Apicultura

Curso sobre reprodución apícola e cria de raíñas en Becerreá

06/08/2021 11:01 a.m.

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso sobre reprodución apícola e cría de raíñas. A acción formativa ten previsto desenvolverse dende o vindeiro xoves 12 ata o 24 de agosto no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Becerreá en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Ao longo de 25 horas, a programación combinará clases teóricas e prácticas. A parte teórica centrarase en temas como o ciclo de vida das abellas, a identificación dos distintos estados larvarios, os sistemas de división de colmeas e de cría, a selección, o traslarve ou os métodos de introdución de raíñas e a súa marcaxe. Pola outra banda, na parte práctica, que ocupa a maior parte das horas -unhas 15-, aplicaranse os coñecementos previamente adquiridos.

Con esta programación, o obxectivo deste curso é fomentar a transferencia de coñecementos e innovación no sector apícola e garantir a xestión sustentable dos recursos naturais, ademais de impulsar o desenvolvemento de pequenas explotacións que poidan ser viables economicamente.

Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico mercedes.fra.perez@xunta.es. Tamén poden chamar ao número 982 828 370 para máis información.

Etiquetado
Ir a la portada