Forestal

Dispárase o número de presuntos incendiarios detectados en Galicia

19/08/2019 7:04 p.m.

No que vai de 2019 detivéronse ou investigáronse en Galicia arredor dun cento de presuntos incendiarios por parte das distintas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado que operan na comunidade. Así o destacou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, con motivo da reunión do Comité de Coordinación Policial Antiincendios, que tivo lugar en Santiago de Compostela.

O titular de Medio Rural agradeceu este esforzo e salientou ademais que esta cifra é semellante á do conxunto do pasado ano 2018, “o que dá boa idea –dixo– de como se están intensificando os esforzos policiais para atallar este problema”. Estes datos, explicou o conselleiro, “son o resultado do esforzo coordinado da Garda Civil, da Policía Nacional e da Policía Autonómica, en colaboración cos efectivos da Consellería do Medio Rural despregados polo territorio, así como cos compoñentes do Exército integrados na Operación Centinela”.

Nesta liña, José González destacou que a Benemérita detivo ou investigou no que vai de ano un total de 40 presuntos incendiarios en Galicia. O número de investigados ou detidos pola Policía Autonómica ascendeu a preto de 60 a día de hoxe, o que representa un incremento de case un 40% con respecto á cifra total do 2018. O conselleiro puxo en valor esta porcentaxe e dixo que “en gran medida se debe ao reforzo da coordinación coas brigadas de investigación da Xunta”. Pola súa banda, a Policía Nacional identificou en Galicia 110 persoas por este mesmo motivo e controlou ata 179 vehículos sospeitosos no que levamos de 2019.

Etiquetado
Ir a la portada