Apicultura

Curso de sanidade apícola a vindeira semana en Monforte

Terá lugar o luns 15 de novembro e o xoves 18 e busca que os apicultores saiban como manter as súas colmeas nun axeitado estado sanitario para aumentar a produción e evitar a transmisión de enfermidades como a varroase

Campo Galego 11/11/2021 9:08 a.m.

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar a semana que vén no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos unha formación sobre sanidade apícola centrada no control integrado da varroase. Programada o luns 15 de novembro e o xoves 18, constará de oito horas lectivas, en horario de 16:00 a 20:00 horas.

O obxectivo é que os apicultores saiban como manter as súas colmeas nun axeitado estado sanitario para aumentar a produción e evitar a transmisión de enfermidades como a varroase. Nesa liña, abordaranse os distintos problemas sanitarios que poden afectar as abellas e os tratamentos dispoñibles tanto na apicultura convencional como na ecolóxica, mesmo con prácticas en laboratorio.

No seguinte enlace pódese descargar a solicitude de asistencia, que deberá remitirse cuberta ao enderezo electrónico ceca.monforte@edu.xunta.gal. As persoas interesadas en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 982889106.

Etiquetado
Ir a la portada