Noticias de empresa

“Dous de cada tres fitosanitarios convencionais deixarán de existir, por iso apostamos por investir en biocontrol”

O director executivo de Seipasa, Pedro Peleato, anuncia un investimento de 4 millóns de euros nunhas novas instalacións que a compañía xa está a construír na Comunidade Valenciana

Campo Galego 13/05/2022 8:44 p.m.

Seipasa, empresa española especializada no desenvolvemento, formulación e fabricación de bioinsecticidas, biofunxicidas, bioestimulantes e fertilizantes, iniciou os traballos de construción do novo edificio dentro do seu complexo industrial en L’Alcúdia, Valencia. A compañía anunciou un investimento de 4 millóns de euros para dotarse das instalacións e da tecnoloxía necesaria para pór no mercado a súa nova liña de produto.

A instalación permitirá a Seipasa dispor dun espazo de 4.400 novos m2. Deles, 2.900 m2 destinaranse á nova planta de produción e os outros 1.500 m2 restantes reservaranse para espazos de traballo.

O novo edificio estará equipado coa tecnoloxía máis avanzada, e será totalmente sustentable no uso dos materiais e eficiente no consumo de enerxía. Os traballos de construción acaban de porse en marcha e espérase que estean terminados durante o primeiro trimestre de 2023.

[box style="0"]

Nova liña baixo o modelo Natural Technology®

O CEO de Seipasa, Pedro Peleato, explicou que o inicio das obras de construción representa o primeiro paso para o lanzamento ao mercado da nova liña de produto na que traballa a compañía.

"O noso departamento de I+D+i leva anos investigando na formulación e desenvolvemento dunha nova liña de produto que se sitúa como unha alternativa real e eficaz fronte aos herbicidas sintéticos que existen actualmente no mercado. En Seipasa traballamos para atopar o equilibrio entre todas as pezas do taboleiro, desde a tecnoloxía até os custos pasando pola regulación, para que esa alternativa sexa unha realidade en mans dos agricultores", asegurou Peleato.

O CEO de Seipasa engadiu que, no caso da UE, estamos a falar dunha potencial desaparición a curto e medio prazo do 40% das sustancias activas dispoñibles: "Estímase que poden deixar de existir 2 de cada 3 fitosanitarios convencionais. Este escenario obriga ás empresas a pór todo o seu talento e innovación no desenvolvemento desas novas alternativas da man do biocontrol e, no caso concreto de Seipasa, a partir do noso modelo de Tecnoloxía Natural".

Esta será a terceira gran ampliación efectuada pola compañía nos últimos 3 anos no seu complexo industrial para reforzar a súa capacidade innovadora, produtiva e operativa, despois das acometidas nos anos 2018 e 2021.

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada