que o leite convencional, entre outros beneficios, é unha gama en expansión en todo o mundo. Arredor de 20 marcas están a vender xa leite A2 en mercados de Asia, Oceanía e Estados Unidos, un grupo reducido ó que se vén de unir a marca galega Deleite coa súa aposta de comercializar o Deleite A2 en todo o Estado. A comercialización do leite A2 iniciouse hai máis de 15 anos en Nova Zelanda, da man da compañía ‘The A2 Milk Company’, pero non foi ata os últimos anos cando grandes compañías mundiais como Fonterra, Nestlé ou Danone comezaron a implicarse na produción e comercialización de leite A2, tanto para o seu envasado como leite líquido como para a súa inclusión en fórmulas infantís. “As grandes compañías. lideradas por Fonterra, pelexaron durante anos contra o leite A2 porque o vían máis como unha ameaza que como unha oportunidade”, explica o investigador neozelandés Keith Woodford, un dos principais divulgadores internacionais sobre os beneficios do leite A2. Non foi ata 2018 cando a neozelandesa Fonterra decidiu lanzar a súa propia gama de lácteos A2. O cambio de postura das grandes compañías internacionais completouse coa decisión de firmas como Nestlé ou Danone de iniciar nalgúns países a comercialización de fórmulas infantís baseadas en leite A2. O feito de que o leite materno tamén sexa A2, é dicir, libre da betacaseína A1 -ligada con molestias dixestivas-, está a impulsar o seu uso nos lácteos infantís, en combinación con soro lácteo desmineralizado, rico en proteína. Perspectivas A única dificultade de producir e comercializar leite A2 está en contar con granxas que teñan iniciada a selección de vacas A2 e que recollan en tanques independentes o leite das vacas A2 e o das convencionais, que presenta unha mestura de betacaseínas A1 e A2. É un proceso que require de tempo e investimentos. Leite Noso, a sociedade gandeira que lanzou o Deleite A2, revelou que parte das súas granxas levaba xa catro anos co proceso de conversión a leite A2, evitando usar touros que non fosen A2 na inseminación do seu rabaño. É unha decisión que se está a demostrar acertada para as ganderías, pois cobran o leite A2 cunha prima adicional de 5 céntimos en relación ó prezo do leite convencional. Para a marca Deleite, que prepara unha campaña de marketing a nivel de toda España, os ingresos tamén aumentarán, pois posicionará o seu leite nos supermercados a un prezo premium, en consonancia co escenario internacional do leite A2, que se comercializa na maioría dos países a un prezo un 50% superior ó das primeiras marcas de leite convencional.
“Ás veces os gandeiros pregúntanme canto tempo pasará ata que desapareza a prima A2. A miña resposta é que están facendo a pregunta incorrecta. A longo prazo, a pregunta é cando será posible só vender o leite A1 con desconto de prezo" (Keith Woodford, investigador)
É previsible que o movemento de Deleite co leite A2 sexa seguido nos próximos anos por outras industrias lácteas no mercado español. A futurible expansión do leite A2 nos supermercados españois, un proceso que xa se viviu en países como Nova Zelanda, pode xerar incertezas sobre o valor futuro que terá esta gama de lácteos, pero o investigador Keith Woodford, considera que esa visión é incorrecta. “Ás veces os gandeiros pregúntanme canto tempo creo que pasará ata que desapareza a prima A2 no prezo do leite. A miña resposta é que están facendo a pregunta incorrecta. A longo prazo, a pregunta é cando será posible só vender o leite A1 con desconto de prezo. Esa situación pode estar todavía moi lonxe, pero avecíñase”, reflexiona Woodford, que analizou neste recente artigo como o leite A2, un leite que naceu como unha marca en Nova Zelanda, se convertiu xa nunha categoría de lácteos a nivel global. Woodford destaca tamén o aumento exponencial que está detectando no número de investigacións científicas relacionadas cos beneficios para a saúde do leite A2, uns beneficios que el sitúa tanto no campo dixestivo como no inmunolóxico. O investigador subliña en especial a importancia do leite A2 á hora de reducir a presenza do aminoácido BCM-7 no proceso dixestivo, pois apunta que se trata dun aminoácido perxudicial para a saúde que pode ter efectos inflamatorios e inmunolóxicos diversos.

Deleite lanza en España o leite A2, un leite natural máis dixerible

A marca galega Deleite, impulsada por gandeiros galegos, está a lanzar ó mercado o leite A2, caracterizado por ser máis dixerible que o leite convencional, entre outros beneficios. O leite A2 é un leite puro e natural, sen aditivos, que destaca por conter só proteínas con betacaseína A2. É unha pequena pero significativa diferenza. O leite convencional presenta unha combinación de dúas betacaseínas, A2 e A1. O que fai especial ó leite A2 é a ausencia da betacaseína A1, que, entre outras cuestións, relaciónase con molestias dixestivas nunha parte da poboación. O leite A2 comezouse a producir e a elaborar hai máis de 15 anos en Nova Zelanda, desde onde se extendeu a outros países como Estados Unidos, China ou Australia. Esta será a primeira ocasión en que o leite A2 se produce e se comercializa a gran escala en Galicia e no resto de España, constituíndo tamén un fito a nivel europeo, onde só houbo ata o de agora pequenas experiencias. Un leite natural 100% galego Como se obtén o leite A2?. O leite A2 é producido de xeito natural polas granxas que lle entregan a Deleite, que durante os últimos anos seleccionaron vacas que producen leite que contén só a proteína con betacaseína A2. Esta selección dos animais, que se fai cun sinxelo test de ADN, permite garantir que todo o leite comercializado pola marca Deleite é leite A2. A maioría das ganderías que lle entregan á sociedade están aínda no proceso de conversión dos seus rabaños a vacas A2, pero recollen en tanques independentes o leite A2 e o leite convencional, de xeito que ambos leites son tamén transportados e procesados de xeito independente, un proceso que está sometido a unha dobre certificación. Deleite comercializará a partir de agora só leite A2, de xeito exclusivo, se ben a outra marca de Leite Noso, Muuu, adicarase previsiblemente a leite convencional 100% galego, para a súa comercialización a nivel estatal, segundo explicou hoxe en rolda de prensa o director de Leite Noso, Pedro González. Estabilidade para as granxas e prezo diferenciado As granxas que lle entregan a Deleite leite A2 asinaron nos últimos meses contratos a un prezo diferencial, por riba do que se paga polo leite convencional. Deste xeito, a marca galega, impulsada polos propios gandeiros, consolida a súa aposta de pagar no campo prezos xustos e con contratos estables a 3 anos. O director de Leite Noso, Pedro González, cifra en 5 céntimos o plus que está a pagar a marca no campo polo leite A2. “En leite convencional, estamos na gama alta de prezos, e polo leite A2 estamos pagando unha prima de 5 céntimos, a maiores das primas de calidade”, explicou. Nos puntos de venda, Deleite pasa a situarse na liña de prezos das marcas premium, se ben cunha oferta de lanzamento estas primeiras semanas. Leite Noso ten previsto desenvolver unha campaña de marketing en toda España para dar a coñecer e posicionar o seu leite A2. Tres dos gandeiros que lle entregan a Deleite o leite A2: Jesús Martínez (Vilasantar), Carlos Fernández (Touro) e Xusto Sánchez (Ponteceso), na presentación de hoxe. Distribución Deleite está a iniciar estes días en Galicia a comercialización do seu leite A2 e nas próximas semanas extenderá a súa distribución ó resto de España. Coincidindo co lanzamento do Deleite A2, Leite Noso está a ampliar ademais a súa rede de distribución na comunidade. A maiores dos supermercados de Vegalsa – Eroski, grupo Cuevas (Aquí, Plenus), Carrefour, Alcampo, El Corte Inglés e tendas tradicionais, onde xa se comercializaba Deleite, desde agora pode atoparse tamén nos supermercados Froiz e Gadis. Parte dos establecementos xa teñen a venda o leite A2 e o resto porao nos liñais estes días. O leite A2 comercialízase en formato litro en versión enteira, semi e desnatada, así como en dúas opcións sen lactosa (semi e desnatada). Tamén se lanza en formato de mini-briks de 200 mililitros, e proximamente completarase este formato cunha gama de leite con cacao.

Beneficios do leite A2

Os estudos clínicos comprobaron que as persoas que teñen molestias dixestivas bebendo leite convencional -que son arredor dun 34% da poboación en España (EFSA, 2010)- declaran sentirse mellor bebendo leite A2, cunha dixestión máis confortable. As investigacións demostraron que co leite A2 redúcense nestas persoas a dor abdominal e os gases, en comparación co consumo de leite convencional, segundo explicou Marcial Gende, técnico de Leite Noso, hoxe na rolda de prensa de presentación do Deleite A2 Os beneficios do leite A2 complétanse co seu positivo efecto a nivel inmunolóxico, pois constatouse que o seu consumo reduce os marcadores inflamatorios intestinais, diminúe a presenza do aminoácido BCM-7, que pode ter efectos adversos na saúde, e aumenta a produción natural do antioxidante glutatión. O leite orixinal O leite A2 é un leite completamente natural e de feito considérase o leite orixinal, pois ata hai 10.000 anos as vacas só producían leite A2. As granxas que suministran a Deleite seleccionaron vacas que producen só leite A2. O resto das granxas entregan un leite convencional que presenta unha mestura de proteínas con betacaseínas A2 e A1. Parte dos problemas de intolerancia ó leite que se asocian normalmente á lactosa, un azucre presente no leite, débense en realidade á proteína A1. Para as persoas que certamente non poidan consumir lactosa, Deleite lanza tamén un leite A2 sen lactosa.

Sobre Leite Noso

Leite Noso é unha sociedade impulsada por gandeiros galegos que naceu co obxectivo de asumir a transformación e comercialización do leite das súas granxas provedoras. A sociedade iniciou no 2016 a comercialización da marca Deleite en diferentes cadeas de distribución e tendas de proximidade de Galicia, realizando tamén unha experiencia a nivel estatal coa marca Muuu por medio dun acordo con Carrefour. Leite Noso, que se situou na súa primeira etapa como unha ‘marca xusta’ de leite galego de calidade, engade agora un plus ao seu posicionamento entre os consumidores. Sen perder a súa esencia orixinal, Leite Noso centrouse na diferenciación desde a orixe coa produción de leite A2, que se sitúa no mercado como o mellor leite natural posible.

“A pandemia fixo aumentar o consumo de leite pero se non seguimos traballando para expandir os produtos lácteos na poboación será pasaxeiro”

Carlos Spuch, investigador do Grupo de Neurociencia Traslacional no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur O Día Mundial do Leite foi establecido no ano 2001 pola FAO para recoñecer a súa importancia como alimento global. Cada 1 de xuño, produtores de distintos lugares do planeta, tamén galegos, reivindican o seu traballo e a súa contribución á saúde da humanidade. Pero un dos alimentos máis sans e completos que existe está a sufrir desde fai anos ataques inxustificados e sen base científica. Para desbotar estas fake news consultamos co investigador galego Carlos Spuch, que nos aporta argumentos reveladores para seguir confinado ao leite un papel preponderante na nosa dieta diaria. – Cales son os beneficios do consumo de leite e produtos lácteos? – Os beneficios dos produtos lácteos son inmensos, ao leite e produtos lácteos pódeselles considerar como un superalimento porque só tomando unhas racións diarias de produtos lácteos estás a tomar case todos os nutrientes que necesitamos para vivir saudablemente. Sabemos que o leite é moi bo polos nutrientes que ten, para o noso sistema cardiovascular, para o noso sistema inmune, para evitar a obesidade, para controlar a presión arterial, e o máis importante, porque está moi boa.
O leite é un superalimento: é bo para o sistema inmune, para o sistema cardiovascular, para evitar a obesidade e para controlar a presión arterial
Aquí quero resaltar algo moi importante, a maior parte dos beneficios están na graxa dos produtos lácteos, e o sabor destes tamén. Que significa isto? Que o máis san e saudable, aínda que pareza paradoxal, é tomar os produtos lácteos coa súa graxa, é dicir, leite enteiro, iogures coa súa graxa, queixos coa súa graxa, manteiga, xeados, etc. – Que recomendacións darías en canto a consumo de leite e derivados? – As recomendacións de racións diarias varían entre as diferentes idades, obviamente non é o mesmo falar de nenos, adolescentes, adultos ou persoas maiores, pero tampouco me gusta falar de recomendacións diarias porque iso implica como unha obriga para comer certas cousas e cantidades. O máis importante cando comemos é que gocemos a comida, que o que comamos sexa san, de proximidade e que non sexa procesado, pero non pensemos en que temos que comer certas cousas ao día, hai moitos produtos lácteos diferentes para que cada un tome o que queira nese momento. – É preocupante a rebaixa do consumo de leite nun grupo de idade como son os nenos? – Se nos centramos nos nenos, o leite é un produto fantástico. Moitas veces os nenos, porque non teñen fame ou queren irse xogar rápido, queren comer rápido. Pero o que lles damos ten que ser algo nutricionalmente bo, san e que os encha e aí temos nos produtos lácteos unha das grandes estrelas: achégalles o calcio, vitaminas, proteínas e graxa necesarias para poder facer a súa actividade diaria e para medrar, xogar e desenvolverse cognitivamente.
A maior parte dos beneficios do leite están na graxa; hai que tomalo enteiro
Por iso é tan importante manter o consumo de lácteos nos nenos, e como dixen antes, que os gocen. Que mellor maneira de que coñezan un gran produto lácteo como un bo xeado, ou un iogur? E desde aí, co desenvolvemento do padal, podemos ir aos diferentes tipos de queixos. E como non, tomarse un bo vaso de leite para hidratarse despois de xogar no parque ou adestrar. – Consideras que as xeracións máis novas como os adolescentes ou mesmo os mozos de 20 a 30 anos están a abandonar o consumo frecuente de lácteos e introducindo na súa dieta outros produtos como snacks, doces ultraprocesados ou bebidas enerxéticas? – Esa é probablemente una das causas polas que estamos a empeorar a nosa saúde e seguramente sexa a causante da obesidade infantil e adulta ou enfermidades crónicas como a diabete. É importante saber que un pode comer o que queira, pero non podes abusar e a base da alimentación non poden ser estes produtos. Estamos a condenar ao noso corpo ás futuras enfermidades relacionadas co metabolismo, e aquí van desde as enfermidades cardíacas, cancro, trastornos mentais, obesidade, etc. Temos a obriga de transmitir de forma correcta e educativa, que saiban que poden gozar de alimentos sans e ao mesmo tempo moi ricos, porque poden comer un xeado artesanal só feito con leite e zume de froita, iogures, etc.
Os rapaces sorpréndense cando lles explicas os beneficios dos produtos lácteos e todo o traballo que hai detrás
Outro punto importante, esta actividade témola que facer desde a educación, os rapaces teñen que probar os alimentos, teñen que probar un bo xeado, ou un bo iogur e as súas variedades, ou os diferentes tipos de leite que temos en Galicia, para que eles digan, recoiros que bo está isto! e non o refuguen porque unha vez obrigáronos a tomar algo que non lles apetecía. Os pais e nais, os produtores e a Administración temos a obriga de darlles esta información e que eles decidan en base aos seus gustos e personalidade. Isto é moi importante. – A pandemia fixo aumentar no último ano o consumo de leite, queixo e iogures nos fogares. Pensas que esta tendencia se vai consolidar ou que é algo pasaxeiro e volveremos ao descenso no consumo de leite dos últimos anos? – É certo que a pandemia provocou este aumento do consumo de leite, pero creo que se non seguimos traballando en expandir os produtos lácteos na poboación será pasaxeiro. – A que achacas o aumento de demanda de lácteos durante a covid-19? – A razón foi que estivemos moito tempo pechados na casa, sen reunións no exterior, así o que se fixo é diminuír a necesidade de consumir snacks e ultraprocesados porque a maior parte consómense no traballo, no instituto, en reunións, etc. A pandemia, dentro de todo o malo que sufrimos, dános unha oportunidade de cambiar, desde as nosas vidas ata as nosas relacións sociais e económicas. Unha das moitas cousas que evidenciou esta crise sanitaria é que a nosa actividade e produtividade económica propia é baixísima. Isto fixo que un país como España quedase sen moitos produtos. Galicia é moi rica en produtos alimentarios, pero case todo o importamos téndoo en Galicia. Algo bo que tivo o coronavirus é que durante estes meses chegaron aos supermercados produtos galegos que antes non chegaban porque viñan de fóra.
Durante esta pandemia un dos colectivos esquecidos e que nos salvaron de situacións peores foron os gandeiros, agricultores e produtores galegos
Durante esta pandemia un dos colectivos esquecidos e que nos salvaron de situacións peores foron os gandeiros, agricultores e produtores galegos, que traballaron igual ou máis que durante un ano normal para que continuase a subministración de produtos aos nosos supermercados. Os produtos lácteos galegos son de moi alta calidade nutricional e empresarial, e o primeiro sitio onde debemos velos e valoralos é en Galicia e España en xeral. Isto non só será bo para a nosa saúde, será moi bo para a nosa economía. Se compramos produtos de proximidade, quen se beneficia é a nosa xente. – Malia ás campañas de desprestixio das últimas décadas, seguimos asociando o leite a un produto saudable?  – As campañas de desprestixio van encamiñadas a baixar o valor económico dos produtos lácteos e poder sacalos en forma de procesados, onde pagas pouco aos gandeiros e véndelos ti moito máis caros. – Consideras que hai suficiente información e coñecemento sobre o leite entre os consumidores? – Neste punto sinto ser crítico, pero creo que se fixo moi mal a comunicación e educación da poboación en favor dos beneficios dos produtos lácteos. Isto provocou que gañasen os que os descualifican e rexeitan. Un exemplo disto estámolo vivindo agora coas vacinas. Un produto que está a salvar millóns de vidas e que nos sacará desta pandemia, está a ter cada vez máis rexeitamento, e o problema non foron as vacinas, foi a comunicación e a censura exercida, isto ao final provoca rexeitamento social.
Co leite ocorreu o mesmo que pasa neste momento coas vacinas, fíxose tan mal a comunicación e a educación que agora os produtos lácteos non están ben vistos socialmente
Dun modo máis lento ocorreu cos produtos lácteos, a comunicación foi tan mala, non se fixo, e o que provocou é que agora os produtos lácteos non están ben vistos socialmente. Isto témolo que cambiar, e aquí teñen que coller as rendas os produtores. Persoalmente colaboro neste aspecto con algunhas empresas como Bico de Xeado, Deleitar ou Kalekói, onde tratamos de chegar aos nenos e adolescentes. Os rapaces sorpréndense cando lles explicas os beneficios dos produtos lácteos e todo o traballo que hai detrás de todos estes produtos. Aquí animaría aos produtores e distribuidores a realizar unha intensa actividade de educación para que a xente coñeza os beneficios, poidan preguntar e probar os produtos. – E entre outros sectores que deberían ser prescriptores de leite? Dígoo porque cando vas co cativo ao médico porque ten mocos ou está acatarrado o primeiro que che dí é que non lle deas leite durante uns días. – Isto é un problema complicado porque hai máis cuestións a parte dos lácteos en si mesmo. Pero liquídase da mesma forma. Resólvese con educación e sobre todo con investigación. Os médicos fíanse e nútrense das novas investigacións, se queremos que os médicos non digan isto habería que educalos coa información que xa se sabe, habería que realizar investigacións propias con produtos lácteos galegos e demostrar os seus beneficios. Moito xa está feito, pero, coma sempre, fóra de España. Se de verdade queremos valorar os lácteos galegos hai que apostar pola investigación en saúde, se non nunca lograremos que un médico cambie de opinión, e aínda que sexa triste dicilo, en Galicia e España en xeral a investigación neste campo e baixísima.
Se de verdade queremos valorar os lácteos galegos hai que apostar pola investigación en saúde feita con produtos lácteos galegos
– Por qué cada vez se consume menos leite enteiro? – Sinxelo, seguimos crendo que o consumo de graxa é malo, e así nolo venden. – Pero tense descuberto que, lonxe do que se pensaba, a graxa do leite é beneficiosa para o organismo. En qué nos axuda? – A realidade é que o consumo excesivo de graxa é malo, pero o consumo de graxa de forma moderada é san. Unha cousa que sempre digo nas charlas, o cerebro é un 70% graxa; se non consumimos graxa, e sobre todo os nenos, non o fornecemos da graxa que necesita para crecer e funcionar.
O cerebro é un 70% graxa, se non consumimos graxa, e sobre todo os nenos, non lle estaremos aportando o que necesita para crecer e funcionar
Cando antes che dicía que o leite é bo nas súas accións cardiovasculares, inmunolóxicas, cognitivas, tensión arterial, etc, pois o que fai isto son as graxas que teñen os lácteos. Se os retiras ao beber ou comer lácteos sen graxa, non tomas os beneficios do leite. O tema da graxa é moito máis complexo que o que vemos, non é quitala e xa está, é saber consumila de forma correcta e consumir as graxas adecuadas. Hai dous produtos que son os mellores en canto a graxa de calidade, o leite e o peixe azul. Por iso debémolo tomar sempre enteiro.
O leite debémolo tomar sempre enteiro, se lle retiramos a graxa non estaremos tomando os beneficios do leite
– A quen beneficia entón que o leite que se bebe sexa semidesnatado ou desnatado? – O beneficio é para a industria, porque da graxa sácase manteiga, e agora é moi cara e dela obtéñense moitos beneficios. Pero vexo ben que se faga, que aproveiten os outros produtos para facer manteiga, porque agora xa hai moita xente á que non lle gusta o sabor do leite coa súa graxa, e para esta xente, que é moita, os produtos semidesnatados e desnatados son unha gran oportunidade para seguir tomando lácteos sen graxa.
O consumo de manteiga de forma axeitada é moi san
É importante pensar en toda a xente e na variedade de consumidores que temos. E aquí hai un punto que comentaba antes, os alimentos, e no noso caso os produtos lácteos, telos que gozar e paladear. E haberá persoas ás que lles guste o sabor da graxa do leite e outras ás que non. Algúns leites frescos comercializados por ganderías galegas – Ao contrario do que acontece en países como o Reino Unido ou os países nórdicos aquí o leite que se bebe é maioritariamente UHT, no canto de leite fresco pasteurizado. Por que? É máis unha cuestión de comodidade por parte das industrias ou dos consumidores? – Este é un paradoxo cultural que veu provocado pola industria que vende estes produtos. O leite UHT sería como un procesado do leite fresco pasteurizado. Sempre o digo, se queremos vender leite galego a China ou a Romanía o leite UHT é unha solución perfecta e a única forma de facelo. Pero se queremos vender leite en Galicia ou España o máis saudable para nós e beneficioso para os nosos gandeiros é o leite pasteurizado.
Se queremos vender leite galego a China ou a Romanía o leite UHT é a única forma de facelo, pero se queremos vender leite en Galicia ou España o máis saudable para nós e beneficioso para os nosos gandeiros é o leite pasteurizado
A nivel persoal cada vez teño máis evidencias de que moitos dos problemas do rexeitamento ao leite veñen deste predominio do leite UHT sobre o pasteurizado, pero obviamente, isto fai falta demostralo cientificamente, e non se fai nin interesa. Outro punto é o sabor, quen proba o leite UHT por unha banda e diferentes tipos de leites galegos pasteurizados nótase no sabor e na textura. – Non é unha incongruencia que pasando diariamente as cisternas cheas de leite do día por diante das nosas casas das ganderías cara ás industrias acabemos tomando leite ultraprocesado e con varios meses de envasado? – Totalmente, é como ver pasar ouro por diante nosa e non poder nin tocalo, e se o usamos é para triturarlo e facer barro. Nun artigo de prensa definín ao leite como o noso ouro branco e así o penso, temos unha gran materia prima que non aproveitamos e non valoramos, e isto só se fai con educación e investigación. – Que habería que facer, pois, ao teu xuízo, para relanzar o consumo de leite pasteurizado? – Temos que mirar o que fixeron as adegas galegas cos viños e copiar ese traballo no sector lácteo, non hai que inventar nada. Eu isto compararíao cos viños galegos: se collemos toda a uva galega, xuntámola e facemos un viño barato todo igual, que sería o leite UHT, ou facemos como é agora o sector do viño, onde temos diferentes tipos de uvas, diferentes zonas e isto fai que teñamos grandes viños galegos e moi diferentes. Isto sucede cos lácteos, as nosas vacas non son as mesmas en canto a alimentación, rexión climatolóxica, actividade física, e isto dá diferentes tipos de leite, nin malos nin bos, só con diferentes sabores. Isto é o que temos que lograr en Galicia e España en xeral, e sobre todo, sabelo valorar.
Temos que mirar o que fixeron as adegas galegas cos viños e copiar ese traballo no sector lácteo
– Cales son as principais diferenzas nutricionais e en materia de saúde do leite pasteurizado e do leite UHT? – O procesado do leite UHT é darlle un golpe de calor forte uns segundos, mentres que a pasteurización é facelo máis suave e máis tempo. Para entender os cambios que se producen nos alimentos a xente ten que entender que estes están formados por moléculas onde a súa estrutura tridimensional é moi importante. Cando damos un golpe de calor moi forte (UHT) modifícanse estas estruturas, isto de modo resumido significa que cando os comemos provocan unha leve actividade inflamatoria, non nos pon enfermos nin nada, só xera malestar, pero é suficiente para que a longo prazo provoque rexeitamento ao consumo destes produtos.
O leite pasteurizado conserva as propiedades inmunolóxicas e antiinflamatorias que teñen as súas graxas e proteínas, o UHT non
Co leite pasteurizado ocorre o contrario, este conserva as propiedades inmunolóxicas e antiinflamatorias que teñen as súas graxas e proteínas. Hai moitas diferenzas e traballos publicados fóra de España, pero sería moi importante facelo en Galicia co obxecto de que gañe valor e todos gañen, os gandeiros, distribuidores e consumidores. – Tes falado de que as persoas que teñen dificultades para dixerir a lactosa poderían chegar a consumir leite pasteurizado... – A lactosa é o azucre do leite, e a súa dixestión vén da molécula o encima lactosa. Esta molécula témola os europeos de forma natural no intestino, a través das bacterias do intestino, o que agora está tan de moda, coñecido como o microbioma. Se non tes esta molécula no teu intestino a lactosa non a dixires e pode sentarche mal. As bacterias que teñen esta molécula son as do xénero lactobacillus. Estas bacterias son moi beneficiosas para a nosa saúde en moitos aspectos, non só na dixestión da lactosa. Pero para que estas bacterias vivan no noso intestino hai que darlles para comer, e a única forma é tomando produtos lácteos. Agás que sexas alérxico, o mellor é ir comendo lácteos moi aos poucos durante meses e anos, e así recuperar estas bacterias. Así teremos dous beneficios, un é que tomamos azucre dun modo san, e outro pola presenza destas bacterias no noso microbioma a nivel de enfermidades mentais e neurodexenerativas. – É seguro o consumo de leite cru? Ou é aconsellable fervelo, como se fixo sempre nas casas labregas, para garantir a súa seguridade alimentaria? – O leite denominado cru é directamente o leite muxido da vaca sen máis procesamentos. Obviamente, este tipo de leite necesita controis microbiolóxicos que aseguran que non se contamina e a distribución ten que ser rápida, en frío e segura. Nos nosos días isto non é ningún problema se se fai ben, non hai que miralo raro, se nos fixamos noutros sectores vemos que isto é habitual. Por exemplo, o peixe e marisco fresco das lonxas galegas transpórtase a Madrid e outros lugares para a súa distribución por toda España. Se se fai ben non hai ningún problema; pois co leite pasa o mesmo, se se fai de forma correcta este é o mellor leite que podes tomar.
A distribución ten que ser rápida, en frío e segura. Nos nosos días isto non é ningún problema e se se fai de forma correcta este é o mellor leite que podes tomar
As empresas que se dedican a este tipo de leite son moi conscientes da calidade deste produto e das medidas de seguridade, mesmo máis que calquera, por iso eu non teño ningunha dúbida de que este tipo de leite é moi seguro cando se compra. Outra cuestión é cando chega á casa; se non rompes a cadea de frío non hai ningún problema de contaminación, pero para estar seguro pódese ferver que é como pasteurizalo e segues tendo un leite fantástico. – Noutros países tamén é frecuente a venda directa do leite por parte das ganderías. Por que en Galicia é practicamente anecdótico? – Esta parte paréceme unha pena que non se faga e non sexa máis frecuente, non só cos produtos lácteos, senón tamén cos produtos frescos e de tempada de Galicia. Deberiamos volver poder vender estes produtos de modo próximo e sinxelo, porque así estimularías as pequenas economías, e algo importante, poderías escoller un produto dun sitio porque che gusta a xente que o produce, ou a súa forma de facelo, etc. Así só sabemos que compramos leite, como moito que é galego e nada máis. Estamos a sacar valor ao produto local, e agora máis que nunca deberiamos potenciar e valorizar estes produtos, así fortalecemos o rural e que os mozos queiran volver a traballar neste marabilloso mundo.
Deberiamos volver poder vender leite e outros produtos frescos e de tempada de modo próximo e sinxelo
– O pasado mes de novembro o Parlamento europeo reiteraba a prohibición (xa en vigor trala sentenza do 2017 do Tribunal de Xustiza da Unión Europea) de denominar como leite ás bebidas de orixe vexetal. Cres que será dabondo para evitar o engano ao consumidor? Por que non se está a cumprir a normativa que reserva termos como leite, manteiga, queixo ou iogur unicamente aos produtos lácteos? – Menos mal que esta normativa continúa en vigor, porque foi un gran paso lograr isto en España e na UE. Pero neste tema o mal xa está feito, durante anos permitiuse e usouse esta mala denominación, porque son produtos diferentes, e a xente non o sabe. A existencia desta normativa sabémolo os que estamos involucrados, pero non a sociedade en xeral, e segue a usarse fraudulentamente a palabra leite. – Aportan estas bebidas vexetais algúns dos beneficios que antes describías para o leite? – As bebidas vexetais e o leite son dous produtos alimentarios completamente diferentes, non teñen nada que ver nutricionalmente nin en composición, pero non son nin malos nin bos, son diferentes. Non hai comparación posible, a xente plantéxase se as bebidas vexetais poden substituír ao viño?, pois non, son cousas diferentes, e aquí co leite pasa o mesmo. O problema veu da trampa de permitir o nome de leite porque se parecía na cor, e para vendela máis cara obviamente.
A xente non se plantexa se as bebidas vexetais poden substituír ao viño porque son cousas diferentes. Pois co leite igual
– Que opinas do leite de pastoreo? – O leite pastoreo paréceme unha gran idea, debería ser toda así, as vacas teñen mellor calidade de vida e saúde veterinaria se están libres pastoreando, e o leite e a súa carne teñen moita maior calidade, e a industria sábeo e por iso lanzáronse con esta campaña. – Está demostrado que as súas cualidades son superiores ao leite de produción estabulada e intensiva? – O Centro Investigacións Agrarias de Mabegondo investigouno e teñen datos fantásticos de como o leite ten maior calidade nutricional. – A Xunta pretende sacar unha certificación oficial para o leite de pastoreo. Está a haber engano con isto? – O que sucede é que quen di se é de pastoreo ou non é a propia empresa, teste que fiar deles, e se mentisen ou mesturasen leite non se podería facer nada porque non hai certificación. Hai anos desde o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), o Laboratorio Interprofesional Gallego de Análise de Leite (LIGAL), o meu laboratorio en Vigo, e grupos de Asturias e Navarra expomos un proxecto de investigación ao Ministerio para investigar o leite de pastoreo e obter unha proposta de certificación para evitar a trampa e dar seguridade ao consumidor e á propia industria. Era un proxecto de investigación moi ambicioso e moi bonito, pero non conseguimos o financiamento, aínda que foi ben avaliado. O da certificación deberíase facer e temos un gran laboratorio como o LIGAL que é capaz de facelo.

"En Galicia, se de verdade queremos potenciar o sector lácteo, hai que investir en ciencia e que as empresas se beneficien desas investigacións"

Carlos Spuch Calvar é doutor en Bioloxía e Neurociencia pola Universidade de Vigo e ten unha longa traxectoria como investigador en prestixiosas institucións tanto españolas como internacionais, como no Instituto de Neurobioloxía Ramón y Cajal (CSIC, Madrid), o Instituto Karolinska (Estocolmo, Suecia), ou o Instituto de Investigación Hospital 12 de Octubre (Madrid). Desde 2009 desenvolve a súa actividade no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (Vigo) onde, malia a escaseza de fondos, segue a investigar sobre o leite e a colaborar con diversas empresas galegas para sacar ao mercado novos produtos. – Galicia é unha potencia produtora de leite tanto no Estado español como mesmo a nivel europeo pero temos eivas evidentes a nivel de transformación. Como estamos en investigación? – Resúmocho rápido, en España en investigación moi mal, e en Galicia, comparado con outras autonomías, peor aínda; os recursos son moi baixos, somos dos peores países en investimento en ciencia de Europa. Mentres que países motores de la UE incrementaron os seus orzamentos para ser competitivos economicamente, como Alemaña, Francia, Reino Unido, Finlandia, Suecia, etc., nós reducímolo moito. Pero non só iso, desde o 2008 levamos perdendo investigadores, formámolos, pero logo deixámolos en condicións precarias e vanse a países punteiros. Esta sangriza na ciencia deixouna ao descuberto esta pandemia, non tiñamos case nada para loitar contra este virus, e a nosa única alternativa era comprar todo de fóra.
En materia de investigación en Galicia estamos moi mal, e comparado con outras comunidades peor aínda
En que se traduce isto a nivel do sector lácteo?, pois en que se os recursos científicos son poucos, os grupos de investigacións teñen que competir por fondos moi competitivos e ao final búscanse outros campos máis rechamantes como o cancro, a nanotecnoloxía, o Alzheimer ou os satélites. O meu grupo leva os últimos anos traballando no leite materno humano como potencial orixe de fármacos para o cerebro, este proxecto quíxeno desenvolver con leite de vaca, e estudar os seus beneficios na saúde, pero foi imposible, non conseguín financiamento, pero o peor é que non hai convocatorias onde poida solicitalo.
Quixen desenvolver un proxecto de investigación sobre os beneficios do leite de vaca na saúde pero foi imposible, non conseguín financiamento
Como me dixeron varias veces investigadores famosos falando do tema, a investigación no leite é de pobres, e iso non interesa. Ou de verdade a Administración aposta pola ciencia e por este sector en Galicia ou non sacaremos nada, máis que seguir vivindo do turismo. Levamos loitando pola ciencia estes anos e hai un lema que o dí todo: sen ciencia non hai futuro. – Que sería preciso entón para que Galicia, ademais de producir, fose tamén unha potencia en desenvolvemento de novos produtos a partir do leite? – En Galicia, se de verdade queremos potenciar o sector lácteo hai que investir en ciencia, de xeito multidisciplinar, e que as industrias grandes e pequenas poidan beneficiarse desta transmisión de coñecemento. Isto funciona moi ben en Suecia ou en EEUU, e así llo fixen chegar ao Secretario de Estado de Ciencia nas reunións pola modificación da lei de ciencia, pero hai que ser proactivos, a ciencia dá riqueza á rexión, e temos un exemplo en España, o País Vasco. O noso grupo está a traballar no desenvolvemento de novos fármacos procedentes de leite materno humano, pero a formulación orixinal do meu proxecto era o leite de vaca. No noso grupo, xunto con outro de IIM-CSIC, estamos a traballar tamén nos efectos protectores dos ácidos graxos mariños, e gustaríame poder facelo co leite galego.
A ciencia crea riqueza, e temos un exemplo en España: o País Vasco. As industrias grandes e pequenas teñen que beneficiarse desta transmisión de coñecemento. Isto funciona moi ben Suecia ou en EEUU
O leite A2 naceu da investigación que se fixo das caseínas a nivel xenético e molecular, e agora xa se comercializa en moitos países, e fai pouco comezou a facelo a empresa Kalekoi en Galicia. Onte estaba a revisar un artigo científico dunha revista prestixiosa onde demostran que unha proteína do leite de vaca ten efectos ansiolíticos. Outra investigación moi recente dunha empresa xaponesa descubriu no costro de vacas unha molécula con actividade antiinflamatoria moi potente e están a desenvolver un ensaio clínico para tratar con iso a COVID-19. – Fai xa algún tempo que nos EEUU está aumentando a demanda de leite e produtos lácteos A2, unha tendencia que comeza a chegar timidamente tamén a Europa. Por que se caracteriza o leite A2 e cales son os seus beneficios para o organismo? – A denominación do leite A2 significa que só contén a beta caseína A2. Para entender que significa hai que explicar a composición do leite, que está formado polas graxas, que constitúen ao redor do 4% do contido sólido do leite de vaca; as proteínas, que son aproximadamente o 3,5%; e a lactosa, o 5%, aínda que a composición química bruta do leite de vaca varía segundo a raza. Dentro das proteínas do leite temos dous tipos de proteínas: o 18% da proteína é soro, a parte que se elimina na fabricación do queixo, e o restante 82% corresponde á caseína. Esta proteína é unha familia de proteínas cunha composición de aminoácidos diferente e a máis abundante desta familia de caseínas é a beta caseína. Dentro das beta caseínas temos dous tipos: a beta caseína A1, presente principalmente no leite das vacas orixinarias do norte de Europa, como as Holstein Friesian, Ayrshire e Shorthorn; e a beta caseína A2, que se atopa no leite das vacas da rexión da Canle da Mancha e o sur de Francia, como as Guernsey, Jersei, Charolais e Limousin.
Hai estudos que demostran que o leite de tipo A2 tolérase mellor e ten menores índices de inflamación intestinal e dor abdominal
Os dous tipos de proteínas difiren na súa estrutura proteica debido á substitución do aminoácido na posición 67. Esta diferenza fai que cambie un pouco a estrutura tridimensional da caseína e varíe un pouco as súas funcións. Dentro do máis descrito é que a beta caseína A1 ao ser dixerida descomponse en varios péptidos, un deles é a beta-casomorfina-7 (BCM7), a cal se asocia a certa actividade inflamatoria no intestino. Con todo, hai que puntualizar que os estudos que demostran isto fano inxectando en sangue a BCM7, e isto é relativamente normal que cause actividade inflamatoria, porque unha cousa son os péptidos no intestino e outra os que son capaces de entrar no sangue. A beta caseína A2 non provoca a liberación deste péptido, ou en moita menor medida, e crese que esta proteína é máis similar á beta caseína do leite materno humano. O certo é que hai estudos que demostran que o leite de tipo A2 tolérase mellor e ten menores índices de inflamación intestinal e dor abdominal. Nun dos primeiros ensaios clínicos realizados en Nova Zelandia, demostraron que o leite de beta caseína A1 conduciu a valores de consistencia das feces significativamente máis altos (Escala de Feces de Bristol) en comparación co leite de beta caseína A2. Tamén houbo unha asociación positiva significativa entre a dor abdominal e a consistencia das feces na dieta A1, pero non na dieta A2. Conclúen que o leite de tipo A2 ofrece mellores respostas na inflamación e dor abdominal, pero necesítanse máis participantes para demostralo.
É necesario seguir investigando nos seres humanos os efectos da función dixestiva do leite A2 en relación co A1
En resumo, hai evidencias que mostran que o consumo de leite A1 está correlacionado coa iniciación de marcadores de resposta inflamatoria e unha maior expresión dos receptores Toll, que están implicados na activación das vías proinflamatorias, con respecto ao leite A2. Ademais, hai evidencias de que o consumo de leite A1 tamén está asociado co atraso do tránsito intestinal e unha consistencia máis solta das feces con respecto ao leite A2. Ademais, o malestar dixestivo correlaciónase cos marcadores inflamatorios en humanos para o A1 pero non para o A2. É necesario seguir investigando nos seres humanos os efectos da función dixestiva do A1 en relación co A2 en diferentes poboacións e contornas alimentarias, e outro aspecto que non se tivo en conta nestes estudos, e que eu creo que é moi importante, é que non se fixeron diferenzas entre estes tipos leite en diferentes procesados, é dicir, entre leite UHT ou pasteurizado para A1 e A2. – Hai anos empezouse co leite con Omega 3, logo con calcio e agora ultimamente leites suplementados con vitaminas e tamén produtos lácteos con altas doses de proteínas, orientados a deportistas. Que suplementacións consideras de máis interese nos produtos lácteos en función do tipo de consumidor? – Todo son modas, a industria necesita sacar novos produtos, pero teñen os seus problemas: os ácidos graxos omega3 oxídanse, e se isto acontece non atravesan o intestino; moitas vitaminas non son estables moito tempo, logo degrádanse; e o calcio engadido non se absorbe, necesita de transportadores que fagan que atravese o intestino. Cal é o mellor produto que fai todo isto de forma natural sen necesidade de engadir nada? O leite fresco e enteiro.
O calcio engadido non se absorbe, moitas vitaminas non son estables e degrádanse e os ácidos graxos omega3 oxídanse, así que o mellor produto sen necesidade de engadidos é o leite fresco enteiro, o resto son modas
– É necesario que os cativos de curta idade tomen leites infantís ou con que tomen leite chega? – Os lactantes o que necesitan é o leite materno, a da súa nai, é moi similar ao leite doutros mamíferos. Se unha nai polo motivo que sexa non pode darlle de mamar hai bancos de leite materno humana nos hospitais facendo un gran traballo aos que se pode recorrer. Desde o meu punto de vista persoal, co noso fillo, foi lactante ata que el decidiu ir probando a nosa comida e comeu natural sempre, esa é a mellor opción. Ese é o meu consello como pai.

A empresa galega Kalekói, pioneira en lanzar ao mercado iogures con leite A2

Susana Aguiar e Álex Moure, dous mozos emprendedores de Lalín, veñen de lanzar ao mercado baixo a marca Kalekói unha gama de iogures elaborados con leite A2. É dicir, que só conteñen a beta-caseína A2, o que segundo as investigacións cientificas os fai máis dixeribles para o organismo humano. Trátase dun fito significativo no ámbito lácteo, en tanto en canto son a segunda empresa española en introducir no mercado un produto desta natureza, e a primeira emprazada en Galicia en facelo. Carlos Spuch, investigador senior do Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, avala cientificamente as cualidades do leite A2. Afirma que “hai estudos que amosan que o leite de tipo A2 se tolera mellor e produce menores índices de inflamación intestinal e dor abdominal”. Spuch fai referencia tamén a que, fronte ao leite convencional, o leite que se elabora con beta-caseína A2 mellora parámetros de afección gastrointestinais e reduce a frecuencia das deposicións nos cativos. As vantaxes que ofrece o leite A2 sintetízanse, en opinión do investigador sénior do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, en que favorecen a dixestión, xeran unha mellor resposta intestinal, reducen a actividade inflamatoria do intestino e mesmo melloran parámetros vasculares en persoas diabéticas.

Maior calidade

Dende Kalekói apóstase por volver á orixe con esta gama de iogures elaborada a partir de vacas que producen unicamente leite A2. As instalacións leiteiras emprázanse no Concello de Rodeiro e a produción de A2, moi reducida de momento, “destínase integramente aos iogures”, segundo sinala Susana Aguiar. Dende hai algún tempo, os iogures A2 de Kalekói poden atoparse nos liñais dos supermercados Gadis e no mes de maio tamén se incorporan en Eroski. En ambos os dous pódense atopar, ademáis dos naturais , iogures con distintas froitas como son arandos, amorodo e vainilla. Outras gamas de iogures de Kalekói poden atoparse, en Hipercor ou El Corte Inglés. Paralelamente, poden adquirirse en pequenas tendas de barrio e gourmet e na tenda propia que Kalekói ten na céntrica Praza de Lugo, na cidade da Coruña.

A industria láctea lalinense duplicou a súa facturación en 2020

Introducir paulatinamente no mercado esta nova gama de iogures A2 é o principal reto de futuro para Álex Moure e Susana Aguiar, á fronte de Kalekói. Unha empresa que neste comezo de 2021 celebra o seu primeiro lustro no mercado. Kalekói debe o seu nome ao topónimo que tiña Galicia alá polo 1.800 a.C. e é ao mercado galego, principalmente, ao que queren dirixir a súa produción para logo irse estendendo polo noroeste peninsular. Os responsables da empresa, que dá traballo a seis persoas en Lalín, acaban de sacar ao mercado tamén un quefir propio e teñen previsto seguir traballando na ampliación de gamas de iogures. Xunto a isto, non descartan a medio prazo producir xeados, queixo fresco, manteiga ou mesmo arroz con leite. A empresa pechou 2020 coa súa facturación duplicada con respecto a 2019, nun ano “tan difícil para moitos sectores”, tal e como matiza Aguiar. Porén, 2020 foi o ano no que dende Kalekói conseguiron dar o gran salto da hostalaría aos supermercados e hoxe teñen no primeiro segmento tan só o 15% da súa produción (o 85% restante xa se distribúe en supermercados, o que axuda á creación de marca). A evolución na cantidade fabricada tamén variou considerablemente. Mentres no ano 2016, Kalekói só producía 500 litros de iogur ao día, hoxe produce 5.000, e ten a capacidade de medrar a súa produción nas instalacións actuais.

“En cinco anos queremos que Leche Río sexa unha das principais industrias lácteas de España”

María del Carmen Lence Ferreiro (Lugo, 1970) asumiu fai un ano, trala morte do seu pai, Jesús Lence, a presidencia de Leche Río, a principal empresa láctea de capital galego, que recolle na actualidade unhas 300.000 toneladas anuais, algo máis do 10% do leite que se produce na comunidade. Falamos con ela das súas intencións e dos cambios no mercado que trouxo consigo o coronavirus. Tras unha dilatada experiencia profesional dentro e fóra da empresa familiar, onde no pasado fora directora de vendas, Carmen Lence regresou de EEUU, onde residía coa súa familia, para facerse cargo das compañías do holding Lence Torres, que inclúe ademais de Leche Río e Leyma, Transleche (dedicada á recollida, transporte e distribución de leite e a través da que se canalizan tamén investimentos noutras empresas do sector agroalimentario, como Ebro Foods ou Deoleo) e Complejo San Cristóbal (con actividade no ámbito das gasolineiras, o inmobiliario, o sanitario e a restauración). Asegura facelo por "responsabilidade". O seu marido, que é un alto executivo dunha multinacional farmacéutica, e os seus dous fillos, un neno de 13 anos e unha nena de 11, seguen vivindo en Boston. Pero Carmen quería ter información de primeira man sobre as empresas, igual que facía o seu pai, aínda que cun estilo de liderado menos personalista que xa se intúe da súa relación cos seus colaboradores máis próximos, como Jesús García, director técnico das plantas, ou Aida Canto, responsable financeira, que se atopaban na empresa cando ela chegou e dos que se rodeou para impulsar marcas como Río ou Leyma. Na súa estancia en EEUU a filla menor de Lence foi profesora na prestixiosa Universidade de Berkeley, en California, onde impartiu cursos de formación a directivos de empresas punteiras como Google ou Facebook, un estilo de xestión á americana, onde prime o traballo en equipo, que pretende implantar en Leche Río para convertela nos próximos anos nunha das principais empresas lácteas de España. – Leva vostede máis ou menos un ano á fronte de Leche Río. Que balance fai destes 12 meses? – Foi un ano difícil, a verdade é que foi moi duro a nivel profesional e a nivel persoal tamén. A nivel persoal porque aínda que sabiamos que o meu pai estaba enfermo, realmente ninguén esperaba que fose morrer tan pronto. Eu estivera con el unha semana antes de que falecese e cando me fun o domingo díxenlle aos meus fillos que o avó tiña aínda corda para longo. Pero o martes cando o chamei acababa de ingresar no hospital e ese mesmo venres faleceu. Iso foi unha sorpresa, un shock, e despois todo o que veu detrás, porque a miña vida cambiou por completo, como do día á noite. De súpeto, por circunstancias, tal e como el deixara as cousas, decidín poñerme á fronte da empresa porque nese momento pensei que era mellor poñerme eu á fronte, aínda que aquí hai xente que leva moitos anos e ten moita experiencia, pero eu necesitaba estar ao tanto do que está a pasar e antes de deixar nada nas mans doutros dunha maneira cómoda un ten que ver que é o que está a deixar e como o está a deixar. E iso supuxo, de súpeto, pasar de estar coa miña familia para estar viaxando entre dous países. – E a nivel de empresa? – Pois houbo sorpresas agradables e sorpresas desagradables tamén. Tivemos un par de crises fortes pero superámolas e estou moi contenta porque considero que, a pesar de que foi un ano duro e difícil, conseguimos facer equipo. – Fala de dúas crises superadas. Pódese saber cales foron? – Pois unha foi máis a nivel persoal, a aterraxe na empresa, e a outra foi cando entrou Inleit, que empezaron a subir os prezos do leite e perdemos uns cuantos gandeiros. Esa foi unha crise bastante gorda. Tivemos que reaccionar e ir buscar a outros gandeiros.
Cando entrou Inleit empezaron a subir os prezos do leite e perdemos uns cantos gandeiros. Tivemos que reaccionar e ir buscar a outros gandeiros. Esa foi unha crise bastante gorda
– Eses contratos con novos gandeiros que Leche Río asinou nese momento, xusto antes da pandemia do coronavirus, pagando prezos por encima da media, corren agora algún tipo de perigo? – O coronavirus cambiou o escenario en moitos sentidos e para moitas cousas, pero eu creo que afortunadamente no campo non se está notando. Leche Río está a pagar nestes momentos por encima da media de Galicia en prezos e xa o estaba facendo co meu pai nos últimos anos. No novo brick de Leyma destácase iso, que os nosos gandeiros reciben contratos estables e prezos xustos que contribúen a manter o campo vivo. De todos os xeitos, todos tivemos que subir o prezo coa entrada de Inleit, non só Leite Río.
Se chegan novos operadores e son serios, estupendo, porque creo que vén ben para todos e, sobre todo, é bo para Galicia, pero se son como algúns que tivemos no pasado, que chegan aquí, pegan o pelotazo e vanse, entón non, porque non é bo para ninguén e menos para o propio gandeiro
– Ademais de Inleit, nos últimos anos chegaron a Galicia novos operadores, como Entrepinares ou Covap. Aumentou iso a competencia no mercado lácteo galego? – Ao meu modo de ver, se hai novos operadores que se van quedar, se son operadores serios e bos, para min estupendo, porque creo que vén ben para todos e sobre todo vén ben para Galicia. Pero se son operadores como tivemos no pasado, que veñen, pegan o pelotazo e vanse, entón non, porque non é bo para ninguén, e menos para o propio gandeiro. Eu entendo que houbo antes aquí empresas que chegaron, subiron o prezo, prometeron o ouro e o mouro e despois fóronse e nin sequera pagaron. E iso desestabiliza, e desestabilízanos a todos. A min paréceme que Inleit é un operador serio, que ten moito apoio por detrás e creo que están para quedar. Sería un desastre que agora se fosen.
Recollemos nestes momentos uns 800.000 litros diarios en 450 explotacións pero se as cousas van como esperamos tentaremos coller máis leite a próxima primavera
– Canto leite está a recoller nestes momentos Leche Río? Aumentaron volume de recollida ou teñen previsións neste sentido? – Agora estamos a recoller entre 800.000 e 850.000 litros ao día, depende un pouco da época do ano, dunhas 450 explotacións, basicamente nas provincias de Lugo e A Coruña. A min encantaríame poder aumentar a recollida, agora no verán non imos aumentar, pero se as cousas van como esperamos co relanzamento de Leyma e de Río tentaremos na próxima primavera coller máis leite. Pero polo momento estamos ben así, eu creo que hoxe en día hai que ser un pouco precavidos. – É hoxe Leche Río unha empresa máis forte e saneada ca cando recollía un 20% do leite producido en Galicia? – A empresa é unha boa empresa, é unha empresa sólida e ten moitas cousas boas, pero tamén ten moitas cousas que hai que mellorar. Eu digo que é unha empresa saneada no sentido de que non ten débedas e o ano pasado facturou 140 millóns de euros, un 10% máis, e tivo preto duns catro millóns de euros de beneficio. O meu pai non era unha persoa interesada en ter iates nin nada polo estilo, a el o que lle gustaba era traballar e divertíase traballando. Entón o que o meu pai sempre fixo é reinvestir na propia empresa. A empresa sempre se financiou con recursos propios porque ao final todo o que xerou quedouse aquí. Pero é unha empresa que tamén come moito. Porque soamente o ano pasado, seguindo o plan de investimentos do meu pai, foron 12 millóns de euros os investidos. 
A empresa xera beneficios, uns 4 millóns o último ano, pero é un animal que come moito, só nestes meses investimos 12 millóns
En Leyma investimos unha parte importante, alí puxemos dúas máquinas novas, unha máquina de leite pasteurizado nova da marca Serac que envasa 9.000 litros cada hora en botellas de diferentes formatos, de tres cuartos, un litro e litro e medio, que custou 1,2 millóns de euros e outra Elopak que envasa 12.000 litros á hora nos novos bricks procedentes de bosques sostibles con certificación FSC, que supuxo un investimento de 3,5 millóns. E aquí no Ceao imos investir en distintas fases un total de 9 millóns, xa puxemos unha envasadora Krones, que é unha máquina de botella con capacidade para 8.000 botellas/hora, que emprega botella PET reciclable que xa non leva aluminio, para que sexa un pouco máis ecolóxico o envase. Imos tamén nesa dirección. É certo que a empresa xera, pero é tamén un animal que come moito.
Por cuestións de eficiencia estamos pensando pechar a planta máis vella, que é a de Veiga de Anzós, en Láncara, que é a de menor produción e onde envasamos as marcas máis económicas
– Cal é a situación das catro plantas de produción a día de hoxe? Seguen funcionando moi por baixo da súa capacidade? Contempla a posibilidade de pechar ou desprenderse dalgunha delas e concentrar a produción nas demais? – Por cuestións de eficiencia estamos pensando pechar a planta máis vella, que é a de Veiga de Anzós, en Láncara. Estamos niso, estamos estudándoo, porque sinxelamente tendo tres plantas novas parece o máis lóxico, e de prescindir dalgunha, prescindir desa. Alí o que facemos nestes momentos son varias marcas pero é a de menor produción das catro e a que ten as marcas máis económicas.
O meu pai puido vender a empresa tantas veces e por moito diñeiro e nunca quixo. Eu tampouco o farei
– Non lle faltarán seguramente neste ano ofertas para vender Leche Río. – O meu pai xa tivo ofertas para vender e sempre as rexeitou. E debe ser algo de familia, quizais sexamos algo masoquistas, porque a verdade a miña intención tampouco é esa. O meu pai puido vender a empresa tantas veces, e por moito diñeiro ademais, e nunca a quixo vender. Entón, se el non o fixo é porque realmente quería que a empresa quedase para os seus fillos e para os seus netos e eu mentres poida seguir ese soño, que agora tamén é o meu soño, pois fareino. E a ver o que podemos aguantar, e esperemos que non só podamos aguantar senón mesmo aumentar. Como eu digo sempre, non soamente resistir senón triunfar.
Somos ambiciosos. Queremos seguir medrando e aumentar a nosa marxe para non estar nese efecto sándwich entre o prezo do gandeiro e o prezo da distribución
– Cales son os seus obxectivos nese sentido? Onde ve a Leche Río a curto, medio e longo prazo? – Somos moi ambiciosos e a nosa idea é en cinco anos estar entre as primeiras empresas lácteas de España, xa estamos entre as 10 primeiras pero non nos conformamos, queremos seguir medrando e crecer en produtos de máis valor engadido. É dicir, aumentar a nosa rendibilidade para vivir un pouco máis cómodos, por dicilo así, porque agora estamos sempre un pouco neste efecto sándwich entre o prezo do gandeiro e o prezo da distribución. Estar máis tranquilos, con produtos de máis valor que nos dean máis marxe para tamén así, se podemos, seguir pagando un pouco máis ao gandeiro.
A nosa principal debilidade é que somos unha empresa moi dependente de vender leite UHT, iso ponnos nunha posición comprometida
– Ata o de agora Leche Río centrouse fundamentalmente en envasar leite. Prevén diversificar? Que novos produtos queren sacar ao mercado? – Leche Río é unha empresa que ten moitas fortalezas pero tamén ten unhas debilidades claras. Eu diría que a fortaleza principal é que é unha empresa solvente e cunha boa reputación no mercado, tanto cos nosos clientes como cos nosos provedores, que son os gandeiros. A principal debilidade que ten é que hoxe en día é unha empresa moi dependente do que é sinxelamente vender leite UHT, de produtos con pouco valor engadido porque temos poucos produtos con algo máis de valor engadido, que serían o leite fresco pasteurizado e o leite sen lactosa, a nata ou algúns batidos. Iso ponnos nunha postura comprometida, fainos ser débiles.
Queremos relanzar as nosas marcas principais, Leyma e Río, e empezar a sacar produtos novos de valor engadido como un leite por ultrafiltración con máis proteína e vitamina D, que sairá a final de ano
A nosa idea é potenciar as nosas marcas principais, que son a marca Leyma e a marca Río, que é o que xa estamos a facer, a marca Leyma acaba de saír cun novo packaging en formato Elopak, e en Río xa estamos a traballar tamén nun packaging novo para lanzar a nova imaxe de Río no mes de outubro, que será con certificación de benestar animal e cun envase ecolóxico e un pouco diferente. A nova marca Río vai ser realmente unha homenaxe ao meu pai, vai contar un pouco a historia de como empezou Río e un pouco a idea do que é o ADN desta empresa, ese espírito de superación que tiña o meu pai porque realmente Leche Río naceu como consecuencia do primeiro fracaso empresarial do meu pai, cuns camións para transportar leite que caeron nas súas mans en pago a unha débeda que tiñan con el cando se dedicaba a vender gasóleo, pero el contaba esa historia como un momento de absoluta desesperación, porque pensaba que realmente se ía á ruína. Ese espírito de mañá é outro día, volvemos empezar e saímos adiante é algo que a min sempre me marcou, toda a vida.
A nova imaxe da marca Río sairá no mes de outubro e será unha homenaxe ao meu pai. Terá certificación de benestar animal e un envase ecolóxico un pouco diferente
Ao meu pai apaixoábao o tema industrial e as plantas están, nese sentido, á última, porque nunca se deixou de investir en maquinaria e tecnoloxía e nós agora, sobre esa base, estamos a prestar máis atención á imaxe e ao desenvolvemento do produto. Acabamos de lanzar Leyma cunha imaxe nova, creamos a páxina web de Leyma e xa estamos nas redes sociais e facendo unha campaña de lanzamento co lema Nunca choveu que non escampara para acompañar a saída do coronavirus. A idea é ir por fases, primeiro relanzar Leyma, que xa é unha marca forte en Galicia, e recuperar un pouco o que perdeu, porque é certo que nos últimos anos se que perdeu algo de cota de mercado, e empezar despois a sacar produtos de valor engadido. Xa estamos a traballar coa aula de Produtos Lácteos de Lugo para sacar novos produtos. A nosa idea é sacar a final de ano leite por ultrafiltración, é un produto con máis proteína e reforzado con vitamina D e está dirixido a persoas que queren coidarse, un leite pensado por exemplo para persoas de máis de 50 anos que poderiamos definir como adultos deportistas ou que lles interesa coidarse. – Nos últimos anos Leche Río reduciu a marca branca para centrarse nas súas propias marcas. Seguirá por ese camiño ou volverán vostedes ao leite de marca branca? Teñen novos contratos con algunha empresa de distribución nestes momentos? – Houbo unha época na que nós eramos moi competitivos á hora de facer marca de distribución, hoxe seguimos sendo moi competitivos niso, pero a nosa competencia pode poñer uns prezos máis baixos na marca de distribución porque obtén marxes maiores noutras das súas marcas, porque son máis fortes ou porque contan con produtos con valor engadido. Hoxe a marca branca en Leche Río rolda o 30%, temos máis ou menos un 70% de produción que son marcas propias e un 30% que son marcas de distribución. Non asinamos ningún acordo novo neste sentido, eran contratos que xa tiñamos. A marca branca eu creo que é interesante tela porque che axuda a ser máis eficiente e competitivo, porque as máquinas canto máis traballan máis eficientes son. – Pero os gandeiros achacan habitualmente ás marcas brancas os baixos prezos en orixe e vostede mesma acaba de recoñecer que ás empresas tamén as afoga ese baixo prezo da distribución. Cre que debería prohibirse legalmente a venda de leite a perdas, por baixo dos custos de produción, nos supermercados? – Esa é unha pelexa que tamén nós temos coa distribución de cando en vez. O leite segue sendo un produto reclamo, sempre o foi e ségueno utilizando. Nós cada vez que poñen un dos nosos produtos por baixo do que debe ser, chamámolos e protestamos, entre outros motivos porque iso desprestixia os nosos produtos tamén. Moitas veces son as grandes cadeas as que poñen o prezo.
Eu creo no leite pasteurizado e para min é o mellor leite. E tamén vexo futuro ao leite A2
– A estratexia de Leche Río orientouse nos últimos anos a potenciar a marca Leyma Natura e o leite fresco como referencia de calidade. O consumidor é hoxe máis esixente e demanda esa calidade? – Eu creo no leite pasteurizado e para min é o mellor leite que temos. Eu vivín fóra, en moitos países, e é o que se toma en todos os lados porque é un produto vivo e moi bo para a saúde. Eu creo que o consumidor hoxe cada día está máis informado, le máis, e debería ser o tipo de leite que teña máis futuro. É leite fresco, do día, porque o recollemos nas ganderías, envásase e distribúese. É o que ten un sabor máis auténtico e natural. Tamén vexo futuro ao leite A2, que é outra opción que a min paréceme moi interesante, porque me parecen moi interesantes os produtos que sexan mellores sen ter que engadirlles nada, como pasa tamén co leite con máis proteína por ultrafiltración.
Agora pagamos a proteína. Antes non o faciamos, pero as demais empresas pagábana. Foi sinxelamente escoitar ao gandeiro
– A que se debeu a introdución desde este ano nos seus contratos do pago por calidade con primas que antes non se contemplaban? Buscaban máis calidade no leite ou simplemente fidelizar aos seus provedores cun incentivo no prezo? – O principal cambio niso é que agora pagamos a proteína, que antes non pagabamos. Foi sinxelamente escoitar ao gandeiro, que nos dicía que os demais pagaban a proteína e nós non e era verdade. Empresas como Entrepinares ou outras queixarías pagan a proteína porque lles interesa. A nós dános un pouco igual nestes momentos pero estamos no mercado e temos que facer o mesmo que os demais nese sentido, e ademais se no futuro queremos facer produtos que se diferencien porque van levar máis proteína, pois tamén nos interesará que o leite en orixe teña tamén máis proteína.
Leche Río está a pagar neste momento por enriba da media de Galicia en prezos, levamos anos facéndoo
– Que incidencia tivo a pandemia do coronavirus no mercado lácteo? Como lle afectou a Leche Río? – Houbo un pouco de todo, a xente ve que se vendeu moito leite durante o confinamento. É certo relativamente, porque o que se aumentou de consumo no fogar non paliou a perda de venda en hostalería, que foi substancial. O leite pasteurizado de Leyma estaba a ir moi ben e por desgraza o tema do coronavirus e o peche da hostalería afectoulle, porque nós vendiamos moito leite pasteurizado en hostalería porque o noso Leyma pasteurizado funciona moi ben para facer capuchinos e este tipo de cafés porque fai moi boa escuma. E o consumo aí baixou, esperemos que cando a hostalería reabra volva subir. Realmente non está a cousa para lanzarse moito mentres non volva á normalidade a hostalería e o turismo, toda esa xente que vén de vacacións e que é coma se fose outra España.
Xa se están notando cambios de consumo cara a leites máis económicos e por iso creo que é un bo momento tamén para marcas como as nosas, que son un pouco marcas challenger con boa relación calidade-prezo
Coa Covid si que é verdade que xa se están notando os cambios de consumo cara a leites máis económicos e por iso creo que é un bo momento tamén para marcas como as nosas, que son un pouco marcas challenger, con boa relación calidade-prezo, porque a xente nestes momentos se cadra non está disposta a gastar tanto na marca de sempre e busca resgardo nunha marca que lle ofreza unha boa relación calidade-prezo e por iso quizais sexa un bo momento para nós para conseguir unha maior cota de mercado. Nun primeiro momento tralo coronavirus parece que o do benestar animal, o pastoreo, o ecolóxico xa non é tan importante, o que importa á xente é un produto dunha boa calidade-prezo pero que non sexa caro. Pero ao mesmo tempo, se poden pagalo, si que prefiren benestar animal e produto ecolóxico. O quid aí será poder ofrecer iso a un prezo interesante. – Fai pouco vostede alertaba sobre a entrada masiva de leite procedente doutros países, principalmente de Francia. Está a haber problemas de sobreoferta de produtos lácteos no mercado? Que consecuencias ten esta entrada de leite a baixo prezo e que medidas habería que adoptar para evitalas? – Niso definitivamente habería que ter moito coidado. Non sei se é a Xunta ou o Estado a quen compete ou que medidas concretas habería que tomar, pero habería que evitalo polo perigo que iso conleva para a nosa economía. Porque hai empresas como a nosa, que somos galegas 100%, que compramos aquí, transformamos aquí, que facemos todo aquí e que estamos para o longo prazo e ás que nos afecta moitísimo. Porque que entre o leite de fóra a ese prezo faiche non ser competitivo, pero o que fai ademais é destruír ao sector produtor.
Habería que evitar que entrase leite de fóra a baixo prezo porque destrúe ao sector produtor e ás empresas de aquí fainos non ser competitivas
Eu realmente non sei que medidas se poderían adoptar para evitar esa entrada de excedentes de leite, porque é certo que estamos na Unión Europea e existe libremercado e liberdade de movemento para as mercadorías, pero non sei por que ou como é que entra aquí leite de fóra pero non pasa ao revés, e na Unión Europea estamos todos. Outros mercados aínda estando tamén na Unión Europea son mercados moi proteccionistas, eu acórdome de ver cando era máis nova os camións de amorodos ou laranxas parados na fronteira francesa. É difícil que eles acepten que entre ningún dos nosos excedentes no seu país pero eu non sei por que aquí se consinte ou se fai a vista gorda cando pasan estas cousas. Galicia é a zona de España que máis posibilidades ten de seguir medrando e aumentando a produción láctea, por iso é tan importante non permitir que veñan aquí a afundir o mercado e a prexudicar ao gandeiro. Ás novas xeracións de gandeiros que levan as explotacións coma se fosen empresas vailles ben e teñen futuro. A gandería de antes non ten sentido, pero as granxas profesionalizáronse e por iso cada vez hai menos explotacións pero prodúcese máis leite. – Algunhas fontes a nivel internacional auguran unha baixada de prezos que podería acabar chegando tamén a Galicia. Que opina vostede? – Pois non o sei, eses agoiros é certo que os hai. Pero dunha banda dise que vai baixar o prezo pero por outra que Alemaña e Francia terán menor produción, polo que estamos un pouco sen saber que vai pasar realmente. Isto móvese día a día. Un dos meus traballos cando estiven a vivir en Madrid era nunha empresa da internet e dicían que traballar un ano nunha empresa tecnolóxica dese tipo era como traballar cinco anos nunha empresa normal, pois en Leche Río pasa un pouco o mesmo. Este tamén é un mundo moi cambiante. Ao principio entraba leite de Francia e Portugal á metade de prezo, de súpeto deixa de entrar porque se ve que está a haber seca en Alemaña e que Francia decidiu reducir a produción. Primeiro China retiña os contedores, pero ao día seguinte reanímase outra vez. Mañá que vai pasar? Non o sabemos. Eu espero que quedemos como estamos e que o prezo non baixe. Ao final temos que vivir todos, eu enténdoo así con respecto ao gandeiro, e espero que a distribución tamén entenda que temos que vivir todos a respecto das empresas.

"O meu pai tiña a empresa na súa cabeza e tomaba el todas as decisións, eu quero apoiarme en xente máis lista ca min"

Carmen co novo packaging de Leyma. A nova imaxe da empresa nótase xa nos seus envases Carmen Lence non é unha recén chegada nin a Leche Río nin ao sector lácteo. Estaba na empresa na época na que se xestou a compra de Leyma, efectivizada finalmente en 2005, unha das marcas que agora pretende potenciar. Está orgullosa de que o seu pai pensase nela para dirixir a empresa trala súa morte pero recoñece estilos distintos á hora de levala. Carmen estivo vinculada ao mundo universitario en EEUU e empeza xa a colaborar co Campus Terra e a aula de Produtos Lácteos de Lugo e aposta tamén polas sinerxias e o traballo en equipo no seu día a día dentro da empresa, que dá traballo a 130 persoas nas súas catro plantas (220 no total do grupo Lence Torres, sumando Trasleche, que conta con 65 vehículos propios e acordos con outros 80 autónomos). A filla pequena de Lence segue mantendo que a galeguidade de Leche Río é un dos seus sinais de identidade, pero quere demostrar que o sector lácteo galego é capaz de competir no mercado internacional, aumentando as exportacións da empresa, que nestes momentos representan o 10% das súas vendas. – Pesa aínda a sombra do seu pai e a súa forma tan persoal de levar as empresas? – Iso ten moito sentido, tiña unha razón e é que o meu pai creou a empresa, el construíuna desde a nada e por iso el era, de todas as persoas que hai aquí, a que mellor coñecía a empresa, ninguén podía competir con el en coñecemento e intuición, en parte por iso tomaba as decisións el só. El construíu a empresa así, contando basicamente coa súa opinión, el preguntaba, pero ao final sempre era el o que decidía. Nese sentido, o meu pai tiña unhas cousas moi boas e outras que non son tan boas, ao meu modo de ver, á hora de dirixir unha empresa. Ao meu pai moita xente recoñécelle as cousas boas que fixo pero ao mesmo tempo si que había un pouco de resentimento con el e coa empresa, mesmo nalgúns traballadores, porque había esa imaxe de que Lence era duro e dáse por feito que eu herdei iso. Eu o pasado non o podo cambiar, eu poderei facer as cousas diferentes de agora en diante, pero para iso é necesario un voto de confianza. Aínda que tamén é certo que agora me dou conta de que o meu pai levaba a culpa de moitas cousas sen tela e que ás veces era duro por unha razón, porque estar neste posto non é nada doado.
Para min persoalmente é unha honra que o meu pai confiase en min, pero sería unha arrogancia pola miña banda chegar aquí e dicirlle a todo o mundo o que ten que facer cando a maioría do persoal ten moita máis experiencia ca min
Pero a realidade é que a cultura da empresa era diferente á que é agora, cambiou bastante, a verdade, que se corresponde un pouco tamén cun estilo de liderado diferente, o cal ten lóxica, porque eu son polo menos 30 anos máis nova ca o meu pai e entón, só por esa razón, deberiamos de evolucionar un pouco. Non ten sentido para min e sería unha arrogancia pola miña banda chegar aquí e dicirlle a todo o mundo o que ten que facer cando a maioría do persoal ten moita máis experiencia ca min. Por iso eu tento escoitar para saber que é o que pasa, que é o que quere a xente e como podemos mellorar. Estamos nun proceso de mellora continua, esa é a idea, mellorar continuamente. E debo dicir, por outra parte, que toda esta historia da Covid o bo que trouxo é que coa xente que está a traballar desde casa, con teletraballo, empezamos a facer reunións con eles tres veces á semana para manternos un pouco en contacto e ao día e que esas reunións lograron crear equipo, que era algo que non había antes. Grazas a iso coñecín á xente que traballa comigo máis agora que no resto do tempo que levaba aquí, e iso que moitos deles xa os coñecía das miñas estancias anteriores na empresa. E o mesmo coas plantas. Nestas semanas, para minimizar o risco de contaxio, deixamos de ir ás plantas pero empezamos a facer estas reunións cos xefes de planta, xefes de calidade, xefes de produción, xefes de mantemento e eu creo que esa comunicación constante e implicar a todo o mundo e que todo o mundo se sinta parte do que está a pasar axudou moito. Eu compároo un pouco con cando un se monta nun barco e non sabe onde vai o barco ou cand un se sube e ten idea de cara a onde vai. A implicación é distinta, e coñecer eses obxectivos comúns e compartilos axuda. – Cal é a día de hoxe a estrutura de Leche Río? O seu cargo é actualmente o de presidenta, verdade? – Si, Leche Río segue sendo unha empresa familiar cun Consello de Administración no que estamos eu e o meu irmán Luís e con dous conselleiros externos, que non son da familia pero que levan moitos anos na empresa, Jesús García, director de operacións, e Aida Canto, responsable financeira. As cousas están como as deixou o meu pai, xa veremos se no futuro se cambia algo, pero polo momento está así. – Malia traballar con anterioridade na empresa, agora levaba xa 14 anos fóra. Seguía de preto o mercado lácteo ou tivo que poñerse ao día? – Estaba ao tanto, en parte porque cada vez que falaba co meu pai falábase da empresa, porque o meu pai preguntábache pola familia dous minutos e despois contábache cousas da empresa. Era a súa vida, a empresa e os negocios eran a súa paixón realmente. O meu pai pódese dicir que non traballaba por diñeiro, traballaba porque lle gustaba, era a súa vida. Así que nese sentido estaba xa moi actualizada en todo porque falaba desas cousas con el e ademais xa estaba no Consello de Administración e viña ás reunións. Nese sentido non tiven que poñerme ao día nin era un mundo descoñecido para min, xa que seguía a actualidade do sector.
As empresas de fóra, que compran leite aquí e noutros lugares, non son tan dependentes do campo galego como o somos nós. Somos unha empresa galega e sentímonos orgullosos de selo e na miña humilde opinión Leche Río é unha empresa clave para o sector lácteo galego
– O sector lácteo galego está cada vez máis en mans foráneas. O seu pai sempre mantivo unha vinculación moi clara das súas empresas con Lugo e con Galicia. Oínlle a vostede nalgunha ocasión, e lin nalgunha entrevista, que a súa intención é tamén manter esa relación. – Leche Río é a empresa galega que máis leite recolle en Galicia. Todas as demais, Reny Picot, Capsa, Lactogal ou Lactalis, recollen leite aquí pero non son de aquí. Non é por criticalos a eles, nin moito menos, pero a realidade é esa. Todas estas empresas que compran tamén fóra non son tan dependentes do campo galego como o somos nós. Que sería de nós se o campo galego se destrúe porque empeza a entrar leite de fóra á metade de prezo? Non imos ir comprar a Francia. A nosa vida está aquí. Somos unha empresa galega e sentímonos moi orgullosos de selo. Para min unha das motivacións para facerme cargo desta empresa é que Leche Río, na miña humilde opinión, é unha empresa clave para o sector lácteo galego. Porque se Leche Río desaparecese ou a comprase unha destoutras empresas, o sector lácteo galego quedaría en mans de empresas de fóra. E iso a medida que o sector se vai concentrando e os operadores son cada vez menos pois un perigo potencial para todos. – Vostede estaba vivindo en EEUU. Alí algunhas das principais empresas lácteas, como Dean Foods e Borden Dairy, entraron en bancarrota. Que diferenza ao seu xuízo o sistema lácteo en EEUU e o de Europa? – En Estados Unidos vivín en California e agora en Boston. Ata o de agora, antes das limitacións de movementos por culpa do coronavirus, estaba tres semanas aquí e unha en EEUU e a semana que estaba en Boston pasábaa unha boa parte dela nos supermercados vendo que é o que están a facer alí as empresas lácteas. Unha das diferenzas principais é que eles están moi enfocados na innovación, porque o leite é un mercado moi maduro, tanto alí en EEUU como aquí en Europa, e igual que aquí, alí as mal chamadas leites vexetais restaron moito mercado ao leite de vaca porque unha parte do consumo foise cara a esas bebidas vexetais e daquela as industrias lácteas están sempre tentando innovar para contrarestar iso. Moitas destas ideas destes produtos con máis proteína veñen realmente de alí, non é que esteamos a inventar nada, é un pouco seguir unha tendencia de mercado que hai, así como o leite A2, ao que eu lle vexo futuro, aínda que falei con algunha xente da distribución e eles non o ven o do leite A2 e é certo que en lugares como Estados Unidos segue sendo un consumo mínimo, igual que o leite grass fed, como eles lle chaman, que sería a de pastoreo, que tamén está moi de moda pero representa só o 5% do consumo alí. Pero eu véxolles futuro, eu creo realmente que o mercado vai cara aí.
Empezamos a mandar leite envasado a China, este mes serán 40 contedores, e xa estabamos presentes no norte de África e no Caribe
– Co descenso de consumo de leite en Europa ou EEUU, neses mercados maduros, como vostede di, é necesario mirar cara a países emerxentes onde está a aumentar o consumo de proteínas lácteas? Teñen previsto reforzar as exportacións a países de África, Asia ou o Caribe cos que xa están a traballar? – Si. De feito, eu empecei aquí en abril e en setembro xa incorporaramos a unha persoa só para mercado exterior. Porque é evidente que en España o mercado é moi limitado e é difícil crecer, entre outras cousas porque até hai pouco o consumo de leite caía ano tras ano, aínda que agora parece que no último ano recuperou un pouco e co coronavirus gañouse en consumo na casa, pero iso non quere dicir que cando volva á normalidade non volvan as cousas ás andadas. Pero en España a tarta é o que é e as marcas fortes teñen un gran pedazo de tarta e sacarlle a tarta ao do lado é difícil. Entón, non é que sexa máis doado, pero hai un mercado enorme aí fóra porque de súpeto estes países que non teñen produción de leite espertaron e demandan produtos lácteos e é unha oportunidade que hai que aproveitar. Estamos a centrarnos no norte de África, onde xa estabamos, en países como Mauritania, Marrocos ou Libia, igual que no Caribe, onde xa estabamos en República Dominicana, e empezamos a vender a China a través de Hong Kong, grazas a uns clientes que fixemos alí nunha feira celebrada en Shangai, á que fomos en novembro. De momento non é un volume moi importante pero todo suma, sobre todo de cara ao verán. Este mes de xuño enviaremos 40 contedores de leite, que enviamos envasado e van os contedores con flotadores polos lados para que non se mova a carga e cunha manta térmica envolvendo o leite. Os chineses non son fáciles como clientes, son moi pero que moi esixentes. – En conxunto, que volume representan as vendas fóra para Leche Río? Pois se contamos a nata que mandamos para Francia e Alemaña, principalmente, o noso volume de exportación pode roldar o 10%, que tampouco é tanto. Pero a idea é incrementalo e medrar por aí tamén. – É vostede una das poucas mulleres á fronte dunha industria láctea en España. É este aínda un sector dominado por homes ou iso está a cambiar? – Eu acórdome cando ía ás reunións da FENIL na miña anterior etapa na empresa hai 15 anos e aquilo era moi simpático, porque todos eran señores máis ou menos da idade do meu pai e as únicas mulleres mozas eramos eu e a secretaria. E eu sempre dicía, como pode ser que unha industria onde as clientas son mulleres, que son as que compran nos supermercados, e sen embargo os directivos das empresas sexan todos homes. Hoxe cambiou un pouco, aínda que realmente segue sendo un mundo fundamentalmente de homes.
Sempre me chamou a atención que á fronte da industria láctea, onde as clientas son fundamentalmente mulleres, que son as que compran o leite nos supermercados, os directivos das empresas sexan maioritariamente homes
Nesta empresa, desde que eu cheguei e por pura casualidade, porque pensabamos que eran as persoas idóneas, incorporáronse xa varias mulleres en postos relevantes. O meu pai tiña a empresa na súa cabeza, eu téñome que apoiar en xente máis lista ca min que me axude, e empezamos a contratar postos que antes non tiñamos, como a directora de recursos humanos, a directora financeira ou a directora de campo e as tres son mulleres. E na reorganización que tamén fixemos dos equipos de cada unha das plantas, moitas das persoas que promocionamos son mulleres, e temos dúas xefas de produción e unha xefa de calidade, e todas nais con fillos, e eu que tamén son nai e teño un fillo e unha filla realmente non creo que iso sexa un impedimento para nada e non debería selo. É máis, polo feito de que ás veces nos custa máis probar que merecemos o posto tamén o coidamos máis. Nese sentido, Leche Río está bastante feminizada.

“Eliminando os xenotipos A1 as ganderías de vacún de leite darían un paso de futuro”

O leite con Beta Caseína A2, producida por vacas con xenotipo A2A2, é unha opción cada vez máis presente no mercado. Abordamos con Gerardo Caja, catedrático de Produción Animal na Facultade de Veterinària da Universitat Autònoma de Barcelona (UAB), as características deste leite que se presenta como un produto diferenciado, de maior prezo e máis dixerible. É realmente o leite A2 unha alternativa de futuro na que fixarse? Non só é un tema de interese, senón que eu incluíno entre as miñas liñas de investigación porque creo que ten moito futuro. Temos visto que o mercado está a especializarse en distintos tipos de leite, en parte por un márquetin moi forte (ás veces non moi justificado desde o punto de vista científico) pero tamén porque hai xente á que o leite non lle senta ben e que deciden pasarse á desgraxada ou ao leite sen lactosa... Estas intolerancias indefinidas poden estar relacionadas coa famosa Betacaseína A1. Se todas as vacas fosen homocigotas para a Betacaseína A2 habería moita xente que ten intolerancias inespecíficas que toleraría moi ben o leite. Nese senso, eu teño moi claro que se o sector reducise os xenotipos A1 daría un paso de futuro. Que características ten este leite para ser máis dixerible? Moitas veces a xente cre que a graxa é o que dificulta a dixestión, con todo, cando comparas a graxa do leite de vaca e a humana, en cantidade de graxa non hai grandes diferenzas. Aínda que o perfil de ácidos graxos, debido fundamentalmente á alimentación pode ser distinto, tampouco hai tanta diferenza e non parece necesario que haxa que desgraxar ou cambiar o perfil graxo do leite se comemos outros alimentos. Con todo, hai dous factores que realmente marcan a diferenza do leite de vaca e a humana. Por unha banda está a proteína, xa que mentres os valores na humana están no 1% na de vaca están en máis do 3%. É moi probable que, en moitos casos, o que a xente atribúe a unha intolerancia ao leite non estea na graxa, senón na proteína.
"É moi probable que moitos casos de mala dixestión do leite non estean derivados da graxa senón da proteína"
Outro dos compoñentes relacionado coas intolerancias é a lactosa. Se o analizamos, comprobamos que o leite de vaca ten ao redor de 5% mentres o leite de muller está no 7%. Non pode ser que a lactosa sexa mala con esa cantidade no leite materno, ten que haber algo diferente que estea a afectar a esta xente para que sente mal o leite. Entran en xogo outros aspectos como a orixe. As persoas centro-norteeuropeas teñen un xen que mantén a actividade da encima que dixire lactosa, chamada lactasa, desde a infancia. Algunhas persoas non o teñen, e por iso o seu intestino ten dificultades para dixerila ao chegar a adultos. Todos estes factores é moi importante telos en conta a día de hoxe. E ao mirar as proteínas do leite vimos unhas variantes de caseína que non sabiamos dela até fai uns 20 anos. Esta é a variante A1 da betacaseína, unha das caseínas mais abundantes no leite de vaca. Ao dixerir a cadea de betacaseína de tipo A1, a proteína córtase por un aminoácido determinado e dá como resultado un péptido de 7 aminoácidos chamado BCM7. Esta variante ten efectos negativos na saúde dalgunhas persoas. O máis importante é que non todo o mundo responde a ese anaco de proteína da mesma forma, senón que hai persoas nas que ten mais efecto. Agora hai indicios de que a algunhas persoas este péptido BCM7 da dixestión da betacaseína A1 prodúcelles ataques autoinmunes que afectan a algúns órganos. É moi difícil demostrar este tipo de efectos a nivel da poboación xa que os estudos epidemiolóxicos publicados teñen resultados contraditorios, con todo unha vez que temos identificado este risco para algunhas persoas, porqué non optar por unha alternativa que poida ser menos problemática?. Sobre estes péptidos BMC, que igual que no leite están presentes noutros produtos alimenticios a EFSA (Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria) da UE emitiu un informe indicando que non viu riscos para limitalos nos alimentos, pero iso non significa que haxa xente que sexa máis sensible a eles. É realmente un tema moi complexo e actualmente en estudo. É realmente unha alternativa para os alérxicos e intolerantes á lactosa? Eu non diría que sexa unha alternativa, xa que o leite A2 ten o mesmo contido de lactosa que a A1. Pero podería ser unha alternativa para esa xente que agora mesmo cre que é intolerante á lactosa porque o leite lle senta mal, aínda que a clave do problema non sexa a lactosa. Esa xente cunha intolerancia inespecífica e que a asocian á lactosa do leite, volverían ser consumidores de leite normal se dispuxesen de A2. Hai un estudo publicado no European Journal Clinical Nutrition no que se comproba que, tras dar a un grupo de xente leites A2 e A1 nun ensaio a cegas, as persoas que tomaron leite A2 reduciron os problemas dixestivos e molestias de tomar leite. Hai bastantes traballos publicados xa nesta liña. E, a parte de estudos sobre A2, hai industrias lácteas en España especializadas neste tipo de produto? Hai pequenas industrias pero o gran problema agora está a ser a recollida e envasado diferenciado de pequenas partidas de leite A2. En Cataluña parecía estar a se iniciar esta aposta de forma decidida polos gandeiros, é xa unha realidade máis palpable? Empeza a haber algunha. En Cataluña temos xa unha granxa con vacas A2A2. O propio Departamento de Agricultura da Generalitat empezou a favorecer medidas para que os gandeiros xenotipen as súas vacas e decidan que xenotipos usar. Actualmente, por exemplo, a través de CONAFE que ten xenotipados a todos os seus touros, pódese pedir seme de touros homocigotos A2A2. Desta maneira increméntanse as posibilidades de lograr vacas A2A2, tal como xa se empezou a facer en moitas granxas. Que razas son máis produtoras de leite A2A2? En España na raza Frisoa, estímase que, do mesmo xeito que noutros países, hai un 33% de vacas A2A2 pero en razas como a Pardo Alpina elévase ao 50% e en Jersey ou Guernsey chégase a preto do 90%. En moitos países e en España, está a traballarse xa en xenotipar distintas razas locais para saber se algúns xenotipos son máis favorables respecto de A2. Cando se observa o leite de zebú, búfala, cabra, camella, ... todas son 100% A2A2. Así é posible que razas pouco seleccionadas por cantidade de leite, como a Asturiana dos Vales ou a Rubia Galega teñan máis contido en A2... pero por agora estase investigando.
"Non se atopou ningún factor no que os xenotipos A2 sexan peores que os A1"
Os leites máis sustentables, de quilómetro cero, procedentes de razas autóctonas e sistemas de produción máis extensivos ou ecolóxicos poderían resultar especialmente interesantes respecto da betacaseína A2. A betacaseína A1 (nova) é unha mutación da A2 (orixinal) e neste momento está especialmente concentrada na raza Frisoa. Non é que só o teña o frisón, pero como non sabiamos da súa existencia fóronse seleccionando xenotipos altamente produtivos con touros de variante A1. Con todo, é importante destacar que non se demostrou até agora que o xenotipo A2 sexa menos produtivo ou estea asociado negativamente a outros caracteres produtivos. Deu a casualidade de que os touros que se seleccionaron foron a parar a xenotipos A1. Os estudos realizados, tanto en EEUU como en España non atopan ningún efecto asociado negativo nin en mortalidade, nin en fertilidade, nin en patas, nin en lonxevidade... Hai que seguir estudando pero, polo momento, non se atopou ningún factor no que os xenotipos A2 sexan peores que os A1. A expansión e popularización do leite A1 debeuse en gran medida a un maior rendemento produtivo, a elección de apostar A2A2 implicaría vacas menos produtivas? En absoluto. Se dos touros mellorados españois elixo os A2 podo atopar xenotipos do mesmo nivel. Igual agora mesmo o mellor touro de España é A1 pero en canto se empecen a seleccionar os A2, o mellor podería ser A2. Non hai asociación negativa e iso é o importante, é dicir, ao concentrar o A2 non hai caracteres que se vexan afectados negativamente. Iso é unha gran vantaxe. Estamos a traballar na elaboración dun mapa da situación actual en España. Un vaise a outros países como Nova Zelanda, Australia, Italia e xa se fixeron estudos moi importantes sobre o tema. Non só importan os grandes alelos, xa que do mesmo xeito que falei de A1 e A2, están descritas outras variantes de betacaseínas e por agora xa se citan 13 tipos (A1, A2, A3, B, C, D, E, F, G, H1, H2 e I). Hai anos na betacaseína, a pesar de ser cuantitativamente moi importante no leite, non falabamos de alelos e agora saíron todos estes.
"Que sexan A2 debería de ser un criterio de escoller un touro para mañá, aínda que fose un pouco máis caro"
Que considera máis viable para os gandeiros: seleccionar a Holstein para que produza leite A2A2, ir a cruces ou directamente a outras razas? Temos que saber que facer mañá. O inmediato sería, do mesmo xeito que elixo touros e búscoos pola mellora xenética que producen e por prezo, o que sexan A2 debería de ser un criterio de escoller un touro para mañá, aínda que fose un pouco máis caro. Doutra banda, respecto da raza ideal, é moi distinto falar do caso de Galicia, cun clima chuvioso e onde a herba segue sendo un recurso alimenticio importante, e cuxo modelo eficiente equivalente sería o neozelandés, ou de explotacións en zonas de clima continental, intensivas e vacas estabuladas alimentadas con ensilado de millo, modelos máis similares aos californianos ou centro-estadounidenses. Neste último, para moitos gandeiros está a resultar máis eficaz a raza Jersey. No estado de Idaho hai xa explotacións de mais de 20.000 vacas Jerseys mais eficientes que as Frisoas que están a producir leite con preto dun 5% de proteína para elaborar produtos lácteos, como iogures e queixos, que é o que se paga. Por que non facelo tamén aquí en España? Eu non cambiaría hoxe as miñas vacas Frisoas, se as tivese, pero se se tratase de empezar, igual o faría con outras vacas ou como fixeron algúns gandeiros, introduciría con algúns patios con Jersey ou outra xenética porque cos problemas de fertilidade e pata que ten a Frisoa americana, non sei se é a raza máis adecuada para o futuro.
"É triste que en zonas como Galicia, con vacas tradicionais e modelos de produción locais, no canto de melloralos se substituiran por outros onde primou a cantidade sobre a calidade"
Estamos nun momento de apostar polo cambio de razas na produción láctea? En España hai modelos moi claros baseados en razas, doutras especies distintas do vacún, por exemplo na produción de queixos con denominación de orixe protexida. Un dos queixos que máis exportamos en España é o Manchego de ovella. Os gandeiros manchegos que fan calidade con raza autóctona reciben case 0.2 euros máis por litro de leite que venden. A xente cre que iso é posible na ovella pero non na vaca, pero se vas ao Macizo Central francés atopas queixos con denominación de orixe elaborados con protocolos que esixen unha raza local chamada Montbéliarde e que produce leite nos pastos de montaña. Por que meter outras razas se che pagan máis polo leite de razas autóctonas coa que se elaboran queixos con denominación de orixe e que non teñen posibilidade de producirse fóra? Para min é triste observar que Asturias, Santander, Galicia, o País Vasco, o Pirineo e a montaña leonesa tiñan unhas vacas tradicionais e modelos de produción locais que, no canto de ser mellorados, foron substituidos por outros nos que primou a cantidade sobre a calidade. A calidade pode estar moi ben recompensada polo mercado e pode basearse en razas autóctonas melloradas e explotacións de tamaño medio, non debería haber ningún inconvinte de que estes modelos completasen a outros mais industriais e de maior consumo. No caso de España estamos a ver esta opción nalgunhas razas. Un modelo de produto lácteo, raza protexida e paisaxe é un modelo moi sustentable e atractivo e resistente ás agresións do mercado globalizado.
"O futuro é muxir as vacas cun robot individual ou en grandes salas de muxido de tipo rotativo"
Cada vez máis, os robots de muxido convértense nun elemento máis da explotación, que vantaxes e desvantaxes implican fronte a outros sistemas? En 2004 organizamos en Barcelona o primeiro congreso de robots de muxido, naquel momento en España había 30 robots, o primeiro deles púxose en Cataluña. Entón eu fixen un mapa no que se recollía a localización destes robots (Zaragoza, Navarra, País Vasco e León, achegábanse a Asturias e en 2005 chegaron a Galicia). Aquilo parecía o Camiño de Santiago. Agora resulta que Galicia colleu un impulso tremendo cos robots de muxido. Eu son un defensor dos robots por dúas razóns: moxen ben e sobre todo permiten que o muxido non sexa unha escravitude horaria do gandeiro. O problema segue sendo o custo. Outros países tiveron a sorte de subirse ao carro no momento en que a UE quería axudar á automatización do ordeño e recibiron importantes subvencións para ese tema. En España xogounos en contra ser dos últimos en sumarnos e non ter tecnoloxía propia. Eu creo que o futuro é das vacas muxidas ou por un robot individual ou por grandes salas de muxido de tipo rotativo equipadas con robots montados na propia sala de muxido. Iso é o que se está vendo en EEUU que até agora non se preocuparon pola man de obra que conseguían sen problema de migrantes do sur e agora están a optar por estes sistemas.

"A Industria láctea debería acabar con esta mala reputación do leite enteiro e coas falsas crenzas dos  produtos vexetais"

Nun momento no que o consumo e a reputación do leite están cada vez máis cuestionadas, está a evolucionar tamén a produción de leite orientado cara á elaboración de queixos e derivados lácteos? Pode haber xente que dubide do consumo de leite por distintas cuestións como as intolerancias á lactosa, pero se falamos de iogurt non temos ningunha dúbida de que a todo o mundo lle senta ben, está cheo de produtos bioactivos e pre-probióticos que protexen do cancro, como no caso do colon, e outras enfermidades. Eu non teño ningunha dúbida de que tomar iogurt e produtos lácteos fermentados ou envellecidos mellora a saúde. Creo que aí hai que traballar para difundir a mensaxe ao consumidor.
"Nada demostrou ser mellor que o leite para conseguir e manter un bo nivel de mineralización dos nosos dentes e esqueleto"
A industria láctea debería romper lanzas para acabar con esta mala reputación do leite enteiro e coas falsas crenzas de que é mellor e máis san tomar soia ou outros produtos vexetais no canto de leite. Estas crenzas ás veces están asentadas en estudos dubidosos, como o caso dun estudo sobre os beneficios asociados á soia na menopausa cuxo autor foi mesmo expulsado da universidade onde traballaba e do colexio de médicos por falsidade nas súas investigacións. Nada demostrou ser mellor que o leite para conseguir e manter un bo nivel de mineralización dos nosos dentes e esqueleto. Iso dános en gran parte a calidade de vida na idade madura e a vellez. E 1 litro de leite ao día, ou produtos lácteos equivalentes, durante a adolescencia, unido á práctica de exercicio e a outros nutrientes, proporciona todas as nosas necesidades diarias de calcio e asegura unha masa ósea óptima para o resto da vida, tal como recomenda a Organización Mundial da Saúde. E o consumo e popularización do leite cru, é unha opción segura? Estou plenamente de acordo coa venda de leite cru xa que os gandeiros van poder ter unha venda directa, sen intermediarios, que repercutirá no que perciben polo leite. Outro aspecto, no que se fixeron críticas moi desafortunadas é con respecto á seguridade do leite cru. Cando compro carne, cómproa crúa, pero eu sei que a teño que guisar antes de comela senón os riscos serán maiores, pero aínda así ás veces, se é de moita calidade, decido comela ao momento ou mesmo crúa en tartar? e co leite ocorre o mesmo. Podo comer o leite cru directamente? Se compro leite cru, e garanten a súa orixe e calidade, só teño que chegar a casa e facerlle unha pasteurización suave para tomala sen maior problema. Ademais só preciso unha soa pasteurización, xa que se demostrou que o quecemento indebido (a temperaturas moi altas ou varias veces) do leite produce compoñente non desexables. O leite cru é unha opción máis. Eu son un gran defensor dos leites frescos, porque son leites da mais alta calidade e que se conservan en neveira preto de 10 días tras unha pasteurización débil. Se fosen leites contaminados ou peores non poderían conservarse con ese proceso tan livián e durante tanto tempo. A industria envasa como leite fresco o leite da maior calidade. Perde realmente propiedades o leite tras someterse á pasteurización? O noso mercado chama leite pasteurizada a cousas que ás veces non o son. O leite UHT de longa duración (meses) é esterilizada. Para min un paquete de leite UHT é un recipiente no que se matou todo o malo e moito do bo que había dentro. Na maioría de países europeos o leite de maior consumo é pasteurizada e de curta duración (semana). Desapareceu do mercado a expresión esterilizada porque se asociaba cun leite de mala calidade, amarelada e sabor alterado. As gandarías españolas producen un leite de gran calidade. A industria non quere leites con alto reconto de células somáticas porque, aínda que esterilicen e maten os posibles xermes, as encimas microbianas quedan dentro do paquete e seguen degradando o leite, en especial a proteína. Por iso algúns paquetes teñen un sabor amargo, é leite esterilizada, de boa calidade pero esterilizada. Así, ir a un leite tan sensible que se estraga se se deixa fóra da neveira quere dicir que para que dure ten que ter pouquísima actividade microbiana. A mellor garantía de leite é aquela que teño na neveira e que foi sometida a un proceso de tratamento moi suave e aínda así non se estraga durante unha semana ou dez días. Ese leite é fantástica, sabrosa e mais nutritiva.

Gandería Callobro Holstein, camiñando cara un rabaño de vacas A2 A2

Situada na parroquia de Vilar Betote, en Trabada, Callobro Holstein pode converterse en pouco tempo nunha das primeiras ganderías de Galicia que produza o 100% do seu leite con proteína betacaseína A2, máis dixerible que a convencional betacaseína A1. Neste momento, toda a recría que se fai na granxa leva xa xenes A2A2 e en poucos anos nesta explotación só terán cabida animais con este alelo xenético. “Fago as probas xenómicas a todas as xatas e só insemino con touros A2A2. Isto non custa máis, non é máis caro, é simplemente cuestión de ler os catálogos de touros e escoller. E de todas aquelas vacas que hai neste momento na explotación pero que non sexan capaces de xerar unha cría A2A2 non se cría delas. Creo que isto vai dar un produto diferenciado. En California están vendendo o leite A2 a 3 euros e etiquétano con letras grandes. Eu quero un rabaño de vacas A2A2 polo que poida pasar aquí, e espero que pase”, afirma Gonzalo. Está convencido de que o futuro está en “máis calidade e menos litros” porque “o prezo do leite a curto prazo vai depender diso”. “As industrias non che van mercar litros de leite, senón quilos de graxa ou de proteína, en función do que precisen para elaborar os seus produtos. En Italia xa hai empresas que fan queixos que están mercando o leite desta maneira e aquí penso que a compra de sólidos chegará en breve”, explica. “As industrias non che van mercar litros de leite, senón quilos de graxa ou de proteína” Os datos de Callobro en xaneiro, por exemplo, foron 93.000 células somáticas, 3,91 de graxa e 3,49 de proteína. Gonzalo explica que “a proteína ten menos herdabilidade xenética que os caracteres morfolóxicos pero se insistes acaba aparecendo. Iso fixérono os gandeiros holandeses e alemáns e hoxe teñen unhas calidades moi boas. Eu sempre vixiei moito a proteína dos touros e comezan a verse os resultados”, di. A mellora xenética é un dos sinais de identidade desta explotación en crecemento, que ten neste momento 80 cabezas entre vacas en muxido e recría, pero que conta chegar aos 65 animais en produción, que é a capacidade total da nave. “Prefiro medrar un pouco máis lento pero con máis calidade. O que non fago é criar algo que non me gusta, iso sería un paso atrás”, di Gonzalo. Aínda que só hai 4 anos que está á fronte da explotación, nos que intensificou a presión xenética, Gonzalo levaba xa 15 anos, nos que foi delegado de vendas dunha empresa americana de seme e embrións, facendo selección e mellora xenética na granxa familiar, na que hai animais procedentes dalgunhas das mellores ganderías da provincia de Lugo, como Nodi, Mantoño ou Outeiro. “A xenética é algo imprescindible, debía vir no catecismo do gandeiro. É un dos piares fundamentais xunto co manexo e a alimentación, pero non se debe abandonar ningún deles. A xenética é algo máis lento, os resultados non se aprecian instantaneamente, como acontece coa alimentación ou a mellora na comodidade do gando, pero crea unha pegada que acaba notándose. Ás veces a xente confunde xenética con vaca de concurso, pero a xenética non é só iso, a proteína e a graxa ou a saúde do animal tamén é xenética. Hai quen di que todas as vacas son iguais, pero non é certo. Tamén eu digo que o tabaco non me fai mal. Podo disimular e autoenganarme, pero sei que non é verdade”, compara.

 “En catro anos non me morreu nin unha soa xata de diarrea”

Callobro Holstein atópase no top 20 da provincia de Lugo por media de produción, con 12.580 quilos por animal no 2017, e no top 10 por cualificación, con 84 puntos de media e aínda que di que “a intención é mellorar eses dados”.Gonzalo non prioriza só a produción senón tamén a saúde e o benestar dos animais, para o que non escatima coidados. E pon un exemplo: “nunca me morreu nestes 4 anos unha xata de diarrea. Unha vez díxome un gandeiro en Wisconsin que se a el lle morría unha xata pequena de diarrea considerábao un fracaso persoal e eu penso o mesmo. El tiña 1.000 vacas, así que eran 1.000 partos, e tiña unha taxa de mortaldade de neonatos de menos do 1%, así que sempre digo que se non lle morrían a el, con 1.000 vacas, como vou deixar que me morran a min con 60. Os becerros non nacen enfermos na maior parte dos casos, senón que é un problema de manexo, así que o remedio está nos coidados, en encalostrar, na cama e na desinfección”, considera. E afirma que hai moitas ganderías que non poñen suficiente empeño nisto e acábano pagando. “Hai explotacións que teñen falta de xovencas para repoñer pola súa alta mortaldade en neonatos. Eu non o entendo, porque niso está o teu futuro, no que investiches cartos e esforzos. Ao mellor trátase dunha cría mediante inseminación in vitro ou un embrión implantado, mimaches a nai até o parto, fixeches todo ben e logo por non ter coidado mórreche a cría. Iso supón unha perda terrible para unha explotación. Pero ás veces o gandeiro non lle dá moita importancia, porque é un animal de poucos días, pero as consecuencias vense aos dous anos, porque ese tería que ser un animal que aos dous anos tiña que estar producindo”, afirma. Pero para Gonzalo a vida dos animais está por enriba da rendibilidade. “Os machos pintos cada día que pasan na explotación dan perdas, é certo, pero eu son incapaz de non coidalos igual que se fose á miña mellor xata para recría”, di.

Falta de superficie agraria

A recría e as vacas secas tenas fóra. Do mesmo xeito que intensificou a presión xenética, outro dos cambios que fixo Callobro Holstein desde hai 4 anos foi intensificar a alimentación das vacas en produción. Gonzalo ten alugada unha nave a uns 8 quilómetros da casa, onde ten as vacas en muxido, que alimenta coa mestura húmida que lle serve a cooperativa Os Irmandiños. Tomou esta decisión ante a falla de superficie agraria da explotación e como única alternativa para poder seguir medrando. “Nesta zona a base territorial é escasa e a pouca que hai estase plantando masivamente a eucaliptos, polo menos 30 ou 40 hectáreas de prados foron plantadas nos últimos dous anos no concello de Trabada”, denuncia. Aínda que en Vilar Betote ou na veciña parroquia de Sante quedan aínda bastantes explotacións gandeiras, Trabada é un concello que conta cun sector forestal moi potente que acaba arrastrando aos pequenos propietarios de terras cara a súa plantación.
 “Nesta zona a base territorial é escasa e a pouca que hai estase plantando masivamente a eucaliptos”
Gonzalo pide á Administración que vixíe o cumprimento das leis que ela mesma aprobou, en relación á prohibición da forestación de terras agrarias e ás distancias mínimas que as plantacións teñen que deixar a vivendas ou camiños. E apela aos concellos a tomar cartas no asunto, como ven de facer o alcalde do veciño concello de Ribadeo. “Pido simplemente que se cumpra a lei”, di, e “que a Administración vixíe de oficio” para evitar que aconteza o que pasou noutra parroquia aquí ao lado, “onde os veciños non se falan entre si” despois de denuncias cruzadas. “Que eu teña que ser a autoridade que denuncie non ten xeito, é como se para que se cumpran as normas de circulación me tivese que poñer na entrada da Veiga e chamar a Tráfico cada vez que vexo pasar un coche con exceso de velocidade”, compara. Callobro Hosltein conta só cunhas 11 hectáreas onde ten as xovencas e as vacas secas en réxime de pastoreo para reducir custos. Ademais, fai forraxe para o inverno cos excedentes da primavera, época na que tamén aproveita para renovar a pradeira, a un ritmo dun par de hectáreas por ano, para obter máis forraxe e de máis calidade. “A mágoa é non ter outras 20 hectáreas máis para poder facer tamén a forraxe para as vacas en produción e reducir custos”, lamenta.
 

“A máquina máis nova que teño ten 20 anos”

Gonzalo subcontrata estes traballos porque “a máquina máis nova que teño ten 20 anos e os dous tractores que hai na casa pasan dos 30”, explica. “No noso tamaño é inviable totalmente mercar unha máquina ao prezo ao que podes alugar o servizo, porque teñen que pasar unha inmensidade de anos para poder amortizar o custo de adquisición”, xustifica. Desde a súa casa vese o río Eo que serve de límite con Asturias e seus pais eran socios de Central Lechera desde fai 30 anos. Callobro véndelle o leite á cooperativa asturiana e aproveita servizos como o de reprodución, podoloxía ou control de mamite. Son servizos lle factura a cooperativa, que ademais financia unha parte, pero é o gandeiro quen elixe o grupo de técnicos que levan a súa explotación. Central Lechera incluso xestiona a compra conxunta da luz por parte de todos os socios e das fábricas da cooperativa e Gonzalo lamenta que “en Galicia, sendo o país das vacas, non fósemos capaces de poñer en marcha un proxecto cooperativo semellante”.
Vai comezar a enviar o xurro á planta de Navia
Gonzalo vai comezar tamén a enviar o purín que produce á planta de tratamento que a cooperativa asturiana ven de poñer en marcha en Navia, e iso fai que non poida empregar area nos cubículos das vacas en produción. Esta planta, que vai xestionar 1.000 toneladas de xurro diarias, pode resolver un dos problemas máis graves que se aveciñan para moitas explotacións co novo Decreto de xurros, así que Gonzalo pon na balanza os pros e os contras. “A area é a mellor cama que hai, pero a planta de Navia non a admite”, explica, así que emprega serrín cunha proporción pequena de cal, que actúa como desinfectante. É unha mestura “manexable e máis barata” que repón unha vez á semana. O que non recomenda para estabulacións en intensivo como a súa son as mantas de goma, porque di que “non son unha cama confortable para as vacas e cáusanlles moitos problemas de articulacións”. “Cando cheguei, o establo estaba preparada para mantas de goma, pero tardei só 5 meses en levantalas”, lembra. Outro dos servizos que aproveita Gonzalo é o de substitucións. Agarda que cando alcance as 65 vacas en muxidura iso lle permita poder contratar a un peón, pero de momento as vacas aténdeas el só e di con orgullo que “desde que se xubilaron, meus pais non volveron muxir, os poucos días que libro contrato unha persoa de substitución”.