Carne

En 2020 medrou un 20% a carne certificada de Porco Celta

Loading ad.
Ad could not be loaded.
01/03/2021 6:27 p.m.

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) constatou unha mellora sobresaínte no ano 2020 no volume de carne certificada. “É certo que, sobre todo nos últimos catro anos, dende a concesión do logotipo 100% Raza Autóctona Porco Celta, vimos rexistrando unha melloría no volume de produción e sacrificio, pero desta volta o incremento foi particularmente notable”, apuntan os voceiros da asociación.

A produción total o ano pasado foi de 191.066,15 kg, o que supón un aumento de case o 20 % con respecto ás cifras rexistradas no exercicio anterior (154.205,50 kg en 2019), uns datos que “para unha raza autóctona en perigo de extinción como é o Porco Celta son boísimos”, subliñan.

Os datos de produción por quilos mantivéronse practicamente durante todo o 2020 por riba dos 13.000 kg/mes, cun incremento especialmente salientable en agosto, mes no que habitualmente se producen poucas vendas, pero no que, nesta ocasión, se superaron os 19.000 quilos, un 33 % máis que no mesmo período do ano anterior.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Uns datos froito do traballo de moitos

Dende a asociación quixeron salientar que estes resultados tan positivos, máis aínda se se ten en conta que se deron no medio dunha crise económico-sanitaria, foron posibles “grazas ao traballo diario de todos os gandeiros e gandeiras que integran Asoporcel e que están conseguindo que esta raza vaia, pouco a pouco, recuperando a súa presenza nos montes galegos e tamén nas mesas dos consumidores”.

A boa predisposición dos seus criadores para adaptarse á nova situación con axilidade –moitos deles comezaron recentemente a comercializar na rede os seus produtos, mesmo os operadores máis pequenos– e a posibilidade de adhesión a iniciativas como Mercaproximidade, que permitiu nos últimos meses, co canal Horeca pechado, que “os nosos operadores puidesen incorporar os seus produtos en máis superficies comerciais, tendo así máis visibilidade e chegando a máis consumidores”, foron dous dos factores clave aos que atribúen os bos datos de carne certificada.

O Porco Celta recupera así pouco a pouco o terreo perdido e as súas perspectivas de futuro son boas: “Nos últimos 18 meses incorporáronse a esta actividade unha vintena de novos gandeiros menores de 40 anos que amosan moito interese nesta raza que, non o esquezamos, axuda a recuperar grandes zonas abonadas, xa que son auténticas rozadoras naturais, ao tempo que contribúe enormemente ao repoboamento rural”, subliñan.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada