Forestal

Ence destina un millón de euros á loita biolóxica contra o gurgullo do eucalipto

A compañía puxo en marcha este ano dúas biofábricas para a produción do insecto que combate a praga, o que lle permitiu reducir custos. Este ano xa interviu en arredor de 17.000 hectáreas de cultivos

Campo Galego 15/06/2016 11:07 a.m.

A loita biolóxica contra o gurgullo do eucalipto (Gonipterus platensis) estase a intensificar este ano, tanto por parte da Administración como por Ence. A compañía pasteira asegura que esta campaña está case a cuadriplicar o esforzo do anterior exercicio, o que lle permitiu chegar a 17.000 hectáreas de cultivos, nas que distribuiu máis dun millón de insectos 'Anaphes nitens'. O 'Anaphes nitens' parasita os ovos do gurgullo e contribúe así a reducir as súas poboacións.

Cada ano déixanse de producir na comunidade 800.000 toneladas de madeira a causa da praga

A praga ten un impacto significativo na produción de eucalipto globulus en Galicia, ata o punto de que cada ano déixanse de producir na comunidade arredor de 800.000 toneladas de madeira a causa do gurgullo, segundo estimacións do sector forestal. Traducidas esas perdas a cartos, supoñen unha merma de ingresos para os propietarios duns 25 millóns de euros.

Ence asegura que está a traballar de xeito coordinado coa Administración e cos propietarios forestais para facerlle fronte á praga do gurgullo. Este ano, a empresa investiu preto dun millón de euros e depositou no monte máis de 350.000 ootecas (depósitos de ovos) parasitados polo 'Anaphes nitens', o que dará lugar a máis dun millón de insectos para combatir ó gurgullo.

Biofábricas
A comezos do 2016, Ence puxo en marcha dúas biofábricas para a produción do Anaphes nitens, o que lle permitirá producer grandes cantidades do parásito a custos asumibles. “É fundamental que consigamos producir mosquiña a baixo custo. Ence está a punto de acadalo”, valora o director de Ordenación Forestal de Ence, Alejandro Oliveros. “O noso obxectivo non é facer negocio co Anaphes: o que nos move é fortalecer ó sector e reducir un problema que está a afectar a toda a cadea monte-industria. Ademais, a campaña desta primavera foi de balde para os propietarios”.

Etiquetado
Ir a la portada