Forestal

Curso sobre a xestión integral dos piñeiros

Campo Galego 05/08/2021 10:37 a.m.

O Distrito forestal IX Lugo-Sarria impulsa un curso formativo teórico-práctico sobre a “Xestión integral dos piñeiros”. A formación impartirase do 24 de setembro ó 23 de outubro no centro de interpretación do río Rato, en Lugo.

No curso abordaranse cuestións como a situación do sector forestal galego, o aproveitamento madeireiro e as prácticas silvícolas a levar a cabo nos piñeirais. Ademais trataranse outros aproveitamentos complementarios á madeira, como a resina, os cogomelos ou o gando.

O curso ten unha duración de 40 horas que levarase a cabo en 9 sesións en quenda de mañá ou de tarde, de 10.00 a 14.00 horas ou de 15.00 a 19.00 horas. En concreto combinaranse sesións teóricas e prácticas para ir afondando en técnicas como a extracción da resina ou o manexo de peches perimetrais para o gando ou a carga gandeira que soporta un piñeiral para conseguir un equilibrio entre as dúas actividades.

A formación está destinada a persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal- madeira, ou con expectativas de incorporación e en especial para a mocidade do medio rural galego. O curso conta con prazas limitadas polo que as persoas interesadas deben formalizar a súa reserva enviando un email a xbruna@xunta.gal ou informacion@foresin.es ou chamando ós teléfonos 982 828 622 ou 680 208 320.

A acción está aprobada dentro do plan de transferencia ao agro galego 2021 e conta coa colaboración das seguintes entidades: Agacal, Foresin, Deputación provincial de Lugo e Reserva da Biosfera Terras do Miño.

-Descarga aquí o modelo de solicitude para a prescrición. 

 

Etiquetado
Ir a la portada