Forestal

Curso de poda de frondosas para producir madeira de alto valor

02/08/2019 12:50 p.m.

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) programou para o vindeiro 7 de agosto un curso práctico sobre poda de formación en frondosas caducifolias. A actividade, que se desenvolverá no Monte Demostrativo do Pico Sacro, busca promover unha correcta silvicultura nas plantacións de especies coma a nogueira, o castiñeiro ou o carballo.

O obradoiro será impartido polos enxeñeiros da Asociación Francisco Dans e Braulio Molina. Desenvolverase o mércores 7 de agosto, de acordo co seguinte programa:

17.30 h – Introdución aos principios e criterios técnicos da poda de formación. Centro de Interpretación do Pico Sacro.

18.15 h - Prácticas en plantacións de nogueira, castiñeiro e carballo con ferramentas manuais e eléctricas. Monte demostrativo do Pico Sacro.

Todas aquelas persoas interesadas en asistir deberán poñerse en contacto previo coa oficina da AFG en Santiago (teléfonos 981 564 011 e 618 752 214, correo electrónico: afg@asociacionforestal.org).

O obradoiro de poda, apoiado polo Grupo Inditex, continúa así a liña de traballo que vén desenvolvendo o Monte Demostrativo do Pico Sacro desde o verán pasado. Entre outras actividades, o Monte xa acolleu demostracións prácticas de plantación de frondosas, de poda de castiñeiro e nogueira, así coma un obradoiro de poda e rareo de carballo americano. Outra acción formativa foi o pasado outono unha demostración de recollida mecanizada de castaña.

Monte Demostrativo do Pico Sacro

O proxecto do Monte Demostrativo do Pico Sacro, impulsado coa colaboración do grupo Inditex, ocupa 18 hectáreas de monte e superficie agraria en Boqueixón. A iniciativa, posta en marcha na primavera do 2018, ten como obxectivo funcionar a modo de Escola de Silvicultura, combinando a produción de madeira de frondosas co aproveitamento de cogomelos e froitos do bosque, así coma con cultivos agrarios.

Etiquetado
Ir a la portada