Forestal

Cursos sobre xestión de comunidades de montes en Caldas de Reis e Pazos de Borbén

Campo Galego 03/09/2020 4:09 p.m.

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) está a desenvolver este segundo semestre do ano un amplo programa formativo dirixido a mellorar o manexo silvícola do monte. O próximo curso, que abordará a xestión das xuntas reitoras de comunidades de montes, desenvolverase no centro social de Saiar (Caldas de Reis) este venres 4 de setembro, en horario de tarde. Para o sábado 5, está previsto outro curso no centro cultural de Pazos de Borbén.

O obxectivo do curso sobre xestión de xuntas reitoras é revisar os aspectos básicos de cara a mellorar o funcionamento das comunidades. A acción formativa aborda as seguintes cuestións, entre outras: organización e administración da comunidade, lexislación aplicable, planificación da xestións dos recursos do monte e réxime fiscal ó que están sometidas as comunidades de montes.

De cara a garantir a correcta prevención de riscos, todas as persoas asistentes deberán levar mascarilla en todo momento. Haberá ademais xel hidroalcohólico a disposición das persoas asistentes e procurarase no posible manter axeitadas distancias de seguridade.

Os cursos, que contan co apoio de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, son gratuitos, pero é precisa a inscripción previa, ben a través do enderezo electrónico afg (arroba) asociacionforestal.org, ben a través dos teléfonos 986 660 864, 981 564 011 ou 618 752 214.

Etiquetado
Ir a la portada