As cotizacións deste martes da Central Agropecuaria de Galicia /Abanca caracterizáronse pola estabilidade nos prezos do gando vacún que, aínda que oscilou nalgunhas categorías, tendeu a manter os prezos da semana pasada. Nas mesas de prezos acordouse subir as cotizacións do porco cebado, e manter a dos leitóns. Os ovos baixan nas categorías L e M e na Lonxa de Madrid a carne de coello segue nos 1,60 euros o quilo.
Nos tenreiros de recría de raza Frisoa os prezos este martes tenderon máis ben á baixa. Así, na de menos de 20 días, a cotización media subiu ata os 97 euros, fronte aos 111 da pasada semana. Na de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa, a media mantívose nos 125 euros por xato, igual que o pasado martes. E na categoría dos tenreiros de máis de 51 días, os prezos baixaron ata unha media de 132 euros, vinte menos que a semana anterior.
Pola contra, nos becerros de Cruzamento industrial as oscilacións nos prezos esta semana foron máis ben á alza. Así, na categoría de menos de 20 días, as cotizacións medias subiron ata os 263 euros, fronte aos 244 da pasada semana. Na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos situouse nos 350 euros, apenas un euro menos que na última poxa. Nas femias, pola contra, houbo unha suba de prezos: 244 euros de media, fronte aos 238 do pasado martes. E nos xatos de máis de 51 días o prezo medio subiu claramente ata os 513 euros, fronte aos 408 euros de media da pasada semana.
No vacún maior a tendencia xeral foi á alza, agás na categoría primeira. Deste xeito, quedaron en 1.064 euros de media en categoría primeira, 723 en segunda -a máis numerosa- e 444 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.101, 713 e 433 euros, respectivamente.
As cotizacións quedaron da seguinte maneira:
Ovos á baixa e coello sen cambios
Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse baixar nun 0,01% as cotizacións da pasada semana nas categorías L e M, quedando nos 1,20 e 1,10 euros a ducia, respectivamente. As restantes categorías mantivéronse sen cambios: a XL quedou nos 1,35 euros a ducia e a S nos 0,9 euros.
Nos coellos, na Lonxa de Madrid, onde se marcan os prezos para Galicia, acordouse manter os prezos da pasada semana nos 1,60 euros o quilo.
Suba do porco cebado e sen cambios nos leitóns
En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou esta semana subir as cotizacións do pasado martes. Así, nas categorías Selecta e Normal as cotizacións subiron un 0,01%, acadando os 1,225 e 1,200 euros por quilo, respectivamente; a Canle II subiu un 0,02% ata os 1,558 euros por quilo. A mesma suba tamén foi para o desvelle, quedando as cotizacións nun intervalo de prezos de entre 0,81 e 0,87 euros o quilo.
En Alemaña, o referente europeo para os prezos do porcino, as cotizacións remontaron esta semana un 0,05%, ata os 1,570 euros o quilo. No resto de países da Unión Europea tamén houbo lixeiras subas ou estancamento das cotizacións.
En canto aos leitóns, e tras varios meses de subas, por vez primeira acordouse manter as cotizacións da pasada semana, quedando nos 56 euros para os procedentes de varias explotacións e nos 61 euros para os procedentes dunha única explotación.
Os prezos do porcino quedaron da seguinte maneira: