Desenvolvemento rural

Curso básico de aplicador e manipulador de produtos fitosanitarios en Ribadeo

Campo Galego 21/07/2021 9:38 a.m.

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto celebrar dende o próximo luns 26 de xullo un curso básico de aplicador e manipulador de produtos fitosanitarios. A iniciativa realizarase no Centro de formación e experimentación agroforestal (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo, onde xa se levou a cabo outro curso sobre a materia estes días, ao igual que noutras localidades como Lugo ou Narón.

O curso terá unha duración de 27 horas repartidas en seis xornadas de tarde. A formación centrarase en que os agricultores consigan un coñecemento axeitado para realizar tratamentos fitosanitarios nas súas explotacións sen emprego de persoal auxiliar e, á súa vez, en capacitalos para obter o carné de aplicador de nivel básico necesario para exercer esta actividade a nivel autonómico e estatal.

Así, ao longo do curso non só se tratarán os distintos produtos fitosanitarios e os métodos de transporte, almacenamento, manipulación e aplicación, senón tamén os riscos derivados do seu uso tanto para o medio ambiente como para as persoas, xunto cos equipamentos e EPIs (Equipos de Protección Individual) axeitados para o seu emprego. Así mesmo, abordarán cuestións como as pragas dos cultivos e as técnicas apropiadas para o seu control, ademais de especificar produtos fitosanitarios ilegais.

A acción formativa está dirixida a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

Á marxe desta actividade, podes consultar aquí tódalas accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021.

Etiquetado
Ir a la portada