[caption id="attachment_142805" align="aligncenter" width="1000"]
O pequeno núcleo de casas de Vilar de Aldixe, na parroquia de Vilaragunte, está rodeado de soutos. Pero como pasa en moitos lugares de Paradela e doutros concellos do interior de Galicia, non hai quen os traballe e acaban no abandono. É o que lles pasaba aos castiñeiros da familia de Milagros López Díaz. O seu irmán ten unha gandería de vacún de leite que foi medrando e non dá o tempo para atender tamén os castiñeiros.
Na casa había moitos castiñeiros, pero ao ir ampliando o número de vacas da gandería, fóranse deixando de recoller as castañas
Pero Milagros, que estudou enxeñería agrícola aínda que non exerce profesionalmente diso, propúxose recuperar aqueles soutos e poñelos de novo a producir. Esa decisión foi o punto de partida de DoSouto, un proxecto máis amplo que ademais de servir para recuperar a produción de castaña serviu tamén para recuperar o patrimonio rural agrario e apostar pola transformación.
[caption id="attachment_142823" align="aligncenter" width="1000"]
Empezou recuperando os soutos pero como unha cousa sempre leva a outra, pensou nun xeito de aportar valor engadido a aquela materia prima, así que acabou recuperando tamén unha vella palleira ao lado da casa e acondicionándoa para montar nela un obrador onde poder elaborar conservas. "A miña idea inicial era recuperar os soutos e o primeiro ano limpeinos, apañei a castaña e vendina, pero logo dixen hai que darlle máis valor", lembra.
Transformou unha vella palleira en obrador de conservas e marmeladas, tanto de castaña como doutros froitos
No 2014, un par de anos despois de empezar a recuperación dos soutos, comezou a transformar as castañas en tres produtos elaborados a partir delas: crema de castañas, crema de castañas con chocolate e castañas en almíbar.
Froitas de tempada producidas na zona
[caption id="attachment_142811" align="aligncenter" width="1000"]
A gama inicial a base de castañas foise ampliando pouco a pouco a outros froitos producidos na zona. "A castaña é un produto moi específico que, ou gusta ou non gusta. Así que pensei en aproveitar as instalacións que xa tiña e transformar tamén nelas froitas que puidera recoller directamente eu ou ben mercar a produtores desta zona", explica.
A miña idea inicial era recuperar os soutos pero logo dixen hai que darlle máis valor á castaña
Comezou mesturando castaña con mazá, unha confitura que fai máis suave o sabor da castaña. Tamén é de colleita propia a cabaza, que cultiva ela mesma para facer despois tamén marmelada. Kiwi, cereixa, laranxa, arandos, framboesa ou moras son outros dos sabores dispoñibles.
Sen espesantes nin conservantes
A froita é a base principal, á que non se engade conservante químico ningún. "É só froita, azucre ecolóxico e zume de limón", destaca. A manipulación da froita tamén se reduce ao mínimo. A única maquinaria da que dispón DoSouto no seu obradoiro é unha marmita que fai ao mesmo tempo as funcións de autoclave.
Non conxelo a froita, a marmelada de mora faise só no tempo das moras e a da cereixa no das cereixas
O resto do proceso é todo artesán. "Merquei 3 ou 4 modelos para sacar o óso ás cereixas pero o único que me funciona é o sistema manual. Pero para iso fan falta horas e gañas de traballar", di. A cantidade de azucre é mínima porque a froita vai madura e xa aporta os seus azucres naturais. Tampouco usa aditivos. "A marmelada espesa só a base de coción", indica.
Unha "romántica" do rural
[caption id="attachment_146859" align="aligncenter" width="1000"]
Milagros declárase "romántica do rural, o silencio e a tranquilidade". "Estiven fóra estudando pero dinme conta de que onde mellor me atopaba era nos sitios pequenos", recoñece. Valora a liberdade que lle dá o feito de poder "traballar ao teu ritmo" ("recollo eu a froita, cozo e envaso", destaca) e está convencida do potencial que hai en Galicia para iniciativas como a súa, que son un xeito de diversificar o sector primario e atopar un futuro para a xente moza máis aló da gandería de vacún de leite ou de carne.
No 2013 comecei a darlle voltas á idea e a finais do 2014 comecei a producir
Ela soubo ver esas posibilidades. "O gusto pola cociña e as conservas venme de pequena. Xa era eu a que facía a salsa de tomate na casa cando sobraba produción na horta. Xuntei esa afección coa idea romántica de recuperar os soutos da casa", di.
De pequena xa era eu a que facía a salsa de tomate na casa cando sobraban na horta
Para facer o obrador, quixo conservar tamén a palleira tal como fora construída polos seus antepasados, mantendo a pedra e a madeira como materiais principais, aínda que Sanidade obrigouna a tapar a pedra na zona de elaboración.
[box style="0"]
"A avispiña está a provocar unha redución da produción dos castiñeiros do 40 ou 50%"
[caption id="attachment_142814" align="aligncenter" width="1000"]
Os soutos nos que Milagros recolle a castaña para os seus preparados están certificados dentro da IXP Castaña de Galicia, o que garante a procedencia e o cumprimento de determinados parámetros de calidade, como calibre, porcentaxe de hidratos de carbono e humidade da materia prima que emprega. O resultado é tamén que cada bote resultante vai etiquetado cun número de serie único.
A súa produción está amparada pola IXP Castaña de Galicia
Tras conseguir sacar do abandono e o esquecemento os castiñeiros da familia e poñelos a producir, esta rapaza estase a atopar nos últimos anos cun grave problema que impide obter deles todo o rendemento. "Aquí está a afectar moito a avispiña, houbo castiñeiros que me secaron e o ano pasado recollín só 1.000 quilos, cando antes pasaba dos 2.000. Está habendo unha redución da produción do 40 ou 50%", asegura.
A crema de castaña combina moi ben con queixo do Cebreiro
Prepara encargos á carta para poder usar a modo de agasallos en celebracións e tamén cestas personalizadas. Ao contar cunha gama ampla de sabores hai para todos os gustos ou, como ela prefire dicir, "para gustos, mermeladas".
[/box]