Leite

Encontro da presidenta da Inlac, Charo Arredondo, con gandeiros galegos

A responsable da Interprofesional Láctea, que acudiu a Galicia convidada polo Sindicato Labrego, anuncia que convocará en setembro a organizacións agrarias, cooperativas e industrias para abordar "os baixos prezos do leite"

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 31/07/2019 2:35 p.m.

A presidenta da Interprofesional Láctea (Inlac), Charo Arredondo, mantivo un encontro en Santiago cun grupo de medio cento de gandeiros e a dirección do Leite do Sindicato Labrego Galego, organizador do acto.

Durante o encontro, Arredondo, que é unha gandeira cántabra que forma parte tamén da executiva da organización agraria COAG, ligada ó Sindicato Labrego Galego, abordou algunhas das cuestións claves para o sector, como son os baixos prezos que seguen dominando as relacións comerciais entre granxas e industrias. Precisamente, Galicia e Cantabria son as dúas comunidades nas que o prezo medio do leite é máis baixo: 31,3 e 31,4 céntimos por litro respectivamente.

Arredondo reivindicou a necesidade de actuar ante esta situación, apuntando que “non serve de nada debater interminablemente sobre o tema se non se acordan solucións para atallalo”. Por iso, a presidenta da Inlac adiantou que convocará en setembro ós diversos axentes que forman parte da Inlac (organizacións agrarias, cooperativas e industrias) para falar dos prezos e atopar solucións de consenso para que alomenos as granxas poidan cubrir custes de produción.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Anular a norma que obriga a enterrar os xurros

No encontro cos gandeiros tamén participou o investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), Juan Castro, que abordou a normativa que obriga ás granxas de vacún a enterrar os xurros para reducir as emisións de amoníaco á atmósfera.

En base ás súas propias indagacións e recompilación de datos, Castro indica que os principais emisores de amoníaco á atmosfera no Estado Español son comunidades como Castela e León e Cataluña e, en concreto, o sector do porcino intensivo. Este último é o responsable de case o 44% das emisións de amoníaco en España, mentres que o vacún de leite emite o 9'9%. E aínda dentro do sector de vacún, as estatísticas non distinguen entre as ganderías que seguen un modelo intensivo e as que optan por outro máis sostible en base a pastoreo, polo que o dato tamén podería variar.

Castro apunta que hai outras boas prácticas no sector que son máis efectivas que os inxectores

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Dende este punto de vista, o investigador non entende que na Política Agraria Común (PAC), España forzase a introdución da obriga de aplicar os xurros enterrándoos con inxectores, cando a Unión Europea non obrigaba a iso, e cando os datos indican que as granxas que terán que acometelo son as máis sostibles e que menos emisións causan. Castro explicou que aínda se está a tempo de impedir a aplicación desta normativa, non vixente en ningún outro país da Unión Europea, pero o investigador referiu que, polo de agora, só atopou a desidia do Ministerio de Agricultura -que nin sequera ten unha guía de boas prácticas para minimizar a emisión de gases para o sector lácteo- e da Xunta, que non presentou alegacións á norma.

O investigador argumenta que enterrar xurros co obxectivo de diminuír as emisións de amoníaco non ten ningunha base científica. Castro aludiu a outras boas prácticas no sector -como pasar a grade de discos cando se bota o xurro, ou estendelo cando orballa-, que son máis efectivas que os inxectores, maquinaria que xa adquiriron no CIAM para probala e que nos test realizados ficou demostrada a súa ineficacia.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada