Leite

En 2016 volveu baixar a calidade dos ensilados de herba en Galicia

Os datos do Laboratorio de Mouriscade mostran que a proteína bruta baixou en 2016 ata o 12,1%, tres décimas menos que o ano anterior. Os expertos advirten da pouca importancia que lle dan os gandeiros ao cultivo da herba e coinciden na necesidade de reducir o tempo de presecado

Loading ad.
Ad could not be loaded.
D.G. 31/01/2017 8:59 a.m.

O cultivo de herba en Galicia segue sendo unha materia pendente para os gandeiros, a pesar de que a rexión conta cunhas moi boas condicións para este cultivo forraxeiro.

E é que as calidades dos silos de herba seguen baixando en Galicia, segundo demostran os datos do Laboratorio de Mouriscade, o referente na comunidade en análise de forraxes, que se presentaron o pasado venres na feira GandAgro de Silleda, nunhas xornadas organizadas pola cooperativa Delagro.

Así, se en 2015 a cantidade de Proteína Bruta -un dos indicadores máis palpables da calidade dun silo de herba, xa que permite reducir a cantidade de soia e de penso na ración do gando- situouse no 12,4%, no 2016 as 13.320 mostras analizadas revelan un descenso de tres décimas, ata o 12,1%.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

En concreto, os datos do Laboratorio de Mouriscade reflicten a seguinte evolución interanual das calidades dos silos de herba en Galicia:

Parámetro 2015 2016
PH 4,46 4,48
Materia Seca 33,3 32,3
PB 12,4 12,1
FB 31,1 30,5
FAD 36 35,6
FND 55,7 55,4
Cinzas 8,9 8,9

“A partir do ano 2006 -coincidindo coa expansión do cultivo de millo forraxeiro- vemos como hai unha despreocupación polo silo de herba de pradeira, que en moitas ganderías considérase como unha María, á que non se lle dá importancia, e non se é consciente de que a un bo silo de herba pódeselle quitar un importante beneficio”, asegurou María Hermida Ferro, directora do Laboratorio de Mouriscade.

Como exemplo deste desleixo polos silos de herba, lembrou que “se abandonaron en moitos casos o abonado e o laboreo do fondo para o cultivo da herba, e en bastantes casos tampouco se fan os cortes de limpeza”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

"Faise un presecado excesivo da herba"

Pola súa banda, Mario García Jiménez, director técnico de 3F Tecnology, alertou “da elevada porcentaxe de materia seca dos silos de herba, superior mesmo á do silo de millo”, o que na súa opinión evidencia que “a herba déixase presecar demasiado tempo no campo, perdendo nutrientes”. Na súa opinión, un presecado de 24 horas como máximo e cortar a herba antes do espigado, deberían ser prácticas obrigadas.

O abandono das boas prácticas de cultivo da herba reflíctese nos datos históricos: “Pasamos de ter uns silos de herba con máis do 14% de proteína antes do 2006 a silos na contorna do 12%, o que supón unha caída de máis de dous puntos”, explica María Hermida.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Como nota positiva, a directora do Laboratorio de Mouriscade concluíu destacando que “si que notamos unha melloría na conservación das forraxes de herba nestes anos”.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada