Archives

Investimento millonario do Ministerio para modernizar o regadío na Limia, con temor a canto terán que pagar os agricultores

Despois de moitos anos de reclamacións e de atrasos a modernización do regadío na comarca ourensá da Limia, a principal zona de produción agrícola de Galicia, especialmente en pataca e cereal, parece por fin empeza a ser unha realidade. O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, presidiu esta mañá en Ourense o acto de sinatura dunha adenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Sociedade Estatal de Infraestruturas Agrarias (SEIASA), adscrita ao ministerio, e a comunidade xeral de regantes Nova Limia, pola que se eleva a 35 millóns de euros o proxecto para a modernización integral desta rede. O ministro destacou o alcance social deste investimento, porque vai permitir consolidar o cultivo da pataca na comarca da Limia, ademais de impulsar outros. O proxecto actúa sobre unha superficie regable de 2.576 hectáreas e beneficia a 1.822 agricultores. Este proxecto de modernización permitirá substituír o uso da auga superficial do río Limia e os seus afluentes por augas subterráneas obtidas de 42 pozos cuxas captacións foron autorizadas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e que se integrarán en 4 redes de rega. As obras inclúen a construción de tres balsas elevadas cunha capacidade de almacenamento de 75.000 metros cúbicos de auga. A infraestrutura equiparase de sistemas telemáticos e autocontrol, e para dotar de enerxía á rede de rega construiranse sete plantas fotovoltaicas. Tras o acto de firma, o ministro trasladouse a Xinzo de Limia para visitar a zona regable e coñecer detalles in situ sobre as actuacións que se van executar.

Obras previas realizadas pola Xunta con fondos propios e advirte da necesidade de "evitar sobrecustos innecesarios para os regantes"

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, que asistiu ao acto, puxo en valor esta actuación como mostra da colaboración administrativa. Así, lembrou que esta modernización do regadío da Limia veu precedida da construción de pozos e do seu sistema de bombeo, un fito no que a Xunta asumiu a totalidade do investimento. Neste sentido, resaltou que tanto o corenta pozos executados como o sistema de bombeo foron financiados ao 100% con fondos propios da Xunta de Galicia cun custo total de preto de 7 millóns de euros. O titular de Medio Rural engadiu que a modernización do regadío da Limia "foi froito dunha negociación conxunta entre a Xunta de Galicia e o Ministerio" e que, neste proceso, "a comunidade autónoma foi a que reclamou a necesidade de afrontar esta actuación nunha comarca chave do campo galego, como é A Limia". Niste mesmo sentido, o conselleiro trasladou a súa preocupación polo feito de que se poida "gastar diñeiro de forma inútil por parte das administracións públicas ou polos regadores". Isto, explicou, porque o esquema deseñado para o financiamento desta iniciativa ten "ineficiencias que están a repercutir nun sobrecusto para os propios produtores". Engadiu que "a nosa posición non quere dicir que non valoremos o esforzo económico que fai o goberno central, pero temos o deber de defender e estar ao lado dos regadores para que poidan ter o regadío a un custe asumible e conforme ao pactado". José González lembrou que os regantes tiñan unha perspectiva de afrontar o 20% dun orzamento inicial de 15,9 millóns de euros mais IVE, que foi o importe polo que se asinou o primeiro convenio. Porén, coa adenda que se asina hoxe, o custo da modernización vaise a un total de 35 millóns de euros máis o correspondente IVE. A esta cantidade téñense que engadir unha serie de custos adicionais que terán que afrontar os regadores, entre os que destacan os custos financeiros do aval que se require para a execución do proxecto, que supoñen preto de 2 millóns de euros máis. Neste escenario, o conselleiro trasladou hoxe que, tanto a Xunta como a Deputación de Ourense, cumprirán os compromisos asumidos cos regadores para que o custo por hectárea fose asumible pola súa banda e conforme ao pactado. Ao mesmo tempo, demandou un "compromiso adicional" por parte do Goberno central para evitar "sobrecustos innecesarios que, en ningún caso, repercuten na mellora da obra". Para aliviar o desembolso que terán que realizar os regantes, o conselleiro avogou de novo por buscar fórmulas alternativas no modelo de financiamento. En concreto, sinalou a necesidade de que o Goberno central valore a posibilidade de introducir un cambio normativo para que non se repercuta o IVE que non se pode deducir polos regadores, algo que beneficiaría o desenvolvemento destes proxectos no conxunto do Estado. De non ser isto posible, instou o Ministerio a asumir neste caso concreto o 80% do imposto da actuación -é dicir, 5,6 millóns- que senón terían que pagar os regantes. Ademais, González tamén suxeriu que non fose necesario avalar as obras, "co consiguinte aforro para os regantes de case 2 millóns de euros", sempre co obxectivo de evitar cargas económicas que non repercuten nunha mellora da actuación e facilitar a viabilidade dun proxecto que é, lembrou, "fundamental para o futuro da comarca da Limia".

Claves na conservación da pataca: alternativas tras a prohibición do CIPC

“O almacenamento da pataca no noso país está en declive. Cada vez gárdanse menos patacas e a campaña de almacenamento é tamén máis curta”, explica o rioxano Carlos Javier García Ladrón, xerente de Agrofield, no marco das xornadas técnicas da cuarta edición da feira Alimagro, celebrada en Xinzo de Limia (Ourense) recentemente. García concreta ademais que cada vez resulta máis difícil almacenar patacas e conservalas ata maio, como viña sendo habitual. En gran medida, isto débese á menor eficacia dos antixerminativos actuais, en comparación co CIPC, que viña empregándose de forma xeneralizada e cuxo uso foi prohibido desde o outono de 2020. Debido a esta dificultade para conservar as patacas acurtáronse xa os tempos de venda. Así, antigamente os prezos elevados situábanse ao redor do 15 de abril e en maio, mentres que actualmente adiantáronse xa a comezos de marzo. “Temos a necesidade de gardar pataca para cubrir as necesidades do mercado, polo que é preciso que se regule este mercado, xa que non se poden vender todas as patacas entre setembro e outubro”, valora García.

Como se conserva a pataca en España?

En España a maioría dos almacéns non dispón dunhas instalacións adecuadas para garantir a conservación da pataca, xa que son un número moi reducido deles os que contan con sistemas de frío que contribúen a esta conservación. “A menor eficacia dos antixerminativos obriga a dispoñer dunhas boas instalacións de almacenamento, pero a maioría dos almacéns españois non contan con elas”, recoñece. En España só o 10% dos almacéns dispoñen de sistemas de frío e caixóns, o sistema máis idóneo, mentres que en Francia o 80% dos almacéns abandonou xa o granel.
En España só o 10% dos almacéns dispoñen de sistemas de frío e caixóns, mentres que en Francia o 80% dos almacéns abandonou xa o granel
O 30% dos almacéns teñen un sistema de ventilación forzada e empregan caixóns ou big-bags. “A diferenza de contar con sistemas de frío, neste caso a eficacia de conservación diminúe notablemente, en especial en anos calorosos nos que se ventila en exceso o almacén para baixar a temperatura das patacas”, concreta García. Patacas empaquetadas en bigbags de gran capacidade. Boa parte destes almacéns dispoñen de caixóns cunha capacidade dunha tonelada que se amorean en varias alturas. É un dos métodos máis recomendados para almacenaxes longas, xa que desta maneira optimízase o aproveitamento das dimensións do almacén e facilítase a súa xestión. Mentres, os big-bags ou sacas son moi utilizadas para o transporte de patacas, así é que a maioría están perforadas para facilitar a aireación e son amontoadas en andeis, polo que se recomenda para aqueles almacéns que realizan unha almacenaxe da pataca durante períodos curtos de tempo. Ter un sistema de ventilación forzada e as patacas a granel é o método que emprega outro 30% dos almacéns de patacas españois. Como recoñece García, nestes casos resulta complicado conservar de forma eficaz as patacas máis dun mes e medio.
“Nos almacéns que teñen as patacas a granel resulta máis difícil asegurar a eficacia do antixerminante”
Mentres, existe outro 30% de almacéns que non dispoñen de ningún sistema de ventilación ou frío e as patacas almacénanse ben en sacas ou a granel. As patacas vanse amoreando mediante cintas apiladoras sobre un sistema de condutos de ventilación para permitir a aireación interior do montón. É un dos métodos que permite almacenar un maior volume de tubérculos, aínda que dificulta a xestión do almacén, á vez que resulta complicada a acción dos antixerminantes. “Nestes casos, é difícil asegurar a eficacia do antixerminante”, valora García. Patacas almacenas a granel.

O clima, condicionante da pataca en España

A pesar de ser un produtor de pataca, España conta con condicións desfavorables para a conservación da pataca en comparación con outros países europeos como Bélxica e Países Baixos. Factores climáticos como a temperatura ou as condicións hídricas marcan a diferenza entre estas rexións e engaden dificultades na conservación das patacas españolas. O propio clima mediterráneo de España, onde se adoitan superar os 30 graos de temperatura e mesmo sobrepasar os 40 de forma recorrente, acompañado de noites frías que poden quedar con menos de 10 graos xera un estrés térmico na planta, que afecta á pataca. Estas condicións de estrés térmico prodúcense mesmo en zonas produtoras galegas como a comarca da Limia. Mentres, en Países Baixos e Bélxica a temperatura media sitúase por baixo dos 30 graos e non caen dos 15 graos, o que supón condicións óptimas de temperatura para a planta da pataca.
“A conservación das patacas españolas resulta máis complexa, posto que en ocasións no momento da colleita hai patacas xa con brotes nados debido ao estrés hídrico e térmico que experimentaron”
Estes países tamén adoitan ter condicións hídricas óptimas, xa que é habitual que chova case todos os días, sen que cheguen a producirse tormentas, de maneira que as plantacións de pataca non precisan de rega. En España, acostúmase a regar cada 5 días, o que provoca que o primeiro día o terreo quede encharcado, o segundo se logren condicións óptimas, pero ao terceiro e cuarto día acúsase xa un estrés hídrico para a planta. Como consecuencia tanto das temperaturas como da falta de humidade constante, cultívanse patacas máis estresadas, a diferenza das obtidas en Países Baixos. “Resulta máis complexo a conservación das patacas españolas, xa que en ocasións no momento da colleita hai patacas xa con brotes nados debido ó estrés hídrico e térmico que experimentaron”, indica García.
Termonebulización de patacas almacenadas a granel.

Alternativas tras a prohibición do CIPC

Tras a prohibición en outubro de 2020 do CIPC, o conservante máis utilizado de forma xeneralizada polos almacéns, na actualidade preséntanse 5 alternativas populares para este fin. Recollemos algunhas das características destes produtos autorizados polo Ministerio de Agricultura para este fin. -Hidracida Maleica, coñecido polo seu nome comercial como Super-Stop-Brot 18. É dos poucos produtos que se aplica xa en campo, cando a mata aínda non foi arrincada. “É un produto moi técnico que esixe un seguimento exhaustivo do estado de desenvolvemento do cultivo para determinar o momento óptimo de aplicación”, explica o técnico. Ten unha eficacia aproximada dun mes e resulta unha alternativa económica en canto ao seu custo por toneladas e mes de almacenaxe. “É unha produto ideal se o almacén non reúne as condicións óptimas”, recoñece García. - Etileno, comercializado como Restrain. É un produto que se aplica xa en almacén, cando a pataca se sacou  da terra. Adoita empregarse un equipo dosificador que emite etileno ao interior do almacén cando o sensor detecta niveis baixos do mesmo. É unha das alternativas que dispón de rexistro tanto para pataca de sementeira como de consumo, pero precisa un almacén moi ben pechado e que estea situado fóra da zona de traballo. -Aceite de menta, vendido como Biox-M. Trátase dunha alternativa que se aplica xa no almacén e só ten un efecto curativo, xa que queima os talos que xa brotaron. Ten unha eficacia aproximada duns 21 días. Dispón dun rexistro sobre pataca de consumo e ecolóxica. “Só está dispoñible en formulado termonebulizable e recoméndase a súa aplicación a través dunha empresa especializada”, explica García. -Aceite de laranxa, coñecido como Argos. É outra das alternativas pensadas para pataca de consumo e ecolóxica e que se aplica directamente en almacén, unha vez arrincado o tubérculo. Do mesmo xeito que o aceite de menta, ten un efecto curativo, xa que só queima os talos xa brotados e proporciona unha eficacia de 21 días. Tamén se aconsella aplicalo por unha empresa especializada, xa que se trata dun formulado termonebulizable. -DMN 1,4 -dimetilnaftaleno, comercializado como 1,4 Sight. Tamén se aplica xa no almacén e é un dos poucos que ofrece un efecto tanto preventivo como curativo, xa que inhibe a brotación dos talos e queima os que xa brotaron. Este produto ten unha eficacia de 1 a 2 meses e ten rexistro só sobre a pataca de consumo. Tamén se aplica como un formulado termonebulizable, polo que se require unha aplicación especializada. Como sinala García, este produto ofrece ademais outras vantaxes para a conservación da pataca, xa que proporciona unha maior turxencia do tubérculo e redúcense as diminucións por perda de peso. Tamén provoca menores danos por presión entre tubérculos e facilita e reduce as perdas durante o proceso de pelado nas fábricas de frito.

“O cultivo da cebada é sinxelo e tanto o grao como a palla páganse ben”

Javier Losada é un agricultor de Xinzo de Limia que traballa unhas 100 hectáreas, nas que o seu cultivo principal é a pataca pero tamén sementa colza, xirasol, centeo, trigo e cebada. Precisamente, deste último cereal cultivou este ano 16 hectáreas, das que unha parte importante se destinarán á elaboración de cervexa, grazas a un acordo con Estrella Galicia que este ano realizou un ensaio na comarca da Limia con resultados moi positivos. Falamos con el sobre o manexo deste cultivo e o potencial que lle ve. -Cóntanos Javier como é a túa explotación agrícola e cales son os principais cultivos aos que te dedicas... Cultivo varios cereais: trigo de inverno, trigo de primavera, centeo, cebada, colza, xirasol e pataca. En total cultivamos sobre 100 hectáreas, das que 33 están adicadas á pataca, o principal cultivo, e do resto pois temos entre 15 e 18 hectáreas. A idea é facer rotación de cultivo a tres anos. -Fuches un dos que colaborou con Estrella Galicia para cultivar cebada na Limia, destinada á elaboración de cervexa. Como valoras en xeral a experiencia? A valoracion é positiva pois o tempo axudou, porque choveu bastante na primavera, de forma que cando necesitaban auga veulle. Este ano saliu moi ben. -Que te animou a cultivar cebada, tiñas xa experiencia previa con este cultivo?  Xa tiña sementado outras veces cebada pero non para cervexa. Facíao porque viñan veráns máis quentes e quedaba a terra máis areosa, e a cebada aguanta moito mellor a seca que o trigo de primavera. Nos meses de xaneiro e febreiro non choveu moito e a primavera tamén parecía que sería seca,  así que decidimos poñer menos trigo de primavera e máis cebada… Ainda que ao final choveu máis do que esperabamos e acabaron tendo un rendemento semellante. Se chega a ser máis seco a cebada tería un resultado moi superior ao do trigo. Destinamos sobre 16 hectáreas, pero non foron todas para cervexa, outras destinámolas para e elaboración de penso. -Cando realizastes a sementeira e como foi o proceso de cultivo? Sementamos a cebada o 3 de abril do 2023. A preparación é igual que calquera outro cereal de primavera, nada específico. O único requisito da cebada é que a terra teña un PH alto e a finca na que a cultivamos xa tiña o PH alto froito de cultivar patacas anteriormente. Non necesita demasiado abonad: tiñamos de pataca e non abonamos nada en fondo. De coberteira tampouco porque como choveu tanto, e co que quedou das patacas, foi suficiente para sacar o cultivo adiante.
 “A cebada é un cultivo que non pide demasiadas cousas”
Aplicamos funxicida e herbicida de postemerxencia e nada máis. Foi moi facil, a cebada non pide demasiadas cousas. O trigo de primavera pide máis abonado, funxidas e herbicidas. A cebada como bota moita folla non deixa subir a herba para arriba, asombra máis que o trigo e deféndese mellor da herba. Javier destinou este ano 33 hectáreas ao cultivo de pataca -Que dose de sementeira empregastes por hectárea? Que prezo tivo a semente? 210 kg de sementeira por hectárea. O prezo aproximadamente como un cereal, aproximadamente 100 euros por hectárea. -Como valoras o desenvolvemento do cultivo? A cebada o único requisito que ten especial respecto outro cultivo, é o PH…. pero esta finca tiña un 6 de PH, que é moi bo para a cebada, un 5,5 sería incluso mellor. Como digo, non é esixente de nutrientes do solo e deixa a terra moi no aire, ben aireada, mellor que o cereal de primavera. Empregamos herbicidas de postemerxencia só de folla ancha, e nada máis. Aplicámolos antes do afillado: deixamos que a herba estivera toda establecida e demos un único pase de herbicida. Non houbo abonado de coberteira, no meu caso. Igual nalgunha finca foi necesario. Na miña finca non foi preciso  porque a rotación era de pataca e quedou a terra bastante ben equilibrada. -Coñecías xa a variedade RGT Planet? Que opinión che merece? Sí, era a que usaba antes e vai moi ben. Temos outra da mesma casa de sementes que quedou un pouco por debaixo de produción, tiña o grao máis gordo pero o resultado foi parecido. 1000 kg arriba ou abaixo non é significativo neste caso. -No teu caso, como foi o rendemento das distintas parcelas? Foron todas en secaño ou houbo tamén en regadío? Uns 6000 kg por hectáre, todos andivemos aí e hai moi poucas diferencias. Foi todo en secaño, non houbo regadí. Sementouse en solo moi seco e aireado. Cando necesitou a auga veulle, coincidiulle ben. Foi un maio e xuño bastante chuvioso e coincidiulle moi ben. -Houbo algún problema de pragas, fungos…etc? Este ano non houbo nada, foi moi sinxelo, foi un ano moi bo. A climatoloxía foi boa e afecta moito á produción e á calidade.
 “A cebada é unha boa alternativa, especialmente para fincas areosas e con PHs elevados”
-Cal é o prezo que tedes acordado con Estrella Galicia? Cres que compensa o cultivo da cebada? Non podo contestar por confidencialidade do contrato con Estrella Galicia. Non ten grandes marxes pero é unha boa alternativa, especialmente para fincas areosas e con PHs elevados. O millo neste tipo de fincas vai ben pero necesitas regadío na zona da Limia, a cebada en principio non, con nada de auga que lle veña no momento xa lle chega. -A palla tamén ten unha boa saída neste momento. A quen lla vendedes e en que prezos se move? Este ano si, é moi escasa e está moi buscada e cotizada. Ademáis a de cebada págase un pouco mellor por ser de mellor calidade. Vendémoslla dende hai tempo a unha ganadería de vacún de leite de Boimorto.  Nun ano normal un bo prezo para a tonelada de palla serían 50 euros por tonelada e este ano estanse pagando entre 120 e 150 euros por tonelada. Isto débese á escaseza deste ano. Onde outros anos sacamos 8000 kg de palla, este ano sáenche 4000 kg. -Animaraste a seguir cultivando cebada para Estrella Galicia? O trato con eles foi moi bo, tivemos bo entendemento, visitaron a finca durante a campaña varias veces e mostraron interese. Non tería problema en repetir. -Como valoras en xeral a campaña do cereal este ano na Limia? O de inverno foi bastante mal, porque cando sementamos o cereal choveu moito e estiveron as fincas asolagadas bastante tempo e estragáronse bastantes plantas. Despois houbo xente que sementou tarde, en xaneiro, e as colleitas foron moi malas tamén… As que sementamos en novembro quedamos nunha media de 3500, 4000 ou 5000 kg por hectárea, onde outros anos teñen dado 7000 kg tranquilamente. As que sementamos en primavera deron resultados  moi bos: Chegamos aos 6000/7000kg, cando.normalmente andamos en 4000 de media. De 5 toneladas para arriba xa son moi bos resultados.

Estrella Galicia ensaia con éxito o cultivo da cebada na Limia para elaborar a súa cervexa

A semana pasada concluiu na zona da Limia a primeira colleita galega de cebada cervexeira cun éxito total en termos de resultados. Esta zona da laguna de Antela demostrou contar cunhas condicións óptimas para o cultivo deste cereal, alcanzando un rendemento de 152.000 kg nas 32 hectáreas cultivadas ao final da colleita.   O balance non pode ser máis positivo, xa que sitúa a esta zona cun potencial enorme para este cultivo, moi por encima dos rendementos obtidos en rexións tradicionalmente cerealistas como Castela e León ou Aragón, especialmente afectadas por la sequía. Cosecha de Galicia, empresa que pertence á Corporación Hijos de Rivera, comezou no 2009 este proxecto e este ano, en colaboración coa empresa Sementares, coordinaron a preparación deste cultivo con diferentes agricultores da zona da Limia.  As 32 hectáreas están dividas en 5 parcelas, e a variedade de cebada empregada é RGT PLANET, dentro do listado das variedades preferidas por Malteros de España. O obxectivo final é introducir este cultivo en Galicia e poder elaborar algunha das cervexas da compañía con malta de cebada de orixe 100% galega. Un dos principais focos está na necesidade de manter un contido proteico no grao de cebada dentro dun rango axeitado para o proceso de elaboración de cervexa, que debe estar entre 9 y 11%. Para alcanzar este obxectivo seguíronse prácticas agronómicas e optimización das técnicas nutricionais, que implican a redución do uso de fertilizantes nitroxenados e fosfóricos, facendo máis sostible o cultivo, evitando a contaminación de acuíferos e a eutrofización de augas superficiais.

“O prezo da pataca é moi bo porque hai pouca en Europa e en 2024 prevese complicado atopar semente”

Enxeñeiro agrónomo e consultor especializado, Fernando Alonso Arce é un dos maiores expertos en pataca en España. A súa vinculación con este cultivo vénlle xa de familia, xa que os seus pais eran xa produtores de pataca na zona de Burgos e a súa carreira profesional centrouse neste cultivo. Alonso Arce exerceu durante case 30 anos no Centro de Control de Pataca de Castela e León e tras a súa xubilación desta actividade segue activo como consultor percorrendo a xeografía española interesándose pola evolución do cultivo nas distintas zonas produtoras. Con el coñecemos as previsións desta campaña e os retos que afronta o sector. -Como se presenta a campaña da pataca este ano en España? -As previsións iniciais apuntaban a que sería unha campaña complicada porque se atrasaron as sementeiras e acumuláronse sementeiras tardías. Por este motivo, prevíase que coincidisen os arranques tamén en varias zonas, o que podería afectar de forma significativa aos prezos, provocando unha caída destes. Pero a situación cambiou pola exportación, xa que hai unha alta demanda desde Europa. Así, aínda que realmente coincidiron os arranques do sur cos das zonas produtoras do norte como Valladolid ou Segovia, saíron moitos camións para Europa. -Está a notarse nos prezos esta alta demanda europea? -Si, dende logo. Os prezos subiron e seguen subindo. Está a pagarse ao agricultor entre 40 e 45 céntimos o quilo de Agria. Son prezos realmente moi bos. -A que se debe esta alta demanda de Europa? -En Europa non teñen pataca, sobre todo para a industria, porque tiñan pouco stock. Tamén se debe a que despois do Covid-19 tampouco tiñan moita pataca en almacéns frigoríficos e o que fixeron foi tirar da pataca española. Así, xa se exportou e séguese exportando moita pataca española cara a Europa.
“Nestes momentos en Europa teñen pouca dispoñibilidade de pataca, por iso están a comprar a española, pero aínda está por ver como será a súa colleita”
-Plantouse menos pataca en Europa? -Non para nada, mesmo se plantou un pouco máis que o ano pasado. Sementaron máis tarde, no mes de maio, debido ás choivas da primavera. Despois houbo moita seca e temperaturas altas en zonas produtoras nas que non adoitan utilizar sistemas de rega porque habitualmente non o necesitan, de maneira que non o tiñan dispoñible. Por estes motivos teñen pouca dispoñibilidade de pataca polo momento. Aínda que tamén é certo que aínda está por ver como será a colleita de pataca en Europa. En Europa está a tirarse moito cara á industria. En Bélxica a industria está a construír novas fábricas. Esta é outra das razóns polas que hai menos pataca, xa que os agricultores deixaron de producir pataca de sementeira e de consumo para centrarse na de industria, porque están a subir os prezos. De feito prevese que o ano 2024 sexa bastante problemático en canto a dispoñer de pataca de sementeira, xa que vai haber pouca pataca. Países Baixos controla practicamente o mercado mundial da pataca de sementeira, mentres Francia é o líder europeo na exportación de pataca de consumo. En concreto a España destina unhas 700.000 toneladas de pataca e previsiblemente este ano se incrementará esta cifra. Así é que en distintas épocas, en España exportamos e compramos pataca, o que se converte nunha oportunidade máis para os agricultores.
“Os mercados europeos están a pedir sobre todo pataca Agria para a industria e Colomba por ser unha pataca moi versátil”
-Que variedades están a pedir os mercados europeos? -Sobre todo estase exportando a pataca Agria e tamén están a pedir algo de Colomba. A primeira delas porque é a que pide a industria e a segunda porque ten moitas utilidades,  xa que é unha pataca que se utiliza para moitos fins. Tamén hai outras variedades que se destinan á exportación, como a Soprano, pero as que máis están a saír son Agria e despois Colomba. -Á marxe da demanda europea, que variedades se adoita consumir en España? -A Agria, a pesar da demanda que está a ter reduciuse o volume que se planta. Plántase moita Soprano e Colomba. Ademais, seméntanse moitas variedades cada ano. O mercado non é tan fiel como ocorre co galego, onde se sabe que están Kennebec e Agria. Mentres, no sur cámbiase de variedades cada ano. Todas as casas de sementes introducen variedades novas constantemente para ir ocupando o espazo que vai quedando. -Por que en Galicia somos tan fieis a esas dúas variedades? -Sobre todo ten que ver coa boa valoración que hai tanto no mercado galego como fóra del da Kennebec e en especial da Kennebec galega, que é moi apreciada. Ata hai dous anos só se admitía na IXP Pataca de Galicia esta variedade. Finalmente introduciron a Agria e a Fina de Carballo. -Afondando un pouco máis nas previsións da campaña e á marxe dos bos resultados que está a deixar a gran demanda de Europa, de que maneira afectaron as restricións de auga e as vagas de calor nas plantacións de pataca? -As tormentas e as choivas torrenciais apelmazaron o terreo, provocando que os tubérculos non poidan respirar ben e tampouco permite o desenvolvemento radicular. Ademais, os rendementos están a ser baixos debido a isto. Neses campos que se encharcaron houbo problemas fitosanitarios como o mildio ou a alternaria. Tamén se detectou en varias zonas verticiliose, unha enfermidade, pouco habitual, pero que afecta moito cando se rexistra un grao de humidade alto. Afectou en plantacións de Cartaxena, en Castela León e en Galicia. En Xinzo de Limia estiven hai unhas semanas despois de que me chamasen ao detectar problemas. Non o identificaban como Verticillium e estabano a tratar coma se fose mildio. -Cales son os síntomas que presentan as plantas afectadas por Verticillium e como tratalas? O Verticillium é un fungo que en EE.UU. coñecen como ‘morte prematura (early dying)’, porque a pataca morre antes de cumprir a maduración. Comezan secando as follas máis baixas e termina coma se fose unha palmeira, cun talo e un cogollo seco. No Ministerio de Agricultura non hai ningún produto rexistrado para tratar esta enfermidade, por iso é tan problemática, xa que non hai produtos eficaces contra ela. O recomendable cando se detecta é suspender a rega e deixar que a planta chegue a sufrir un pouco pola falta de auga, xa que axudará a combater o fungo. -É difícil identificar as plantas afectadas por Verticillium? -Non é unha identificación difícil, o problema é que ao non ser frecuente pode pasar que non se pense nela. É unha patoloxía que confunde moito ao agricultor, xa que os síntomas iniciais son similares aos do mildio e alternaria: a planta comeza a secar. Ante isto, o habitual é que se apliquen tratamentos fitosanitarios para estes fungos e se lle proporcione máis auga á planta, o que resulta contraproducente para atallar o Verticilium.  -Verase afectada a calidade da pataca esta campaña? -A calidade sanitaria da pataca pode afectar na súa conservación. Xa viña habendo dificultades nos últimos anos na conservación das patacas debido á prohibición do produto antixerminante que viña utilizándose, que era ademais o máis eficaz e barato. Este ano creo que pode haber problemas na almacenaxe por mildio e pé negro. A almacenaxe pode ser problemática.
“Este ano os agricultores deben ser moi selectivos nos lotes que van almacenar”
-Que recomendación pode facerse para reducir estes posibles problemas na almacenaxe? -A única posibilidade que se lle presenta ao produtor é non meter no almacén os tubérculos afectados por pé negro e mildio. Será moi importante que se controle ben a entrada de novas partidas e a evolución da pataca no almacén. Este ano os agricultores deben ser moi selectivos nas partidas ou lotes que van almacenar.

“As leiras chegaron a estar moi asolagadas en Galicia e iso pode afectar moito aos rendementos"

-E en Galicia, como esperan que sexa a campaña? Tamén afectaron as choivas de primavera? -As leiras chegaron a estar moi asolagadas en Galicia e iso pode afectar moito aos rendementos que se logren esta campaña, tanto en Xinzo de Limia como en Bergantiños, tal e como apuntan no terreo tanto agricultores como técnicos. Habitualmente na Limia prodúcense unhas 120.000 toneladas e este ano poida que non cheguen ás 100.000. -A incidencia de mildio ou alternaria, foi máis significativa que outras campañas? -Si houbo máis incidencia, pero en xeral, controlouse. O problema é que obrigou aos agricultores a dar máis tratamentos. Tamén é certo que na Limia régase moito, creo que con menos auga o cultivo podería ter unha mellor sanidade. Quizais sería recomendable realizar regas máis frecuentes e con menos cantidade de auga.
"Os modelos de predición como o desenvolvido pola investigadora Laura Meno Fariñas poden ser de gran axuda para optimizar o uso dos fitosanitarios, coma no caso do mildio"
-Coa Unión Europea esixindo producións máis sostibles e a redución de fitosanitarios, como se poderá lograr en Galicia cos problemas de mildio que temos? -Neste sentido son moi interesantes proxectos como o que está a desenvolver na Universidade de Vigo e o Inorde a investigadora Laura Meno Fariñas para reducir o número de tratamentos en base a un sistema de predicións intelixentes, de maneira que só se apliquen tratamentos nos momentos de maior risco de mildio. Ademais, na Limia estes modelos poden ser de gran axuda, xa que se trata dunha zona bastante uniforme, a diferenza do que ocorre noutros lugares onde hai unha gran variedade de factores ambientais que inflúen. -Sería unha alternativa a aposta por variedades máis resistentes a mildio? -Están a facerse estudos en Galicia, sobre todo desde o Inorde, sobre estas variedades. Aínda que, a non ser que se demostren unhas vantaxes moi grandes e unha gran resistencia, eu non son partidario de introducila na IXP Pataca de Galicia. Podería traballarse con ela fóra. Tamén é certo que é complicado, xa que todas as casas de sementes están a tentar introducir as súas variedades e Galicia foi un reduto que se resistiu e creo que o modelo galego é moi acertado.
 "As medidas que se adoptaron para controlar a couza guatemalteca foron moi duras, pero é un caso de éxito sen precedentes"
-En Galicia pasamos tamén por restricións como a derivada da couza guatemalteca, en 2017, que opinión ten acerca da actuación levada a cabo para conter a praga? -Creo que foi unha actuación moi acertada. No ano 1999 apareceron as primeiras en Canarias e no 2015 detectáronse as primeiras en Ferrol, crese que chegadas en pataca nalgún barco e desde aí estendeuse tanto a outras zonas de Galicia e Asturias. As dúas comunidades adoptaron entón as medidas que esixe a Unión Europea e aínda que foron medidas moi duras, conseguiuse que Asturias desde xaneiro deste ano sexa zona libre e en Galicia estea a avanzarse nesa dirección. Para min é un éxito sen precedentes. Agora mesmo esta praga está a estenderse en América do Sur, estendéndose en Ecuador, Perú, Bolivia… e en ningún sitio se conseguiu frear da maneira que se fixo aquí. -Unha vez controloda por completo, hai algunha recomendación ou práctica aconsellable para evitar a súa aparición? -Debe manterse a vixilancia, xa que en calquera momento pode aparecer de novo, non só en Galicia, senón en calquera punto. Por iso é importante manter as trampas de feromonas para detectar algún repunte. -Á marxe desta campaña, como valora a produción de pataca en Galicia? -A produción de pataca en Galicia ten moito futuro. A pataca galega valórase moito tanto en Galicia coma fóra. Esta percepción tan positiva que se ten sobre o produto é un dos seus maiores puntos fortes, por iso ás veces dá medo esa ampliación de variedades que se baralla dentro da IXP. Eu non son partidario desa ampliación, xa que cando se pensa en pataca galega pénsase en Kennebec, aínda que se incluíuse tamén a Agria e outras como a Fina de Carballo (da que apenas hai produción). Na miña opinión é mellor continuar sen incluír máis variedades.

Recta final para modernizar 2.576 hectáreas de regadío na Limia

O presidente da Sociedade Mercantil Estatal de Infraestruturas Agrarias SEIASA, Francisco Rodríguez Mulero, asinou este mércores na Coruña un convenio con varias comunidades de regadores da Limia (Ourense) para activar un investimento de 15.900.000 euros (IVE non incluído), en obras de modernización de regadíos no marco da Fase II do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). O "Proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 42 captacións das augas subterráneas A Limia 2022" -estes pozos foron financiados pola Xunta de Galicia cun investimento duns 6 millóns de euros- comprende as comunidades de regantes de Lamas-Ganade, Alta Limia, Corno do Monte e San Salvador de Sabucedo e beneficia a 1.855 regadores que cultivan 2.576 hectáreas nos municipios de Xinzo de Limia, Trasmiras, Sarreaus e Porqueira, na provincia de Ourense.

Modernización dos regadíos

O obxectivo da actuación é substituír os actuais sistemas de rega con motobombas diésel e tubaxes de aluminio superficiais, por modernas redes de rega presurizadas alimentadas por captacións de augas subterráneas e con telecontrol. As novas infraestruturas estarán dotadas con estacións de bombeo e filtrado, hidrantes, instalacións solares fotovoltaicas e elementos de regulación e almacenamento, de tal forma que o agricultor dispoña dunha toma de auga a presión próxima á súa parcela e integrada nun sistema de automatización e telecontrol. A instalación de tubaxes enterradas permitirá mellorar a eficiencia no transporte da auga bombeada desde as captacións até as parcelas, o que se traducirá nun aforro de até o 20 % dos recursos. A implantación de enerxías renovables evitará a actual dependencia das enerxías fósiles como o diésel e reducir así o custo e as emisións de gases de efecto invernadoiro. O sistema de automatización e telecontrol fará posible dixitalizar a xestión da rega de forma integral. Todas as actuacións incluídas do "Plan de Mellora da Eficiencia e Sustentabilidade de Regadíos" do PRTR están cofinanciadas por fondos Next Generation da Unión Europea. A achega pública será dun máximo do 80 % do custo dos gastos elixibles, mentres que cada comunidade de regantes deberá achegar o resto. As obras deberán estar finalizadas en 2026. No acto de firma participaron o delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Alfonso e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga Díaz. Ao acto acudiu tamén o conseller de Medio Rural da Xunta de Galicia, José González Vázquez, entre outras autoridades.

A Xunta reclámalle ao Goberno Central que cumpra o seu compromiso para modernizar o regadío na Limia

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou este martes pola tarde na xunta xeral da comunidade de regantes da Limia, onde reafirmou o compromiso da Xunta co proxecto de modernización dos regadíos da zona, facéndose cargo da construción de pozos para a captación de augas subterráneas e tramitando na actualidade a instalación de equipos de bombeo e de electrificación. Así, na reunión púxose de relevo que estes traballos beneficiarán as comunidades de regantes de San Salvador de Sabucedo, Lamas-Ganade, Corno do Monte e Alta Limia -hoxe fusionadas-, que comprenden un ámbito territorial de 4.105 hectáreas distribuídas en 6.964 parcelas de 3.342 propietarios. Nese sentido, púxose en valor o esforzo presupostario para financiar ao 100%, e con fondos integramente autonómicos, o proxecto de construción de 40 pozos na Limia para a captación de augas subterráneas, incluíndo o IVE da actuación. Ademais, na actualidade estase a tramitar tamén o financiamento da instalación de equipos de bombeo e de electrificación para continuar coa modernización. A isto aínda hai que sumar o proxecto de limpeza das canles desta zona sufragado polo Goberno central, grazas ás xestións levadas a cabo pola Xunta. Deste xeito, o titular de Medio Rural reclámalle ás administracións o cumprimento dos compromisos xa adquiridos co proxecto. De feito, no caso do executivo de Madrid, comprometérase a asumir o 80% do custo total -IVE incluído- do investimento necesario para afrontar o proxecto de modernización do regadío da Limia. Cómpre lembrar que os regantes non poden deducir o IVE das obras de modernización. Nesa dirección, desde a Xunta destácase que dito IVE non deducible é un custo elixible a efectos de poder financialo cos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia asignados polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación para ditas obras.

Unha investigadora ourensá logra predicir a alternaria na pataca até con 30 días de antelación

A enxeñeira agrónoma ourensana Laura Meno Fariñas acaba de presentar a súa tese de doutoramento sobre a alternariose, unha enfermidade fúnxica que xunto co mildio supón unha das maiores preocupacións para os produtores de pataca galegos. No seu estudo axustou os modelos de predición desta enfermidade ás condicións climáticas e agrícolas da comarca da Limia, principal zona de produción de pataca en Galicia. O estudo busca unha redución do uso dos funxicidas, que non só contribúe a mellorar a saúde do medio ambiente senón que supón un importante aforro económico para o sector. Os modelos de prognóstico testados foron de tres tipos: modelos baseados no desenvolvemento fenolóxico da planta de pataca (P-Days, GDD e WE), baseados nas condicións favorables para o desenvolvemento do patóxeno alternaria (IWP e TOMCAST) e un modelo que combina tanto as condicións favorables para o desenvolvemento fenolóxico da planta como as do patóxeno (TOMCAST+P-Days). Cos modelos testados no estudo recóllese que os baseados no desenvolvemento da planta amosaron unha predición máis acertada dos primeiros síntomas, excepto o GDD. Con estes modelos conseguiron diagnosticar os primeiros síntomas ata 30 días antes da aparicións das primeiras infeccións. Mentres, os modelos baseados no patóxeno foron “os máis conservadores”. Ademais, na tese inclúese un axuste para a comarca da Limia dos modelos de predición abordados segundo as observacións da enfermidade nesta comarca realizadas por Laura Meno Fariñas.

A temperatura, un factor determinante

Outra das conclusións extraídas pola investigadora é que a temperatura é un dos factores decisivos no ciclo de infección de alternaria. “A temperatura inflúe tanto na liberación de conidios como no desenvolvemento da enfermidade”, apunta Meno Fariñas. Ademais, os altos valores de humidade relativa tamén son necesarios para a presenza de conidios no ambiente. “Cando se combinou a temperatura e a humidade foliar nunha mesma variable, o número de conidios no ambiente viuse incrementado polo aumento da temperatura durante as horas de humidade foliar, sobre todo nos dous días anteriores, así como os períodos de humidade interrompida”, recolle a tese. O emprego de intelixencia artificial na investigación proporcionoulles unha ferramenta moi útil para a busca das variables máis determinantes na liberación de conidios. “Amosáronnos que a humidade relativa e a radiación son as variables horarias máis determinantes no comportamento desta enfermidade”, destaca.

A alternariose no almacenamento da pataca

Ademais de investigar a influencia das condicións meteorolóxicas no desenvolvemento da alternariose e axustar modelos de prognóstico á zona de produción, na súa tese, a investigadora tamén se centrou en ver a evolución da calidade da pataca e a presencia de patóxenos durante o almacenamento. Neste senso, Meno aplicou a tecnoloxía de infrarvermello cercano (NIR) para a rápida determinación dos principais parámetros fisicoquímicos indicadores de calidade. Na investigación, Meno destaca que “a temperatura e a humidade tiveron unha relación positiva e significativa coa presenza de alternaria e doutras enfermidades que afectan á conservación dos tubérculos nos almacéns, como helminthosporium, sendo os coeficientes máis altos os de temperatura media e máxima”, detalla. Así, o emprego de condicións controladas durante o período de conservación pode axudar a prolongar a vida útil deste alimento en condicións óptimas de calidade. Co obxectivo de estimar na pataca a concentración dos principais parámetros de calidade como é a materia seca e os azucres redutores a través dun método non destrutivo, na investigación aplicouse a tecnoloxía de NIR durante o período de almacenamento, acadando “resultados aceptables”. “Estes resultados poden ser interesantes á hora da súa incorporación nas liñas de envasado para unha selección automatizada e instantánea, que como novidade se faría sobre os tubérculos sen pelar”, afirma a investigadora do campus de Ourense. A tese foi realizada no marco do Programa de Doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria. O traballo de investigación estivo dirixido polas doutoras María Carmen Seijo e Olga Escuredo e foi realizado cun contrato FPU do Ministerio de Educación.

-Máis información da investigación sobre alternaria

Produción de pataca, conectando a Bretaña francesa e A Limia

“Galicia parece ter moito en común coa Bretaña francesa, nas dúas rexións chove moito!. E isto condiciónanos e inflúe na produción da pataca”. Con esta chanza e reflexión comezaba o técnico francés Philipe Dolo, responsable de investigación de Bretagne Plants, a súa primeira intervención no seminario Mellora das Técnicas de produción de pataca, que se celebrou recentemente na Limia (Ourense), organizado pola Consellería de Medio Rural e coa colaboración de entidades como a Fundación Juana de Vega, o Centro de promoción rural EFA Fonteboa e a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal). Ó longo de dous días, produtores de pataca da comarca ourensá, así como expertos galegos neste cultivo e produtores e técnicos galos intercambiaron información sobre o manexo, os condicionantes e enfermidades que lles están a afectar, así como os retos que se lle presentan. Un intercambio entre profesionais do sector que mesmo permitiu abrir a porta a unha colaboración comercial futura entre os produtores. Instante do seminario celebrado na Limia no que participaron produtores e expertos dos dous países.

Bretagne Plants, a organización dos produtores

A Bretaña é unha das principais zonas produtoras de pataca de sementeira en Francia. Só na Bretaña dedicáronse no 2019 a este cultivo un total de 6.280 hectáreas, das 23.200 hectáreas destinadas a pataca no país e os datos mantéñense semellantes na actualidade. Francia é tamén un dos principais produtores de pataca de sementeira en Europa, só por detrás dos Países Baixos, onde este cultivo ocupa unhas 42.000 hectáreas; seguido doutros países coma Alemaña, con 17.000 hectáreas; ou Reino Unido con 14.000 hectáreas para planta de pataca.
Francia é un dos principais produtores de planta de pataca, cunhas 23.200 hectáreas destinadas a este cultivo
As xornadas serviron para coñecer o funcionamento de Bretagne Plants, a organización que agrupa a tódolos produtores de pataca de sementeira nesta rexión gala. En concreto, conta con 257 produtores, que producen a semente. Ademais, integra a 21 colectores, que se encargan da recollida da pataca e a venda dela, xa que non todos os produtores a venden directamente. A entidade está integrada por 2 organismos complementarios que contribúen de xeito clave ó desenvolvemento do sector. Por unha banda Bretagne Plants (BP), que realiza un control e certificación da planta e contan cun laboratorio de detección. Tratan ademais de asegurar a organización técnica e económica da produción e promover a semente de pataca de Bretaña a nivel internacional. Unha das xornada de divulgación das novas variedades de sementeira de pataca realizada por Bretagne Plants. Realizan un control e certificación da planta sobre o terreo e tamén en laboratorio, así como vixilancia do territorio, emitindo boletíns de saúde do vexetal. Esta entidade tamén contribúe á xestión do mercado en función das demandas dos clientes, para o que elaboran un plan de produción. “O noso obxectivo é ter semente de pataca certificada de calidade. Coidamos a semente durante todo o proceso, dende a produción ata a almacenaxe”: Philipe Dolo, responsable de investigación de Bretagne Plants.
“O noso obxectivo é ter semente de pataca certificada de calidade. Todos os nosos esforzos céntranse en traballar e coidar a semente durante todo o proceso, dende a produción ata a almacenaxe”, explica o técnico Philipe Dolo
A organización de produtores tamén dispón dunha sección centrada na innovación (Bretagne Plants Innovation BPI), onde realizan investigacións e experimentacións para fomentar as boas prácticas no cultivo e mellorar a calidade das plantas. Tamén están levando a cabo produción de planta in vitro e a creación de novas variedades. Campos de ensaio de novas variedades realizado en Bretagne Plants.

A sementeira de pataca producida na Bretaña francesa

O proceso de produción de sementeira de pataca lévano a cabo en varias fases e apostando pola innovación e o control para lograr a calidade que buscan. “Toda a produción procede de escallos producidos nos laboratorios de Bretagne Plants”, explica Dolo. Parten dun tubérculo moi san, que fan xerminar para logo cortar o gromo e colocalo sobre unha superficie de sacos, onde cada planta produce 4 ou 5 tubérculos, que son os que lle chaman tubérculos de primeira xeración. Nestes túneles de xerminación teñen unha produción duns 580.000 tubérculos. Durante 3 anos, esa semente -os tubérculos de primeira xeración- entréganllela ós seus produtores especializados, que se encargan de reproducilos só para os propios agricultores da rexión. Logo, estes agricultores reprodúcena durante outros 3 anos e esta semente para planta de pataca destínase xa para a venda.
Traballan pola mellora da semente da planta de pataca e realizan uns 1.300 cruzamentos por ano para conseguir novos cruces de éxito
Ademais, tamén realizan hibridación das sementeiras e fan unha media de 1.300 cruzamentos por ano, de xeito que comezan cunhas 65.000 sementes. Conseguiron realizar uns 650 cruces con éxito. Porén, nestes 10 anos que levan traballando na selección e mellora xenética da sementeira da pataca inscribiron entre 1 a 3 variedades por ano. A variedade máis traballada é a Spunta, que abrangue unhas 1.616 hectáreas, seguidas doutras castes como a Universa, Synergy, Alaska ou Charlotte que se sitúan arredor das 300 hectáreas. Nos últimos anos experimentaron un crecemento da superficie media de produción por explotación. Así, a comezos da década do 2000 a media de superficie por produtor era de case 10 hectáreas e no 2019 situábase xa en 24 hectáreas. Principais variedades producidas na Bretaña Francesa. Tamén rexistraron un incremento da produción nos últimos anos, pasando das 100.000 toneladas a comezos dos anos 2000 a alcanzar máis de 170.000 toneladas. Foi unha evolución paulatina, con pequenas diferenzas entre as distintas colleitas e que experimentou unha importante suba a partir da colleita do 2017. En concreto, na campaña 2018-19, en Bretagne Plants produciron unhas 173.100 toneladas de pataca certificada, das cales 110.940 toneladas dedicáronas á exportación. Evolución da produción e as exportacións en Bretagne Plants dende comezos do 2000. Este incremento da produción dos últimos anos destinouse principalmente ós mercados exteriores, xa que a venda nacional se mantivo estable arredor das 60.000 toneladas durante os últimos ano. O norte de Europa é o principal mercado para a sementeira de pataca producida na Bretaña francesa, destinando alí unhas 67.400 toneladas, mentres que no sur de Europa venden unhas 17.000 toneladas. África está a ser outro dos principais destinos, así é que destinan unhas 48.600 toneladas a países coma Marrocos, Alxeria, Libia ou Exipto, situándose este último como un dos compradores destacados. Tamén no centro de África comercializan unhas 13.000 toneladas. O Oriente próximo é tamén un dos mercados importantes, xa que exportan alí unhas 21.200 toneladas.
Pierre-Yves Guilmoto e Rickaël Billant, produtores de pataca para a semente que participaron no seminario sobre pataca na Limia.

Produtores de pataca para a semente

Nos seminarios tamén participaron dous destacados produtores de pataca para a semente da Bretaña francesa, que compartiron inquedanzas sobre o sector cos agricultores da Limia. Un dos participantes da xornada foi Rickaël Billant, que traballa unhas 80 hectáreas, das que planta unhas 50 hectáreas a pataca de sementeira e o resto dedícao ó cultivo de cereais ou colza. Un terzo da superficie que cultiva é súa e o resto cultívaa en rotación cos veciños, o que lle permite ir facendo unha rotación de cultivo. “Facemos rotación como mínimo de 5 anos, pero tento facelo de 6 ou 7 anos”, explica o produtor, unha cuestión que sorprendeu ós produtores galegos, onde a rotación de cultivos adoita ser inferior. Billant cultiva unhas 18 variedades de patacas e comercializa en España sementes de variedades como a Kenebec. Outros dos destinos da súa produción é o norte de Europa, os Países Baixos e dende hai 7 anos comezou a vender tamén en Exipto e Marrocos. Outro dos produtores galos que participaron neste encontro é Pierre-Yves Guilmoto, un dos maiores especialistas de pataca de sementeira na Bretaña Francesa. Ó igual que Billant, este produtor combina o cultivo da pataca con outros cereais, así como con hortalizas, aínda que a pataca para sementeira representa a metade da súa produción. Ademais, encárgase da almacenaxe e envasado da pataca de sementeira doutros produtores locais, polo que manexa un volume dunhas 4.000 toneladas de pataca de sementeira ó ano. A maior parte das sementes expórtaas a países do Oriente Medio e do norte e Centro de África.

“En Postoiro conseguimos unha cebola de calidade a base de respectar o solo e o ciclo da planta”

A Cooperativa Postoiro SCG é un dos referentes na produción de cebola galega de calidade. Da man do enxeñeiro agrícola e técnico agrícola na entidade, Lucas Vázquez, repasamos a traxectoria da Cooperativa e abordamos algúns os proxectos e novas liñas de negocio nas que están a traballar, que se manteñen fieis á tradición e ó respecto ó medio. -Que é a Cooperativa Postoiro SCG? -Postoiro SCG é unha cooperativa adicada á produción e comercialización de produtos hortícolas, situada no concello de Vilar de Santos, no sur da provincia de Ourense. En concreto, hoxe en día prodúcese pataca, repolo, cebola, cabazo, brócoli e porro. -Cando comezou a funcionar? -Nace en 1996, froito da iniciativa de 7 socios da comarca da Limia co fin de promover a introdución de novos cultivos nesta zona, centrada naquel entón basicamente na produción de pataca e cereal. Neses primeiros anos, algúns destes socios estaban a producir cebola e decidiron seguir apostando e traballando por producir cebola e outros produtos da horta. -Hoxe a cebola é o produto estrela da Cooperativa Postoiro, pero como foi o camiño ata aquí? -Traballaron moito para chegar ó que hoxe é. Non foi comezar a producir e ter éxito. Fixeron unha busca da cebola que querían producir consultando con produtores de zonas coma Betanzos, Valencia ou Portugal, así como procurando sementeira de variedades autóctonas. Hoxe contamos coa nosa semente e podemos pechar o ciclo produtivo da cebola grazas ó esforzo que fixeron os primeiros socios en procurar semente, xa que durante anos nas súas casas eles mesmos se encargaban de facer as plantas de semente.
“Hoxe contamos coa nosa semente e podemos pechar o ciclo produtivo da cebola grazas ó esforzo que fixeron os primeiros socios en procurar semente”
-É moi diferente a cebola actual que se produce en Postoiro daquelas primeiras recolleitas de semente? -Fíxose un traballo moi importante nestes anos. Comezaron a traballar sobre a cebola de Betanzos, replicando a variedade nesta zona e facendo unha selección e adaptación desta variedade. Ademais, neste proceso para procurar unha variedade propia tamén se levaron a cabo sendos proxectos de investigación co CIAM de Mabegondo, para seguir mellorando nas técnicas de cultivo. Un dos traballos de investigación centrouse nos factores que condicionan a sementeira directa da cebola, abordando tamén novas técnicas de control de fungos e malas herbas no cultivo. Mentres, a outra investigación abordou a selección de ecotipos de cebolas galegas, a mellora do proceso produtivo (sementeira directa) e avaliaron as condicións de conservación post-colleita.
“Atopámonos en proceso de certificar e rexistrar a variedade da cebola coa que traballamos en Postoiro, unha variedade diferenciada e que se comercializará como de Vilar”
-Entón, aínda que se partiu da cebola de Betanzos, hoxe en día son cebolas diferentes? -Si. De feito, o ano pasado a Universidade de Santiago realizou unha comparativa das cebolas de Betanzos, a producida en Postoiro, a de Ribadeo e a producida en Vilagarcía e nesa análise quedou demostrado que a cebola de Postoiro é diferente das outras variedades. A base foi a cebola de Betanzos, pero hoxe son cebolas distintas. Agora atopámonos en proceso de certificar e rexistrala baixo o nome de Vilar. -Que diferencia á cebola producida en Postoiro doutras cebolas? -É unha cebola moi achatada, tanto na parte superior como inferior, o que recorda á cebola do país, á cebola que se producía antigamente en Galicia. Ademais, ten unha cor laranxa escura nas capas exteriores, que a diferencia doutras. Ten un tamaño medio e é unha cebola que aguanta máis tempo en boas condicións, temos unha cebola de calidade. -Como se consegue esta calidade e conservar a cebola máis tempo? -Traballamos moito para conseguir unha cebola que se conserve ben máis tempo. A nosa cebola non leva ningún produto para a súa conservación, senón que as almacenamos en naves con ventilación forzada e revisámolas de xeito manual para reducir os riscos de que podrezan. Pero ademais, tanto a calidade como que se conserve durante máis tempo en bo estado conséguese no proceso produtivo.
“Tentamos só aportar aquelo que a planta precisa e deixamos que a cebola cumpra o ciclo de crecemento, sen buscar adiantalo ou atrasalo”
-Cales son as claves que teñen en conta no proceso produtivo? -Coidamos dende a selección das sementes a outros aspectos da produción. Así, fixemos unha redución moi notable do abonado, aportamos micronutrientes e buscamos reducir ó mínimo o uso de fitosanitarios. Tentamos só aportar aquelo que a planta precisa e deixamos que a cebola cumpra o ciclo de crecemento, sen buscar adiantalo ou atrasalo. Temos unha cebola cun ciclo vexetativo moi longo, xa que se planta en abril e ata setembro non se recolle, cando outras cebolas xa se están recollendo en xuño ou xullo. Buscamos que as nosas cebolas sexan tamén máis resistentes e tentamos coidar moito os ecosistemas dos nosos solos, por iso empregamos materia orgánica peletizada, que é máis respectuosa co medio ambiente, no canto de abono sen ningún tipo de tratamento e procedente de granxas de polos, un dos métodos máis utilizados. Unha mala fertilización nitroxenada prexudica moito o noso cultivo e hai que ter en conta que incrementar o aporte de abono non vai significar incrementar a produción. Nós procuramos mirar polos solos, o medio ambiente e a cebola e ese trío dá bos resultados. -Estades a producir ou tedes previsto pasarvos a unha produción en ecolóxico? -A día de hoxe non comercializamos ningunha das nosas hortalizas co selo de ecolóxico, pero moitos dos produtos que empregamos no cultivo son ecolóxicos. Vemos o sistema agroecolóxico coma un ben para o medio ambiente. Así, os fitosanitarios soen ser ecolóxicos no canto de convencionais e tamén realizamos prácticas dun manexo ecolóxico. Fixemos xa un proxecto de investigación para o paso a unha produción en ecolóxico na horta extensiva. Foi un proxecto que realizamos conxuntamente con AGACA e o CTC. A día de hoxe estamos a aplicar nas nosas parcelas en convencional algunhas das técnicas desenvolvidas nese traballo. Tamén estamos inmersos nun proxecto coa Universidade de Vigo para tentar aproveitar os restos da produción como abono, mediante técnicas de compostaxe. -Que produción tedes a día de hoxe e que superficie manexades? -Comezaron traballando 5 hectáreas e na actualidade contamos con 42 hectáreas, con socios de toda a contorna. Producimos de media unhas 40-45 toneladas de cebola por hectárea e temos entre 25-30 hectáreas para este cultivo. Tamén traballamos repolo rizo, liso e corazón, do que temos entre 3 ou 4 hectáreas. Producimos cabaza, tanto violín como de Samaín (5-6 hectáreas). Ademais temos arredor dunhas 6 hectáreas de pataca. Contamos cunhas 2 hectáreas de porro e outra hectárea de brócoli e este ano tivemos uns 1.000 metros de coliflor. Do mesmo xeito que coa cebola, buscamos ter variedades autóctonas e facemos un manexo sostible, con rotación dos cultivos e sen apurar os seus ciclos. Unha das traballadoras da Cooperativa Postoiro, durante o proceso de selección e revisión da cebola. -Cantos socios e traballadores forman parte da Cooperativa Postoiro? -Comezaron 7 socios e na actualidade continúan neste proxecto cooperativista 3 deles. Os valores que rexen o traballo da entidade destaca a aposta clara e decidida pola agricultura como medio de vida, sempre loitando e defendendo a nosa terra e na actualidade somos 8 traballadores, a maioría mulleres.
“Cando precisamos algo sempre nos preguntamos: isto terao Delagro? Sempre é a nosa primeira opción”
-Traballades dende hai tempo con provedores especializados como a cooperativa de segundo grao Delagro, por que decides traballar con eles? -Levamos traballando con Delagro uns 4 anos e comezaron a facelo por tratarse tamén dunha cooperativa. O presidente de Postoiro, Anxo Morán é unha persoa que cree e defende o sistema cooperativista e decidiu que se comezara a traballar con eles. A nosa experiencia foi moi boa e por iso continuamos. -Que vantaxes ofrece Delagro fronte a outras firmas comerciais? -Ademais de ter resposta para o que precisamos, ofrécenche o asesoramento que buscas, sen mirar só de venderche o produto senón de darche solucións que se adapten ás túas necesidades. En Delagro podes confiar e a día de hoxe é practicamente imposible que cambiemos do distribuidor polo bo servizo que estamos a ter, ata o punto que cando precisamos algo sempre nos preguntamos: isto terao Delagro? Sempre é a nosa primeira opción. -Que servizos tedes con Delagro? -Delagro sírvenos tódolos fitosanitarios e os abonos. Traballar con eles é tamén un xeito de estar en contacto co propio sector, xa que moitas veces póñente en alerta de problemas que se están a detectar no campo e axúdanche a afrontalos. -En que mercados estades traballando en Postoiro? -O noso mercado céntrase en Galicia e Asturias e é onde máis se consume este tipo de cebolas chatas. Estamos moi orientados a un mercado de proximidade, ó que ofrecerlle un produto local e de calidade. Nós buscamos seguir vendendo en Galicia, xa que a nosa produción, a estrutura de Cooperativa, a nivel loxístico e por convencemento medioambiental cremos nunha produción destinada ó mercado local e de proximidade. Por iso, aínda que tivemos ofertas de clientes doutras rexións de España, estamos centrados no mercado galego e asturiano. Neste último ano tamén participamos en feiras de alimentación, para dar a coñecer o noso produto. Estivemos no Salón Gourmet de Madrid, no Salón de alimentación do Atlántico (Salimat), no Galicia Forum Gastronómico, en Alimagro e en Xantar. Neste senso estamos tamén traballando para comezar a comercializar os nosos produtos de xeito directo con restaurantes locais.
“No 2022 decidiuse apostar de forma clara e decidida por amosar os nosos produtos e poñer en valor a nosa forma de traballo coa creación de marca”
-Estades a encargarvos vós tamén da comercialización directa da vosa produción? -Un dos principais obxectivos da cooperativa é ofrecer novas propostas comerciais que faciliten o acceso dos seus produtos a novos mercados e, ademais imprimíndolles características propias que o consumidor final aprecie e valore. A nosa entidade ó longo do 2022 decidiu apostar de forma clara e decidida por amosar os nosos produtos e poñer en valor a nosa forma de traballo. Deste xeito, neste pasado ano fixemos unha remodelación na nosa imaxe de marca, onde mudamos tanto de logo, creamos unhas marcas para os nosos diferentes produtos (A cebola de Vilar, A cabaza de Vilar, A pataca de Vilar ou A cabaza de Samaín), para así tentar saír desa idea fixada de ser simples alimentos básicos e pasar a velos coma uns produtos de calidade, galegos e cun xeito ben marcado de traballar e de facelas cousas. -Que novos proxectos tedes na Cooperativa Postoiro? -Xa conseguimos pechar o círculo a nivel de produción, facendo a nosa propia planta, e agora queremos tamén facelo a nivel de comercialización. Buscamos pechar o círculo cos nosos produtos e reducir o desperdicio de alimentos que se produce a día de hoxe, por iso estamos traballando para elaborar produtos de cuarta gama como a cebola confeitada, marmelada de cabaza ou a cebola en po. Polo de agora aínda nos atopamos en fase de probas. Tamén procuramos darlle unha saída a aqueles produtos que aínda sendo aptos e bos para o consumo non cumpren cos estándares máximos de calidade, polo que tamén estamos a comercializalos baixo outras categorías. Unha cebola que non acada o calibre que se busca, pero que igualmente é unha boa cebola non ten lóxica que se desbote, polo que queremos tamén buscarlle saída. E o mesmo acontece co resto de hortalizas que producimos.

Distintas fases de desenvolvemento do cultivo de cebola na cooperativa Postoiro: 

A Xunta prevé a creación dunha rede de 19 plantas de pretratamento de xurros gandeiros por toda Galicia

A contagotas se van coñecendo novos detalles do proxecto impulsado pola Xunta e no que participan as empresas Reganosa, Naturgy e Repsol para crear unha rede de plantas de biogás que aproveiten o poder enerxético do xurro xerado polas explotacións gandeiras galegas.   Este venres, na Comisión de Agricultura do Parlamento, o director xeral de Gandería, José Balseiros, detallou que o chamado Centro de Economía Circular estará composto por 5 plantas de dixestión e 19 plantas intermedias de pretratamento de xurros, onde se levaría a cabo a separación da fracción líquida do purín da parte sólida, que sería a empregada para extraer o biometano nas 5 instalacións de dixestión anaerobia. Até o momento non foi feita pública por parte das empresas participantes a ubicación exacta nin das 5 plantas de biodixestión nin das 19 de pretratamento e unicamente se anunciou que o primeiro destes complexos será ubicado en Cerceda. Debate no Parlamento O debate chegou este venres ao Parlamento por medio dunha proposición non de Lei do Bloque Nacionalista Galego na que se pedía á Xunta facer público o proxecto da planta de biogás que se pretende construír en Meirama “para que os sectores afectados e a sociedade galega en xeral poidan posicionarse sobre ela”. A iniciativa presentada polo BNG contou co voto a favor do grupo socialista e o voto en contra do grupo popular, polo que non saíu adiante. “Hai unha ocultación dos proxectos que raia nas prácticas antidemocráticas. O proxecto existe e está desde hai tempo agochado e a Xunta debe facelo público. Porque do proxecto nada sabemos, sabemos unicamente quen o promove: Naturgy, Repsol e Reganosa, o cómplice necesario”, criticou o deputado do BNG Xosé Luís Rivas, Mini. “Empresas que non se distinguiron polo seu amor ao medio ambiente nin sustentaron economías circulares nas súas actividades aparecen agora como por arte de maxia como solución para o problema da contaminación agrogandeira co apoio expreso da Xunta de Galicia. Catro bandullos que extorsionan e se aproveitan dos cartos públicos”, dixo.
As eléctricas están a apertar para facerse cos fondos públicos, cando eses cartos poderían ir para cubrir e ampliar as fosas de purín (Xosé Luis Rivas, BNG)
No canto dese modelo, o deputado nacionalista propuxo destinar eses fondos, estimados en 600 millóns de euros, a “unha chuvia fina de cartos ás explotacións para redimensionar as fosas de purín e cubrilas, algo que é necesario para ter capacidade de almacenaxe do xurro e facer unha boa xestión del”. “Están ben cubertas as fosas de xurro para cumprir coas boas prácticas agrarias que esixe a nova PAC?”, preguntou.   Rolda de presentación do proxecto ás cooperativas O voceiro do PP na Comisión, José Antonio Armada, negou que exista ocultación e indicou que “agora mesmo hai unha rolda de reunións con cooperativas e asociacións de gandeiros para explicarlles o proxecto”. “Aínda non se presentou a solicitude de autorización do proxecto, cando se faga someterase a información pública para que a cidadanía poida coñecelo e pronunciarse”, asegurou. “O proxecto de Centro de produción de biofertilizantes e biometano é unha iniciativa de economía circular da Xunta de Galicia con colaboración público-privada que busca captar fondos europeos Next Generation da UE. En concreto, serían 146 millóns de euros de investimento público-privado nesta primeira fase”, detallou.
Nós non lle imos expropiar ningún tipo de xurro aos gandeiros (José Antonio Armada, PP)
“Malo non debe ser o proxecto cando había 5 comunidades autónomas interesadas nel. É un proxecto moi interesante para a nosa terra que vai dar viabilidade ás explotacións. Nós non lle imos expropiar ningún tipo de xurro aos gandeiros”, remarcou Armada. “O que se busca é axudar ao noso tecido produtivo primario cun problema que está aí. Porque querer negar que hai excedente de xurros é querer negar unha realidade. E non se fala só de explotacións bovinas, senón que se abre o abano a todas as explotacións gandeiras”, asegurou. O "lobby" dos porcos e os polos “Aquí o que existe é unha demonización intencionada do sector vacún”, opinou pola contra Xosé Luis Rivas, que detallou que das emisións de amoníaco no conxunto do Estado español no ano 2020 o 28% proceden do sector porcino, o 22% da utilización de abonos de síntese, un 9% do sector avícola, un 8% do vacún de leite, un 7% do vacún de carne e un 8% do sector ovino. Sen embargo, dixo, “cando se fala de contaminación sempre saen fotos de vacas porque o vacún non ten lobby que o defenda”, afirmou. “Preocúpanos moito esta planta e o xiro que está levando todo este problema dos xurros. Estase confundindo o touciño coa velocidade, que é o que se fai cando se trata de botar as culpas sobre o sector vacún da contaminación de pitos e porcos. Pero a eses outros sectores vai ser difícil meterlles o dente porque non están condicionados pola PAC”, evidenciou. “Cando se fala de contaminación difusa por xurros eu penso en porcos e en aves e penso na Limia e no Deza, non nas vacas. Sábese algo da posta en marcha da planta de tratamento de xurros de Sarreaus? (pechada desde hai unha década)”, preguntou. “A mala planificación territorial, o ollar para outro lado e os clientelismos políticos propiciaron que o sector porcino e avícola se desenvolvese anormalmente en certas comarcas de Galicia, xerando problemas de eutrofización. E agora o porco que producían os Países Baixos estámolo producindo nós e tragando a merda”, afirmou. Un polígono agroforestal de 3.200 hectáreas para cultivos enerxéticos? O deputado do BNG admitiu “desconfiar” das intencións da Xunta co proxecto das plantas de biogás porque, dixo, “o dixestor non soluciona o problema, senón que o agrava”. “O material resultante é un fertilizante moito máis potente e con moita máis capacidade de contaminar que o xurro se non hai terra onde botalo. Ademais, o transporte e os procesos de secado consomen tanta enerxía coma a que se pretende producir”, asegurou, botando man de experiencias similares que acabaron fracasando, como a planta de Navia, en Asturias.
O problema da contaminación por nitratos vai permanecer, porque o dixestato resultante do proceso anaerobio ten máis contido en nitróxeno ca os puríns utilizados (Xosé Luis Rivas, BNG)
“Nestas plantas non se trata o purín, senón que o purín é o catalizador, pero logo hai que darlle de comer lodos de depuradora, restos cárnicos e materia orgánica. E canto máis almidón, máis gas produce”, indicou. “Hai previsto un polígono agroforestal de 3.200 hectáreas cerca de Cerceda cun 30% de uso agrario e un 70% forestal que pode estar pensado para cultivos enerxéticos; un é moi mal pensado”, dixo.
É unha hipótese peregrina a de que sobran estercos e xurros en Galicia. Hai máis de 600.000 hectáreas de terra agraria abandonada que están pedindo fertilizantes e cultivo
“É unha hipótese peregrina a de que sobran estercos e xurros en Galicia e que hai supostos excedentes en determinadas zonas que xustificarían a construción destas plantas. Hai máis de 600.000 hectáreas de terra agraria abandonada que están pedindo fertilizantes e cultivo”, afirmou. “Cantas actuacións de recuperación de terra agraria se están a levar a cabo nestas zonas supostamente excedentarias?”, preguntou o deputado nacionalista, que lle pediu ao Goberno galego que promova un “estudo ponderado” sobre a cantidade de puríns xerados polas ganderías e as compras de fertilizantes químicos que realizan. Camións transportando xurro En sintonía co BNG, o deputado do grupo socialista Martín Seco considerou que “non todas as producións teñen a mesma responsabilidade sobre as emisións de amoniaco” e criticou que a Xunta prefira “gastar 600 millóns de euros nunha planta en vez de destinalos a medidas máis próximas ás explotacións”. “Hai fórmulas máis axeitadas e deberían ser os gandeiros os que aplicaran ben o seu xurro. Para iso deberíaselles axudar con medidas efectivas para reducir a contaminación, como cubrir as fosas de purín, porque se a materia seca do xurro é superior ao 7% e a fosa está cuberta créase unha costra que frea as emisións”, exemplificou.
Chámanlle economía circular a que circulen camións para levar o xurro da Limia ata Cerceda? (Martín Seco, PSOE)
“Temos casos no noso entorno de grandes fracasos de proxectos de biogás. A non ser que lle chamen economía circular a andar circulando camións de xurro polas estradas galegas desde a Limia a Cerceda”, ironizou. Balseiros contestou que eses camións empregarán como combustible o propio biogás xerado nas plantas para completar o círculo.
]

Futuras regulacións nas zonas afectadas polos nitratos na Limia e Baixa Limia

Outro dos puntos que suscitou polémica na Comisión de Agricultura do Parlamento deste venres foi a xestión que a Xunta está a facer da contaminación por nitratos na comarca da Limia. “Non se pode negar que existe un problema de contaminación do aire e do solo nesta comarca. O Goberno galego leva 13 anos sen preocuparse polo tema, mirando para outro lado, e a UE esixe que se tomen medidas, xa que estamos nunha situación de excepcionalidade desde o ano 2014”, sostivo o deputado socialista Martín Seco, que lle preguntou ao Goberno galego sobre os resultados do proxecto de mellora da calidade das augas e recuperación ambiental do encoro das Conchas. “Tal como está o encoro das Conchas, tiráronse fondos europeos en facer piscinas e remodelar termas en vez de destinados ao fin que tiñan?”, preguntou Seco. Pero Balseiros lamentou non poder aclarar as súas dúbidas por ser un asunto “competencia da Consellería de Medio Ambiente e non da de Medio Rural”.
No mes de maio deste ano o Ministerio de Transición Ecolóxica publicou o mapa de contaminación por nitratos, establecendo dous puntos no encoro das Conchas
Este encoro, ubicado nos concellos ourensáns de Bande e Muíños, leva décadas acumulando contaminación por fósforo e nitratos dos xurros, fertilizantes e residuos das explotacións gandeiras da comarca da Limia, onde se atopa a maior densidade de granxas de porcos e polos de Galicia. Declaración de zonas vulnerables na Limia por parte da Xunta “A Xunta de Galicia non tomou ata o día de hoxe ningún tipo de medida preventiva nin paliativa. Despois de 13 anos de desleixo do Goberno do PP na Xunta de Galicia a situación converteuse en insostible e agora temos un grave problema de saúde pública”, dixo o deputado socialista. A Directiva de Nitratos da UE obriga a que os Estados membros delimiten as áreas máis sensibles e contaminadas, pero a Xunta aínda non catalogou ningunha zona vulnerable en Galicia, alegando que non era posible facelo sen que o Goberno central publicara antes o mapa de contaminación por nitratos, algo que fixo o pasado mes de maio.
O día que se fagan as declaracións de zonas vulnerables buscarase a mínima afectación (José Balseiros)
Balseiros reiterou que, trala publicación deste mapa, o prazo para a declaración de zonas vulnerables remata no ano 2025, xa que se establece un período de tres anos para facer a declaración de zonas vulnerables por parte das comunidades autónomas. “E estamos aínda no 2022”, insistiu. O director xeral de Gandería adiantou, iso si, que “o día que se fagan as declaracións de zonas vulnerables, que non están aínda concretadas, faranse en absoluta concordancia cos Concellos e cos sectores afectados para que teña unha mínima afectación”, xa que nestas zonas, haberá un código de boas prácticas agrarias de obrigado cumprimento por parte das explotacións. “A Xunta ten que tomar medidas para reverter a situación de contaminación nas augas e isto non ten por que traer consigo o peche de ningunha explotación”, contestoulle Martín Seco, que acusou ao Goberno galego de estar agardando a que pasen as eleccións municipais ante o temor ás consecuencias políticas destas medidas nos 12 concellos da comarca.
Ocultan o problema como se lles fixesen un favor aos gandeiros, cando os máis prexudicados se non se fai nada van ser eles, porque a UE acabará tomando medidas drásticas (Martín Seco, PSOE)
 “Deberan abandonar esas mensaxes populistas tratando ocultar un problema existente como se lle fixesen un favor aos gandeiros da comarca e como se a contaminación fora desaparecer soa. Poden tapar os ollos de cara ás eleccións municipais, pero os máis prexudicados se non se toman medidas van ser as propias explotacións gandeiras, porque a UE acabará tomando medidas drásticas se non reaccionamos ante un problema de saúde pública”, afirmou o deputado socialista.

En proxecto a mellora do regadío do Val de Lemos

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou este xoves en Madrid no Pleno da Mesa Nacional do Regadío, no que se abordou o proxecto de modernización do regadío do Val de Lemos (Lugo). En concreto, dende a Xunta pídenlle ó Goberno central que concrete os orzamentos paras estas melloras e se poida dar resposta a unha demanda histórica da zona. Cómpre lembrar que en maio, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Universidade de Santiago (USC) asinaron un convenio de colaboración para analizar como reactivar as comunidades de regantes de Val de Lemos. Trátase de redactar un plan integral, que conta cun orzamento de 290.000 euros e un prazo de execución de 18 meses. Pola súa banda, Inés Santé apuntou que a Administración galega comezou a avaliar a posibilidade de desenvolver un proxecto de regadío nesta bisbarra lucense. Para iso, solicitoulle ao Ministerio de Agricultura a urxente necesidade de orzamentar dito proxecto, máis aínda tendo en conta que se incrementa o orzamento nacional para a segunda fase dos regadíos.

A modernización do regadío na Limia

Por outra banda, a directora xeral tamén solicitou un incremento do orzamento para a modernización do regadío da Limia (Ourense), ao verse encarecidas as materias primas das obras a realizar. Sandé destacou os 6 millóns de euros de fondos propios da Xunta para a perforación de 40 novos pozos -obras que se incrementaron nun 50% sobre o presuposto inicial- que permitirán completar a rede de pozos de regadíos en catro comunidades de regantes. Como sinalaron dende a Consellería, a perforación dos pozos xa está rematada e agora están a traballar para determinar o caudal de cada un deles e o ano que vén realizarán o seu bombeo e electrificación. Ademais, a directora xeral lembrou que estas obras son necesarias para a sinatura do convenio entre o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, SEIASA e as catro comunidades de regantes beneficiarias (a de San Salvador de Sabucedo, no concello da Porqueira; a de Lamas Ganade e a de Alta Limia, no municipio de Xinzo de Limia; e a de Corno do Monte, que afecta aos concellos de Xinzo de Limia e Trasmiras) para a construción e explotación das obras do “Proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 40 captacións de augas subterráneas - A Limia 2022”. Dito proxecto conta cun orzamento de 16 millóns de euros dos cales o 80% será financiado polo Ministerio e o 20% restante pola comunidade de regantes.  Doutra banda, o Ministerio ten acordado 16 millóns de euros para a limpeza das canles da Limia, co fin de mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas e adecuar as prácticas agrogandeiras nesta bisbarra ourensá.

Avanzan os traballos de construción de novas captacións de auga para o regadío da Limia

A Xunta segue traballando na mellora e modernización do regadío da Limia, coa perforación dos 40 novos pozos que completarán así a rede de captacións desta bisbarra ourensá. Prevese que a finais de febreiro estean os 40 pozos aforados, é dicir, co caudal exacto determinado para cada un deles. Desta maneira, obterase o caudal exacto de cada pozo, o que resulta fundamental para deseñar a futura rede de regadíos. O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, supervisou este venres as obras de tres dos pozos e avanzou que o orzamento total que se vai investir neles ascende a case 6 millóns de euros, contando as actuacións de bombeo e electrificación dos pozos.
Están a traballar na zona dúas perforadoras, que nos vindeiros días completarán as obras nos tres primeiros pozos
Dos tres pozos que hoxe supervisou o conselleiro, un deles xa está finalizado, outro está en perforación e, no terceiro, están a comezar cos traballos relativos ao ensaio dos bombeos e o seu control hidrolóxico para o correcto dimensionamento dos grupos de bombeo.  Na actualidade traballan na zona dúas perforadoras con equipos completos e prevese rematar a perforación dos pozos nestes días. Paralelamente, estanse a realizar os traballos de acondicionamento dos terreos onde se emprazan. Convenio entre o Goberno central e autonómico Ademais, o titular de Medio Rural lembrou que estas obras foron necesarias para a sinatura do convenio entre o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, SEIASA  e as catro comunidades de regantes beneficiarias (a de San Salvador de Sabucedo, no concello da Porqueira; a de Lamas Ganade e a de Alta Limia, no municipio de Xinzo de Limia; e a de Corno do Monte, que afecta aos concellos de Xinzo de Limia e Trasmiras) para a construción e explotación das obras do Proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 40 captacións de augas subterráneas - A Limia 2022. Dito proxecto conta cun orzamento de 16 millóns de euros, advertiu, dos cales o 80% será financiado polo Ministerio e o 20% restante polas comunidades de regantes.
O Ministerio financia o 80% do custo e as 4 comunidades de regantes o 20%
Por último, o conselleiro de Medio Rural e a directora xeral aproveitaron para visitar as instalacións da oficina de información do regadío da Limia, situada no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). A través desta oficina, infórmase a todos os interesados sobre os avances na mellora e modernización do regadío e nas prácticas para lograr un mellor e máis efectivo aproveitamento dos recursos. 

16 millóns de euros para a limpeza das canles de rega

José González puxo en valor os 39 millóns de euros que se investirán entre a Xunta e o Goberno central na potenciación do sector agrario da Limia, unha das comarcas con maior produción agraria de Galicia, tanto en produtos agrícolas como gandeiros.  Así mesmo, o titular de Medio Rural referiuse tamén aos outros 16 millóns de euros que o Ministerio ten acordado para a limpeza das canles da Limia, co fin de mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas e adecuar as prácticas agrogandeiras nesta bisbarra ourensá.
Melloraranse 21 quilómetros de camiños rurais pertencentes á rede viaria dos 12 concellos que conforman a comarca
A este montante, subliñou o conselleiro, súmase un millón de euros máis de fondos propios da Xunta en colaboración coa Deputación de Ourense para a reparación de camiños desta bisbarra. Neste senso, entre os anos 2021 e 2023 vaise actuar en máis de 21 quilómetros de camiños rurais pertencentes a 12 concellos que integran a rede viaria desta comarca.

Europa prosegue a demanda pola non declaración de zonas vulnerables a nitratos en Galicia e noutras 6 comunidades

A decisión adoptada pola Comisión Europea en decembro do 2021 de iniciar un procedemento de infracción contra España pola xestión dos nitratos agrícolas continúa adiante. O Diario Oficial da Unión Europea vén de publicar a demanda da Comisión Europea ante o Tribunal de Xustiza da UE. Na demanda, a Comisión Europea subliña o xa advertido, Galicia e outras 6 comunidades tiñan que ter designado novas zonas vulnerables a nitratos, e ademais tíñase que ter mellorado a xestión das zonas xa designadas noutras 6 comunidades. O proceso contra España arrancou no 2018, cando a Comisión Europea fíxolle ó Goberno español unha solicitude de información sobre a xestión dos nitratos agrícolas. No 2020, a Comisión, descontenta coas explicacións españolas, decidiu seguir adiante co caso e emitiu un dictame no que listaba as zonas con incumprimentos nas que consideraba que eran necesarias medidas. No caso de Galicia, as afeccións centrábanse principalmente no encoro das Conchas (río Limia) e nas augas de escorrentía correspondentes. A Comisión entendía que era precisa a declaración dunha zona vulnerable a nitratos na Limia, así como novas zonas noutras 5 comunidades españolas. O actual mapa de zonas vulnerables a nitratos en España deixa só libres na actualidade a Asturias, Cantabria e Galicia. En Asturias e Cantabria, a Comisión deuse por satisfeita coas explicacións dos respectivos gobernos autonómicos e considera que non é precisa a declaración de zonas vulnerables, pero no caso galego non é así. Mapa de zonas vulnerables a nitratos en España. Tralo dictame do 2020, Europa deulle un prazo a España para actuar, pero a reacción española foi vista como insuficiente en Bruxelas. Así, a Comisión Europea anunciaba en decembro do 2021 que abriría un procedemento de infracción ante o Tribunal de Justicia da UE. Nos últimos meses, o Ministerio de Transición Ecolóxica avanzou na adopción de medidas, pois en maio deste ano fixo pública unha actualización do mapa das augas afectadas por nitratos e fosfatos de orixe agrogandeira. Entre esas zonas xa figura a comarca da Limia, o que lle deixa a Xunta un prazo máximo de tres anos para a declaración dunha zona vulnerable a nitratos na comarca ourensá. Con todo, o procedemento de infracción iniciado por Europa continuou adiante e este verán formalizouse a presentación do mesmo ante o Tribunal de Justicia da UE, como recolle esta semana o Diario Oficial da Unión Europea. Plan de acción en zonas vulnerables a nitratos Coa declaración dunha zona vulnerable a nitratos na Limia, establecerase previsiblemente un rexistro estricto das aplicacións de xurros e abonos nas parcelas agrícolas, así como da saída de xurros das granxas e do seu destino. Nos primeiros anos da zona vulnerable, a lexislación establece que a carga máxima de nitratos será de 210 Kg. por hectárea e que posteriormente pasará a 170 Kg. Só se autorizarán cargas maiores no caso de cultivos que esixan xustificadamente maior aporte de nitróxeno ou por excesivo lavado das precipitacións. Queda por ver tamén se a Xunta decide limitacións sobre o establecemento de novas granxas ou ampliación das xa existentes. En Cataluña, por exemplo, a Generalitat ten prohibida a instalación de novas granxas de porcos en 66 concellos, así como a limitación do tamaño das granxas de vacún a 600 cabezas. A cuestión das plantas de biogás Unha das ferramentas que se está a plantear para a xestión dos xurros en Galicia é a das macroplantas de biogás, como a proxectada para Cerceda. No caso da Limia, Coren tiña unha planta de coxeneración eléctrica alimentada polos xurros que estivo operativa entre o 2007 e o 2014. No 2019, Coren anunciara a inminente reapertura da planta, pero polo de agora máis nada se volveu saber daquela intención. Desde o sector agrario sinálase en todo caso que a planta de Sarreaus carece da capacidade suficiente para procesar un volume significativo de xurros. Outro problema é a xestión do dixestato sólido -que pode volver ó agro como abono- e da parte líquida tras o procesado dos xurros nas plantas.