Desenvolvemento rural

Dúas novas parcelarias de case 2000 hectáreas no concello coruñés de Ordes e no lugués de Baleira

Campo Galego 23/05/2023 11:41 a.m.

A Consellería do Medio Rural anuncia o inicio de dúas novas concentracións parcelarias, unha no concello coruñés de Ordes e outra no lugués de Baleira, que en conxunto suman case 2000 hectáreas de terras que se van reestruturar, para aumentar a dimensión das parcelas. 

Na primeira, a Xunta anunciou o inicio da tramitación para a avaliación previa da zona de reestruturación parcelaria de Ordes – Pereira II -no concello coruñés de Ordes – cunha superficie de 1.323 hectáreas implicadas.  Así, xa está publicada na web sobre concentracións parcelarias da Oficina Virtual do Medio Rural a consulta pública inicial de cara á posible execución desta zona, co obxecto de que as persoas involucradas poidan presentar alegacións ata o próximo 31 de maio. No apartado Consultas públicas poderanse atopar os documentos de consulta relacionados, e os planos relativos do proceso. 

A maiores, trabállase na zona de concentración parcelaria de Poulo, decretada en 2021 e que afecta unha superficie de 744 hectáreas. Así, de materializarse o proceso de Pereira II, completaríase a concentración do 100 % do territorio municipal de Ordes. Estes procesos realízanse da man da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que veu complementar e desenvolver o marco legal actual, para culminar un camiño iniciado pola Lei da mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga).

Por outra parte, Medio Rural tamén iniciou a tramitación da parcelaria de Retizós, no concello lugués de Baleira, para reorganizar unha superficie de 583 hectáreas distribuídas en 1.661 parcelas de 178 propietarios. Así llo comunicou o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, ao alcalde da localidade lucense, Ángel Martínez-Puga, na súa recente visita á zona.

Etiquetado
Ir a la portada