Desenvolvemento rural

Debate sobre as balsas de lodos de Sobrado no Parlamento

Medio Ambiente recoñece que as condicións de almacenamento poden “plantexar reservas”, pero nega impacto ambiental negativo. “Hai verquidos pero non residuos, xa que son fertilizantes”, argumenta

Campo Galego 24/01/2020 8:20 p.m.

[caption id="attachment_109318" align="alignright" width="320"] Balsa de lodos en Sobrado. / Arquivo.[/caption]

As balsas de lodos de depuradora que existen en montes do concello de Sobrado dos Monxes (A Coruña) protagonizaron un dos puntos abordados hoxe na comisión de Agricultura do Parlamento. Levou o tema de novo á Camara galega o deputado do Bng Xosé Luis Rivas ‘Mini’, quen pediu explicacións polo acopio de lodos de depuradora e soros lácteos dunha industria en cinco balsas do municipio.

O deputado nacionalista lembrou que ata o pasado mes de agosto as balsas eran sete, “pero a noite antes dunha inspección de Medio Ambiente, trasladáronse os lodos de dúas das balsas e tapáronse”, sinala ‘Mini’. “Son balsas que coas chuvias sobardaron en moitas ocasións e verqueron os lodos polo monte abaixo”, expuxo.

Ao respecto das balsas, a directora xeral de Calidade Ambiental, Mari Cruz Ferreira Costa, sinalou que tralas investigacións ‘in situ’ da Consellería, concluíuse que non existen problemas asociados ó almacenamento de lodos en balsas sen impermeabilizar no monte. “É certo que as condicións de almacenamento poden plantexar reservas, pero non constatamos un impacto ambiental negativo”, sostivo. “Hai un verquido, pero non residuos, xa que eses lodos de depuradora son un produto fertilizante que procede dunha empresa que os tratou, cuestión que está acreditada pola correspondente documentación”, argumentou.

Por parte do Bloque, rexeitáronse esas consideracións e advertiuse de que se comprobara a fermentación dos lodos nas balsas. “Falamos de lodos en fermentación, non dun fertilizante estabilizado” -valorou ‘Mini’-. “Son lodos que se filtran e escorregan polo monte abaixo. Vostedes están sendo cómplices dun delito ambiental”, concluíu.

Etiquetado
Ir a la portada