Apicultura

Curso sobre reciclaxe da cera de abella

26/10/2021 8:57 p.m.

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto celebrar o vindeiro martes 2 e mércores 3 de novembro un curso de reciclaxe da cera da abella. A xornada, que será en horario de mañá (de 9:00 a 14:00 horas) terá lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Becerreá.

O obxectivo desta xornada é fomentar a competitividade e a eficiencia dos recursos apícolas, contribuíndo ao mesmo tempo á sustentabilidade da economía rural. Neste senso, foméntase a transferencia de coñecementos e de innovación neste sector, concretamente nos distintos usos da cera. Así, o curso versará sobre os tipos e calidades de cera, a preparación e o fundido. Tamén se abordarán os distintos tipos de laminación e estampación, así como os residuos que poida ter este produto natural.

A acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Para inscribirse pódese descargar a solicitude nesta ligazón e remitila cuberta ao enderezo electrónico mercedes.fra.perez@xunta.es. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 982 828 370.

Etiquetado
Ir a la portada