Curso para aprender a facer peches de parcelas con estacas de castiñeiro

Comezará este venres 12 de novembro na Casa Quindós, situada no lugar de Vilela, en Navia de Suarna, onde se está a impulsar un proxecto de recuperación da aldea en base ao pastoreo con gando cabrún

Campo Galego 10/11/2021 11:27 a.m.

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar esta semana en Navia de Suarna un curso sobre peches en parcelas agrícolas e forestais con subprodutos que xeran os castiñeiros. A iniciativa está programada entre o venres 12 de novembro e o domingo 14 na Casa Quindós (Vilela), en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 15:00 a 19:00 horas, cun total de 16 horas lectivas.

Dito curso, que estará impartido polo Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, afondará no deseño, execución, mantemento e conservación de peches en parcelas agrícolas e forestais, aproveitando o material vexetal resultado das podas de castiñeiro e transformándoos en estacas para realizar un aproveitamento integral de todos os subprodutos que xera esta especie forestal.

Así, ao longo destes tres días de formación, analizarase a corta e preparación de troncos para os postes verticais dos peches, o desbastado da cortiza e o cepillado para a obtención dunha cara plana. Tamén se abordará a elaboración de encaixes, a preparación dos paus de peche horizontais e a súa instalación para unha boa construción de pequenas cancelas.

No seguinte enlace pode atoparse o formulario de inscrición para as persoas interesadas en participar no curso, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico cfea.guisamo@edu.xunta.es e consultar calquera dúbida no teléfono o 881881055.

Ir a la portada