Leite

Curso de podoloxía práctica en gando vacún a vindeira semana en Monforte

A formación desenvolverase entre os vindeiros 21 e 28 de setembro no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal da localidade e está dirixida a gandeiros en activo

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 18/09/2020 11:39 a.m.

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte acollerá entre os vindeiros 21 e 28 de setembro un curso de podoloxía práctica en vacún. Dirixida a gandeiros profesionais, a iniciativa está integrada no Plan de formación ao agro galego que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

A acción formativa, que se impartirá en horario de mañá e tarde, contará cunha duración total de 30 horas. Nese tempo, os asistentes coñecerán as particularidades do aparato locomotor da vaca, así como os problemas que poden padecer os pezuños e as súas solucións. Ademais, daráselles a coñecer o material que se emprega na podoloxía en vacún e mesmo poderán aprender a exercer en clases prácticas con animais. Por último, saberán como son os equipos de protección persoal e recibirán formación para previr accidentes, sen esquecer aspectos como a sensibilización medioambiental.

O curso está integrado no Plan de formación ao agro galego 2020, cuxo principal obxectivo é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que leva a cabo a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Polo tanto, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.

Máis información no teléfono do CFEA de Monforte: 982889103. Para poder asistir é necesario remitir cuberto o seguinte formulario de solicitude

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada