Forestal

A Deputación de Pontevedra traballa en directrices para a prevención de lumes forestais

O organismo provincial asina un convenio coa Universidade de Vigo para organizar un encontro de 15 expertos internacionais na materia, que irá precedido de propostas individuais de cada un deles

Campo Galego 14/03/2018 5:04 p.m.

A Deputación de Pontevedra proxecta elaborar esta primavera un documento de directrices encamiñadas a mellorar a xestión forestal e reducir as consecuencias dos lumes. O organismo provincial asinou un convenio coa Universidade de Vigo co fin de reunir en Pontevedra a uns 15 expertos internacionais, que serán os encargados de consensuar un documento de propostas.

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, explicou que o convenio é resultado da preocupación da Deputación polo monte: “Unha vez teñamos este documento consolidado, con propostas solventes e elaborado con credibilidade por xente con experiencia, as institucións teremos un marco ao que aternos para actuar”, subliñou.

A idea da Deputación pasa por seleccionar un Grupo Experto (GE) composto por persoas de talento no ámbito dos incendios forestais e da silvicultura preventiva, cunha traxectoria científica ou técnica relevante, para que actúen como catalizadores da innovación en materia forestal.

Este Grupo Experto, segundo sinala a Deputación, ademais de realizar unha diagnose da vaga de lumes de 2017 na provincia de Pontevedra, indicará os seus factores desencadeantes máis importantes e nomeadamente aqueles nos que é posible intervir de xeito preventivo no futuro para evitar unha reiteración do acontecido. Ademais levará a cabo unha proposta de directrices sobre medidas de carácter preventivo de incendios forestais.

Metodoloxía de traballo
O traballo a realizar polo GE comezará a xestarse cun informe individual inicial de cada un dos expertos convidados. Eses informes serán presentados e discutidos en grupo posteriormente nunha reunión de traballo presencial na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, da que sairá un informe consolidado, logo de chegar a conclusións conxuntas e compartidas.

Segundo explicou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, este traballo ten un formato e unha metodoloxía novidosas no ámbito forestal: “Imos elaborar un informe ao estilo máis moderno, coas pautas que segue a Unión Europea, por exemplo, ao facer informes sobre o cambio climático. Creamos un panel de expertos e cada un dende o seu ángulo aporta a súa visión. Despois, de todas as miradas e aproximacións, tírase un denominador común para lanzar as conclusións que derivarán en directrices. Esta metodoloxía gústanos, parécenos interesante para este problema e nunca se fixo ata o de agora”, asegurou.

Pola súa parte, o futuro coordinador do GE e director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos Martín, destacou que a proposta da Deputación para facer un documento de directrices para a mellora da xestión do monte “é un grande reto” por confrontar opinións e diferentes aproximacións que enriquecerán o resultado final. “Serán recomendacións baseadas en ciencia e o resultado será un referente. Queremos aportar unha nova aproximación á realidade e para iso imos tentar fichar aos mellores para esta aliñación”, explicou, engadindo que no GE estarán presentes expertos galegos, portugueses, do estado español e tamén europeos, entre outros posibles técnicos internacionais.

Etiquetado
Ir a la portada