Madeira

Curso formativo para o manexo de procesadoras e autocargadores

Fearmaga organiza estas accións, que comezaron esta semana na provincia de Ourense e estenderase nas próximas semanas a Pontevedra e A Coruña. Un total de 33 profesionais do sector participarán nestas sesións prácticas ata finais do mes de abril

Campo Galego 12/03/2022 12:05 a.m.

A Federación Empresarial de Aserradeiros e Rematantes de Madeiras de Galicia, Fearmaga, comezou a impartir o curso ‘Manexo e mantemento de procesadoras e autocargadores forestais’ dirixido a profesionais en activo do sector forestal. Esta acción formativa conta con tres sesións de 20 horas de duración e estenderase polas provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña ata finais de abril.

Un total de 33 participantes coñecerán os distintos tipos de precesadoras e autocargadores, sistemas de programación, medición e corte, e prevención de riscos laborais. Tamén terán a oportunidade de coñecer os seus principios básicos de mantemento, así como revisións necesarias e avarías frecuentes. Esta iniciativa forma parte dun plan específico de formación de Fearmaga para “alcanzar unha maior profesionalización, produtividade e competitividade do sector forestal galego”, segundo afirman desde a federación.

O curso dirixido aos profesionais de Ourense divídese en dúas quendas, que se levarán a cabo en Laza e O Carballiño: o primeiro que comezou o pasado martes e se estenderá ata o venres 11 de marzo, e o segundo, celebrarase no mes de abril. Na provincia de Pontevedra desenvolverase de maneira intensiva entre o 14 e o 16 de marzo, coa participación de 10 traballadores de empresas de aproveitamento forestal. No curso de A Coruña está previsto que participen outros 10 traballadores por conta allea.

Etiquetado
Ir a la portada