Apicultura

Curso básico de apicultura en Bueu esta fin de semana

23/04/2018 4:22 p.m.

A Asociación Galega de Apicultura pon en marcha na primavera un amplo programa de formación apícola, que inclúe xornadas e cursos por toda a xeografía galega.  O programa está estruturado en tres grandes bloques: cursos básicos, de especialización e formación nas delegacións comarcais.

Un dos cursos básicos terá lugar no concello pontevedrés de Bueu os días 28 e 29 de abril. Será un curso de 12 horas de duración, que incluirá unha parte teórica e prácticas en colmeas. Informarase sobre a importancia de coidar a saúde das abellas e técnicas para facer fronte ó ataque do tártago asiático (Vespa velutina), sen que se vexa prexudicada a supervivencia da colmea e a súa produción.

Falarase tamén sobre a apicultura como unha actividade multifuncional que aporta moitos beneficios, dende o seu valor medioambiental, a través do labor polinizador das abellas, ata a obtención dos seus saudables produtos. A produción da colmea pode dirixirse ó autoconsumo pero tamén pode ter un fin profesional e destinar os produtos á venta comercial.

O programa completo e información sobre as inscricións na web www.apiculturagalega.es, no email info@apiculturagalega.es ou no teléfono 981 508 142.

Ir a la portada