Forestal

Ence creará en Galicia tres plantas de produción de biomasa

A compañía prevé captar madeira de eucalipto e de piñeiro para a produción de estelas. As súas novas instalacións ofrecerán tamén maquinaria forestal en aluguer e venderán plantas e semente de eucalipto

Campo Galego 27/04/2016 9:22 a.m.

Ence anunciou que prevé crear en Galicia tres centros de bioenerxía dedicados á produción de estelas de madeira de piñeiro e de eucalipto. As novas plantas, para as que se prevé un investimento de 20 millóns de euros, apuntan á entrada de Ence nunha nova gama de negocio, a produción de biomasa para a súa combustión en caldeiras, unha liña que medrará un 40% en Europa nos próximos 15 anos, segundo as estimacións do sector forestal.

A compañía mantén abertas numerosas incógnitas sobre a iniciativa, xa que non aclara a localización das plantas nin facilita detalles sobre as características da madeira para procesar ou sobre o seu destino. Ence si desvincula a creación das tres plantas de estelas da concesión que recibiu este ano para montar unha central de biomasa para a produción de enerxía eléctrica.

En Galicia, recibiron concesións gobernamentais para centrais de biomasa tanto Ence como a empresa García Forestal, aínda que a compañía pasteira precisa que a central de biomasa é outro proxecto aparte e que previsiblemente procesará a biomasa que necesite en planta, non en centros externos.

Pellets e estelas
No panorama industrial da biomasa en Galicia destacaba ata agora Biomasa Forestal (As Pontes) como principal empresa do sector, con numerosas empresas de menor dimensión repartidas por toda a comunidade adicadas á produción de pellets ou estelas. O sector da biomasa galega gañará agora previsiblemente dimensión coa entrada de Ence.

De cara ao propietario forestal, a biomasa constitúe unha alternativa á industria do taboleiro para a madeira de menor calidade, como puntal de piñeiro, de escaso diámetro e non apto para o aserrado.

Servizos
Os tres centros de bioenerxía que anunciou Ence completarán a súa actividade cunha oferta de servizos dirixida aos propietarios forestais. As instalacións ofrecerán maquinaria forestal en aluguer, así como formación na súa utilización. Tamén comercializarán sementes e plantas de eucalipto.

Etiquetado
Ir a la portada