Agroalimentación

Cursos sobre etiquetado e envoltorio de produtos agroalimentarios

13/10/2021 12:20 p.m.

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto celebrar no Pazo de Quián, no lugar de Sergude (Boqueixón), tres cursos sobre a visión estratéxica no etiquetado e no envoltorio de produtos agroalimentarios. Os cursos celebraranse os venres en horario de tarde (16:00 a 20:30 horas) e os sábados (9:00 a 20:30 horas).

O primeiro curso celebrarase os días 15, 16, 22 e 23 de outubro. A segunda convocatoria será os días 5, 6, 12 e 13 de novembro; mentres que a última entrega será os días 19, 20, 26 e 27 de novembro.

O obxectivo principal destes cursos é analizar as claves para aumentar o valor do produtos dende a visión estratéxica do etiquetado e do envoltorio do propio produto agroalimentario. Neste senso, trataranse temas como os tipos de impresión, tendencias e custos; ademais de impartir coñecementos sobre o etiquetado, acabados, cuños e as diversas posibilidades de impresión. Durante as catro sesións que conforman cada un destes cursos, tamén se abordará o uso do vidro e da madeira, as posibilidades creativas e solucións de exportación e o peso que teñen os selos de calidade na difusión e promoción dos produtos.

Esta acción de transferencia está dirixida a gandeiros e agricultores titulares de explotacións, a mozos e mozas que desexen incorporarse a ditas actividades, a traballadores agrarios, a técnicos relacionados co sector e a estudantes da rama agraria.

Todos os interesados en acudir poden solicitalo enviando un correo electrónico ao enderezo maria.j.gonzalez.gonzalez@xunta.gal, tras cubrir a solicitude que poden descargar nesta ligazón . Se precisan solicitar calquera información adicional, poden chamar ao teléfono 981 54 02 62.

Etiquetado
Ir a la portada