Desenvolvemento rural

Curso online sobre as claves para iniciar un negocio

Campo Galego 02/10/2020 7:54 p.m.

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) imparte un obradoiro online sobre claves para iniciar un negocio. A formación é gratuíta e comezará o vindeiro martes 6 de outubro.

O curso titulado “A fórmula cooperativa como empresa: autoemprego cooperativo” abordará os conceptos necesarios para emprender. A iniciativa formativa prolongarase durante cinco sesións nas que se tratarán temas como a comercialización e márketing, habilidades directivas, conceptos empresariais básicos, regulamento de cooperativas e a cooperativa como empresa.

A formación será os días 6, 8, 13, 15 e 20 de outubro en horario de 16.00 a 19.00 horas. Esta proposta está orientada a persoas que busquen emprender e procura dar visibilidade ás posibilidades da economía social e o cooperativismos para xerar emprego estable.

As persoas interesadas poderán formalizar a inscrición a través do teléfono 981 584 783 ou na web de Agaca.

O curso enmárcase na programación 2020 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social, que conta con financiamento do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade.

-Consulta aquí o programa detallado do curso.

Etiquetado
Ir a la portada