Agroalimentación

Deseño de produtos cárnicos por grupos de idade

O Centro Tecnolóxico da Carne impulsa un proxecto con empresas do sector e institutos de investigación sanitaria para valorar as necesidades nutricionais dos distintos grupos de poboación

Campo Galego 25/05/2016 11:37 a.m.

Unha tendencia de futuro na comercialización da carne pasa por segmentar a oferta en función das diferentes necesidades dos consumidores. Sobre esa base, o Centro Tecnolóxico da Carne (San Cibrao das Viñas, Ourense) está a impulsar un proxecto para analizar as necesidades nutricionais dos diferentes grupos de poboación. A idea é concretar que carnes, pezas e preparacións son máis axeitadas en cada caso.

A iniciativa, denominada Nutrigrups, conta coa colaboración da empresa Coren e dos institutos de investigación sanitaria de Galicia Sur e do IDIS (Santiago de Compostela). O proxecto pretende implicar ás empresas do sector cárnico no desenvolvemento de produtos específicos adaptados ós diferentes grupos de poboación.

O proxecto traballa con tres materias primas de orixe galego, pavo, polo de curral e tenreira galega certificada

En Nutrigrups trabállase con tres materias primas de orixe galego, pavo, polo de curral e tenreira galega certificada, de cara a definir que pezas e preparacións son máis adaptadas a cada idade.

As primeiras conclusións sobre preparacións recomendan o emprego de carne fresca para bebés, de elaborados cárnicos como salchicha e hamburguesa para nenos, filetes e preparados de verduras para adolescentes e mozos, e oferta de carnes mariñadas para a poboación maior de 65 anos.

Envases e implantación industrial
O proxecto, que conta coa colaboración da Axencia Galega de Innovación, pretende tamén desenvolver novos sistemas de envasado específicos para a conservacións dos produtos cárnicos deseñados, ademais de propostas de implantación e validación industrial.

Etiquetado
Ir a la portada