Carne

Estados Unidos busca aumentar as súas vendas de soia a gandeiros galegos

O Consello de Exportación da Soia de Estados Unidos (USSEC) reuniu hoxe en Santiago de Compostela a case 100 representantes da industria alimentaria animal nun seminario organizado por Agafac. A delegación estadounidense busca ampliar mercados na UE con encontros estratéxicos noutras cidades como Lisboa e Milán

Loading ad.
Ad could not be loaded.
06/02/2019 8:04 p.m.

A industria da soia de Estados Unidos busca ampliar o seu mercado entre os gandeiros galegos. Na última década reduciuse a cota de soia no penso de alimentación animal fabricado en Galicia, en beneficio dos DDG´S e, sobre todo, da colza, unha proteaxinosa a un prezo sensiblemente máis baixo que compensa a súa menor porcentaxe de proteína que a soia.

Ante esta tendencia, o Consello de Exportación da Soia de Estados Unidos (USSEC nas súas siglas en inglés) reuniu esta mañá en Santiago a case 100 representantes da industria alimentaria animal nunha xornada que contou coa colaboración da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac). O obxectivo da USSEC, apoiados pola política de Donal Trump de esixir unha balanza comercial máis equilibrada coa Unión Europea, foi relanzar as vendas de soia estadounidense en Galicia, comunidade autónoma que para os produtores de soia estadounidenses é un cliente estratéxico, xa que debe importar a maioría das materias primas para fabricar pensos.

Así, a decisión de incluír Santiago no itinerario europeo da USSEC, do que tamén forman parte cidades como Milán e Lisboa, responde á importancia estratéxica que ten o mercado galego para as grandes industrias das materias primas. Non en balde, Galicia representa o 15% da industria alimentaria española con preto de tres millóns de toneladas anuais e as súas importacións de fariña de soia roldan as 600.000 toneladas ao ano.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

O director de Agafac, Bruno Beade, exerceu de anfitrión durante o encontro, que abriu o director rexional da USSEC para Europa, Medio Leste e norte de África, Brent Babb, co relatorio "Oportunidades para a soia en 2019". Pola súa banda, o vicepresidente da entidade, Monte Peterson, impartiu a conferencia "Perspectiva dos produtores de soia". "As vantaxes nutricionais da soia, tendencias e futuro" foron outros dos temas abordados polos expertos, entre eles, Bob Bresnahan, de Trilateral Inc, e Lola Herrera, representante da USSEC no sur de Europa.

Unha potencia mundial

A USSEC, antes coñecida como a Asociación Americana da Soia, é unha potencia mundial no seu sector xa que Estados Unidos xera case o 35% da produción de soia de todo o planeta. Así mesmo, nos procesos de produción de pensos, a fariña de soia é moi valorada ao estar considerada unha fonte de proteína vexetal con elevados aportes nutritivos.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada