Desenvolvemento rural

Denuncian o “caos administrativo” no Fogga polas dimisións e a falta de persoal

Unións Agrarias denuncia os atrasos nos pagos das axudas pola falta de persoal e o “caos administrativo” no Fogga. Alerta de que “resulta moi preocupante ao coincidir coa tramitación da campaña da PAC”

28/02/2017 12:43 p.m.

O sindicato Unións Agrarias denuncia os retrasos na tramitación das axudas da Pac pola situación que denuncia de “falta de persoal e caos administrativo que se ten instalado desde hai meses na unidade de xestión do Fogga”, dependente da Consellería de Medio Rural.

“Tal como ten sabido o sindicato, a través dos propios traballadores do departamento, os traslados nos postos de traballo e a falta de cobertura das baixas van traer consigo que os produtores reciban tarde e mal os fondos comunitarios que teñen solicitado”, advirten dende a organización agraria.

E é que nas últimas semanas sucedéronse as dimisións dentro do Fogga, empezando polo seu subdirector, José Ángel Burgo, ante o que consideran falta de apoio e de medios por parte da Consellería.

Neste sentido, desde Unións denuncian que “non se entende que en plena campaña da Pac a Consellería non consiga poñer orde nos equipos de tramitación para evitar atrasos, cando moitas explotacións galegas están en perdas, polo que a entrada de fondos derivados da Pac resultan imprescindibles para afrontar minimamente os pagos”.

E é que explotacións gandeiras de Galicia tiveron acumularon atrasos en recibir as axudas da Pac correspondentes ao ano 2015, e nalgúns casos aínda perduran os impagos das anualidades tanto do 2015 como do 2016, segundo advirte o sindicato agrario.

Etiquetado
Ir a la portada