Desenvolvemento rural

Denegadas máis da metade das axudas para agricultura ecolóxica en Galicia

A Consellería do Medio Rural publica o listado de solicitudes de subvención concedidas e rexeitadas en agroambientais, eco e razas autóctonas. A insuficiente dotación de fondos deixa fóra dos apoios a máis do 80% das granxas e produtores que iniciaran a conversión a ecolóxico

Campo Galego 09/01/2023 3:20 p.m.

O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) vén de facer público o listado de subvencións aprobadas e denegadas nas categorías de agroambientais, ecolóxico e razas autóctonas. A resolución do Fogga confirma o que xa se temía o sector. A insuficiente dotación de fondos para as axudas de agricultura ecolóxica deixa fóra dos apoios a un 55% das explotacións solicitantes. Por tanto, 318 dos 579 produtores que solicitaran as axudas quedan fóra.

A falta de fondos afecta tanto a explotacións que xa levaban anos traballando en ecolóxico como a produtores en conversión, pero nestes últimos a porcentaxe de denegacións é moi superior. Un 83% dos que solicitaron a subvención para conversión a gandería ecolóxica vírona denegada (123 de 150 solicitudes), en tanto que na conversión a agricultura ecolóxica a porcentaxe de rexeitamento sobe ao 86% (29 de 34 solicitudes), segundo os datos que manexa o sector.

En mantemento de axudas de agricultura ecolóxica, a porcentaxe de denegación é dun 61%, en tanto que o apoio para o mantemento de gandería ecolóxica tivo unha taxa de rexeitamento do 39%.

Se se comparan estes datos cos de axudas denegadas para razas autóctonas ou agroambientais, tómase conta da dimensión do agravio. En razas autóctonas, quedaron fóra un 9% dos solicitantes, unha porcentaxe que sobe ó 17% en agroambientais. Desde o sector interpretan que as denegacións nestas dúas liñas poden considerarse ‘normais’, por incumprimentos que pode haber en parte das solicitudes ou por unha puntual falta de fondos.

Distinto é o caso das axudas de ecolóxico, onde un 55% dos solicitantes quédase sen apoios pola insuficiente dotación de fondos da Consellería para esta liña, do que xa se viña avisando as últimas semanas.

Ante a falta de fondos, os cartos distribuíronse atendendo ós criterios de priorización que figuraban na convocatoria, que puntuaba máis ás explotacións en zona de montaña e Rede Natura, así como as de maior dimensión e que non tiveran pastos arbustivos. Dáse o caso de explotacións do mesmo concello no que unha parte recibe os apoios e outra non, por factores como ter menos hectáreas ou presentar pastos arbustivos na superficie que aproveitan, “algo que en todo caso se debería premiar polo labor ambiental que fai o gando”, lamentan os afectados.

Valoracións do sector
Desde a Plataforma de produtores de agricultura ecolóxica, creada en decembro para afrontar esta crise de apoios públicos, consideran a resolución da Consellería do Medio Rural como “un desprecio para o sector da agricultura ecolóxica”. “É o último golpe que lle faltaba ó sector. A Consellería estivo promomionando estes últimos anos o paso das explotacións a ecolóxico e agora atopámonos con que máis do 80% dos produtores que están en conversión quedan sen apoio. Parécenos unha falta de respeto e un desprecio”, resume Xabier Fernández, un dos produtores da plataforma.

A Plataforma de produtores de agricultura ecolóxica baralla accións xudiciais contra a resolución de Medio Rural

Ante esta situación, a Plataforma ten previsto solicitar reunións cos tres grupos parlamentarios, así como co conselleiro do Medio Rural e co presidente da Xunta, Alfonso Rueda. En último termo, barallan tamén recurrir á vía legal para interpoñer unha acción xudicial conxunta.

Tanto organizacións agrarias como produtores viñan demandando nas últimas semanas que a Consellería do Medio Rural aportara máis fondos propios para paliar a insuficiente dotación das axudas de ecolóxico, pero finalmente a Consellería decidiu non facelo.

No sector, de tódolos xeitos, non se tira a toalla e sinálase que Medio Rural está aínda a tempo de rectificar. Lémbrase como no 2020, antes das eleccións autonómicas, a Consellería de Medio Ambiente aprobara de xeito imprevisto un importante volume de axudas para prevención de danos do lobo que previamente denegara, no 2019, por falta de fondos.

Etiquetado
Ir a la portada