Axenda

Curso de resinado de piñeiros en Mondoñedo

O Concello de Mondoñedo organiza a actividade a partir deste venres 20 de abril. A actividade, que contará cunha parte práctica os sábados do mes de maio, diríxese a persoas mozas de 18 a 35 anos

Campo Galego 19/04/2018 11:02 a.m.

O resinado de piñeiros é unha actividade en recuperación en Galicia que representa unha oportunidade de emprego no ámbito forestal. As primeiras iniciativas de resinado están concentradas principalmente nas provincias de Pontevedra, Ourense e no sur da provincia de Coruña, pero tamén en Lugo hai posibilidades para este aproveitamento. O Concello de Mondoñedo, en colaboración coa Xunta, decidiu impulsar un curso para formar en técnicas de resinado a persoas mozas de 18 a 35 anos.

O curso de resinado de piñeiros comeza este venres 20 de abril e inclúe unha parte teórica e outra práctica. As clases teóricas desenvolveranse os días 20, 21, 22, 27 e 28 de abril no Centro Comarcal de Mondoñedo en horarios de mañá e tarde. O obxectivo é que as persoas participantes aprendan as bases do resinado, de cara a lograr a máxima produción e evitar danos na madeira.

A segunda parte do curso consistirá nunha parte práctica, que se desenvolverá os sábados do mes de maio en parcelas das comunidades de montes veciñais de Figueiras e de Estelo, ás que a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candía, lles agradeceu a súa colaboración.

As persoas interesadas en inscribirse no curso poden facelo ata hoxe, 19 de abril, a través da plataforma web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

[caption id="attachment_63796" align="aligncenter" width="660"] Presentación do curso de resinado de piñeiros en Mondoñedo.[/caption]

Etiquetado
Ir a la portada