Noticias de empresa

“En 2021 reciclamos máis de 90 toneladas de residuos na planta de Delagro das Pontes”

06/07/2022 11:50 a.m.

Hai 7 anos inaugurábase nas Pontes o complexo Multidisciplinar de Delagro e, desde entón, o espírito de mellora continua guiou o día a día nos 36.000 m2 das súas instalacións. Non só para ofrecer cada vez un mellor e máis completo servizo senón tamén para ir dando pasos firmes cara a unha produción cada vez máis sustentable.

Pablo García Muñiz, responsable da planta nas Pontes, cóntanos cales son os proxectos que puxeron en marcha en Delagro co obxectivo de contribuír á redución da pegada de carbono, entre os que destacan as iniciativas de reciclaxe e a procura de procesos máis eficientes.

“De papel e cartón, reciclamos 10.200 kg; de plástico, 17.400 kg e de madeira 62.500 kg”

“Hai xa tempo que en Delagro somos conscientes de que a suma de pequenos xestos sustentables finalmente marca a diferenza. Así que en 2021 decidimos agrupar todas esas pequenas accións que xa levabamos a cabo na planta das Pontes e marcámonos uns indicadores e unha folla de ruta para ir medindo a nosa contribución a unha produción máis sustentable. Poder comprobar que as medidas implementadas van dando os seus froitos motívanos e fainos sentirnos orgullosos, porque vemos que tamén teñen impacto á hora de prestar un mellor servizo ás cooperativas socias”, explica Pablo García.

Unhas medidas que, segundo explica, están baseadas no tres “R”: Reducir emisións, Reciclar e Reutilizar. “Para nós isto tradúcese en utilizar os recursos de forma máis responsable, a través da implementación de procesos máis eficientes”, sinala o responsable da planta.

Reciclaxe: clasificar e xestionar máis de 90 toneladas de residuos

No que respecta á reciclaxe, os datos recollidos ao longo de 2021 dan unha idea da magnitude operativa do complexo, que ten unha capacidade de produción de 40.000 toneladas de fertilizantes anuais. “De papel e cartón, reciclamos 10.200 kg; de plástico, 17.400 kg e de madeira 62.500 kg”, subliña Pablo. “Todos os residuos que xeramos na planta clasifícanse polo seu tipo e tramítanse a través dun xestor que os traslada ás plantas de residuos. Alí, posteriormente, trátanos para darlle unha segunda vida segundo o tipo de residuo”, engade.

Reutilizar madeira e cartón en bo estado: aforro e responsabilidade

Algúns envases reutilízanse antes de envialos a reciclar, aproveitando así ao máximo a súa vida útil. “Na planta reaproveitamos todos os pallets de madeira que recibimos e estean en bo estado para usar no almacenamento da mercadoría que nós mesmos envasamos. Facemos o mesmo coas caixas de cartón: todas aquelas que recibimos e estean en bo estado, clasifícanse e aprovéitanse na plataforma loxística para expedir mercadoría”.

Reducir a pegada de carbono: unha carreira de fondo

Respecto á redución da pegada de carbono, desde Delagro iniciaron un sistema de medición e control, implantando unha normativa interna e uns parámetros para o cálculo da pegada de carbono. Isto permitiulles reducir en 75 toneladas de CO2 as emisións nas Pontes. “Hai tempo que no complexo temos presente o obxectivo de reducir a pegada de carbono e cremos que chegara o momento de deseñar un plan para ir mellorando os nosos obxectivos, clasificando as medidas segundo a súa complexidade de implementación, custo e potencial”.

“Grazas a medidas como a instalación dunha planta solar, a substitución de carretillas diésel por carretillas eléctricas e a optimización de rutas, logramos reducir en 75 toneladas as emisións de CO2 nas Pontes”

Algúns dos pasos xa iniciados para conseguilo son a instalación da planta solar, a substitución de carretillas diésel por carretillas eléctricas, a utilización de insumos con materiais reciclados, plan de movementos e acarreamentos de mercadorías internas para reducir as emisións... “Nesta liña seguiremos achegando o noso grauciño de area para a construción dun futuro mellor”, sublña.

[caption id="attachment_135758" align="alignnone" width="660"] Carretillas eléctricas na planta de Delagro[/caption]

O camiño cara á sustentabilidade pasa pola eficiencia

A optimización de rutas e cargas é tamén clave á hora de reducir emisións. “Estamos en constante actualización e mellora das instalacións para incrementar a eficiencia da maquinaria, dos itinerarios para servir aos nosos clientes e dos protocolos de mantemento, o que ademais de ter un reflexo directo nos rendementos, que non deixaron de medrar, tivo un impacto na redución de emisións”, explica.

O centro multidisciplinar das Pontes é o centro neurálxico de Delagro, actuando como fábrica de fertilizantes e tamén como centro loxístico desde onde se presta servizo a miles de gandeiros e agricultores do norte de España e de Portugal. “Por iso é tan importante que funcione como un reloxo e iso implica tamén ser sustentable: aproveitar correctamente os recursos e traballar de forma eficiente. Isto é bo para o medio ambiente e para a sociedade, pero tamén para a propia organización e as persoas que dela formamos parte. Sabemos que este é un camiño longo, unha carreira de fondo, e que seguiremos actualizando estas cifras de 2021, chegando cada vez un pouco máis lonxe cun traballo de mellora contínua", conclúe o responsable da planta. 

Etiquetado
Ir a la portada