Forestal

Demostración de poda e rareo de carballo americano en Boqueixón

A Asociación Forestal de Galicia programou para este venres 10 de agosto unha sesión práctica nunha plantación orientada a madeira de alto valor. A actividade enmárcase na programación do Monte Demostrativo do Pico Sacro

Campo Galego 09/08/2018 10:09 a.m.

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) está a iniciar as actividades de formación do Monte Demostrativo do Pico Sacro, inaugurado a pasada primavera. O Monte Demostrativo, que se concebiu como unha escola de silvicultura para propietarios forestais e comunidades de montes, xa acolleu un curso de poda de castiñeiro e nogueira o pasado 30 de xullo e para este venres 10 de agosto, está prevista unha nova actividade ligada ó Monte Demostrativo.

En concreto, A AFG desenvolverá a partir das 17 horas do venres unha sesión práctica de demostración de rareo e de poda de calidade nunha plantación de carballo americano. Esta plantación, ubicada en Ponte Ledesma (Boqueixón), está orientada á produción de madeira de carballo americano de alto valor.

A demostración, de carácter gratuito, farase empregando ferramentas convencionais e eléctricas, e será comentada polo director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans.

Todas as persoas interesadas en asistir deberán poñerse en contacto previo coa oficina da Asociación Forestal de Galicia en Santiago, ben a través do teléfono 981 564 011, ben no correo electrónico afg (arroba) asociacionforestal.org

Monte Demostrativo do Pico Sacro
O proxecto do Monte Demostrativo do Pico Sacro, impulsado coa colaboración do grupo Inditex, ocupa 18 hectáreas de monte e superficie agraria en Boqueixón. A iniciativa ten como obxectivo combinar a produción de madeira de frondosas co aproveitamento de cogomelos e froitos do bosque, así coma con cultivos agrarios.

O Monte Demostrativo ubícase nunha zona de interfaz agrícola-forestal que destaca pola súa potencialidade produtiva. “En moitas zonas de Galicia marcadas polo peche de explotacións agrarias, a interfaz agrícola forestal está quedando abandonada e en poucos anos transfórmase en silveiras. Este proxecto demostra a posibilidade de que esas terras xeren valor para os propietarios”, explica o director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans.

Etiquetado
Ir a la portada