Desenvolvemento rural

A EFA Fonteboa recibe o XXII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural pola súa labor de formación

A maioría dos 1.000 estudantes que pasaron polo centro de Coristanco están incorporados a explotacións gandeiras ou traballan no sector agroalimentario

Campo Galego 12/03/2022 12:08 a.m.

[caption id="attachment_166896" align="aligncenter" width="6000"] Luis García, director da EFA Fonteboa, entre Álvaro Rodríguez, presidente de Aresa, e Antonio López, reitor da USC[/caption]

A Facultade de Veterinaria do campus de Lugo volveu ser este venres o escenario para a gala de entrega do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, como viña sendo habitual antes da chegada da pandemia. O seu auditorio acolleu de novo o acto final da vixésimo segunda edición deste galardón, que recaeu no Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa de Coristanco. 

A cerimonia foi presidida polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López Díaz, quen estivo acompañado polo presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e a presidenta da Asociación Nacional de Enxeñeiros Agrónomos, María Cruz Díaz Álvarez, que ofreceu a conferencia maxistral Desenvolvemento rural e desenvolvemento do campo, durante a que diferenciou claramente estes dous ámbitos e se centrou no desenvolvemento do campo e nas técnicas que se deberán afrontar ante o aumento da demanda de produtos e a importancia da seguridade alimentaria, todo nunha situación cambiante e tremendamente afectada pola actual guerra na Ucraína.

Pola súa parte, Álvaro Rodríguez Eiras sinalou do gañador “o importante labor que desenvolve para o medio rural galego” e deu paso á vicepresidenta do grupo Aresa, Carlota López Pardo, quen tomou a palabra en nome da entidade.

López Pardo recordou os piares fundamentais nos que se asentou a creación do galardón, como “a mellora do benestar das persoas que viven no rural e a transmisión das súas problemáticas ao resto da sociedade”, e alertou precisamente dunha desas eivas, “a falta de traspaso xeracional á fronte das explotacións gandeiras e de moitas empresas do mundo rural”.

A necesidade de relevo xeracional no agro

“O gañador desta edición, o Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, é un excelente exemplo da importancia que ten a formación no futuro profesional da mocidade, e en consecuencia, de todo o sector. A súa contribución á incorporación de novos profesionais á agricultura e á gandería na nosa terra é clara e evidente e, por tanto, tamén o é a súa contribución ao desenvolvemento rural de Galicia”, apuntou.

Ademais de reflectir o papel do premiado neste senso, Carlota López analizou a actualidade da gandería e da agricultura a nivel internacional: “A escalada dos prezos das materias primas, en máximos históricos, e as consecuencias, xa non só da pandemia, senón da ofensiva militar rusa en Ucraína, xa se notan nuns mercados financeiros desestabilizados e nun sector claramente afectado: o agro”.

Non podemos renunciar ao sector que nos proporciona alimentos, debemos ser capaces de garantir un medio rural rendible e sostible

Afirmou que “a situación é complexa, pero non nos queda máis remedio que afrontala. Non podemos renunciar ao sector que nos proporciona alimentos, debemos ser capaces de garantir un medio rural rendible e sostible e, nesta liña, traballaremos desde Aresa”, asegurou.

[box style="0"]

EFA Fonteboa, máis de 45 anos de formación

[caption id="attachment_166884" align="aligncenter" width="3008"] Un momento do acto de entrega de premios, este venres na Facultade de Veterinaria de Lugo[/caption]

O Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa fundouse en 1975 como iniciativa social para dar resposta ás necesidades de formación do ámbito rural e establecer un sistema pedagóxico innovador orientado á promoción do medio rural a través das persoas.

Nos seus máis de 45 anos de andadura graduou a preto de 1.000 estudantes de formación profesional agraria, a maioría dos cales están incorporados a explotacións gandeiras ou traballan no sector agroalimentario, contribuíndo a fortalecer o tecido económico e social do rural galego.

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela e o presidente de Aresa entregáronlle a placa conmemorativa e os 10.000 euros cos que está dotado o premio a Luis García Fernández, director do centro. Tras a entrega do premio, Luis García dirixiuse ao auditorio enumerando os principios do proxecto educativo do centro e asegurou que “o mellor aval da candidatura son todos os nosos estudantes, os que a día de hoxe están traballando no sector gandeiro e agrícola de Galicia”.

Non se trata de capacitar para emigrar, senón para quedarse na terra, con compromiso social para mellorar a vida do rural

“A nosa razón de ser é a inserción profesional dos estudantes no propio territorio, pois non se trata de capacitar para emigrar, senón para quedarse na terra, con sentimento de pertenza e compromiso social para mellorar a vida do rural e salvagardar o patrimonio e os valores identitarios”, engadiu. 

O palmarés do Premio Aresa

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019) e Cooperativa A Carqueixa, que resultou gañadora do premio na edición de 2020.

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada