Leite

“Dairylac dános ós gandeiros un futuro que antes non tiñamos”

O presidente da cooperativa Codeira, Iván García, analiza os movementos que están a dar os produtores para implicarse na industrialización do seu leite. “O ideal sería que todo o cooperativismo galego se unise nun mesmo proxecto”, valora.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
G.B. 21/10/2016 5:38 p.m.

A cooperativa Codeira (Portomarín, Lugo) incorporouse hai un ano ó proxecto de Dairylac coa idea de buscar un futuro mellor para os seus socios. Integran a cooperativa unha trintena de explotacións da zona centro de Lugo, todas elas granxas con vocación de continuidade e cunha produción media que ronda os 375.000 quilos ó ano. Falamos co presidente de Codeira, Iván García, para coñecer a súa valoración sobre Dairylac.

O proxecto de Dairylac, no que participa tamén a cooperativa Icos (Chantada, Lugo), arrancou hai un ano na planta que xa ten en marcha a sociedade en Melide, na que está a elaborar unha gama de produtos orientada á hostelería e repostería (manteca, nata, leite pasteurizado, etc.). Estes días, Dairylac emprendeu a construción dunha torre de secado de leite e soro, e aspira tamén a introducirse en breve na elaboración de queixos para o mercado estatal e para exportación.

"Ás industrias lácteas non lles interesa o cooperativismo. Xogan a divide e vencerás"

Loading ad.
Ad could not be loaded.

- Levades un ano en Dairylac, pódese dicir xa que as cousas cambiaron para mellor na cooperativa ou aínda é cedo para facer unha valoración?
- Se non aparecese o proxecto de Dairylac, o futuro da cooperativa era complicado, así de claro. En Codeira, somos primeiros compradores de leite e antes de entrar en Dairylac, viñamos vendéndolle o leite dos socios ás industrias, pero desde hai un par de anos estaban pagándonos prezos moi baixos.

A industria coa que traballabamos chegou a ofrecerlle por fóra a socios nosos ata 5 céntimos máis por litro do que nos pagaba a nós polo leite posto en fábrica. Ultimamente, na primavera e verán do ano pasado, xa non tiñamos onde colocar o leite a prezos razoables. Tiñamos ofertas a 15 céntimos, algunha ademais de dubidoso pago.

[caption id="attachment_35074" align="alignright" width="229"] Iván García, presidente de Codeira.[/caption]

Loading ad.
Ad could not be loaded.

- Cres que en momentos de crise, hai unha estratexia das industrias para penalizar ás cooperativas primeiro compradoras de leite?
- A nós desde logo estábannos machacando. Desde as industrias traballan coa idea de divide e vencerás. Hai unha estratexia para desmontar o cooperativismo porque non lles interesa.

- Entón a decisión de unirse a Dairylac foi fácil.
- Cando xurdiu o proxecto de Dairylac, tivemos reunións coa Consellería, coa cooperativa Icos e coa dirección de Dairylac e démonos de conta de que era un proxecto serio. Miramos ben os números e vimos tamén que o presidente da compañía, o xerente e o encargado de planta son profesionais reputados e independentes, que era algo importante para nós, logo da experiencia que tivemos en Alimentos Lácteos.

"Miramos ben os números do proxecto e tamén valoramos que os directivos da compañía fosen profesionais reputados e independentes"

Loading ad.
Ad could not be loaded.

- Tras o fracaso de Alimentos Lácteos, non estaban os socios da cooperativa reticentes a entrar noutro proxecto industrial?
- Ó contrario. As malas experiencias danche a posibilidade de correxir. Tivemos unha asemblea na que se explicou ben o proxecto e as cifras. Dairylac sáese do que viña sendo o tradicional en Galicia, a liña de envasado de leite, que é un mercado en retroceso e dominado nos supermercados polos briks a baixos prezos. A idea de Dairylac é apostar por novos productos, copiar a estratexia das grandes cooperativas de Holanda ou Dinamarca. Logo de coñecer o proxecto, o apoio dos socios foi total e unánime.

- Esta primavera, a outra cooperativa que participa en Dairylac, Icos, pasou unha situación de prezos do leite complicada. En tanto Dairylac non industrialice maiores volumes, a cuestión do prezo do leite segue a ser un problema?
- En Dairylac faltan partes clave por acometer, pero aínda así, en Codeira podemos dicir que xa estamos cobrando prezos superiores ós que se pagan ó redor. Agora mesmo estamos vendéndolle a Dairylac e a unha queixería, e as explotacións están cobrando unha media de 27 céntimos máis calidades máis Ive, coa perspectiva de ir subindo tódolos meses ata os 29 céntimos. No intre en que sobe o mercado, Dairylac non se queda cos cartos. Trasládanos os beneficios. Non é como outras industrias, que envían as súas plusvalías fóra.

"No intre en que sobe o mercado, Dairylac non se queda cos cartos. Trasládanos os beneficios, non envía as plusvalías para fóra"

- Cres que o camiño do cooperativismo galego pasa por implicarse máis na industrialización do leite?
- É algo básico. Para nós, o máis importante de estar en Dairylac é a posibilidade de medrar. Dános un futuro e unha estabilidade que antes non tiñamos. Se vendes o leite en cisternas sen transformar, estás suxeito ós vaivéns do mercado e en ciclos de crise podes ter problemas para colocar a produción. En Dairylac iso non vai pasar.

O beneficio que esperamos do proxecto é dobre. Por un lado, a empresa aposta por lograr maiores marxes de beneficio para o leite e por repartir esas gañancias cos gandeiros. Por outro lado, nós como cooperativa temos unha participación en Dairylac e beneficiarémonos dos futuros retornos da industria. Tamén estamos estudiando que os nosos socios poidan aportar capital directamente a Dairylac coa mesma idea, que obteñan rendas a partir dos beneficios da compañía.

"Estamos valorando que os socios poidan aportar capital directamente ó proxecto, de xeito que obteñan rendas a partir dos beneficios da compañía"

- Cres que sería de interese que o proxecto de integración no que traballan Feiraco, Os Irmandiños, Melisanto e Xallas se implicara en Dairylac?
- Feiraco, Os Irmandiños, Xallas e Melisanto teñen as portas abertas. Se puideramos estar todas as cooperativas galegas nun mesmo proxecto, dun ou doutro xeito, sería perfecto. En calquera caso, o proxecto de integración destas catro cooperativas véxoo complementario e por que non colaborar máis adiante.

Unha das cousas que nos gusta do noso proxecto é que está aberto a todas as cooperativas, sen que se fixara unha aportación mínima de participación. Hai cooperativas que xa están colaborando con Dairylac, entregando o leite e con perspectivas de asociarse no futuro.

"Quizais o cooperativismo non tivese ata agora boa prensa a nivel do agro por estar mal enfocado"

Quizais o cooperativismo non tivese ata agora boa prensa a nivel do agro por unha cuestión de enfoque. As cooperativas, máis que funcionar como colocadoras do leite, temos que orientarnos a vender o produto dos socios ó maior prezo posible e a ofertar insumos ó menor custo. Dentro diso, a cooperativa tamén ten que ter beneficios para poder executar proxectos ou para contar con reservas se veñen mal dadas.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada