Carne

Denuncian que os produtores de porcino están perdendo diñeiro e paralizando investimentos

O presidente de Fegapor, José Antonio Vidal, denuncia que en porco cebado os produtores están perdendo entre 3 e 5 euros e nos leitóns ata 15. Asegura que a crise de prezos está provocando a reconversión das granxas de ciclo pechado cara prazas de cebo e a desaparición dos produtores independentes.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
26/10/2015 1:25 a.m.

O presidente da Federación Galega de Porcino (Fegapor), José Antonio Vidal, cualifica a situación económica do sector de “desastrosa” debido a uns prezos anormalmente baixos que están a provocar a paralización dos investimentos previstos e o peche ou reconversión das pequenas explotacións.

“No cebo que se manda a matadoiro estamos rozando o límite de custos ou perdendo entre tres e cinco euros por porco. E no leitón é un desastre: cústanos facer un leitón de 20 quilogramos en torno a 45 euros e estámolos vendendo a entre 30 e 32 €”, explica en declaracións a Campo Galego.

Vidal cualifica a situación de “atípica, pois o leitón sole empezar a recuperar en outubro, porque agora estamos facendo a carne de febreiro, que é cando o prezo do porco cebado xa debería subir”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

En canto ás medidas de almacenamento privado postas en marcha este verán pola Comisión Europea para deter a caída de prezos, o presidente de Fegapor considera que “non deron resultado e só serviron para tirar para abaixo dos prezos cando había unha leve recuperación”.

“O prezo do leitón é anormalmente baixo”

Vidal considera que o problema de fondo “é o veto ruso ás exportacións de porcino da UE, que serviu para fortalecer aos produtores de porcino de Brasil e de Estados Unidos, e na Unión Europea non somos capaces de consumidor todo o porcino que se produce”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Neste sentido, sitúa a baixada de prezos da carne de porcino en España das últimas semanas “nun intento de equipararse cos prezos do porcino en Alemaña e aumentar as exportacións”.

Reconversión do sector porcino en Galicia

A situación de baixos prezos e a incerteza en canto á súa recuperación están a provocar, segundo o presidente de Fegapor, a paralización dos investimentos previstos en Galicia en ampliación ou na modernización de granxas e unha reconversión do sector.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Así, “dende hai seis meses houbo un cambio total: os proxectos de ampliación e de investimentos están paralizados, e dez explotacións de volume importante, con ata 700 nais, xa pecharon para reconvertelas a prazas de cebadeiros e integrarse con outra empresa porque a nivel individual é insostible”, explica José Antonio Vidal.

 “As granxas de ciclo pechado estanse reconvertendo en prazas de cebadeiro”

A reconversión vese favorecida porque Galicia é demandante de prazas de cebo e os grandes integradores aproveitan para utilizar as pequenas explotacións como destino dos leitóns que producen.

“Antes a maioría dos granxeiros tiñamos un mercado aberto con varias opcións de venda (salas de despece, mercado de tratantes, matadoiros...etc), pero todo iso hoxe vai desaparecendo e coa crise vemos como cada vez quedamos menos produtores e case todos integrados porque de xeito individual é case imposible sobrevivir”, conclúe Vidal.

En Galicia as grandes intregradoras que operan no sector porcino son Nudesa, Coren, Nutripor, Nucamsa, General Ganadera Gallega e General Ganadera del Norte. Na comunidade hai preto de 1.000 produtores en ciclo pechado e entorno a 2.500 cebadeiros de porcino.

[caption id="attachment_17485" align="aligncenter" width="550"] Fonte: 3tres3[/caption]

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada