Leite

Dairylac pecha preacordos para a exportación do soro en po da súa torre de secado

A industria láctea galega, participada maioritariamente pola cooperativa Aira, ultima contratos a longo prazo con compradores europeos e asiáticos para gran parte da súa produción. Experimenta crecementos superiores ó 35% na venda de leite fresco e queixos

Loading ad.
Ad could not be loaded.
G.B. 20/05/2019 3:06 p.m.

A posta en marcha da torre de secado de soro e leite de Dairylac está a atopar unha acollida no mercado mellor da agardada. A industria láctea con base en Melide, participada maioritariamente pola cooperativa Aira, está a asinar preacordos con compañías europeas e asiáticas para a comercialización da maior parte da súa produción de soro en po. O obxectivo de Dairylac é pechar contratos a longo prazo a bo prezo que lle garantan unha estabilidade de vendas, combinando eses contratos coa dispoñibilidade de produto no mercado para compradores puntuais.

O director xeral de Dairylac, Iago Quintana, destaca que “a demanda é mellor da agardada, sobre todo en Europa, un mercado no que a priori pensabamos que tiñamos menores oportunidades. Sabiamos que o mercado do soro en po medra a dobres díxitos cada ano, pero non esperabamos xerar un interese tan alto entre os potenciais clientes, pois somos unha empresa nova”, valora.

A compañía china Yeeper, que mercou recentemente Euroserum, está interesada en acadar acordos de suministro con Dairylac

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Consultado Quintana sobre posibles acordos de suministro coa compañía china Yeeper, que mercou recentemente a industria láctea francesa Euroserum, cunha factoría en Monforte, o director xeral de Dairylac recoñece que hai interese de Yeeper. “É unha industria que elabora produtos de nutrición infantil, para o que precisa ingredientes como os que nós ofrecemos, e as posibilidades de colaboración son boas. Coñecen o produto que traballamos, temos unha boa relación con eles e estamos en contacto”, conclúe.

Dairylac enfoca principalmente a súa torre de secado á elaboración de soros desmineralizados como o D70 ou o D90, moi valorados na nutrición infantil polo seu alto contido en proteínas e a súa dixestibilidade. O obxectivo de produción de soro en po sitúase en arredor de 6.000 toneladas ó ano. “É un produto complexo, non se trata dunha commodity do mercado internacional, senón que os potenciais clientes necesitan probar o produto para valorar cuestións coma o tamaño das partículas e o seu comportamento en mesturas”, explica Iago Quintana.

A torre de secado de Dairylac, que comezou o seu funcionamento nos últimos meses, estará previsiblemente en pleno rendemento a inicios do verán. Será entón cando se iniciará unha liña de comercialización constante, tanto de soro como de leite en po, que tamén se está a elaborar na planta.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Leite pasteurizado, queixos e manteiga
De xeito paralelo á posta en marcha da torre de secado, Dairylac continúa potenciando a comercialización de liñas de produto final orientadas a supermercados e hostelería. O seu leite pasteurizado, producido na planta de Melide e comercializado baixo a marca Deleitar, extendeu recentemente a súa comercialización a 300 tendas Carrefour de toda España.

No que vai de exercicio, o leite pasteurizado aumentou as súas vendas un 40% en relación ó pasado exercicio en tanto que os queixos Arzúa – Ulloa e Tetilla, comercializados polo de agora baixo a marca Tres Viajeros, aumentaron un 35%. “No leite fresco, sabiamos do seu potencial de crecemento, tanto en Galicia como no resto de España. En canto ós queixos, faltábanos coñecemento do consumidor, tempo de implementación e presenza no liñal”, opina sobre a mellora das vendas Iago Quintana.

A oferta da industria galega inclúe ademais nata e manteiga clarificada, un produto este último do que teñen “máis demanda que oferta” e que, entre outras cadeas, pódese atopar nos Mercadona.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada