Forestal

A Devesa da Rogueira, no Courel, primeiro bosque en España en certificar a conservación da biodiversidade

A comunidade de montes veciñais de Rogueira e Cabana deseñou un plan de ordenación enfocado no coidado da súa fraga, que é o emblema do bosque atlántico galego. O seu esforzo incluíu a obtención dun certificado de servizos ecosistémicos, un recoñecemento que obriga a periódicas auditorías medioambientais. Agora o monte veciñal busca financiación que apoie ese compromiso

G.B. 17/01/2020 11:25 a.m.

Se houbese un concurso para escoller o mellor bosque galego, a Devesa da Rogueira, o emblema do Courel, tería boa parte das papeletas para facerse co premio. Ubicada na caída do pico Formigueiros cara a aldea de Moreda, sobre fortes pendentes que acumulan arredor de 700 metros de desnivel, a Devesa é un paradigma da biodiversidade que caracteriza ós bosques atlánticos galegos.

Nas súas máis de 400 hectáreas, atópanse desde os teixos e faias da parte superior ata un sinfín de caducifolias nas abas que descenden cara os prados de montaña de Moreira. Bidueiros, capudres, abeleiras, rebolos ou castiñeiros sucédense e entrecrúzanse nun terreo que se convertiu nos últimos anos en zona de campeo do oso pardo, un fito que demostra o bo estado de conservación da fraga.

[caption id="attachment_108705" align="aligncenter" width="660"] Límite altitutidinal ó que chegan as árbores da Devesa. // Imaxes e vídeo: Asefor.[/caption]

Os propietarios de todo este patrimonio natural son os veciños da comunidade de montes de Rogueira e Cabana, que fixeron de sempre un aproveitamento tradicional do bosque e dos prados próximos para leñas, pastos e castañas.

Cando o Courel conservaba máis poboación ca actual, no monte veciñal eran habituais as podas das árbores para leñas e mesmo cultivos nas zonas máis aptas, como se aprecia na cartografía aérea dos anos 50, pero a Devesa sempre mantivo unha sostibilidade que lle permitiu chegar ós niveis actuais de biodiversidade.

[caption id="attachment_108711" align="aligncenter" width="660"] Prados de montaña no entorno do bosque.[/caption]

Certificación de servizos ecosistémicos
A comunidade de montes vén agora de dar un paso máis no seu compromiso por conservar a súa fraga, protexida ademais desde hai anos no marco da Rede Natura. O monte veciñal deseñou un plan de ordenación enfocado no coidado ambiental do bosque e vén de certificar a través do selo FSC a súa aposta por manter e mellorar a biodiversidade da Devesa, unha certificación que incluirá periódicas auditorías ambientais.

Trátase do primeiro bosque de España e do segundo de Europa, tras un italiano, que logra a certificación de FSC en servizos ecosistémicos, un proceso que estivo pilotado pola empresa Asefor, ligada ó Grupo de Certificación Alvariza.

[caption id="attachment_108696" align="aligncenter" width="660"] Reunión dos comuneiros co equipo que impulsou a certificación da Devesa en servizos ecosistémicos.[/caption]

Manuel Beiro, de Asefor, subliña a importancia que a certificación en servizos ecosistémicos pode ter para os propietarios da Devesa da Rogueira: “A comunidade de montes é consciente do valor da Devesa e desde hai tempo practica unha xestión compatible coa conservación da biodiversidade do bosque. Esa xestión agora queda refrendada por unha certificación, que avala por medio dunha serie de indicadores que o monte mantén ou mellora a súa biodiversidade. É unha certificación que abre a porta a que a comunidade obteña financiación externa de empresas ou fundacións que queiran apoiar esa labor, pois é fundamental para o coidado do medio”, destaca Manuel Beiro.

A lóxica do proceso de certificación oriéntase a que a sociedade compense ós propietarios polos servizos que presta a Devesa, que está sometida ás lóxicas restriccións de manexo. “O plan de xestión da comunidade de montes busca a conservación, na Devesa non hai perspectivas de aproveitamentos produtivos. As únicas intervencións previstas a curto prazo consisten nun rareo dunha masa de castiñeiros, que é unha medida aconsellada pola Fundación Oso Pardo para favorecer o asentamento do oso, e en facilitar o pastoreo das vacas nun bosquete de rebolos que está ó carón dun prado de rega da montaña”, explican en Alvariza.

[caption id="attachment_108699" align="aligncenter" width="660"] A Devesa encádrase en pleno Courel, rodeada dos principais cumios da serra.[/caption]

Como a Administración polo de agora non ofrece apoios públicos para este tipo de iniciativas, a comunidade de montes enfócase á captación de apoios privados, ben de empresas, ben de institucións ou fundacións que se queiran implicar no coidado dun bosque emblemático de Galicia.

[caption id="attachment_108708" align="alignright" width="320"] Marca dun sendeiro da Devesa.[/caption]

Turismo de natureza
O atractivo natural da Devesa da Rogueira convertiuna nun punto de destino frecuente do turismo de natureza, unha actividade que se poderá manter, aínda que evitando calquera posible masificación futura.

“Para a economía dun área cun crecente abandono poboacional, é moi positivo que se recoñeza o servizo que lle está prestando o seu bosque ó conxunto da sociedade. Certificar os servizos ecosistémicos que presta a Devesa da Rogueira ten o sentido de que os propietarios teñan acceso a apoios económicos que compensen o seu compromiso e que apoien os coidados silvícolas e ambientais que fan”, conclúen desde Asefor, unha firma que de xeito habitual traballa na certificación forestal de montes orientados á produción de madeira.

Coa Devesa da Rogueira, Asefor introdúcese agora tamén na certificación de servizos ecosistémicos, unha liña que contan de seguir traballando con outros montes en Galicia.

[caption id="attachment_108702" align="aligncenter" width="660"] Vista da Devesa da Rogueira.[/caption]

Etiquetado
Ir a la portada