Desenvolvemento rural

Curso de apoio en Mondoñedo para iniciar un negocio no medio rural

O programa busca dotar de coñecementos empresariais básicos a aquelas persoas que teñen ou queren iniciar un negocio relacionado co sector agrario, agroalimentario ou forestal

Campo Galego 19/11/2021 9:43 a.m.

EF Business School ofrece unha formación 100% gratuíta para as e os mozos emprendedores de Mondoñedo que teñen ou queren iniciar unha actividade relacionada co sector agrario, agroalimentario ou forestal.

A actividade, promovida pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e financiada a través do Programa de Desenvolvemento Emprendedor co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), busca ofrecer as ferramentas necesarias para que o proxecto empresarial destes mozos funcione.

Así, ensinarase ao alumnado para calcular o prezo do seu negocio, valorar os custos, a coñecer as distintas vías de financiamento ou aplicar técnicas de márketing, entre outras cuestións.

Ensinarase a valorar os distintos custos dun negocio e a calcular o prezo de venda dos produtos

A formación impartirase de luns a xoves no Concello de Mondoñedo de 10:00 a 13:00 horas. O programa dará inicio o luns 22 de novembro e finalizará o 22 de decembro.

En concreto, o programa consta de 12 módulos de 3 horas cada un baixo os seguintes epígrafes:
- Punto de partida e titorización de proxectos
- Modelos de negocio e titorización de proxectos
- Cadea de valor e titorización de proxectos
- Cálculo de custos
- Cálculo de prezo
- Márketing
- Transformación dixital
- Métodos de financiamento
- Axudas
- Lexislación mercantil
- Casos reais de modelos de negocio
- Presentación do proxecto final

Ir a la portada