Agricultura

A depuración do censo do Craega xera malestar nalgúns produtores

A Fruga denuncia que, de cara ás próximas eleccións no Consello Regulador, se desen de baixa aos produtores sen actividade no Craega no último ano. O actual presidente ou Unións Agrarias defenden que se depure o censo e lembran que así o establece a normativa.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
07/06/2017 1:08 p.m.

A depuración do censo electoral de produtores con dereito a voto nas eleccións ao Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), está a xerar malestar nalgúns produtores e xa suscitou as protestas da Federación Rural Galega (Fruga).

O vindeiro 9 de xullo celebraranse eleccións ao Craega e dos algo máis de 1000 produtores inscritos terán dereito a voto e a ser elixidos arredor de 900, tras a decisión do último pleno de depurar máis de 100 produtores, a maioría de horta, que non rexistraron actividade no Craega no último ano.

Esta decisión provocou a protesta da Federación Rural Galega (Fruga), quen a través dun comunicado critica que “os censos non inclúen a todos e todas as produtoras certificadas na Galiza, aínda que cumpran escrupulosamente coa normativa ecolóxica, o pagamento das correspondentes cotas anuais e as inspección periódicas ás que someten o Craega aos e ás asociadas”. “Pola contra, só poderán votar ou ser elixidos os produtores e produtoras que emitiran “volantes” certificativos no último ano”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

É dicir, só poderán participar nas eleccións aqueles produtores que comercializan legalmente a través de venda a distribuidoras, industria transformadora ou tendas, emitindo un certificado do Craega que certifica o produto como ecolóxico e supón unha taxa do 2% sobre o prezo do produto. Esta tasa destínase a financiar a actividade de funcionamento e promoción da produción ecolóxica que fai o Consello Regulador.

“O caso é que os labregos e labregas que comercializan directamente as súas producións en feiras e mercados non emiten tais documentos, e por primeira vez vanse deixar fóra do censo electoral”, denuncian dende a Fruga.

Ademais, tacha de “escurantista” o proceso electoral xa que “a dirección do Craega en ningún momento informou aos seus asociados e asociadas do inicio do proceso electoral nin moito menos da publicación de censos a tal efecto”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

O feito de que a maior parte dos integrantes da lista que presentou a Fruga ás eleccións ao Craega non cumpran co requisito de ter actividade no consello fai prever que a súa candidatura será invalidada.

Sindicato Labrego: “Retirouse do censo a quen non utilizou contraetiquetas, non a quen non tiña actividade”

Unha postura que tamén comparte o Sindicato Labrego Galego, que presentou candidatura ao Craega en produción vexetal e en animal. “En realidade non se retirou do censo a quen non tiña actividade, senón a quen non utilizou contraetiquetas, que é moi distinto”, subliña Isabel Vilalba, secretaria xeral da organización agraria.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

“Claro que vemos mal ese criterio pois desta forma non poden participar nas eleccións do Craega persoas inscritas e que están cumprindo todas as condicións”, engade.

Como motivos para non utilizar contraetiquetas do Craega no último ano, a representante do Sindicato Labrego lembra que “hai persoas que ao iniciarse na actividade durante o primeiro ano e incluso a veces durante o segundo non producen”. “Ademais -engade- hai persoas agricultoras orientadas á venda directa ás que utilizar contraetiquetas non lles é útil e suponlles un custo”.

“Ao Sindicato Labrego parécenos que esta orientación á venda directa no mercado local debería ser incluso un valor a potenciar dentro da produción ecolóxica galega”, conclúe.

O presidente do Craega e Unións Agrarias defenden se requira ter actividade no Craega para participa nas eleccións

Dende Unións Agrarias, o seu representante no Craega, José Ramón González, defende a decisión de depurar o censo electoral “pois en todos os Consellos Reguladores entendemos que debe ser requisito ineludible para votar ou ser elixido ter actividade económica legal e declarada ante Facenda de produción agraria ou gandeira”.

“¿Como pode ter poder de decisión no Craega unha persoa que non ten actividade ou que, a pesar de estar inscrito, fai competencia desleal aos outros produtores vendendo sen certificar e mesmo sen pagar impostos?”, pregúntase o representante de Unións Agrarias.

Na mesma liña se pronuncia José Antonio Fernández, o actual presidente en funcións do Craega. “O que decidimos no Pleno non foi máis que aplicar a orde da Consellería do Medio Rural”, subliña.

Unións Agrarias: “¿Como pode votar no Craega un produtor sen actividade que vende sen certificar e mesmo sen pagar impostos?”

Efectivamente, a orde de convocatoria de eleccións aos consellos reguladores publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 3 de abril establece que “No caso dos inscritos no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, (....) os inscritos con alta anterior ao 1 de xaneiro de 2017 deberán ter actividade durante o ano 2016, mentres que os inscritos con alta posterior a esa data poderán figurar nos censos aínda que non tivesen actividade. Con carácter xeral, entenderase que tiveron actividade os produtores e industrias que demostren facturación de produtos ecolóxicos ou, no caso de comercializadores ou de industrias que traballen á maquía ou exerzan de intermediarios, que demostren ter fluxo de produto ecolóxico”.

“Abonda que polo menos tivesen unha venda co volante certificativo do Craega. Isto sabíase dende hai tempo e houbo tempo para reclamar”, engade o presidente do Craega.

“O obxectivo é que os produtores ou operadores inscritos no Craega teñan realmente actividade e se comprometan coa certificación como mellor garantía para o consumidor, así como apostar pola profesionalización, evitando fraudes con certificación de palabra dos produtos ecolóxicos”, conclúe José Antonio Fernández.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada