Leite

España sitúase á cola da UE na produción de sólidos no leite

España ocupa o último posto da Unión Europea en canto a calidades de graxa e proteína en leite, aínda que se incrementou de forma notable dende o fin das cotas lácteas. Os produtores reclaman á industria que pague a graxa segundo os prezos do mercado

Loading ad.
Ad could not be loaded.
D.G. 15/05/2018 11:15 a.m.

España sitúase á cola da Unión Europea en porcentaxe de graxa e proteína no leite que produce a súa cabana de gando vacún, segundo se desprende dos datos de Eurostat. Así, se a media dos estados membros está nun 4% de graxa e nun 3,4% de proteína, en España baixa ao 3,68 e ao 3,26%, respectivamente. Sen embargo, Galicia sitúase máis preto da media da UE, cunhas calidades medidas en 2017 do 3,81 de graxa e do 3,25 en proteína.

Así, segundo os datos aportados polo director do Ligal, Roberto Lorenzana, na reunión de primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, e que recollen os datos medios de Eurostat do período 2012-2016, os países con maiores calidades de graxa en leite son os do centro e norte de Europa, caso de Holanda (4,39), Dinamarca (4,26), Alemaña (4,11) ou Francia (3,98). E os tres primeiros tamén lideran as calidades de proteína, cun 3,53, 3,47 e 3,42 respectivamente.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Esta situación é reflexo do que ata agora pedía a industria láctea española, moi orientada ao envasado de leite líquido, unha dinámica que está cambiando en favor dos queixos, manteiga e outros derivados lácteos de maior valor engadido, cun consumo á alza e máis exportables.

Así, segundo a información facilitada por Josefa Lueso Sordo, subdirectora xeral de Produtos Gandeiros do Ministerio de Agricultura, na última xornada da asociación Terra e Leite, en Galicia o 66% do leite que se transforma destínase a consumo directo ou a nata, unha porcentaxe que no conxunto de España baixa ao 53% e que na media da Unión Europea só representa o 26%.

O excesivo peso do envasado de leite líquido na industria láctea asentada en Galicia, unido ao feito de que arredor do 40% do leite galego expórtase en bruto en cisternas a outras comunidades, explica, en parte, o paradoxo de que malia ser a comunidade con maiores calidades de graxa do leite é na que máis baixo se lle paga o leite aos gandeiros: 31,4 céntimos por litro no mes de marzo, polos 31,6 céntimos da media española, segundo os datos do FEGA.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Dende o fin das cotas lácteas incrementáronse notablemente as calidades en España

A situación está a cambiar de forma lenta pero imparable cara a produción dun leite con máis sólidos. Así, dende a supresión das cotas lácteas no ano 2015 a porcentaxe de graxa e de proteína aumentou en España e case o dobre en Galicia. Así, se no 2015 as calidades medidas do leite en España eran do 3,63 de graxa e do 3,22 de proteína, a media no pasado 2017 subiu a 3,68 e a 3,26, respectivamente. En Galicia, primeira produtora de leite en España, con case o 40% da produción, o incremento foi maior: en dous anos o leite galego pasou dunha media 3,71 de graxa e do 3,21 de proteína ao 3,81 e ao 3,25, respectivamente.

Unha tendencia que corrobora José Moreira, técnico de Africor-Coruña: “Os gandeiros preocúpanse por aumentar a proteína e a graxa. De feito, no que levamos de ano notamos un incremento das calidades medidas en Control Leiteiro de arredor de 0,03 puntos respecto a anos anteriores”. “Incrementar as calidades en graxa conséguese, entre outros factores, en base á alimentación e é relativamente máis fácil subir esta calidade; subir en proteína é máis difícil, porque se logra sobre todo en base a xenética, e iso require cambios máis profundos e que precisan máis tempo”, precisa.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

[box style="0"

¿Como se pagan as calidades do leite aos gandeiros?

Pero o factor clave para que os gandeiros aposten por producir leite con máis sólidos é que a industria pague estas calidades. Neste sentido, Román Santalla, secretario de gandería da Unión de Pequeños Agricultores (UPA)-Unións Agrarias, explica que “a maioría das empresas están pagando as calidades a partir do 3,7 de graxa e 3,10 ou 3,20 de proteína, a maioría. No caso da proteína por cada décima que se incremente son uns 6 euros a maiores por tonelada, aínda que moitas industrias págana menos, e no caso da graxa entre un máximo de 5 euros e un mínimo de 3 euros por tonelada por cada décima que se suba”.

A respecto desta última Santalla chama a atención sobre que “pasamos dun desprezo da materia graxa por parte da industria cando había cotas e de non pagala despois do 4%, á situación actual na que é un valor engadido estratéxico do que están sacando pingues beneficios, pero ao gandeiro ségueselle pagando unha prima na maioría dos casos de só 3 euros por tonelada”. Así, a finais de abril a manteiga situouse na Unión Europea nun prezo medio de 5,27 euros o quilo, un 38% máis que no mesmo mes de 2017.

Román Santalla: “Imos pedir á INLAC que faga un estudo sobre como se paga a graxa nos distintos países”

Neste sentido, o responsable de gandería de UPA critica que “os contratos lácteos non reflicten o valor real das materias primas como a graxa no mercado”, polo que avanza que van plantear que a Interprofesional Láctea (INLAC) realice un estudo de valoración de como se remunera a graxa do leite aos gandeiros nos distintos países da Unión Europea.

“Creo que hai que ir cara un maior volume de sólidos en leite, porque así é a tendencia do mercado a nivel mundial. Pero para iso os gandeiros precisamos tempo, que a industria láctea española se clarifique, porque ata agora nos pedía producir cantidade e non calidades, e, sobre todo, que paguen aos produtores por esas calidades do leite”, subliña.

[/box]

¿Como varían as calidades do leite na raza Holstein segundo o país?

Aínda que a porcentaxe de produción de sólidos pode variar moito segundo a raza (máis en razas como a Jersey ou a Fleckvieh), e segundo o volume de produción (a máis litros por vaca menos calidades), sen embargo a selección xenética de cada país dentro da propia raza Holstein, xunto coa alimentación, fan que as calidades de graxa e proteína varíen considerablemente.

Así, e a unha produción láctea similar á de Galicia, en Holanda conseguen case un 4,30 de graxa e un 3,50 de proteína.

Así se reflicte na seguinte gráfica:

Raza Holstein: MG, MP por principais países (ICAR, WHFF 2015)

Variacion estacional da produción de graxa e proteína: 

 

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada