Forestal

Doce colectivos presentan o manifesto ‘Por un monte galego con futuro’

Formacións ecoloxistas, agrarias e do monte ligadas ó ambito nacionalista formulan unha serie de propostas que consideran alternativas ó Plan Forestal de Galicia

Campo Galego 09/07/2019 3:08 p.m.

Os colectivos que promoveran o pasado ano unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) a prol do bosque autóctono están a reenfocar a súa liña de traballo conxunta, logo de que o grupo popular desbotara no Parlamento a ILP. Seguindo a vía aberta con aquela Iniciativa, doce colectivos veñen de lanzar agora o manifesto ‘Por un monte galego con futuro’, no que listan unha serie de 36 propostas para a planificación forestal de Galicia.

Entre os promotores do manifesto, figuran principalmente colectivos agrarios, do monte e ecoloxistas ligados ó ámbito nacionalista, coma Adega, a Organización Galega de Comunidades de Montes, a Fruga ou o Sindicato Labrego. Estas formacións inciden en que o actual contexto de cambio climático obriga a repensar os sistemas forestais, coidando factores como a regulación do ciclo da auga ou a conservación da biodiversidade.

“Hai que ir máis alá de ver o monte como mero reservorio de carbono que capta gases de efecto invernadoiro, pois iso levaría a potenciar o cultivo do eucalipto e doutras especies de crecemento rápido”, cuestionan. Os doce colectivos que asinan o manifesto consideran que o eucalipto ten xa unha presenza excesiva en Galicia, polo que propoñen unha moratoria no seu cultivo, así como un plan para a reducción da súa superficie actual, en especial en zonas de protección da natureza e nas plantacións ilegais en terras agrarias.

A presentación do manifesto desenvolveuse nunha rolda de prensa con participación de Diego Sánchez (Sindicato Labrego), Belén Rodríguez (Adega), Paulo Carril (CIG) e Manuel Dacal (Fruga). Na rolda de prensa, pediuse a retirada do Plan Forestal de Galicia, en fase de tramitación, e a elaboración dun novo documento que xere maior consenso e que aposte pola conservación do bosque autóctono. Anunciouse ademais unha manifestación na segunda quincena de outubro, pois os convocantes entenden que hai un amplo apoio social as súas propostas.

[box style="0"]

Táboa de medidas

Entre as medidas que demandan, que se poden consultar no manifesto ‘Por un monte galego con futuro’, aquí enlazado, figuran as seguintes:

● Moratoria indefinida para novos plantíos de eucalipto.

● Prohibición de repoboacións con robinias, acacias, pawlonia e bambús.

● Programa de redución progresiva da superficie ocupada por eucaliptos.

● Programa de eliminación das plantacións ilegais en terras agrarias e bosques autóctonos.

● Modificación do “Decreto 163/2014 para a compensación e absorción de dióxido de carbono a través de masas forestais”, de cara a excluír as masas de eucalipto e doutras especies de crecemento rápido como sumidoiros de carbono.

● Promoción do ciclo completo da transformación da madeira en Galicia.

● Recuperación do tecido industrial dedicado aos distintos aproveitamentos forestais.

● Investimento na promoción da produción de madeira de calidade e doutros produtos do monte.

● Establecer unha reserva ecolóxica do 30% para “bosque nativo” en plantacións forestais.

● Axudas directas e exencións fiscais para o mantemento dos bosques autóctonos, mesmo con fins non produtivos, a produción ecolóxica e o aproveitamento multifuncional dos montes.

● O cumprimento estrito por parte da Administración pública das funcións de custodia, vixilancia e policía que lle outorga a normativa vixente.

● Promoción do pastoreo e a gandería extensiva como elemento natural de roza e prevención de incendios.

● Recuperación dos 100 metros de anchura para as redes secundarias de xestión da biomasa na loita contra os lumes (arredo dos núcleos de poboación), favorecendo alternativas multifuncionais para estas franxas de seguridade.

● A xestión da biomasa nas franxas secundarias e terciarias farase con recursos públicos, agás nos casos nos que os/as titulares das vivendas construísen estes inmobles fóra do ordenamento xurídico.

● Ruptura das masas monoespecíficas con faixas de separación de 100 metros por cada 50 hectáreas de eucaliptos, e de 50 metros por cada 50 hectáreas de piñeiros.

● Incremento das distancias das plantacións forestais a terras de cultivo, ríos, zonas habitadas, vías de comunicación, etc.

● Potenciar a mobilidade de terras abandonadas a través do Banco de Terras, como ferramenta de acceso á terra para o desenvolvemento de actividades agrarias, principalmente por persoas labregas.

● Retirada das comunidades de montes como suxeito pasivo no Imposto sobre Sociedades e elaboración, desde Galiza, dunha fiscalidade axustada á figura e ás funcións dos montes veciñais.

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada