Forestal

Desmontando os falsos mitos do uso da madeira na construción

Un documental de FSC promove o emprego da madeira certificada e desminte as crenzas sobre os perigos do uso deste material nas edificacións pola humidade ou en caso de lume

Campo Galego 11/12/2019 10:49 a.m.

Un documental producido por FSC, coa colaboración do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, pretende acabar cos mitos sobre o emprego da madeira e favorecer a súa utilización na construción, tanto en revestimentos como en estruturas. Nesta peza audiovisual destacados arquitectos e expertos en consumo explican por que as vivendas de madeira volven ser unha opción en alza.

Este traballo audiovisual incide nas posibilidades que ofrece a madeira certificada como material construtivo para este século ó ser unha alternativa sostible, reciclable, rendible e cálida. Ademais, en contra do que puidera pensarse inicialmente, a madeira tampouco se queima nin podrece con facilidade, o que a converte nunha alternativa tamén a ter en conta.

Outro dos puntos fortes que ten a madeira, e que se destaca no vídeo, é o feito de ser un material aliado fronte a crise climática, segundo reivindican dende FSC. A madeira presenta unha menor pegada ecolóxica en comparación con outros materiais de construción, cun balance de enerxía en produción e emisións de gases de efecto invernadoiro inferior ó doutras opcións construtivas.

“A pegada ecolóxica da madeira é boa de por si, porque é un reservorio de carbono, pero ademais, a produción de materiais que proceden da madeira consume menos enerxía e emite menos C02 á atmosfera”, explica Gonzalo Anguita, director de FSC España.

O documental ‘Construír en madeira’ conta con tres versións diferentes. Realizaron unha peza estendida, outra destinada a arquitectos e promotores inmobiliarios e unha terceira dedicada ó gran público. O documental presentouse nunha xornada celebrada en Madrid con máis de 200 profesionais entre arquitectos, promotores e técnicos.

 

Etiquetado
Ir a la portada