Noticias de empresa

Dekalb presenta en Arzúa as súas próximas novidades en cultivo de millo

20/09/2019 7:41 p.m.

Dekalb e Bayer presentaron esta mañá en Burres (Arzúa) as súas próximas novidades tanto en sementes como en herbicidas para o cultivo do millo.

A xornada, organizada pola tenda agraria Botica do Campo, desenvolveuse nunha finca de ensaio na aldea de Burres, sementada o 2 de maio e na que se ensaiaron 16 variedades de millo de Dekalb, dende os ciclos 400 aos 600, e seis delas foron variedades experimentais.

O evento congregou a preto de 100 gandeiros procedentes principalmente das comarcas de Arzúa, Melide e Santiago. Por parte de Dekalb, firma pertencente a Monsanto, e que á súa vez foi adquirida o pasado ano pola multinacional alemá Bayer, interviron Marcial Costoya, xerente para a Cornixa Cantábrica, Galicia e León; Pablo Amado, asesor agronómico para a zona centro da provincia da Coruña, e Marcos García, tamén asesor agrónomo de Dekalb. Por parte de Bayer, a charla foi impartida por Montserrat Vázquez, delegada para Galicia e Asturias.

Acceleron: Sementes con bioestimulantes para absorver mellor a auga e os nutrientes

Como principal novidade para o próximo ano, os responsables de Dekalb presentaron Acceleron, a nova xeración de sementes que permiten unha mellor adaptación dos cultivos ao cambio climático, permitindo lograr colleitas máis uniformes e con maiores rendementos de materia seca.

Para iso, as sementes de millo están recubertas cun funxicida protector, cunha lámina que favorece o seu deslizamento na sementadora e por tanto sementeiras máis regulares, e cun bioestimulante que impulsa o desenvolvemento de micorrizas nas raíces do millo, co que se logra incrementar a capacidade de aborción de nutrientes e de auga por parte da planta, algo moi importante para o cultivo en secaño.

Por último, explicouse o novo sistema de Dekalb para o seguimiento por satélite da evolución do cultivo en cada parcela, o FieldView, de uso gratuíto, e Montserrat Vázquez fixo un repaso polos herbicidas para millo cos que conta Bayer e cales son as recomendacións para cada un deles.

Etiquetado
Ir a la portada