Viña

É necesario regar o viñedo en Galicia?

Coñecemos os resultados obtidos polo investigador José Manuel Mirás en distintas experiencias de rega en viñedos de Albariño, Treixadura ou Godello en diferentes zonas de Galicia

Loading ad.
Ad could not be loaded.
L. Martínez 21/04/2020 3:32 p.m.

Malia que a rega do viñedo non é unha práctica habitual en Galicia, as consecuencias do cambio climático están levando a estudar o aporte de auga ás cepas, en función das condicións dos viñedos e do tipo de produción que se procure. O investigador José Manuel Mirás Avalos, durante a súa estapa profesional na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), levou a cabo distintas experiencias de rega de viñedo en Galicia, que aportan información sobre os cambios que provoca o aporte de agua puntual no viñedo.

“A rega é unha das ferramentas que os viticultores podemos empregar para paliar algúns problemas causados polo cambio climático”

“A rega é unha das ferramentas que os viticultores podemos empregar para tentar paliar algúns problemas causados polo cambio climático”, explica o investigador José Manuel Mirás, ó tempo que xustifica que se propoña esta práctica nunha rexión cunha climatoloxía tan húmida como é Galicia e onde o viñedo non acostuma a regarse, a diferenza doutros cultivos. “Algúns estudos recentes apuntan a que os viñedos se están desprazando cara ó norte para lograr rebaixar a temperatura e mitigar a seca”, concreta o investigador.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

As súas experiencias de rega centráronse en viñedos situados en tres das cinco denominacións de orixe galega. En concreto, os traballos realizáronse en viñedos que a Evega ten no Ribeiro, así como en fincas de adegas comerciais nas Rías Baixas e Valdeorras, entre o 2012 e o 2014.

Coñecer o estado hídrico do viñedo

“Aínda que en Galicia o volume de precipitacións non varíou moito polo momento, si se están observando cambios na distribución das chuvias e un incremento da temperatura”, explica o investigador, botando man de estudos realizados con datos tomados na Estación Meteorolóxica de Lourizán.

Estas variacións no réxime de chuvias levan a ter en conta o estrés hídrico que soportan os viñedos e optar por prácticas que poidan mitigalo, como pode ser a rega. “Non en tódalas etapas de desenvolvemento da vide o estrés hídrico resulta igual de prexudicial para o viñedo, xa que hai momentos como o desenvolvemento da vexetación no que as vides son moi sensibles e pode provocar problemas a posteriori na maduración”, indica Mirás.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Coñecer as consecuencias do estrés hídrico no viñedo en cada etapa é fundamental á hora de avaliar realizar regas

Coñecer as consecuencias do estrés hídrico no viñedo en cada etapa é fundamental á hora de avaliar realizar regas. “Para que a rega sexa efectiva hai que coñecer as necesidades da planta, distintas estratexias de rega e ter en conta variables meteorolóxicas. Regar o viñedo non é só botar auga ás cepas”, concreta o investigador.

Ademais, Mirás recorda que, pese a que en Galicia non adoita haber problemas durante o desenvolvemento da vexetación, xa que abondan as precipitacións precisamente un dos anos do estudo, no inverno de 2012, a situación de seca que se estaba a dar facía peligrar algúns viñedos. “No mes de febreiro levaba 50 días sen chover, e en viñedos novos estaban inxectando auga ás cepas con camións cisternas”, recorda. O alto contido en area e a baixa capacidade de retención de auga de boa parte dos solos dedicados á viticultura en Galicia fai que se contemple a rega en casos puntuais.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Pola contra, durante a fase de envero e callado da uva, un estrés hídrico moderado pode resultar moi beneficioso para o viñedo. “Nesta fase permite controlar un crecemento vexetativo excesivo sen afectar ó desenvolvemento da uva”, explica Mirás.

Co obxectivo de lograr un estrés hídrico axeitado, sen ter mermas na produción, nin na calidade dos viños, Mirás apunta distintos métodos para determinar o estrés hídrico. O recoñecemento visual da planta é xa un indicativo de se está sometida a un estrés hídrico excesivo. Porén, “cando comezan a verse indicios na planta pode ser xa un pouco tarde para actuar”.

Un dos métodos máis eficaces para coñecer o estrés hídrico do viñedo é a colocación dunha rede de sensores no solo

Os datos meteorolóxicos poden contribuír á estimación das necesidades hídricas, pero ó estar limitados ás estacións meteorolóxicas, pode haber desaxustes coa finca onde se sitúa o viñedo. Un dos métodos máis eficaces é a colocación dunha rede de sensores para estimar a cantidade de auga presente no solo. “É preciso contar cunha rede e non só cun sensor porque pode haber moita diferencia entre as distintas zonas dunha mesma parcela”, puntualiza o experto.

Tamén se poden tomar medicións na propia planta, nas que se avalía a súa capacidade para reter a auga. Aínda que non existe un rango de valores específicos para determinar os umbrais de estrés hídrico para a planta, Mirás recomenda empregar os utilizados en Francia onde os valores por debaixo a 0,6 megapascais indican que a planta non sufre estrés hídrico.

[box style="0"]

Experiencias de rega do viñedo en Galicia

As experiencias de rega de viñedo en Galicia ofreceron resultados diversos ó tratarse tanto de variedades diferentes como de zonas con características climáticas diversas. O resultado das regas, aínda que con variacións entre as DO, deixa mínimos incrementos da produción, así como mostos máis acedos e con variacións organolépticas. Coñecemos as investigacións en detalle:

Rías Baixas

A investigación realizada nas Rías Baixas levouna a cabo nunha finca comercial de O Rosal con cepas de Albariño, o que lles obrigou a utilizar unha metodoloxía un pouco diferente. “Non podíamos permitir que a produción se vise afectada, polo que neste caso vimos as diferencias cunhas cepas que empregamos como testemuña de secaño, en comparación coas prácticas que levaban a cabo no resto da parcela”, explica.

Precisamente no tempo de estudo, entre marzo e outubro, as condicións meteorolóxicas foron moi favorables para o viñedo, posto que a distribución das chuvias foi abundante e homoxénea, con picos que mesmo chegaron a 50 milímetros diarios, mentres as regas houbo anos nos que non supuxeron máis de 16 milímetros, o que en palabras do experto son valores moi insignificantes. “A nosa experiencia demostrounos que, alomenos baixo as condicións do estudo, a rega do viñedo nas Rías Baixas non está xustificada”, concreta.

Ribeiro

Nos estudos realizados no Riberio avaliaron a rega de 3 variedades: Albariño, Godello e Treixadura, na parcela experimental da Evega. Neste caso, apreciaron diferencias entre as cepas de secaño e as de rega, así como entre as variedades.

Das tres campañas de estudo, o ano 2013 foi no que constataron un maior estrés hídrico, sendo a maior parte do ciclo seco. Pese a iso, só detectaron un lixeiro estrés hídrico para o viñedo nas zonas de secano e durante a última fase da campaña, polo que a estratexia de rega tampouco marcou unha gran diferenza con aquelas plantas que permaneceron en secaño. “A rega incrementou o vigor vexetativo das cepas e a produción, en canto ó peso medio dos acios, para o promedio das tres campañas”, detalla Mirás.

Tamén observaron diferenzas entre as variedades de Godello e Treixadura. Os niveis de estrés foron moderados e mesmo chegaron a ser severos no caso da Treixadura, na última fase da campaña do 2013. Precisamente, no caso desta caste coa rega conseguiron que o peso do acio fose maior, co que conseguiron unha maior produción, ademais de contar con plantas con maior vigor.

[caption id="attachment_116089" align="aligncenter" width="660"] No caso da Treixadura, no Ribeiro, coa rega das cepas conseguiuse incrementar o peso do acio.[/caption]

A investigación, ademais das probas no viñedo e na adega, tamén incluíu catas de profesionais e consumidores, e foi nesta valoración onde se observaron maiores diferencias no caso dos viños de Godello. “Os consumidores preferían os viños procedentes do tratamento de secaño antes que os do rega, a pesar de que había moi pouca diferencia entre eles”, detalla o experto.

[caption id="attachment_116086" align="aligncenter" width="660"] Diferenzas entre as cepas de secaño e de rega do Godello no Ribeiro.[/caption]

Valdeorras

No caso dos viñedos de Valdeorras empregaron dous sistemas de regad diferentes: soterrado e superficial. Pese a que nesta zona as condicións climáticas foran máis limitantes, tamén a capacidade de retención de auga do solo é superior, o que tamén influíu nos resultados, tal e como concreta o experto.

[caption id="attachment_116077" align="aligncenter" width="660"] No 2013 detectáronse maiores diferenzas entre as cepas de secaño e as de rego en Valdeorras.[/caption]

As diferenzas entre o tratamento de secaño e os que tiñan rego producíronse, sobre todo no segundo e no terceiro ano, onde se observaron valores de estrés hídrico lixeiro e elevado, respectivamente. “Coa rega houbo unha tendencia a acadar maiores producións polo peso dos acios, ó tempo que os mostos foron máis acedos y con menor grao de alcohol”, concreta o experto.

[/box]

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada